domingo, 30 de junio de 2013

A IMPORTANCIA DAS PRAIAS URBÁS

En Roquetas de Mar. Unha das súas praias urbás claves da economía local e do tirón turístico do que disfrutan.

Pontevedra, 1.07.2013
Entrada n. 1680 do blog
Artículo semanal, Diario de Pontevedra.

 A importancia das praias urbás,
por Xesús López Fernández
           
            Hai cidades costeiras que tiveron de sempre como reclamo turístico, como punto de encontro social, as praias do seu litoral, por exemplo Donostia ou Santander, xa dend´o século XIX. Outras irían tomando conciencia dese valor ó longo do século XX, como A Coruña, con tres praias urbás (Orzán, Riazor, San Amaro); como Barcelona, que fixo un gran esforzo pola recuperación do seu litoral; como Roquetas de Mar, en Almería, cuias seis praias urbás dispoñen do distintivo Q de calidade turística, distinción resultado do constante traballo de conservación. É máis, o concellal de Turismo e Praias ten sinalado que “ademáis de certificaren a calidade do seu litoral, é pra eles moi importante, á hora de promociona-la súa localidade no marco do sector turístico, poder contalo e presentaren estas importantes distinciós”. Consecuentemente, Roquetas é hoxe unha cita internacional ó ter sido promocionado o municipio nos mercados emerxentes, como é o caso de Rusia ou os Países Nórdicos. 

            Sería difícil decir ónde España se beneficia máis do tirón turístico das praias. ¿Canarias, Andalucía…..? En Lloret de Mar hai tempo que lle levan dado voltas ó concepto de “praia urbá”, praias rodeadas de servicios, equipamentos e ofertas de ocio do primeiro nivel. E son catro as praias do municipio que reciben o distintivo de bandeira azul, garantía de esixencias de nivel sanitario e medioambiental en canto a normas de calidade da auga, seguridade e prestación de servicios. O turismo de vacaciós “sol e praia” sigue sendo o principal producto turístico de Lloret de Mar ainda que, debido á súa evolución urbanística e demográfica, Lloret se presenta co novo acento de “praia urbá” e como gran destino turístico, pero é tamén unha pequena cidade de 40000 habitantes, con todo o que esto conleva en canto a oferta de servicios i equipamentos. I este modelo demanda unha maior relación co territorio, destacando os espacios urbáns e naturales, coa poboación (ambiente, cultura, tradiciós), coa calidade (servicios, seguridade, limpeza), e coa importancia dos atractivos turísticos dun concello no que destacan as catro praias, os nove kilómetros de costa e un rico patrimonio cultural.
       
     En Galicia temos grandes praias, pero un clima menos afortunado. Dícese que a praia de Rodas, nas Cíes, é a mellor do mundo, pero houbo actuaciós que mesmo puideron ter cambiado o destino ambiental dalgunha das nosas cidades. Nos rexistros da miña primeira memoria lembro cándo se comezaba cos recheos do Areal, en Vigo, espacio ése no que Vigo puido te-la posibilidade de conformare unha praia semellante á da Concha, en San Sebastián, e menos mal que se salvaron outras grandes praias da ría... As praias do concello de Pontevedra foron sempre praias menores, algunhas situadas no barrio da Moureira, ou as de Lourizán e Os Praceres, por certo que en tempos praia de moda, da que xa non queda nada máis que unha pequena caricatura. Pero…¿poderiase pensar en recupera-lo litoral, en conformare no espacio das marismas de Lourizán unha verdadeira praia urbá? Estou en que sí, o que demandaría un cambio de mentalidade política e un esforzo titánico. Hai  moita traición que vencer.

            Agora, cando volven falare con certa insistencia do PXOM, pró que se apuntan diversas vías, non parecen estare os nosos políticos por un labor certo máis alá da cuestión da factoría de celulosas, que uns defenden mentres outros adoutan unha actitude pouco clara, porque non se definen pola recuperación de Lourizán. Levan anos renunciando ó mar e incluso parece cabal que pra ese PXOM sobre o que volven deseñaran unha nova edar ó estar sentenciada a d´Os Praceres, talvez na banda de Poio, pola dinámica das augas e por se tratar dunha infraestructura que daría servicio a diversos concellos. I é que non se pode renunciare ó mar nen abandona-lo que é dominio público marítimo terrestre. Pontevedra pode volver ter praia, pero ha ser en base a unha Axenda21Local, necesaria pra un PXOM sen trampas. E moito máis que queda por decir.       

jueves, 27 de junio de 2013

¿MÁIS PEATONALIZACIÓN?

Dibuxo fractal, enerxía nacente, laberinto de Lou-lo-Chu, que ámbo-los dous títulos lle teño asignado e retomo pra esta entrada, un traballo xa inserido na web de Pontevedra Viva, na que están recollidos non poucos comentarios, algús con sentido común, outros evocadores do talibanismo que veu sendo norma na peatonalización desta cidade, trufada dos diagramas de Venn do antiguo matemático rotondofílico, causa principal, quizais, da ruína urbanística aquí consolidada. Eso que estaban avisados por algún comentario de Álvaro Siza, arquitecto portugués de sona internacional, no sentido de que unha certa permeabilidade prá circulación de coches era positiva prá saúde do comercio local. ¿Por qué Roma non está peatonalizada?..... Por eso precisamente.

Pontevedra, 27.06.2013
Entrada n. 1679 do blog
Traballo xa aparecido na web Pontevedra Viva con data 19.06.2013

 ¿Máis peatonalización?,
por Xesús López Fernández

            Prefiro usa-las palabras peatón, peatonal, peatonalización, que coido son tamén verbas galegas, socialmente usadas. Outra cousa é que haxa xentes que non-as queiran vere nos nosos diccionarios.  Peonil ou peón poden ter, teñen, unha polisemia que non sempre se ten en conta. Así, peón significa: obreiro que non precisa arte, trompo ou buxaina, especie de tolete que vai espichado por baixo das chedas do carro pra favorece-lo atado da mercancía con cordas, tamén chamado brión (pl. brións, briós, briois), certo tipo de peixe. E inda hai máis. Pero estou vendo que cando se indica “espacio peonil” pode mesmo estar referida esa nomenclatura a un lugar pra xogare ó trompo. Mellor, pra ese enrediño, chan terreiro.

            Pero quero referirme á nova peatonalización anunciada, á aniquilación do tráfego nas rúas Benito Corbal, Sagasta, Daniel la Sota, Castelao e Cruz Gallástegui, que coido vai máis alá do sentido común si se tenta manter viva a cidade que, se nalgún tempo foi toda ela un centro comercial, deixaría de ser cita obrigada prás xentes dos arredores que agora non precisan entrare na cidade. As grandes superficies e outros centros situados na periferia, con parking gratis total, cubren actualmente a demanda dos que foron siareiros da boa vila ó longo de séculos. A cidade en sí, en gran parte morta, parece vai morrere aínda máis.

            Alguén decía hai uns días que os comerciantes de Castelao e Cruz Gallástegui demandaban máis peatonalización e que son eles, os tendeiros, os que saben de circulación. Narices, que todo foi unha campaña montada, presuntamente, por dous hosteleiros, seguramente con local pequeno, que tentan aumenta-lo seu terraceo, nalgunhas partes de miseria total. Ocuparían así, como propio e coa claudicación dunha política urbanística xangal, espacios públicos, como en Curros Enríquez, praza da Verdura; a miseria mercantil na que se veu conformando a cidade, parques temáticos se o tempo o permite: demostración de malabares, fabricadores de pompas de xabrón e outras demostraciós de mendicidade.

            Lembro agora un vello artículo, “O laberinto de Lou-lo-Chu”, no que se describía a reconversión da urbe ós diagramas de Venn, a perda da circulación radial, a anulación das arterias e a imprantación da circulación por medio de grandes bucles urbanísticos e caóticos. No artículo aludido deciase que un camión entraba na García Sánchez  dende o espacio da Audiencia. O  conductor, un chino, parou un momento pra perguntare: ¿Avenida de Lou-lo-Chu?. Un amigo meu, que o atendeu, presinteu que o que realmente quería decir era: “¿Avenida de Loureiro Crespo?”. “Sí, sí, Lou-lo-Chu, Lou-lo-Chu" dixo o conductor un par de veces. E, como puido, o amigo indicoulle o camiño a seguir por García Sánchez, praza de Galicia, Eduardo Pondal, e que máis adiante volvese perguntare.

            A nova actuación vainos convertire en máis laberinto de Lou-lo-Chu porque a nosa sociedade non soubo comprendere o que sí se evitara na época de Rivas Fontán, cando máis de catrocentos comerciantes se opuxeron á peatonalización da zona vella. Lembremos que incluso no 1997 Ernesto Filgueira se manifestaba en contra da peatonalización salvaxe que algús promovían e que el mesmo apoiaría xa co Bloque no poder. Hoxe, a cidade está claudicando. E a deslocalización das familias, ese marcharse cara fóra, é consecuencia da denunciada peatonalización. Co novo arrebato peatonalizador, ¿qué vai pasar co Hotel Rías Baixas? A ver se aínda hai sentidiño pra non face-lo que xa está denunciado.

Pontevedra, 19.06.2013     

miércoles, 26 de junio de 2013

LUME DE SAN XOHÁN

Noite do 23.06.2013. O home fai as fogatas pra que o Sol, por imitación, non esmoreza, non se apague a nosa gran lucerna. O dibuxo é da miña autoría e xa ten aparecdo no blog como mostra do ritual máxico dos nosos ancestros pra lle transferiren enerxía ó Sol. Mellor, como se dí no traballo, lume de madeira de carballo ferido polo raio. Por certo, sei dunha carballeira na que ese fenómeno dabase con frecuencia. Algún "visionario" que non era tal decía que esos lóstregos caían alí precisamente pola existencia dalgún tipo de mineral.... Pois, sí, resulta que o lugar está agora condenado polo entreguismo da Xunta ás empresas que van convertir a Galicia no paraíso da megaminelría. Outra forma de derrotare o país.

Pontevedra, 27.06.2013
Entrada n. 1678 do blog 
Artículo semanal no Diario de Pontevedra do 24.03.2013  

Lume de San Xohán,
por Xesús López Fernández
           
            Das diversas festas nas que o lume, ó longo do ano, ten un protagonismo máxico, quizaves é o festival ígnico que acompaña á noite de San Xohán Bautista, o máis importante. Trátase dun ritual que, en non poucos países xeneralmente europeos vense celebrando dende os tempos da vella paganía. Os lumes, ás veces grandes cachadas situadas nas encrucilladas ou nos descampados, ou nos cumios dos montes pra seren así máis visibles dende lonxe, acéndense cando o astro sol se vai poñendo o 23 de Xuño, a víspera do solsticio que é cando o curso solar, despois de ter sobido polo ceo día tras día para, e dende ese intre invirte os seus pasos polo camiño celeste. O home, aínda sen capacidade pra comprendere a súa impotencia ante os grandes cambios cíclicos da natureza, comezou así a soñare na posibilidade de axudare ó Sol no seu decaimento. Daí o acendido das fogatas, pra que a nosa luminaria non morra.

            O home non quere quedarse sen luz e chega pensar que coas súas mans sempre vai ser posible reacende-la roxiza lámpara, que ésta non se apague no ceo. Algo así debeu dar orixe ás celebraciós ígnicas europeas, que prevaleceron na cuarta parte do mundo delimitada antre a occidental Irlanda e Rusia, no oriente, e dende Suecia e Noruega, no septentrión, ata España e Grecia, no mediodía, algo que nos conta James Frazer, que se apoia no testimonio dun escritor medieval cando afirma que non sóo as fogatas (cachelas ou lumeradas), senón tamén as procesiós de antorchas polos campos, ou o costume de botare unha roda, ó mellor por unha abada do monte, aviso de que o Sol comeza a descendere dalí en diante. Poderiamos traer aquí moitos exemplos en relación co folklore que acompaña  ou acompañaba ó ritual do lume, tamén de purificación.

            Na nosa terra sigue moi viva a tradición do lume de San Xohán, coido que xa  como simple  encontro lúdico antre as xentes do barrio ou da aldea: Unha ocasión pra tomare sardiñas ou pra se aventurar no salto sobre a fogata, seguramente esmorecida a creencia de que ese lume purificador pode acabar coas bruxas ou coa mala sorte. Sí que hai unha participación social, que incluso a rapazada vai porta por porta ou polo monte na procura de combustible. Pero coido que xa nadie anda á procura dalgunha ponla de carballo fulgurado (ferido por un lóstrego), atribuíndoselle en tempos a esa madeira unha virtude especial, o poder de lle transferir ó Sol máis “forza”. Pero teñamos presente que estos “xogos ígnicos do solsticio do verán” foron unha constante do mundo ario: as xentes viran en rolda ó redore das cachadas, saltan, ou fan pasa-lo gando a través do lume pra así mantelo libre de enfermedades.


            A roda xa citada tivo un protagonismo certo en non poucos lugares. E así, nalgún caso, era costume apagare os lumes todos do pobo; despois poñere unha estaca de carballo no chan e fixar nela, servindo de eixo,unha roda á que daban voltas os mozos con gran rapidez, relevándose ata que a fricción producía lume. Cadaquén acendía unha ponliña que levaba á súa casa pra acendere de novo o lume da lareira. Pero en moitos lugares era costume, despois de danzaren en torno ás lapas, volvere á casa levando un tizón que mesmo espichaban nos campos de liño pra ter así unha certa seguranza de que non se había perde-la colleita. Noutros casos son as cinzas da cachada, botadas sobre o tellado da casa, o aval de futuros beneficios. Incluso no mundo mahometán do norte de África, particularmente en Marrocos e Arxelia, tamén antre as tribus bereberes, fan fogatas o 24 de Xuño, o que proba  que antre esos pobos, como antre os cristiáns de Europa, o festival solsticial é por completo independente da relixión que o pobo profesa públicamente e constitúe como unha reliquia do paganismo. Todo este ritual festivo, na nosa terra, vai ser rubricado, no mencer do día 24, co lavatorio da cara con auga na que, ó longo da noite, estiveron a sereare as benditas herbas: lavanda, ruda, herba prata, romeu, menta, tomiño, etc…   

domingo, 16 de junio de 2013

A praza de Taksim como símbolo

 Defensores da praza Taksim e do parque de Gezi, acampados, dispostos prá defensa. 
 Unha parella de recén casados e a súa familia súmanse á protesta, á defensa do capital verde. 
Erdogan volveu á carga e actuou na praza de Taksim e no parque de Gezi. Unha vez máis puxo en marcha a maquinaria da morte, en Ankara. Coido que a primavera turca é un fenómeno distinto das primaveras islamistas que se levan producido noutro lugares. O que desta volta está asumindo a deriva irracional do islamismo radical é o propio Erdogan, que se dí islamista moderado.  

Pontevedra, 17.06.2013
Entrada n. 1677 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra


A praza de Taksim como símbolo,
por Xesús López Fernández
           
            Van alá unhas tres semáas de defrontamentos antre os defensores da praza Taksim e a policía turca que, como é sabido, ten recurrido a diversos modos de represión brutal. No artículo de hai sete días, “A primavera turca”, tocabamos este asunto. Pero os defrontamentos e a calma tensa alí existentes poden ser mellor entendidos á vista do afirmado nun traballo recén de Orhan Pamuk, o laureado escritor turco, premio Nóbel no 2006, que retrotrae o que agora acontece en Estambul, (a loita das valentes víctimas da represión policiaca con gases lacrimóxenos, pelotas de goma, auga a presión), a unha historia  persoal incluída nun dos seus libros, “Estambul”, un libro de lembranzas autobiográficas. Nel afirma que a súa familia vivía nos pisos do bloque Pamuk, que se encontra en Nisantasi. Perto dese bloque había un castiñeiro de 50 anos que, gracias a Deus, sigue estando alí. O certo é que no 1957, un día determinado e pra ensanchare a rúa que pasaba por dediante da nosa casa, o concello decide talar esa árbore.

            Os orgullosos burócratas e o goberno autoritario non se tomaron en serio a oposición que mostrou o barrio. (Lémbrome da eliminación das catalpas e dos bancos na praza da Verdura pontevedresa ou do arraso da emblemática arboreda do Campillo de Santa María, na nosa localidade, a pesar das protestas). Pero en Estambul, a familia de Orhan Pamuk tomou parte na defensa do castiñeiro. Deste xeito, o seu tío, o pai, e a familia toda saeu á rúa pra monta-la garda ó pé da árbore toda a noite, o que valeu prá súa salvación. Eso, naturalmente, convirteuse nunha lembranza que os cingueu pra de por vida, algo do que a familia procura facer memoria con frecuencia. A praza de Taksim é o castiñeiro de Estambul e debe ser protexida, afirma o premio Nóbel que vive nesa cidade dende hai sesenta anos e non pode maxinar a nadie alí asentado que non teña algún relembro relacionado con Taksim, espacio do que fai historia e que despois dos 40/50 foi totalmente deconstruído, derrubados tódo-los edificios, abatída-las árbores, prantadas outras novas e, nunha banda do parque abriríanse unha serie de locales e a galería de arte máis famosa de Estambul.

            A praza de Taksim era, nos 70, o lugar no que os sindicatos de traballadores e as organizaciós de carácter non gubernamental celebraban con emoción o primeiro de maio. O citado autor afirma ter participado nalgunha desas celebraciós, como que no 1977 morreron 42 persoas nun tumulto. E que o lugar convertiríase en escenario prá celebración de manifestaciós de grupos políticos de toda color: dereitas, esquerdas, nacionalistas, conservadores….. Pero o goberno prohibeu o pasado primeiro de maio calquer tipo de manifestación na praza. Como ademais tódo-los estambulitas saben da ameaza existente da reconversión do único espacio verde do centro da cidade en centro comercial; que son grandes cambios pra unha zona que garda  memoria de millós de persoas, e que no parque que está xusto detrás poidan estar xa a planificaren a reconversión en solar da arboreda alí existente, sen contaren coa opinión dos veciños. É algo que éstos califican como un gran erro de Erdogan.

            O Nóbel conclúe o seu artículo loubando ós resistentes estambulitas, coa esperanza de que non consintan que lles rouben fácilmente os seus relembros nen o dereito a se manifestaren na praza de Taksim. Fala de esperanza de cambio. Agora, sí, Erdogan está disposto a falare cos manifestantes. Calma espesa cando parece que o home abandonou a execución do ultimatum reiteradas veces dado (“A paciencia se acaba. Nais, pais, por favor, retirade ós vosos fillos daí”) pra que desistiran da protesta. Incluso propón a realización dun referendo sobre “reurbanización sí ou non desa zona verde”, causa inicial da protesta. E sobre o referendo existen dúbidas. Nese sentido, o presidente do Consello de Estado, o xuez Hüseyin Karakullukcu, asegurou que unha consulta non pode contravi-la decisión da Xusticia, que ten suspendido o proiecto urbanístico do parque de Gezi. Tempo difícil en Turquía polo despotismo do dictador Erdogan, do que piden a dimisión... E de novo represalias na praza de Taksim á par que o Goberno anuncia que non vai impoñe-los plans sobre o parque de Gezi. ¿Cómo se entende? 

addenda.- Este artículo foi escrito o 15.06.2013; inseridas algunhas modificaciós na fin do mesmo, na medida na que o déspota de Erdogan volveu poñer en marcha a maquinaria da morte contra a defensa social do capital verde. Máis feridos e un morto en Ankara, pero todo pode evolucionare a peor cando un político se somete ó Diktatt inmobiliario e urbanístico. 

Enlaces.-La Razón, 16.06.2013: A revolta turca mantén o pulso na rúa aínda tendo sido desaloxada de Taksim e Gezi. 

sábado, 15 de junio de 2013

A ESTAFA DAS PREFERENTES

 E así nos vai. O país en mans de incompetentes. Cada vez a peor. Nada ten de particular que estas luminarias idearan a estafa das preferentes. Trátase dun chiste de Caín, en La Razón.
 E novamente Caín distingue á hora de clasifica-las grandes forzas do país:corruptos e corruptores.
 Esteban, en La Razón, humor áxil: ¿Qué pode convir máis prá solución de tanto problema como ten o país? A linguaxe mendaz de dous "cerebros" parece unha coña...Ó mellor ata están a falaren das preferentes.

 E novamente Esteban a falar, desta volta, de corrupción interanual, que así vai a política. Ó mellor, ós cidadáns parécenos corto ese 4 por cen. 
E como a corrupción é normal en case tódo-los partidos e instituciós, Esteban apunta de novo unha solución maxistral: Unha alternancia pacífica nos escándalos.

Pontevedra, 16.06.2013
Entrada n.1676
Artículo publicado en Pontevedra Viva


A estafa das preferentes,
por Xesús López Fernández

            As Caixas de Aforros naceran como entidades con finalidade benéfico-social, cultural, científico, profesional…., chegando a gozar dun prestixio certo. Os aforros familiares eran aplicados, normalmente, a cretos prá adquisión de vivenda e por esa vía non poucos cidadáns accedemos a un piso en propiedade. O comercio entraba xa na órbita bancaria, era outro mundo. Pero algo comezaría a se acelerare nas caixas que, xa foran de ámbito provincial ou municipal, a celebración do consello sería de cada volta máis frecuente, dietas, dietas, na medida na que ían entrando no mesmo máis e máis políticos. E foron éstos os que desnaturalizaron  estas entidades.

            Presuntos especuladores do ladrillismo ou da recalificación, marcaron un ritmo novo prás vellas caixas e comezaron a entraren en eidos que non lles eran propios, mesmo no mundo industrial. As caixas comezarían así a sofriren tensiós en virtude dun crecemento non orgánico, dictado pola cobiza política. E viría o tempo das fusiós non queridas. ¡Se o propio Fraga non ocultaba a súa arela de que Galicia tivese unha caixa única e forte, algo do que o país enteiro coido está arrepentido! E os políticos nelas infiltrados seguirían coa súa idea de entraren en productos especulativos. Pero, claro, é moi fácil xogare cos cartos dos demáis, cousa que as caixas nunca fixeran, pero os políticos comezarían a deseñaren novos e tóxicos productos. E así naceron as preferentes e subordinadas.

            “Temos un producto que pode ser bo prós seus aforros. En conta a prazo case non lle renden nada, pero coesta oferta que lle brindamos, mediante a inversión en fondos garantizados, a partir do segundo ano poderiase beneficiar –falaban de ata un 40%-- das plusvalías que se vaian producindo“. “¿E se non hai plusvalías? Mellor, non, que vou necesita-los cartos en breve”… En fin, operación mal explicada (pero entendida no caso citado) na que moitísima xente quedou prendida, a maioría sen comprenderen o que lle acababan de colar, cómo quedaban os seus aforros. Xentes homildes en moitos casos, algunhas completamente analfabetas. A evidencia dunha gran estafa aparece concretada en non poucos casos.

            Non parece haber unha clara saída prás víctimas das peferentes e subordinadas, productos deseñados, parece, polo demo. As xentes fan ben en protestaren ante distintas instancias oficiales e, cínicamente, algús dos políticos ante os que protestan, como se fosen criaturas anti-sistema aínda tendo nómima privilexiada dentro do mesmo, enfúndanse a camiseta identitaria dos reclamantes. Pero eso por parte dos políticos, os inventores da desgracia á que estas xentes se viron abocadas, non pasa de douda bufonada ante tanto drama concentrado ás portas dos edificios oficiales, mesmo nos salós de actos; drama que coido conta xa con diversos suicidios, un deles en Pontevedra, un home de 82 anos que non deixou nota algunha –¿pra qué, se lle asesinaran a esperanza?--. A súa viuda, Dorinda G.C., sí conocía a causa da decisión do seu home, “preocupado pola súa saúde e porque tiña diñeiro atrapado nas subordinadas”.

            E todo, suicidios, ruínas ou quitas de máis do 60%, por se teren metido os raposos no galiñeiro, os políticos nas caixas e desnaturalizalas, que agoran son bancos, polo visto. E parece que non hai culpables, que os políticos nunca levan culpa, están blindados. Desgracia de país.

Pontevedra, 12.06.2013



                 

domingo, 9 de junio de 2013

A PRIMAVERA TURCA

En Estambul están a protestaren porque o primeiro ministro Erdogan está  disposto a claudicar ante certos intereses, a se cargare un espacio verde e a consumare o arboricidio dunha gran masa boscosa coa construcción dunha nova ponte sobre o Bósforo que conlevaría unha maior presión poboacional sobre a cidade, que xa non ten capacidade ecolóxica pra mantere ós habitantes da actualidade, que exceden en cinco veces a dita capacidade.

Pontevedra, 10.06.2013
Entrada n. 1675 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra


 A primavera turca,
por Xesús López Fernández

            Aínda non hai dous anos que estiven en Turquía. Primeiro na Anatolia, na Turquía asiática, visitando non poucos lugares que pertenceran á Grecia clásica: Esmirna, Éfeso, Mileto, Pamukkale (a vella Hierápolis, onde un equipo de arqueólogos italiáns acaba de descobri-la porta de entrada ó inferno, lugar ó que se refire Strabón, xeógrafo grego, como Boca do Inferno), Afrodisias, etc. Un gozo a visita á extraña Capadocia, tan importante nos tempos do primeiro Cristianismo. ¡E qué razas, bestas e mercancías non deberon repousare nos kervansarays, como o que visitamos na ruta das especias!. Visita pormenorizada dos lugares citados e cun guía de excepción que, xa en Estambul, nos iría explicando a carga de historia e arte de canto monumento e lugares visitamos; tamén na travesía do Bósforo ata case a bocana do mar Negro.

            Unha nova ruta aérea, Santiago-Estambul, brinda a posibilidade de voar directamente á vella Constantinopla. Xa me gustaría, pero non neste momento porque naquel extraordinario país están a pasaren cousas que comezaron por unha protesta social contra o primeiro ministro Recep Tayyip Erdogán, contra as súas licencias inmobiliarias porque a praza de Taksim, no centro de Estambul, vaise convertir en solar dun gran centro comercial i edificios de vivendas, privando así á cidade dun espacio verde; tamén a protesta social vai contra a construcción dunha terceira ponte sobre o Bósforo, non pola ponte en sí senón polo inmenso arraso que causaría na floresta turca, calculándose, según algunha fonte, en dous millós as árbores que van desaparecer. A protesta de miles de xóvenes o 29.05, foi repelida contundentemente pola policía de Erdogán, o home que declarou “Fagáde-lo que fagades, as decisiós están tomadas”, aviso ás xentes que se foran concentrando en Taksim, o distrito máis europeo de Turquía, pra impediren que as excavadoras arrasaran o parque Gezi, unha das poucas zonas verdes deste populoso barrio de Estambul.

            Se ben no comezo da protesta eran unha ducia de persoas as que se manifestaban, na fin de semáa a campaña pra salvare a zona verde tíñase convertido nun problema político a nivel nacional, reiterándose as manifestaciós e os defrontamentos coa policía en moitas cidades do país, obrigando finalmente ó Goberno a dete-la escalada represiva. Ó longo destos pasados días houbo encontros violentos en Ankara e cuantiosas concentraciós en moitas cidades, en solidariedade con Taksim, interpretándose que a presencia  do conflicto noutras partes é unha resposta á brutalidade coa que ten actuado a policía e á actitude despótica do Goberno de Erdogán. O pasado venres eran tres os mortos sabidos. Pero parece que a cuestión da “primavera turca”  está fundamentada na cuestión social e urbanística. Por exemplo i en relación coa nova ponte, arguméntase que as dúas existentes abondan e que son parte do problema principal que hoxe sofre Estambul: que a poboación concentrada nesa gran urbe sobarda en cinco veces as posibilidades ecolóxicas da capital prá súa alimentación.   

            Aínda que Estambul estea fortemente islamizada, na sociedade prima o laicismo sobre o que foi fundada por Ataturk a moderna Turquía, estando separado o Estado da relixión. Pero sí hai un malestar nos manifestantes, que invocan o nome de Ataturk, por medidas lexislativas de Erdogán, de corte relixioso, mesmo por ter multado por “inmoralidade” certos programas de televisión ou condenado por blasfemia a algún intelectual, o que fai temer á sociedade turca máis laica unha certa deriva cara un goberno islamista autocrático… Figura clave nesta “primavera” contra as agresiós urbanísticas é Sirri Sureyya Onder, un diputado kurdo do BDP que se prantou diante das excavadoras o 29.05 polo serán e pideu lle mostraran a autorización legal pra realiza-los traballos, que non existía. Pouco despois, máquinas e policías que as protexían retirabanse. As redes sociales amplificaban a convocatoria pra unha nova concetración. A “primavera turca” está a marcar, parece, un tempo novo.   

A praza da Nova Economía



Na praza da Verdura existían uns bancos de pedra espectaculares que, no arraso do espacio disposto polo Bloque, ó tempo que cortaron as catalpas do talvez primeiro bosco urbán desa especie en España, retiráronos  pra non se sabe dónde. O de cartón que se ve na foto corresponde á campaña dos Verdes no ano 2003, á que lle dediquei daquela un artículo titulado "O marketing dos homildes". Os Verdes nada conseguiron. Faltoulles pouco. E a foto publicada no Diario de Pontevedra debeulles dar vergonza  ós talibáns da gobernación local. O neno pode mesmo persoalizare a inocencia, creería que o banco de cartón era un preanuncio da reposición dos roubados, da volta do espacio á súa elegancia orixinal, a mesma loubada por Torrente Ballester cando se filmaron nela algunhas das esceas de "Los Gozos y las Sombras".  
 Praza da Verdura con gaiteiros ó fondo. A accesibilidade de Mosquera prohibida polo propio Mosquera. Non ás sillas de inválidos; non ás ambulancias. 

Pontevedra, 9.06.2013
Entrada n. 1674 do blog
Artículo editado en Pontevedra Viva

A praza da Nova Economía,
por Xesús López Fernández

            Pola que fora tavez a máis fermosa praza de Galicia, a praza da Verdura, en Pontevedra, non hai moitos domingos que unha señora, paseando por alí, descobría unhas pezas de louza das que, curiosamente, tiña fotografías por seren da súa propiedade. Eran pezas que pra ela e unha súa irmá tiñan un valor romántico e que deixaran apiadas i embolsadas nun vello piso seu pra, cando o estimasen oportuno, trasladalas a outro de nova adquisición. Resultado, aviso á Policía que identifica ós vendores, rumáns/romaneses, que afirman teren comprado o lote a un portugués. As propietarias recuperan o que quedaba da mercancía (coido que tres bolsas das catro desaparecidas), o que non impediría que días máis tarde, contra o mediodía, déranlles aviso de que alguén, vestido con roupa de “traballo” e coa axuda dunha carreta, estaba levando máis bolsas  do remanente que quedaba no vello piso, outravolta roubo con forza a pesar das medidas de seguridade adoutadas.

            Hai xa moito tempo que nesta mesma praza da Nova Economía “revitalizadora” da zona vella, un amigo mercaba un xogo de café: cinco pezas. Faltaba unha, seguramente escachada, cando lle roubaron o xogo completo nunha casa de verán, en Paramos, Tui. O home non formulou denuncia, o que sí fixo outro amigo cando veu que, ó pé do café Rúas, un fulano tiña expostas cousas que foran roubadas en Lérez, o día anterior, na casa do seu sogro. Pero máis interesante é o caso de dous candelabros, á venta na lonxa da vella Casa da Luz, antes de dedica-lo espacio ás oficinas de Terras de Pontevedra. Unha señora mostra interese polas pezas mentres outra fai un chamado telefónico. Cando a operación se está consumando comparece a Policía. A señora que fixera a chamada indicoulles: “son esos dous candelabros”. O vendedor non tiña factura de compra…. Etc. 

            Poderiamos traer aquí non poucos historias de miserias notariadas na praza da Nova Economía ou denunciar de novo a masiva ocupación dun espacio público polas terrazas, privatizado por capricho do goberno local á procura de fixa-lo seu modelo  granichán de cidade, tomada polo “aldeanismo”. A accesibilidade da que tanto fala Mosquera totalmente reventada. E inda hai poucos días contabanme nunha panadería que se achegara ó seu despacho un romaní pedíndelle que lle pesara na báscula do pan unha peza d´ouro. A resposta foi que non, que ademais de non ser de precisión, a empregada non quería saber nada con esas “historias” de ouro traído ou levado. Etc. Pero, en fin, parece que o roubo, polo que se ve na praza da Nova Economía,  convirteuse no noso entorno nunha oportunidade de traballo: pisos roubados con forza, negocios reventados, etc. Parece como se non tiveramos policía…. Ademáis de trapicheo de droga, estimamos que frecuente.

            Que comerciantes da Zona Vella e a Federación Boa Vila declararan ante os medios a súa preocupación pola degradación do entorno da vella praza da Verdura, da presencia na mesmo de colectivos marxinales, da evidencia do mercadeo, ás veces, de artículos presuntamente roubados, é algo certamente oportuno. E cerro xa este comentario coa cita doutro abuso que se dá na praza da Nova Economía, tamén Nova Ecoloxía. Un auténtico escándalo a altas horas da madrugada. Van cerrando as tascas e retiran os veladores moitas veces colocados deshonestamente. Cando xa non quedan clientes e non é molestia pra eles, fan un chamado telefónico: Comparece, silandeiramente, a carroceta de Satán. Emiten unha especie de asubío: O taberneiro saca un contenedor, ou máis, con botellas de vidrio  que voltea na carroceta. O ruído, un tronicio enorme. Desperta o vecindario, choran os nenos. E un, que non acostuma a facelo, síntese tentado a decir unha blasfemia. Pero, non, que Deus non ten  culpa. Ésta é do goberno local e dos taberneiros que cerran a hora indebida, axentes “sen oficio” na praza da Nova Economía. Algo que non se vixía. “¡Os veciños que se fodan!”

sábado, 8 de junio de 2013

IDEARIO DE LA RED DE CIUDADANOS COMPROMETIDOS

RED DE BLOGS COMPROMETIDOS. 
Ideario de la Red de Ciudadanos Comprometidos, tomado del blog EL VIENTO Y EL LEON, de Candela Canals (clicade).
Eu suscribo o ideario ó cen por cen. O país esgaza, desfaise, se non se toman as medidas necesarias pra limpa-la Política. O ideario podería servir de cuaderno de bitácora pra remedia-los nosos males.   

martes, 4 de junio de 2013

EN TORNO Ó EUCALIPTU, PASANDO POR GALEANO

O protagonismo incendiario no Parque das Fragas do Eume estivo marcado polo eucalipto. Non se entende o bestialismo dos provocadores, tendo sido apuntado por alguén a posible intención de acabar co parque porque na zona hai presencia de andalucita, mineral estratéxico, nun momento no que os responsables da nosa Economía parecen dispostos a entregar Galicia á megaminería, algo contestado masivamente este pasado Domingo, en Compostela. Sigue un traballo publicado na web de PontevedraViva, o 3.06.2013, tomando referencias de Eduardo Galeano, que na súa obra fala da prantación industrial de Eucaliptus, soldaditos que provocan "fueguitos", dí o home comprometido coa Ecoloxía.   

Pontevedra, 5.06.2013
Entrada n. 1673 do blog
(Artículo publicado en Pontevedra Viva)

En torno ó eucaliptu, pasando por Galeano,
por Xesús López Fernández

Pode que no horizonte dos corenta ou cincoenta do pasado século arrancara xa a colonización da nosa terra por medio das prantaciós masivas de piñeiros insignes ou radiatas (que hoxe vemos en gran parte infectados de procesionaria) e de eucaliptus, a árbore gasolina según lle denominan os bombeiros califoniáns. E toda esa colonización dictada, ó parecer, pola UE, condenada Galicia, con políticos mediocres, a fabricar materia prima prás pasteiras contaminantes cando non a albergare a estas industrias de vertedeiro que sí poden xerar riqueza, pero non pró país, senón prós colonizadores, ó tempo que se cargan as rías e disparan as estadísticas de non poucas enfermedades. (O que teña curiosidade pode consulta-las estadísticas de enfermedades de obrigatoria declaración, de cuios retoques debería saber non pouco o finado de Fraga).

Poderiamos contar algo da historia incendiaria que, como escándalo, veu sendo unha das características desas prantaciós masivas que serviron, incluso, para impulsare máis a emigración das nosas xentes, pra matare aldeas. Anos de triste relembro o do 1989, co conselleiro Miguel Sineiro, socialista, e o 2006, co conselleiro Suárez Canals, na gobernación do bipartito. E inda está recén o incendio no Parque das Fragas do Eume, no que o eucaliptu tivo tamén un protagonismo infernal. Claro, esas prantaciós foron un verdadeiro disparate, á par que o noso monte perdía valor e a vexetación climax resultaba arrasada. Pero fixémonos nalgunhas cousas que dí Eduardo Galeano, cidadán universal: “Nas novas prantaciós madereiras non cantan os paxaros. Nada teñen que ve-las vellas fragas aniquiladas, que eran pobos de árbores diversas apertadas ó seu xeito e maneira, fontes de vida diversa que sabiamente se multiplicaba a si mesma, con estos exércitos de árbores todas iguales, prantadas como soldaditos en fila e destinados ó servicio industrial”.

Galeano é un dos escritores máis comprometidos coa realidade do mundo e dos seus pobos, i é conocido pola súa obra clásica “As veas abertas da América Latina”, editada hai xa máis de 25 anos, obra que marcou o punto de partida da súa cruzada sen claudicación por un mundo máis libre i equitativo, no seu permanente compromiso pola xente e o ambiente do que todos dependemos. E como cidadán uruguaio tivo que se involucrar na loita contra a instalación no seu país de xigantescas pasteiras –a finlandesa Metsa Botnia e a española Ence--, que se fornecerían de monocultivos de eucaliptus imprantados en territorio uruguaio destinados a mante-lo consumo insustentable de papel e cartón dos países do Norte, sobre os que Galeano xa tiña unha opinión clara no 1994 cando no seu libro “Úselo y tírelo” decía: “Pero resulta que os banqueiros abandonaron a usura pra consagrárense á ecoloxía, a proba está: o Banco Mundial outorga xenerosos crétos prá forestación. O Banco pranta árbores e recolle prestixio nun mundo escandalizado polo arraso da súa flora autóctona. Conmovedora historia, digna de ser levada á televisión: o destripador distribúe membros ortopédicos antr´as víctimas das súas mutilaciós, como cando aquí Fraga subvencionaba o abandono das terras de labor a cambio da prantación de eucaliptus, algo que se pode apreciar moi ben dend´a nova terminal de Lavacolla: o avance escandaloso dos “soldaditos” de Galeano no que foron veigas, campos, onde agora xa non cantan os paxaros. [….] Poderiamos seguir con Galeano, que queda moito por decir, pero un protagonista minúsculo, o gonipterus scutellatus está a comprometere a vida desas prantaciós… 

Fracasada a loita biolóxica por medio da anaphens nitens tense recurrido a insecticidas hoxe prohibidos, que poderían incluso acabare coas abellas. Estamos avisados do peligro mundial, como tamén (Albert Einstein dixit) de que a vida de moitas prantas, incluso a vida do home, depende da permanencia da abella nos nosos ecosistemas. Se acaso, mentres algús dos nosos políticos poden sentírense rufos coas súas decisiós, rubriquemos estas líneas con palabras do autor uruguaio: “Pero ocurre que os finlandeses prantan no Uruguai os boscos artificiales que en Finlandia están prohibidos polas leis de protección á natureza”. Aquí pode que algún “doudo iluminado” afirme que hai que potenciar aínda máis a prantación do eucaliptu, “a nosa vexetación clímax”. E aquí salta a chispa, que o dos incendiarios pode ser incluso traballo inducido sendo como é o lume un dos métodos de expansión do eucaliptu, téndose contado 22000 renovos de cepa en hectáreas queimadas desta árbore.

Pontevedra, 3.06.2013


domingo, 2 de junio de 2013

MAIO DE CHORIMAS

Senda antre toxos, protagonistas da paisaxe. 
 Monte chorido de toxos, unha forma de facer paisaxe i economía.
Toxos, primeiro plano. Serra de Calvos, Vilasouto.


Pode que nalgunhas casas aínda presenten na porta, mesmo na entrada do cortello, unha ponla de toxo ou de xesta, pra dese xeito evita-la meiguice, a influencia negativa das bruxas.

Pontevedra, 3.06.2013
Entrada n. 1672 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra.

 Maio de chorimas,
por Xesús López Fernández

            A palabra chorima úsase pra designare a flor do toxo e tamén a da xesta. E hai non poucas variantes en relación coa mesma: chorida, churida, chusmigo, charuma, chiruma, churuma, churima, chirumia, chouruma, tomadas de diversos vocabularios. Considerando como canon “chorima” ou “chorida”, as demáis serían dialectalismos. Pero hai máis e as etimoloxías fan deseños diversos porque o infinitivo “choridar” significa “florecer” e, consecuentemente, “chorido” equivale a “florido”. Elixio cita “chora” como floración ou tempo dela e que en Celanova “chor” sirve pra nomeare a flor silvestre, ou que os portugueses aplicarían esa palabra ás flores dalgunhas árbores e, dentro desa familia de palabras, o autor dí que en Cespedosa, Salamanca, dáselle o nome “lloro” á flor do cereal. O P. Sarmiento estudiaba no XVIII a etimoloxía de “chorima” e “chorida”: flos, florida, chorida, chorima, evidente a palatalización do “fl”.  

            Anque Maio xa pasou, o protagonismo das chorimas na nosa paisaxe sigue, talvez porque tivemos un inverno demasiado longo, i esa humedade axuda a mantere non poucos espacios da nosa terra da color do ouro. Chorimas de toxo ou xesta retomaron un protagonismo certo en montes rasos, mesmo nos comareiros ou arróos, arroleiras ou madarrós, terreos incultos que enmarcan as autoestradas, como se tentaran configurare un continuo i espectactular xardín. I é que ambas prantas non poden esquece-los servicios prestados prá pervivencia da nosa terra, que ademáis de favorece-lo crecemento dos piñeiros mantiveron, integradas no esterco, a fertilidade dos nosos campos. Sen embargo, hoxe son un problema as escorrentías do zudre das granxas que unha granxeira --¿de Monterroso?-- tentaba hai uns anos resolvere precisamente por medio do homilde toxo. Propietaria de varias hectáreas mercara máis terras prá sementeira desta pranta e reconvertila en esterco nunha balsa común cos puríns da súa explotación, un xeito de entende-la ecoloxía, a sustentabilidade, de adaptala ós novos tempos.

            ¿Pero é que o toxo non pode ter, por si mesmo e como materia prima un valor certo? ¡Si ata se conseguira un combustible apto prá circulación de vehículos! Como prá fabricación de licores ou útil tamén prá preparación de infusiós especialmente indicadas nas enfermedades hepáticas. Estímase que unha pranta de toxo, do que existen  diversas variedades, pode producir 20000 sementes que poden aguardare 70 anos sen xermolare. I este pasado Maio lembreime do poema de Noriega Varela, o poeta de Mondoñedo, aquel que dí: “As floriñas dos toxos./ Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!/ Eu venero as floriñas dos toxos./…. Dos toxales as tenues floriñas, / que sorrín, a medo, entre espiñas./ Entre espiñas que o ceo agasalla/ con diamantes as noites que orballa./ Oh, do ermo prezado tesouro:/ as floriñas dos toxos son d´ouro!/ De ouro vello son, mai, as floriñas/ dos bravos toxales, das devocións miñas!”

            E prefiro este ouro da paisaxe, útil tamén o toxo prás prantas de coxeneración, que non o que poida nacere da megaminería coa que, din algús, tentan reventaren a nosa terra.  E quedan atrás datas nalgún tempo tinguidas de superstición: o un de Maio, o Beltane do mundo celta, cando o gando volvía ós campos ata Tódo-los Santos, o Samaín, o comezo do novo ano. O ritual ígnico do Beltane, o lume das cachadas acesas nos cumios dos tesos, tiña como fin o de afuxentare ás bruxas e protexe-lo gando dos seus nemigos naturales: o raposo, o lobo, outros. Os maios e cruces da nosa terra, nos que as chorimas teñen un protagonismo real, son restos dun tempo no que Europa veneraba as árbores, no que o home vivía inmerso na natureza. A Administración anuncia a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente pró día 5 de Xuño, ata o 9.06, parece que en clara contradicción con outras actuaciós certamente antiambientalistas, cando a nova Lei de Costas 2/2013 (Boe 30.05.2013) non parece aporte nengunha mellora en relación coa anterior, que sí era magnífica.