viernes, 9 de mayo de 2008

VARIAS DE MEDIO AMBIENTE `[23.02.2001]

Esta árbore é a última do planeta. Antre as súas ponlas conserva sementes, a esperanza dunha reconquista de Gaia. É un dibuxo do autor, que pensa que aínda é posible algún miragre de rexeneración, máis fácil se deixan que a Terra faga os deberes que non os políticos de turno, case sempre cantantes e culpables da degradación do planeta. Os "osos" árticos manifestáronse en Bali, ó longo do Cumio Medioambiental, porque se quedan sen "habitat" como consecuencia do quecemento global. (Foto de Público)

Pontevedra, 9.05.2008

Entrada n. 482 do blog.

Outro traballo do 2001, que non perdeu actualidade. A situación de escándalo que vive o país en relación coa xeneralización da corrupción, non é allea ó noso contorno. Faltan políticos que vaian á profesión pra serviren e vixia-lo comprimento da Lei. Que agora queira Lores magnifica-las culpas de Manuel Vázquez, o conselleiro de Medio Ambiente, non o exime a el, tamén culpable, polo incomprimento da Lei, polo menos dende que ten responsabilidade pública; que mesmo estivo ninguneando a acción pública que ó abeiro da Constitución e da Lei de Costas puxo en marcha Salvemos Pontevedra. Reitero: consultade en "meinteresalavida", blog da asociación.
-
VARIAS DE MEDIO AMBIENTE [23.02.2001]

por Xesús López Fernández
-
A fotografía mostra ó conselleiro de Medio Ambiente durante unha solta de alevíns de salmón no Lérez, momento que o home aproveita pra vende-lo seu discurso ambientalista do equilibrio co entorno que van coidar á hora de imprantar unha ducia de miniencoros que queren construir. Que se nos coloque o discurso de que “a obriga do noso goberno é velar polo medio ambiente” é algo que pode non ter valor algún se á hora da verdade resulta que non existen ou se falsean os preceptivos estudios de impacto ambiental como en tanto caso conocido. --¡Ai, Marín, Ai Sanxenxo, Ai Lourizán!--. Agradécese de tódo-los xeitos o discurso do home ou a novedade de que a Xunta está tentando recuperar zonas húmedas, noticia que a moitos de nós non nos motiva porque en Pontevedra son xa moitos os disparates cometidos, contra o medio ambiente, cando a sociedade tiña conocemento dabondo do que non se debía facer.

Refírome á desecación das nosas xunqueiras, unha desfeita máis nunha longa serie de agresiós como puido se-la ubicación en Lourizán da fábrica de celulosas, os recheos interminables no porto de Marín, o peirao deportivo de Sanxenxo, posiblemente o principal culpable no cambio das correntes mariñas que están acabando arestora con Silgar, que non se vai poder rexenerar, seguramente, con area da Costa da Vela nen do fondo da ría. ¿Pra qué?. ¿Pra que o mar a volva levare? ¡Qué mágoa que aquel famoso inventor do TBO, o profesor Franz de Copenhague, non os poida asesorar, porque el podería inventar un sistema tubular pra rexenera-lo areeiro! A area fina perdida habíase repoñer dándolle a algún botonciño que poría en marcha a succión de nova area de diversos viveiros. O sistema tubular faría o resto e todos tan contentos. Pero, tal como están as cousas, Silgar pode ter perdido o seu glamour e o turismo de excelencia. Difícil trago pra unha vila que deixou de ser mariñeira pra se volcar no turismo en torno a unha praia urbáa que se perde.

E acaban de se acender novas alarmas a escala global: Que si Groenlandia perde cada ano máis de 220 millós de metros cúbicos de xelo. O Ártico derrétese, a Antártida tamén, o Kilimanjaro, pai de tantos ríos, quédase sen neves perpetuas. A Antártida, contaminada con mercurio industrial. De qué vale o aviso da NASA, avalado por novecentos científicos interdisciplinares que din que hai que frea-lo proceso de quecemento global xerado polas industrias, xerado polo home. A súa presión nas zonas de costa é unha das moitas variables que se poden considerar. A nivel local, a Asociación de Praceres acaba de dá-la noticia de dous informes negativos en relación coa construcción do ferrocarril a Marín, que nen a presencia de ENCE en Lourizán xustifica porque a concesión prescribe no 2018, momento no que se podería pensar na praia urbá de Pontevedra. Todo é cousa de poñer sentido e vontade. Pero que Pontevedra poida acoller un evento mundial sobre oceanografía parece unha coña, cando coas obras da Beiramar se cargaron a casa solar de Sarmiento de Gamboa.

Unha reportaxe sobre Kamtchatka mostraba a sobida polos seus ríos de millós de salmós. Xa sen forzas comprían o seu ciclo vital, desovaban, mentres unha poboación de uns dez mil osos pardos celebraba o seu festín particular. A solta de alevíns polo conselleiro non vai poder desencadear nunca ese efecto-chamada dos ríos virxes de Kamtchatka. Tampouco temos boscos pra se acobillaren os plantígrados á espreita do retorno masivo. Non sei se no Lugo oriental pode haber noticia d´algún oso pardo de ida e volta. E a decisión política de recupera-las nosas carballeiras e soutos parece aínda lonxá, se exceptuámo-la nova de que o Consello Superior de Investigaciós Científicas puxo en marcha un plan prá clonación de carballos de Caldas e de Becerreá. Que os xermolos logrados poidan algún día conformar novas carballeiras require un longo agardar. Talvez os osos volvan antes. Hai mel.

No hay comentarios: