sábado 7 de noviembre de 2009

O BORDE LITORAL, 7.11.2009

A terminal de contenedores do porto de Marín, coa sentencia do TS, queda privada de sentido. É que o porto nunca debería ter perdido a súa dimensión de porto pesqueiro, e pouco máis.
.-
Pontevedra, 7.11.2009
-
Entrada n. 1065 do blog
-
O borde litoral,
por Xesús López Fernández

-
O bode litoral da nosa ría, sobre todo o Sur, ven sendo noticia últimamente. Primeiro foron as infografías do novo deseño da avenida de Marín mostradas polo concellal non electo, Luís Bará; despois os avisos do conselleiro de Medio Ambiente, alegando desconocemento da obra proposta, ó parecer con novos e idílicos solpores, porque, naturalmente, a avenida non deixa de sere dominio público marítimo terrestre, terreo demanial, e a Lei de Costas é a que marca a norma. A día d´hoxe e tendo en conta o espacio deslindado, o borde litoral sigue estando marcado, grosso modo, pola vella estrada a Marín. Pero hoxe non vou entrare polo miúdo na Lei de Costas, senón no que sí foi noticia principal de semáa: a sentencia do Tribunal Supremo do Estado, que anula a do TSXG do 17 de marzo do 2005. Prosperou o recurso de casación da Plataforma prá Defensa da Praza dos Praceres, que levaba anos denunciando o que o alto tribunal define agora como ilegal: O Plan Especial do Porto de Marín.

Ben está que a actitude ferreña das xentes d´Os Praceres reciba agora un reconocemento que senta ademáis xurisprudencia e que pode marcar un punto de inflexión na rexeneración da ría, espacio sensible agredido de mil e unha formas. Unha vez máis demóstrase que é a sociedade a que ten que denunciare ante a Xusticia e procurar, por medio dela, o restablecemento da legalidade, lonxe dos partidos que parecen “velar” por outros intereses, ó dictado dos clústers. ¿É que nengún partido reparaba nos recheos sucesivos, de cómo se lle estaban poñendo cancelas ó mar, considerando como terreo urbán o que era pura lámina de auga? E así foron configurando un polígono industrial ilegal, roubándolle protagonismo ó mar, maiormente, según reconoce a sentencia agora dictada, considerando a incidencia da obra sobre un espacio de alto valor ecolóxico como é a Ría de Pontevedra.

Dende o primeiro recurso da Plataforma prá Defensa da Praza dos Praceres, no ano 2001, vai demasiado tempo. Un pergúntase se a Xusticia non terá chegado tarde cunha sentencia prá que o Tribunal fixa a que debe ser unha execución exemplarizante: a regresión dos recheos, máis de 300000 metros cadrados, á situación do ano 2000; o Tribunal declara tamén ilegales as obras efectuadas ó abeiro do Plan especial e, no punto octavo dos fundamentos da sentencia establece que serán as Administraciós as responsables da reposición do espacio á súa situación orixinaria, e serano a Xunta nun 30%, a Autoridade Portuaria nun 50% e a Diputación de Pontevedra, nun 20%. Outra das causas da anulación da sentencia foi a falta de estudio de impacto ambiental, preceptivo según a lexislación española i europea.

A día 5.11 tiven noticia da sentencia do TS, que comezaría a conocerse a partir do seguinte día. A reposición da legalidade debe dibuxarse agora como único futuro posible pra esta sociedade, se verdadeiramente quer defende-lo urbanismo sustentable e recupera-la ría como manantial de vida. Eladio Torres, presidente do colectivo veciñal sinalou ante diversos medios que a Plataforma ven gañando por “goleada” nos diversos casos que levan prantexado pola vía xudicial e que eles sempre tiveron claro que o Plan Especial do Porto era unha pura ilegalidade que incumpría “todos cantos preceptos legales puidese haber, dende a portada do expediente ata o punto final”. Denuncia tamén ós políticos relacionados coestas obras ou co incumprimento de sentencias anteriores, como a do levantamento do tren. “Coa sentencia (sen precedentes no ámbito das infraestructuras portuarias), a algús pódelles cae-la cara de vergonza, e confía en que poida forzar un regreso á normalidade”. Pide tamén que os “portavoces” do Estado de Dereito (Fiscalía, Delegado do Goberno, Ministerio de Medio Ambiente) entren de oficio neste e outros asuntos sentenciados pendentes de execución. A recuperación do borde litoral depende deles. Os cidadáns, coa acción pública, debemos de lle lembra-los deberes.

viernes 6 de noviembre de 2009

A SENTENCIA DO TRIBUNAL SUPREMO


Volvemos co Brado, de Münch. O primeiro plano da pasarela pode correspondere ó anunciado deseño de Mosquera e Bará, que empalmaría co de Ana Pastor, n´Os Praceres. Á fin de contas, os partidos todos parecen enzudrados na cuestión do Plan Especial do Porto de Marín e ría de Pontevedra, sentenciado como ilegal polo Tribunal Supremo do Estado.
-
Pontevedra, 6.11.2009
-
Entrada n. 1064 do blog.
-
SENTENCIA TRIBUNAL SUPREMO
-
A Plataforma prá Defensa da Praza dos Praceres apúntase así un novo triunfo ó ver prospera-lo seu recurso contra a sentencia desestimatoria do TSXG do ano 2005.

-
O Tribunal reparte culpas e os gastos de reposición do litoral do ano 2000 corresponden, á Xunta, un 30 por cen, á Autoridade Portuaria, un 50 por cen, e un 20 por cen á Diputación de Pontevedra.
-
A ver cómo se consigue a execución da sentencia, asunto no que deberían entrar xa, de oficio, a Fiscalía, o Delegado do Goberno, o Subdelegado. Tristemente non se pode contar cos partidos, presuntamente tocados pola corrupción.

-Sentencia Tribunal Supremo

O BORDE LITORAL

O Brado, de Edvard Münch. Como un berro case animal, así podemos representa-la protesta pola morte da nosa ría, valéndonos da imaxe do pintor noruego. O colectivo pontevedrés esstá horrorizado mentres os especuladores están situados ó fondo da pasarela maxinando novos solares.
-
Entrada n. 1063 do blog
-
O BORDE LITORAL,
por Xesús López Fernández
.
Agora, cando Luís Bará acababa de prometer novos solpores e a recuperación do borde litoral, o home vai sabe-lo que é o borde litoral e que sobre a autovía de Marín, dominio público marítimo terrestre non se pode xogar. Algo xa debía sabe-lo conselleiro de Medio Ambiente cando na pasada semáa negou saber nada de cómo Luís Bará, o conselleiro non electo, tentaba facer ignorancia da Lei de Costas.
-
A este tema penso dedica-lo meu artículo do próximo luns. Pero vaia xa nesta entrada un enlace de La Voz de Galicia no que se informa de sentencia dictada polo Tribunal Supremo de Madrid, que dinamita o Plan Especial do Porto de Marín.
-
A sentencia establece o grado de culpa e os gastos a asumir pola Autoridade Portuaria, a Xunta de Galicia e tamén a Diputación de Pontevedra. Sigue o enlace:
-

miércoles 4 de noviembre de 2009

Exercicio de memoria [26.07.2003]

Dibuxo fractal de Xesús López: Lourizán, antes e despois (agora). A parte superior quer lembra-las marismas de Lourizán antes da Celulosa; a parte d´abaixo quer retrata-la sentina na que se vai configurando a ría. O artículo que sigue, outro recuperado do 2003, fala daquel mundo perdido; tamén mostra outras sensibilidades no Bloque de Beiras, agora perdidas, descoberto xa o xogo xangal do partido, con portavoces que prometen novos solpores. E seguimos, ademáis, sen Plan de Emerxencia Exterior. Aquí non se lle teme ó cloro.
-
Entrada n. 1062 do blog
-
Exercicio de memoria, [26.07.2003],
por Xesús López Fernández

A cuestión da papeleira que queren montar en Pontevedra é un sen sentido, porque se ós alemáns lles resulta rentable merca-la celulosa aquí pra fabricaren o papel tisú no seu país, evidénciase a falta dun estudio serio pra outro lugar de Galicia. Se verdadeiramente se quere pensar nas posibilidades desta ría, en capacitala pra unha auténtica acuicultura e pró turismo de excelencia, hai que forzar un cambio total pró panorama que algúns están a soñar, no que columbramos o deseño final dunha ría sen praias...E un, que lembra a Puntada e Cocheras como lugares frecuentados, relembra tamén o ir e vir en tranvía ata a parada de Lourizán, o areal preferido pola familia, especie de horta do común, horta largacía na que a baixamar permitía coller, coas simples mans, croques e ameixas en abundancia. ¡Cánto cambiou todo! ¡Cómo nos roubaron o mar! A construcción da avenida de Marín nos últimos cincoenta sirveu prá formación espontánea, alí, dunha auténtica granxa mariña: cariocas, lenguados e rapantes, vieiras, ostras e, como sempre, berberechos e ameixas, unha das caras do potencial económico deste mar, quebrado coa presencia da fábrica de celulosa dende 1963, nunca axustada ás condicións da concesión. Dende aquela, problemas de saúde e alcatreo.

De doudice política foron os criterios aquí aplicados en materia de urbanismo e de industrialización, o estreitamento máis e máis do río, as construccións do entorno da Moureira [en zonas que nalgún caso foron dominio do mar] de casas e casas a taparen a fachada de Santa María, tan ligada ó gremio de mareantes que agora se consolarían coa construcción na rotonda de San Roque dun monumento ás súas xentes, ó que elas representaron no mundo do mar, cando As Corbaceiras eran un porto vivo. Lembremos ós Nodales ou a Sarmiento de Gamboa. E teñamos presente que a teima desfacedora, arrasadora, é de relativamente hai pouco, porque a casa solar do último dos citados foi desfeita sendo alcalde Rivas Fontán... Un pergúntase ónde estaba Patrimonio daquela, e lembra a López Capont indignado con motivo dunha visita ó lugar, cicerone duns amigos chilenos ós que lles quixo mostra-la casa do autor dos primeiros mapas do seu litoral...Tamén Celso García de la Riega, autor dun libro adicado a “La Gallega”, a caravela Santa María, deixou un comprido retrato do que foi a nosa ría, a presunta patria de Colón. I é seguro que Adriano, o gran constructor de pontes, marcou o camiño do que non se debía facer, pra que as mareas xogaran libremente a preñaren de vida os contornos das xunqueiras. Adriano, un adiantado en Ecoloxía.

E á Ecoloxía refireuse Beiras o pasado 25 como unha das bases pra construí-la nosa libertade. No da papeleira [máis ruína ambiental] non parecen estar conformes os homes da CIG. E veremos ónde chega a denuncia do goberno local ante a Xusticia, en contra do decreto de supramunicipalización da Xunta pra que a nova fábrica se poida construir sen licencia municipal, o que serviría pra consolida-lo complexo pontevedrés [que caduca no 2018] en contra da lei, en contra tamén da vontade de moitísima xente. Un entende que a postura do Concello é correcta esta vez, aínda recente a súa inhibición noutros temas de importancia medioambiental [construcción do tren por sitio indebido, recheos no porto]. E que existe un horizonte posible prá solución de moitos dos nosos problemas: o Tribunal de Dereitos Humáns de Estrasburgo. Pero aquí faltou un colectivo con clara vocación e con cartos, disposto a chegar ó alto tribunal. E lembremos o acordo plenario do Parlamento de Galicia de abril, ano 2000, de solicitar á SEPI o traslado da fábrica de cloro. Pero foi daquela, tamén, cando se retirou o Proiecto de Lei da Calidade das Augas da Ría de Pontevedra. ¡Qué extraño todo!.

Pero Elnosa permanece sen plan de emerxencia exterior, algo que convén ter moi presente despois do acontecido en Cataluña, un incendio producido nunha industria química de Les Franqueses del Vallés, coa conseguinte nube de cloro. O día 18 de Xullo informaban diversos medios [prensa e televisión] de que cen mil persoas estiveran en grave peligro, feito reconocido pola propia Generalitat. “Cara as 22 horas do xoves 17, os bombeiros, que desprazaron ó lugar a 25 dotacións, conseguiron controla-lo lume e con aspersores de auga foron diluíndo a nube tóxica ata que, ás 23 horas, desactivouse o Plan de Emerxencia Exterior e os veciños puideron abri-las ventás e sair á rúa”. Houbo que corta-lo tránsito en diversas estradas, xa que a nube desprazouse por diversos municipios da bisbarra....Un pergúntase se en Pontevedra, coas estreiteces existentes, pode funcionar un plan de emerxencia, pero mellor pensar nun futuro sen nube de cloro, con Ence i Elnosa lonxe daquí, vertido cero, sen alcatreo... ¡O vello Lourizán das viaxes en tranvía!. ¡Eso era calidade de vida! No-la roubaron.

martes 3 de noviembre de 2009

En tempo de elecciós [1.05.2003]

Praza da Verdura, xa desalmada, brutalismo urbanístico en estado puro, convertida nun dos espacios da nova economía. Na fotografía, trabancas dunha exposición feiral portuguesa aínda disimulan o aspecto actual do espacio que quixeron convertiren en Praza Roxa; os domingos tócalle rastro, onde é fácil atopar obxetos roubados. Os demáis días, a economía está centrada no terraceo das taperías con moscas, xa me entenden. A miseria trae estas cousas.
-
Este que sigue é un traballo do ano 2003, dos moitos que teño que ir recuperando pra confialos á memoria deste blog. O lector saberá situarse no tempo que corresponde ó artículo.
-
.Entrada n. 1061 do blog
-
En tempo de elecciós, [1.05.2003]
Por Xesús López Fernández
-
As declaraciós que dende agora se produzan, os actos organizados por uns e outros partidos e plataformas neste tempo que nos queda ata o 25.5 teñen ou terán un claro ou non tan claro obxetivo: gaña-las elecciós, facerse coa alcaldía si é posible. Noticias, fotografías, actuacións urbanísticas, obras discutidas ou protestadas, van pesar no balance final deste período que todos debemos facer pra poder emitir un voto responsable. E no colectivo cidadán é comenente non renunciar a un espírito crítico, non vaia ser que nos vendan de novo a burra como se fose o cabalo branco de Santiago. Por exemplo, cando esto escribo [1.5] está anunciada a inauguración do novo paseo de Gutiérrez Mellado. ¿Por qué non lembrar que nese espacio eliminaron 70 prazas de aparcamento en superficie? ¿E por qué non lembrar igualmente o nome democrático daquela avenida, O Chanchullo? Porque ésa foi de sempre a denominación popular, de base cidadá.

Agradezo o dito por Tere Casal en relación co abandono dos xardíns de San Francisco, seguramente coa idea de configuraren alí o gran espacio fascistoide, digo porque a praza da Verdura quedou pequena, idea coa que creo debe coincidi-lo candidato dos Verdes á alcaldía, que nun debate recén tamén citou a desfeita do sitio, privado dos bancos e catalpas, convertido nun espacio “prós seus encontros e degustaciós”, dixo. Vidal insisteu en que as árbores estaban sans, agás unha delas. Conservo fotografías da actuación arboricida, vergonzosa, pra converteren o espacio nunha praza de deseño hortera, “patio carcelario, patio cuarteleiro” que dixo o poeta. Alén do poster do plan Urban no que se mostraba unha fotografía da vella praza, o certo é que hoxe temos alí un lugar continuamente reventado, no que aínda o pasado domingo 27.4 celebrouse unha actuación de violencia decibélica, rock-NuncaMáis con discursos, autorizada polo concello. (Lembremos que o T. Supremo confirmou o 2.2.2003 unha sentencia da Audiencia de Palencia pola que se impón unha pena de dous anos e tres meses de cárcere ó titular dun restorán-sáa de festas daquela capital).

Se Mosquera foi entón criticado polo Centro de Lourizán, porque a catalpa enferma tiña tratamento, o home volveuse sensible co carballo de Santa Margarita e pasou aviso a Medio Ambiente, que devolveu a denuncia porque a súa conservación é cousa do concello, ofrecendo ó mesmo colaboración. Pero convén lembra-lo despotismo co que o concelleiro actuou cando a corta das catalpas, a desestimación feita daquela da protesta cidadáa, comprendida polos asinantes denunciantes daquela actuación urbanística, a mesma que acaba de cuestionar Vidal Fraga. O certo é que os veciños do entorno perderon calidade de vida a consecuencia da reconfiguración levada a cabo, sen esquece-la actitude da Delegación de Cultura, que se supón comparte agora culpas na musealización da cimentación da muralla na rúa Sierra. ¿Por qué non se lle dá o mesmo tratamento que á Porta das Trabancas? ¿Por qué non se completou a actuación na rúa da Ponte, cando apareceron alí algúns dos arcos da ponte medieval? ¿Cómo Patrimonio non vixiou o impacto da fixación do monumento de Quesada na rotonda construída por Fomento no Burgo?

Teño valorado positivamente a construcción do parking na praza de abastos. Hoxe, sen embargo, coido que a dita actuación queda empequenecida pola peatonalización salvaxe disposta na zona. Non se calibrou o dano que se estaba a facer, pola falta evidente de “talentos democráticos” máis alá da burda colaboración dalgún que outro “axente social”. E non sei se o tempo estará maduro pra que os cidadáns pensemos en lle dá-la volta á forma de gobernaren os partidos, dende a arrogancia. A reunión de oito candidaturas independentes o pasado 29.4, no Hotel Rías Baixas, pode marcar un inicio de colaboración, unha forma nova de sentir e participar na política, de construir un futuro como o que xa é presente no concello de Oleiros. O seu alcalde, García Seoane, representante da Alternativa Veciñal que alí goberna, contou cousas interesantes: nove bibliotecas, trece ou catorce pabellóns polideportivos, a recuperación de espacios, un parque de cen mil metros cadrados na parroquia de Maianca, que ten uns 800 habitantes. E que alá estiveran xentes da RAI e da universidade de Bolonia, porque Oleiros é todo un referente urbanístico e social, pero xa haberá tempo de falar máis polo miúdo de todo esto. García Seoane conta con gañar folgadamente o próximo 25. Coido que están a faceren escola de cómo actuar pra que non se repita a frustración de descobrir que quen se presenta ás eleccións como demócrata pode levar dentro de sí un elemento disposto a acabar coa convivencia e cun modelo de cidade --comercial-- recibido da Historia.

sábado 31 de octubre de 2009

A sustentabilidade ambiental

"Mencer no sotobosco". Dibuxo abstracto de Xesús López. Podemos pensar nun bosco primario ou nunha vella fraga das que xa case non quedan no noso país, de cada volta menos país.
-
Ponevedra, 31.10.2009
-
Entrada n. 1060 do blog
-
Artículo semanal pró 2.11.2009
-
A sustentabilidade ambiental,
por Xesús López Fernández
-
A sustentabilidade ambiental está, de cada volta máis, no discurso político-económico. Diversas leis foron xa promulgadas no noso país, especialmente en relación co mantenemento e amelloramento da base económica do medio rural, ó aumento da poboación e á recuperación do patrimonio natural e cultural, como expón algún dos textos accesibles. Sen embargo, o concepto de sustentabilidade parece non estar aínda debidamente comprendido e que ven resultar contraposto á idea de crecemento, de progreso; que debe estar basado antes en valores constantes: de producción, poboación e, sobre todo, en que o medio ambiente, a natureza, manteña vivas as súas capacidades e, sobre todo, nun respeto sagrado pola auga. Sen embargo, esas constantes están alteradas e, como consecuencia, a Terra está ferida como unha especie de Titanic que se afunde. Xa non queda tempo, parece, pra que todos poidamos sobir a un bote salvavidas. As cidades creceron máis do debido; os ríos foron convertidos, con toda impudicia, en cloacas, como se tiveran nacido pra esa función e non pra lle dar vida á paisaxe e posibilitar unha economía real.

Estes días atrás se daba a noticia, reiterada cada pouco, de que siguen a morre-las nosas aldeas, case sen xente algunhas delas; que incluso un de cada cinco homes de 65 anos vive sóo, nesa soedade aldeáa que representa a morte dun mundo que sí inventara a sustentabilidade no marco da economía de subsistencia. Diversos factores determinantes da emigración masiva das nosas xentes foron acabando cun país que non se recupera, que perdeu non poucos dos seus signos de identidade: agro, gandería, biodiversidade e vexetación clímax nunha especie de colonización salvaxe. E a agresión ó litoral en beneficio dunha acuicultura falaz. Polo menos un test recén ás nosas rías mostraba, nalgún caso, unha situación case terminal, xa sen capacide pra lle dar soporte á acuicultura tradicional. I é que non parece haxa vontade de rexeneración, así dito, porque a asunción do ambientalismo como política gubernamental ten que ser cousa de xa, de non perder máis tempo. E de non facer máis trampas. Non se pode ir á política sen ser ecoloxista cabal.

A agricultura progresou quedamente, ó longo de miles de anos. Hoxe permanecen aínda algunhas comunidades indíxenas, na Amazonia ou na Indonesia, que viven dunha agricultura primaria ou dos froitos dos seus boscos, os seus templos, pero que son obxeto dunha presión crecente por parte dos clústers que, nalgús casos, acabaron xa coa biodiversidade orixinal e a sustentabilidade deses pobos. O mundo empresarial vai seguir defendendo os seus intereses particulares anque eso poida significa-la fin do planeta, unha Terra deshabitada. E si queremos librar unha loita eficaz pola sustentabilidade, precisaremos dunha claridade de ideas certa, saber qué mundo nos espera. Polo pronto, a economía do despilfarro, coa fin próxima dos combustibles fósiles, con de cada vez menos boscos dos que obter madeira de forma sostible e menos terras de labor; cunha economía que nos leva de cabeza á contaminación e fin dos recursos, ¿cómo cubrirémo-las nosas necesidades?

O devandito non é nada máis que un boceto, un achegamento a algús dos problemas que nos afogan. Pode haber perspectivas máis esperanzadoras, pero eso vai ser soamente se os gobernos se poñen a traballaren nunha nova dinámica de respeto medioambiental, lonxe da corrupción e influencia dos clústers que se creen donos do planeta. Pero xa non hai tempo e hai que condicionar ós gobernos pra que elaboren novos plans enerxéticos, novos sistemas de tributación, industria e actividades económicas que promovan o desprazamento cara unha sociedade sustentable i, en definitiva, máis satisfactoria. Unha boa medida podería sé-la de retira-los incentivos a empresas que fomentan a desfeita dos recursos da natureza. Son necesarias medidas que eviten a ruína dos sistemas que dan soporte á vida.

sábado 24 de octubre de 2009

REXENERACIÓN ECOLÓXICA

Ence, cando presuntamente ten perdida a concesión, sigue matando a ría. Por falta de vontade política.
-
Pontevedra, 24.10.2009
-
Entrada n. 1059
-
Artículo semanal. Volvo despois de máis dun mes de convalecencia.
-
Rexeneración ecolóxica,
por Xesús López Fernández
-
Parece como se o tema do ecoloxismo estivese últimamente na axenda dos diversos partidos. Non sei se de forma franca ou por puro marketing. Nunha cidade como Pontevedra, que acaba de remiti-lo borrador do seu PXOM á Xunta, que ademáis está adherida á Carta de Aalborg en relación coas cidades europeas que escolleron un desenvolvemento sustentable, tería que ser un instrumento de primeira magnitude a chamada Axenda21Local, documento de elaboración democrática, explicado porta a porta á par que debatido con total transparencia con vistas á recuperación do capital natural. E aínda hai poucos días que en La Estrella Digital, nunha serie de cinco artículos sobre cidades sustentables, insistía Ramón Tamames na importancia da citada Axenda, de redactar un documento intelixente prá elaboración do PXOM. Aquí parece que no-la esconderon no canto de explicala polos barrios i expoñela claramente ás asociaciós como un claro instrumento pró debate.

Pontevedra, que foi porto de mar, xa non-o é, parece que abocada a se convertir nunha triste cidade de secano. A ría é de cada volta menos ría, máis canal, máis solar gratis total pra industrias que poderían estare noutras partes, ou nen eso: simple porto seco, depósito de contenedores. Reconócese, sí, que se ten actuado mal no tema do saneamento e nen con novas promesas se vai remedia-lo noso destino, imposible un rexeneracionismo ambiental certo se non vai precedido dunha rexeneración política real que se propoña como norte ideal o da reposición da legalidade. Que estes pasados días se teña producido un certo debate en relación coa pretendida construcción da nova ponte d´As Correntes, que non dispón de permiso de Costas, parece positivo; que ademáis propoña o PP a construcción do macronudo de Mollavao máis pró interior, pra non consolida-la ocupación da avenida de Marín, resulta esperanzador e representaría un paso máis na liberación do espacio definido como dominio público marítimo terrestre de Lourizán-Mollavao. Porque xa non está claro quén ten concesión en vigor.

Si que non é legal a edar d´Os Praceres, nen o emisario; tamén que, liberado de concesiós o terreo de Mollavao por sentencia firme do TSXG, o ministerio de Medio Ambiente ten orde, dende o pasado 14.09.2009, da execución da sentencia e de adouta-las medidas necesarias prá recuperación do espacio como dominio público marítimo terrestre. Outros espacios poden estare en lista de espera. E parece oportuno citar aquí un oficio de Cristina Narbona, sendo ministra de Medio Ambiente, no sentido de que non procedía a declaración de innecesariedade que chegou tentar Ence: que o espacio todo era dominio pùblico marítimo terrestre e como tal inembargable, inalienable, imprescriptible e insusceptible de desafectación. Investiga-la situación das concesiós é o deber dos partidos. E demanda-la reposición da legalidade, a rexeneración das marismas de Lourizán e a zona de Mollavao como espacios pró uso público. Cunha Axenda21Local todo sería máis doado.

Na retesía política destes días falouse novamente de Ence, que xa debería ter data de caducidade na ría de Pontevedra, que dabondo leva sofrido. Cumpreuse o dito polo ministerio da Vivenda no ano 1973, ó desbota-lo PXOM pontevedrés do 1970 e nega-la recalificación como industrial das marismas de Lourizán. No seu comunicado ó Concello afirmaba que o enclave das fábricas de celulosa e cloro foran un erro do que soamente se poderían derivar problemas prá saúde e convivencia humáas, como así foi, e que habería que pensar no traslado das mesmas. É máis: tamén recomendaba ó Concello que xestionase outro trazado prá autopista, en evitación do brutalismo urbanístico da ponte da Puntada e o seu impacto, brutalismo que outros querían reiterar agora co macronudo de Mollavao, prá consolidación da avenida de Marín e do solar de Lourizán, pra perpetua-lo horror.