por Xesús López Fernández
Decía a pasada semáa que xa comeza a chegar ós buzóns a propaganda dos partidos, tamén a “perla” do boletín municipal do BNG [non do Concello, quede claro]. Gañas de gasta-los cartos pra nos conta-las cousas ó seu xeito, pra nos decir unha vez máis o qu´eles entenden por futuro, por humanización, por calidade de vida, por modelo de cidade. E pra calaren, como sempre, o escenario de miseria qu´o seu urbanismo veu configurando ata o d´agora: monocarrilismo de corredoira, peatonalización salvaxe, ruína da zona vella que inda sofre a guerra do Urban, a mesma que acabou co tipismo das nosas prazas, arrasadora incluso do patrimonio de todos, que posibilitou novas barreiras arquitectónicas e pedras d´abalar [eso que non estamos en Muxía] e moitas trampas [as tapas de madeira dos rexistros], que arestora sustitúen celéricamente polas definitivas de pedra, a ver si resisten ata o 25 de maio. “Aquí ven o maio de frores cuberto, puxéronse á porta cantándome os nenos....”, que decía Curros, tempo de votación i esperanza, tempo no que a sociedade independente pode cambia-los pronósticos, as previsións demoscópicas.
¿Cáles poden se-las posibilidades de grupos como a ICPraceres ou a Convergencia Independiente por Pontevedra? Difícil sabelo, pero sí existen posibilidades porque a xente vai cansa de partidos como os que aquí suscribiron a Carta de Aalborg sobre Cidades Sostibles, pero que semellan non estaren polo labor dunha política medioambiental axustada ás nosas necesidades. Vemos que non se fixo nada por mante-la dignidade de espacios como a Illa das Esculturas ou o Parque lineal do río Alba. De vez en cando, sí, fan algún discursiño axeitado, falan da recuperación das xunqueiras, do saneamento do río-ría, de entubar máis augas sucias pra que non se vexan. Ou do necesario traslado de Ence-Elnosa... Pero en nengún momento se lles ocurreu denuncia-los recheos que a Autoridade Portuaria está a facer, sen estudio de impacto ambiental, en Marín-Estribela. I ésto é algo que, de momento, só ten denunciado a Iniciativa Cidadáa d´Os Praceres, e son eles os que promoveron a única denuncia existente na vía contencioso-administrativa. ¡Eso é algo que non foi denunciado polos concellos afectados nen por nengún dos partidos que asumiron a adhesión de Pontevedra á Carta de Aalborg!
A maior abondamento en torno ó tema da Ecoloxía quero facer unha referencia ó que di a Xunta nos periódicos: “Galicia está viva e ten futuro”. É a súa particular venta do Plan Galicia a toda plana, e afirman: Recupera-lo medio ambiente loitando de forma implacable contra a contaminación mariña e do litoral, e poñendo tódo-los medios prá conservación da biodiversidade. ¿É que os recheos de Marín-Estribela non son unha clara agresión ó medio mariño, un atentado á biodiversidade, un esforzo bastardo pra acabaren co mar, pra crear solar e configurar alí un polígono industrial non declarado, un claro delito medioambiental? ¡Menos mal que os d´Os Praceres [que levan no seu programa a recuperación de Lourizán como praia] aprenderon a axiliza-las denuncias como a do martes pasado por delito ecolóxico, polo dragado de area [¿pró porto ou pra Silgar?] novamente ante o silencio estulto dos grupos políticos instalados!
Así como me chegou o boletín do BNG entregáronme un dossier da ICPraceres, o expediente sobre os citados recheos que carecen de estudio de impacto ambiental, que obvian por “innecesario”, por ser aquel un espacio degradado a consecuencia da contaminación sofrida. Nos planos da actuación e dos recheos previstos non aparece a Illa de Tambo [que por algo non a queren incluir no Parque das Illas Atlánticas], que se supón quedaría a uns 150 metros do esquinal no novo polígono. ¡E os partidos calan como putas cando aí existe un Nunca Máis polo que loitar se tiveran dignidade!. E pra rematar por hoxe aí vai outra perla, tirada esta do escrito presentado por ICPraceres ante a Sección Segunda da Iltma. Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, A Coruña, 02/4014/2001, que a pé do folio 14 i en relación co ferrocarril da discordia afirma de forma realzada: “La conexión es subterránea, reflejándose con grafía discontínua en los planos.”, pra de seguido aclararen (Tomo 4º Folio 15) “Subsanación II.4: Esta conexión es subterránea y ya se encuentra realizada, y la misma se ha grafiado en los planos, mediante punteado.” Afirman, pois, que o tren vai por un túnel e non pola praza dos Praceres. ¡Qué estupidez! Coido que hai moito que decir noutros boletíns; que tamén a C.I.-Pontevedra pode pensar nunha campaña agresiva se cristaliza a súa candidatura, nun Nunca Máis a tantísima cousa como aquí se leva feito, como queren facer en San Antoniño ou na Ferrería....”Aquí ven o maio de frores cuberto...”, que decía Curros.