Vista dend´o campanario ou sinoiro norte da catedral de Pamplona.
Cartuja de Miraflores. Pinacoteca.
O camiño do vento e o das estrelas crúzanse no Alto do Perdón, en Navarra.
Baixada de Ibañeta a Roncesvalles, na arrancada do Camiño.
Santiago peregrino. Cartuja Miraflores.
Sillería. Cartuja Miraflores.
No claustro da catedral de Pamplona.
Contrasol en Burgos, beira do río.
Pontevedra, 28.05.2012
Entrada n. 1524
Artículo semanal.
Unha aproximación ó Camiño,
por Xesús López Fernández
O pasado 14.05 partimos cara Roncesvalles, en autobús, con pousada primeira en Burgos, patrimonio histórico da Humanidade, e con visita á Cartuja de Miraflores, unha xoia do arte gótico pertencente ó baixo medioevo, accesibles actualmente pró visitante moitas das súas obras de arte. Seguimos cara Pamplona, con parada no Alto do Perdón, a uns 3,5km de Puente la Reina, onde se xuntan os camiños que entran por Roncesvalles e Somport. No Alto do Perdón, coroado de virandelos, existe un monumento ós peregrinos, concebido o lugar como unha encrucillada da senda que describen os que van a Compostela e mai-lo vento que move as aspas dos virandelos. A paisaxe estaba esos días pletórica, xa por prantaciós feitas con intelixencia, xa por estaren os campos, a pastos ou a cereal, densamente verdes. Os cultivos de colza, no País Vasco i en Navarra, aportaban un intenso dourado, unha nota de ledicia no espacio que estabamos a recorrer.
Segunda parada, Pamplona, con visita pormenorizada á catedral, ó museo catedralicio, sacristías e claustro; tamén á torre norte-campana María. Contamos naquela hora cun guía providencial, o propio deán da catedral. Seguiriamos despois paseando pola cidade, fundamentalmente polas rúas do casco histórico, ata a retirada ó hotel, do que partiriamos ó seguinte dia cara ó Alto de Ibañeta. Xa nese lugar, do que baixamos camiñando a Roncesvalles, unha pedra garda memoria de Roldán, da súa morte no ano 778, como tamén un monumento. Técense alí leendas diversas, especialmente sobre a influencia de Carlomagno na consolidación do Camiño de Santiago. E xa no século XI, tanto os peregrinos que se dirixen a Santiago como os cabaleiros extranxeiros que acoden á Península, encontran numerosas pegadas do paso de Carlomagno polo Sur de Francia e Norte de España. Comézase a ver no emperador a un salvador i evanxelizador coas armas contra o musulmán.
Dend´a nosa arrancada de Rocesvalles (colexiata, albergue, museo, silo/osario común), a presencia dos peregrinos faise contínua, crece, cada camiñante a facere o seu camiño particular, a pescudare no seu corazón, Comentan no autobús que poucos días atrás chegaran a Santiago máis de mil peregrinos, que mesmo algo se pode estar a movere en Europa á procura das súas raíces cristiás. A riqueza cultural do camiño faise indescriptible: ermidas, conventos, catedrales. Gótico ou románico marcan cada novo día: Roncesvalles, Zubiri, Pamplona, Puente la Reina, Estella, Logroño, san Millán de la Cogolla (berce do idioma castelao), Nájera, Santo Domingo de la Calzada (o santo constructor, patrón dos enxeñeiros de camiños), san Juan de Ortega, en Castroxeriz; a catedral de Burgos; san Martín, en Frómista; san Tirso, en Sahagún; a catedral de León, Astorga, Rabanal del Camino, Ponferrada, onde se ergue o castelo dos Templarios; Vilafranca do Bierzo… O noso recorrido entra en Galicia: a colexiata do Cebreiro, no Caurel; Vilar de Donas, Portomarín, Melide, Santiago. No último tramo do Camiño, xa dende Vilar de Donas, a nosa paisaxe aparece traicionada.
Díse que algún lugar abandonado volve estar habitado, que se recupera económicamenete gracias á influencia do Camiño, no que abondan os albergues; que incluso hai xentes que, despois de comprida a súa promesa de chegar a Santiago, encontran un sentido prá súa vida traballando como hospitaleiros ó servicio dos novos camiñantes, pra cura-las súas feridas. Nos restos do que foi convento de San Antón, que visitamos estaba vivo un albergue e un pequeno hospital, retomando talvez a entrega ós peregrinos da vella orde antoniá. Frai Paco Castro ten un libro que recolle a súa experiencia do Camiño, de cando o fixo en trinta etapas, un libro rico en exemplos, como os de Carlos e Fermín: Carlos camiñaba con dificultade por unha tendinitis e mesmo lle aconsellaran os médicos que regresara en autobús a Toledo, pero non quixo, tiña que chegar a Santiago. Pero é que o home, que camiñaba á par dun amigo, pousando un cóbado no brazo do outro camiñante pra percibi-las dificultades, ¡estaba cego!. Non-obstante, no seu magnetófono, facía cada xornada o seu resume: “Hoxe hemos visto….”. E Fermín, un home ledo que aparecía e desaparecía, de vocación franciscá, tomara a decisión de dormire ó raso, nunha casa abandonada, nunha igrexa arruinada; de non ocupar praza nos albergues. Renunciaba en favor doutros peregrinos. Ésa parece ser unha das metas de moitos dos que fan o Camiño: estar ó servicio dos demáis. Non poucos coinciden en que é o románico o que máis os marca; que non sería mala cousa prós poderosos embarcarse nesta aventura pra, dese xeito, non envilece-la política i estare ó servicio dos demáis, darlle protagonismo ó seu corazón. O país iría mellor.