lunes, 1 de septiembre de 2008

A CHAMADA DO BOSCO AUTÓCTONO [14.11.2003]

A igrexa na que repousan os restos de Antón Lousada Diéguez, cercada por carballos e coido que tamén castiñeiros. Sobre o campanil, unha cruz celta. Cando tirei esta foto tiven ocasión de comenta-lo do nome da Ribeira Sacra, se non estariamos a xogare cun fitotopónimo, unha reboira ou carballo cerquiño. Así é, confirmoume un especialista.
Castiñeiro centenario, sentinela diante do pazo de Antón Lousada Diéguez, en Moldes, Boborás, Ourense. No entorno da igrexa hai tamén árbores de porte digno, como se pode apreciar na foto anterior.

Pontevedra, 1.09.2003

Entrada n. 587 do blog

A chamada do bosco autóctono [14.11.2003],
por Xesús López Fernández

Hai xa tempo que escribín un traballo titulado “Do nome da Ribeira Sacra”, no que recuperaba a tesis de diversos autores no sentido de que se estaba a utilizar unha palabra que non se correspondía coa “Rovoyra sacrata” á que se alude no documento fundacional do mosteiro de San Xohan de Montederramo, que estaría situado na parroquia de Seoane o Vello, en Montederramo, máis antiguo que o actual conocido de Santa María de Montederramo. A palabra “rovoyra” conecta co “robur” latino. E naquela zona como no Ourense oriental abondan os “rebolos”, así denominádo-los carballos cerquiños ou cerqueiras, que tamén se dan no noso entorno..[A palabra rebolo é tamén común na zona de Sanabria...] Precisamente hai uns días e con motivo dunha viaxe de fin de semáa volvín pasar pola Ribeira Sacra, cara ó Barco, e ó Bierzo das Médulas. O outono estaba na arrancada. Os días, como decía Novoneyra, eran --e son-- como tardes longas. É a época das colores máxicas: nas vides, nos fentos, nas árbores...

Aínda que esta vez non parei en Montederramo sí pensei na idea de Vidán Torreira, de que antes que a unha ribeira efectivamente cristianizada, a denominación podería referirse a un carballo, a un rebolo ou reboira sagrada, retomada a idea de que alí puido existir unha árbore parasitada polo visgo [Monte do Ramo, o muérdago da ponla dourada] que tería unha especial significación prós seus coetáns de cultura celta. Ó longo da viaxe non deixei de pensar no valor que prás nosas xentes tivo de sempre o bosco autóctono... Os carballos irían alternando con castiñeiros, que nalgús sitios sobían ou reconquistaban socalcos abandonados, alí onde parece que o home xa non está presente. As árbores facían o seu traballo de reconquista na medida do posible. E xa, máis entrado na bisbarra de Valdeorras ou no Bierzo, as beiras do Sil mostraban a chegada do outono a doura-las alamedas.

Xa antes de chegar ás Médulas puiden ver cómo as xentes andaban polos montes, recollendo castañas en caldeiros ou bolsas. Pero o que si me impactou foi reparar na masa de castiñeiros existentes no lugar, patrimonio histórico da Humanidade, no seu día destripado polos románs que viñeran á busca do ouro e que traían a auga prá súa explotación dunha distancia que inda hoxe parece excesiva: máis de cen kilómetros, á procura da necesaria caída da mesma. Testigos da súa presencia alí están as covas e galerías que resistiron o paso do tempo. As árbores queren retoma-lo terreo e hai presencia de exemplares centenarios [algús fortemente acaracochados, outros ben conservados], todos eles exuberantes de castañas, os ourizos aínda verdes o día da miña visita, porque a castañada é longa e vai, como sabemos, dende as fins de setembro ata decembro... Exemplares vivos, en definitiva, como vivo está tamén o idioma galego [furnias, souto, cova], como puiden comprobar conversando cunha señora que tiña un estaribel no que vendía todo a dous euros [1 kg. de pementos, a ducia de ovos, un kilo de castañas], como unha especie de “todo a cen” en versión europea.

Como aquí parece que nos roubaron a paisaxe ó cambia-la vexetación autóctona pola que nos chegou de Australia, lembreime daquel proiecto de Lei Forestal de Iniciativa Popular presentado no Parlamento galego en xuño do 1989, votado en contra polo triunvirato gobernante. E curiosamente, é un tema que aí permanece sen ser retomado máis alá dalgunha que outra declaración, como a que en certa ocasión fixo Cortizo, diputado socialista, propoñendo con contundencia que a salvación da nosa floresta pode pasar pola eliminación dos eucaliptos nun horizonte de cincoenta anos. E acábame de chegar un traballo que vai nesa dirección. E, curiosamente, o Movemento Mundial polos Boscos Tropicales usa unha serie de testimonios que falan da ruína de zonas por lles teren arrasado os boscos autóctonos, como a rexión de Madhya Pradesh, no centro da India, nalgún tempo célebre pola abundancia de fontes. Pois ben, eliminado o bosco primario, o actual eucaliptal prantado extensivamente actuou como papel secante, ademáis que nese tipo de prantación, como ben lembra Galeano e sabemos nós, xa non cantan os paxaros. Un tense posicionado moitas veces en contra dese tipo de prantación, que na nosa terra avanza como un exército [os soldaditos que di Galeano] e vai apagando aldeas. Salvando as distancias, a causa do cambio pode estar no sobreabuso na arrancada das madeiras nobres que deixa ademáis sen acobillo ós pobos primitivos que tiñan a súa vivenda baixo as arboredas, que coidaban delas porque nelas estaba a súa vida, seguramente coa mesma idea de sacralidade que podemos ventar na Rovoyra Sacrata. Por certo, nos accesos a Sanabria descobrín un pequeno rebolar, un grupo de cerquiños. ¿Unha nova reboira sacra? Ó mellor dentro de cen anos. A ver qué pensa a xente daquela.

No hay comentarios: