martes, 11 de diciembre de 2007

DE TERMITAS E URBANITAS [5.03.1999]

A ría, medio sensible, irase convertindo en cloaca no prazo medio. Interpretación plástica de Xesús López.


Modelo de "revitalización". O rastro dominical nun espacio degradado, onde é frecuente atopar cousas roubadas.

Pontevedra, 11.12.2007
Este artículo do 1999, agora que o leo de novo, vexo resultou verdadeiramente profético. Como ademáis nese ano perdeu o PP o goberno da cidade, a cousa cambiou a peor, con máis dosis de aldeanismo en cada actuación urbanística levada a cabo. Non se acadou o prometido: a revitalización da zona. Pero como burla mantense a sobrecarga de bulla, máis de circo, e así, méntre-los residentes sofrimos esas agresiós chegan xentes a ver algún que outro espectáculo, como poderían vir ó circo. E pra montar un circo abonda cunha campa máis ou menos grande. Pero nun entorno urbán revéntase todo, lacérase cada vez máis ó vecindario, que non resiste. Pontevedra, zona vella, ruína total. Perdón.

DE TERMITAS E URBANITAS [5.03.1999],
por Xesús López Fernández
Contou a prensa estos días que nunha igrexa, en Salcedo, o retábulo morría porque trazas e termitas fixeran nel galerías e, ata que os restauradores finaron a reparación, couzas e termitas rilaban, comían, ata a demolición. E a reparación fai posible que a liturxia alí siga, que haxa un futuro certo de misas e avemarías. Pero hai pestes que nos cercan con máis forza, con máis carga de desprecio que carcomas e termitas: os chamados urbanitas.

Vexamos de qué vai a cousa. O vinteún de febreiro chegou un boleto a casa --realmente un boletín, Herrería— que o Concello está a editar. A demora non importa –é de decembro o papel— i encetan porta por porta a explicarnos o seu plan: impulsa-lo tecido económico da Zona Monumental, preserva-lo patrimonio; un plan de integración social, de acollida a transeúntes e ó enfermo terminal, a xentes sen familia, no inmoble número 2 da rúa da Fariña. E con fondos europeos dícen que van convertir en centro moderno e distinto o vello Mercado que nadie vai conocer. A ver, a ver. Mais non falan de parkings na zona i eso de certo condena a obra a ser un comecartos sen sentido, sen fomento dos servicios necesarios nunha cidade tan vella que pouco a pouco se pasma, casa a casa. E os urbanitas do Urban se ufanan da Zona Vella, dunha zona degradada, sucia ó par que abandonada. E no boletín presentan a cidade engalanada con adorno funeral, guirnaldas de tanatorio cara un tempo que virá. Porque con actividades lúdicas, --¿máis frautistas, aínda máis?-- i edificios de acollida non se acaba o noso mal. Tendas morren día a día porque non lle dan servicios; toda a cidade agoniza, é unha enferma terminal.

Os urbanitas trepanan como a couza nos alicerces de antano que dormían soterrados. Desprecian o noso pasado, profanan as pedras vellas como fixeron hai anos cando no Burgo atoparon o noso pasado romano: o leigado de Adriano, ponte, camiño, miliario. Mais eso non lles preocupa. Hai que facer ruído, furar, colapsa-la cidade, furar, encher de ruído día e noite deste enfermo terminal no que veu dá-la nosa cidade. Enche-la noite de ruído, cerca-la cidade de cloro, deixar sen músculo o mar, que ó mar lle pesa o mercurio e non sabe camiñar cara o fondo de xunqueiras, cara o río monacal que, despois de oficiadas liturxias de montes e de fontes, ante San Benito e San Xoán, dábase con gozo ó mar. Liturxia suprema con fondos de ostras e de areas, con lampreas que sobían, con seráns longos de reos e robalizas: a vida.

Poden os urbanitas seguir co seu buzoneo. Pero non fan urbanismo porque eso sería outra cousa. A cidade ha ser sostible e Xerardo Estévez dixo: hai que redeseñar espacios con calidade de vida, hai que coida-lo medio ambiente. ¿Cidade sostible? Parece imposible. A cidade parouse en moitas casas. Oficio de defuntos é o que lle queda ós partidos arestora sen discursos de novas alboradas. A cousa non se resolve co buzoneo. O decía Racionero: o urbanismo, a organización do espacio exterior, haino que pensar dende unha óptica interdisciplinar. En Madrid están a facer eso, pensa-lo futuro. Pero aquí semella que o futuro xa pasou, que non pode haber máis vida e que a cidade xa non é cidade porque renunciamos a facer presente o noso pasado e a abrilo pró futuro. En fín, buzoneo ou bufoneo, qué máis ten. Liturxia de marea baixa, de cloacas. O futuro dos trépanos urbanitas e de riladoras termitas aí ven.

No hay comentarios: