viernes, 26 de octubre de 2007

CANDO VEÑA A NUBE [16.12.1991].

Antes e despois de Lourizán. Arriba, o Lourizán que algús aínda lembramos; abaixo, o Lourizán agredido polas industrias de vertedeiro alí instaladas, antre elas Elnosa. Ademais seguimos co peligro da nube ou do mercurio que tamén vai á atmósfera. Fantasía informática do autor, xa presentada neste blog.
Pontevedra, 26.10.2007

Na fin deste mes debería quedar concretado o cerre de Elnosa, que carece de AAI [Autorización Ambiental Integrada]. Sen embargo, os erros cometidos polo Concello e a intervención no caso dun xuez que non estimou a información do Axuntamento, poden significar que aínda permaneza en Lourizán, por un tempo, o que é unha clara ilegalidade, ademais de peligro. Este traballo que hoxe deixo pendurado no blog fixo o n. 3 das cartas ecolóxicas publicadas no vello Xornal Diario, de Pontevedra, xa desaparecido. Nada do que nela se dí vai en contra da aplicación da lei, todo o contrario. Destaquemos que Salvemos Pontevedra hai tempo que ten presentada a correspondente denuncia xudicial, en función da nulidade radical da dita industria, da que solcita o oportuno cerre.

xd-cartas ecolóxicas 3 [16.12.1991] CANDO VEÑA A NUBE por Xesús López Fernández

E veu o arcanxo Dositeo (Rodríguez) a Pontevedra pra nos dá-­lo anuncio de que aquí estaban el e mai-los anxos encargados da protección dos homildes, da protección civil, e que chegaran a tempo, a Deus gracias, de torce-lo rumbo da historia. A nube de cloro, hai tempo temida polos cidadáns avisados dos pecados do Maligno, non sería xa posible. Quedaban atrás anos de anguria, de temor, consolados pola afirmación de algún que outro anxo menor: "-O cloro, en definitiva, está aí, e hai que se afacer a manipu­lalo."

Pero nun contexto escatolóxico non podemos esquece-la po­sible reiteración ou aplicación aquí dalgún dos avisos do Apoca­lipsis, así cando dí: "O primeiro ánxel tocou a primeira trompeta e caeu sobre da terra unha como chuvia de sarabia e lume mestura­do con sangue: ardeu a terceira parte da terra e a terceira parte das árbores e toda herba verde."

Tratándose dunha nube de cloro é evidente que non quedaría unha herba verde. Pero estamos a falar tamén de vidas humás. E abondarían tres minutos pró desastre, ou quince pra que a nube acadase a cidade e miles de cidadáns atopasen coa súa chegada un­ha morte certa. Dositeo no-lo contóu de forma moi directa, moi viva, como fan os anxos e mai-los arcanxos cando avisan.

Os ánxeles son espíritos puros nos que non cabe retracto. Daí que o Demo siga sendo demo, porque permanece na súa actitude de rebeldía contra Deus. E ten moitos seguidores, sobre de todo antre aquelas xentes que detentan o usufructo do Poder. Son le­xión. Mais algo parecéu que cambiaba aquí coa mensaxe arcanxélica de Dositeo, cuia marcha atrás non se ben entende, salvo se comprendemos que aquí non se tomou decisión algunha. Aquí houbo, simplemente, unha especie de ceremonia da confusión na que algús puideron creer que esto escomezaba a funcionar como Estado de de­reito.

Prós que aínda esperen con inocencia que esto poida cam­biar algún día, cando a democracia deixe de estar secuestrada, están especialmente indicadas as palabras de Juan Fernández ou as novas de Dositeo no sentido de que o R.A.M.I.N.P., do 3o.11.61, non ten aplicación no caso de Elnosa, cuia licencia foi outorga­da no 1967. Non entendo o que queren decir cando afirman que o Regulamento non pode ter unha aplicación retroactiva, cando re­sulta que estaba en vigor no momento de se instalar en Lourizán a fábrica de cloro. ¿Cómo se pode envilecer así o Poder e facerse capaz de tal aserto?

Non me queda outra conclusión que invocar á Divina Providen­cia -- eu sí -- e pedirlle que non consinta se libere a nube de cloro; que non interveña nengún anxo exterminador, aínda que Do­siteo Rodríguez e Juan Fernández nos teñan dado garantías de que vai ser unha nube pequena e controlada.

Asdo. Xesús López Fernández

No hay comentarios: