domingo, 20 de julio de 2008

POSIBLE EFECTO DOMINÓ. [21.07.2008]

Construcción en Pamplona. As necesidades españolas están cubertas pra anos, coa particularidade de que os pisos vendidos nestos tempos de disparate urbanístico quintuplicaron o precio da pasada década.


Pontevedra, 21.07.2008

Entrada n. 567 do blog

Artículo semanal correspondente a esta data, remitido a diversos medios.

Posible efecto dominó [21.07.2008],
por Xesús López Fernández,


A declarada suspensión de pagos de Martinsa-Fadesa foi sen dúbida a gran e preocupante noticia destos pasados días. A empresa ha estar buscando unha posible renegociación que, de non se poder concretar, podería traer como consecuencia o chamado efecto dominó, porque na situación actual aparecen comprometidas certas entidades financieiras, caixas e bancos, cuio negocio é tomar cretos ou aplica-los depósitos de clientes ás financiaciós requeridas por particulares ou entidades, algo que, na largueza prestamista tida coas inmobiliarias, pode non encaixar na praxis tradicional de bancos e caixas [que non teñen capital], ás que de pouco lles pode valer atoparse agora coa entrega, como fondo comercial, de miles de vivendas hipotecadas que algunha constructora con problemas de liquidez podería brindarlles como pago atípico. No fondo, todo parece harmonizar cunha falta total de ética, como explican certos analistas, visión que incluso podería ter un certo acobillo nun dos últimos discursos de Solbes: “Esta crisis es la más compleja que nunca hemos vivido.”

No fondo está a carencia de ética, desaparecida do sistema, que tamén se dá na concesión de hipotecas, sen entrare en cuestiós de tipo ideolóxico [como poden se-la pretendida liberalización do aborto ou a promoción da eutanasia, da “morte digna” coa que algús aplacan a súa conciencia]. Pero estamos a falar do efecto tsunami que consigo parece trae-lo reventón da burbulla inmobiliaria: grandes promotoras paralizadas, innumerables pymes que puideran estar a traballaren prás primeiras, víctimas tamén das suspensiós de pagos que se poidan producir; bancos e caixas que poden igualmente vivir momentos difíciles. E os hipotecados que se meteron na aventura da compra dunha vivenda a pagar a 30, 40 ou máis anos. Sobre esa situación de endebedamento a prazo longo, nunha economía precarizada como a española, é difícil telumbrar unha solución sen sofrimento. Porque a falta de ética está tamén nun sistema financieiro que non dubida en outorgar un creto a 30 anos a un cidadán de 50. Moita ledicia por parte das entidades crediticias que están i estiveron a dispoñeren dos aforros de todos; tamén posibles víctimas do efecto dominó.

Asentado na estulticia do ladrillo, estivo o país ó longo destos anos na “Champions League”, no canto de pensar nunha economía basada no sector productivo, algo do que non nos queremos decatar agora, nas horas baixas da bonanza constructora. Por eso España, evidentemente, vaino pasar peor que outros países europeos, con economía máis centrada, como queda dito, nunha maior productividade i expansión. Pode o sector das finanzas presumir de solidez sen fírgoas, de exemplo a exportar. Ese sector non parece alleo á promoción de novos paraísos de adosados en zonas turísticas, en horas de máxima audiencia televisiva, sen informaren de toda a realidade que suporía a financiación da posible compra. Eso parece totalmente inmoral, falto de ética, coa incidencia do engorde das autonomías, algunhas con nova burocracia e barreiras idiomáticas sen sentido.

O sistema financieiro pode estar na raiz do sobreprecio das vivendas. Os impagados van decote a máis. Crisis que pasa polo diñeiro, polo sistema económico e polo peto dos cidadáns, que moitas veces poden ser xa víctimas do paro e coa hipoteca viva, porque cun traballo honesto é difícil reuni-los cartos necesarios pra amortizala. Cando todo aparece dabondo ensarillado, o Goberno parece ter unha definición tipo pra nos aclara-la culpa da crisis: “A culpa é dos demáis”, di como coartada. I engade que “a sociedade parece vai madurando e se poden tomar certas medidas”, o que non é discurso ético. A suspensión de pagos da maior inmobiliaria do país, o anunciado concurso de acreedores, quer posibilitar un acordo antre as empresas e os acreedores, coa finalidade de facilita-la continuidade da empresa en conflicto, de fixa-lo camiño pra que non morra. ¿Evitarase o efecto dominó?

No hay comentarios: