domingo, 16 de marzo de 2008

NO UMBRAL DO CAMBIO ECONÓMICO [17.01.2008]

Xunqueira de Lérez, hoxe desecada non sendo o espacio denominado "a illa das esculturas". A agresión ós humedales, relicarios de vida, é algo que hoxe está penalizado. Esta xunqueira cumpría a función de depuradora biolóxica. E non se decataron os merluzos.
Está claro que, coa presencia de Ence nas marismas de Lourizán, non podemos falar de umbral de recuperación económica ou ecolóxica da ría de Pontevedra. Por outra banda hai signos alarmantes. Con novos recheos na zona de Estribela, presuntamente son varios os grupos que queren convertir Lourizán en solar. Case podemos cruzar apostas, facer unha timba na rede: ¿Vostede qué pensa, que se vai recuperar Lourizán ecolóxicamente ou que, finalmente, todo vai ser solar?. ¿Atrévese a poñer nome ás empresas beneficiarias? Hai agora un ano que se conoceu a sentencia do Tribunal Supremo, confirmatoria da do TSJ de Madrid, en relación coa ilegalidade dos pasos a nivel d´Os Praceres. Tamén cabe na aposta: ¿Levantarase a vía?. ¿Somos Estado de Dereito ou Estado de Desecho?. Aposten.

Entrada n. 452 do blog.

Pontevedra, 17.03.2008

O traballo desta data ten un enfoque xeneralista. Poderiamos falar de cousas máis concretas, das novas agresiós planificadas pra esta nosa terra: O Plan de Acuicultura do PSOE-BNG, peor talvez que o do PP, no que se inspira como modificación do mesmo; as diversas agresiós urbanísticas do litoral, como na Granxa, en Sanxenxo, ou a pretensión de canoniza-los abusos dos núcleos de Marín. Intereses particulares bastardos andan polo medio porque no fondo está a teima destas xentes en se carga-la Lei de Costas ou en salva-la súa "casiña" ilegal, con sentencia de derribo. Coesta tropa política, especialmente dende a consellería de Pesca ou a de Ordeación Territorial, están a promoveren o holocausto final desta terra. Sería bo que o Worldwatch Institute tivese conocemento cabal do que aquí está a pasar.

No umbral do cambio económico [17.03.2008],

por Xesús López Fernández

Case tódo-los días chéganme correos electrónicos de Google, alertas sobre novos problemas ecolóxicos, de que decote estamos máis nun mundo en regresión. E diríase que os gobernos non queren tomar conciencia das medidas a adoutar pra ver de evita-la fin á que parecemos abocados. Non poucas das alertas fan referencia a información tirada do último estudio do Worldwatch Institute, A Situación do Mundo 2008, a edición do 25 aniversario do Instituto que ten laborado por marca-la necesaria folla de ruta pra esta sociedade global que, por esquece-los obrigados deberes en materia ambiental, pode atoparse na situación extrema de non ter xa conciencia “pra critica-lo sistema económico do século XXI, dado o nivel de confort, de comodidade e de oportunidades sen precedentes proporcionado pola economía mundial ó longo dos cen últimos anos”. Así comeza o capítulo 1 do devandito estudio, titulado “A sementeira dunha economía sustentable”.

O libro ten 14 capítulos e diversos apéndices, traballos densos que haberá que ter como referencias a consultar no acordeón que vai dende o primeiro ata o apéndice que analiza “A economía crítica e solidaria: perspectivas teóricas i experiencias prá construcción dunha economía alternativa”.Pero regresemos ó capítulo primeiro, no que Gary Gardner e Thomas Prugh estudian con cifras o crecemento da economía e da esperanza de vida, de cómo a sustitución do traballo persoal pola maquinaria, tractores, excavadoras, acabou prácticamente coas tareas máis duras, mentres que o coche, os aviós, os ordeadores e o teléfono de peto ofrecían novas i estimulantes oportunidades de traballo e de vida, portentos que parecían evidentes, pero...... Pero outros indicios apuntan a que o sistema económico convencional pasa por grandes problemas e require unha urxente transformación. E os autores repasan unha serie de efectos consecuencia da actividade económica moderna, que teñen sido enumerados nos últimos 18 meses, procesos de evidente aceleración:

1.O nivel de CO2 na atmosfera máis elevado dos últimos 650000 anos, a temperatura da Terra, camiño de niveles desconocidos en millóns de anos e pró 2020 a capa de xeo do océano Ártico podería desaparecer durante o verán; 2. Unha de cada seis especies de mamíferos europeos está ameazada de desaparición e as pesquerías de tóda-las especies mariñas poderían colapsarse no 2050; 3. O número de zonas mortas dos océanos por falta de osíxeno ten aumentado de 149 a 200 nos dous últimos anos; 4. A contaminación atmosférica urbáa é causa da morte prematura de dous millóns de persoas por ano; 5. O esmorecemento da poboación de morcegos e abellas, e outras especies polinizadoras, sobre todo en Norteamérica, está poñendo en peligro cultivos i ecosistemas; 6. O petróleo. Estímase o zenit da súa producción nun límite de 15 anos.

Quedan moitas cousas por sinalar como é a incidencia da acción do home sobre a paisaxe, o litoral, as augas doces, as zonas húmedas, o urbanismo demencial, etc. Cando a UE se dispón a adoutar unha serie de medidas en contra do cambio climático, asumido que o mesmo actúa como multiplicador de ameazas, suporá un gran esforzo vence-las inercias de tanto mal como levamos vivido. Mentres o home vivía coa natureza e da natureza, o desenvolvemento sostible era unha realidade certa. A soberbia levouno á situación extrema na que terá de reinventa-la sustentabilidade. A Igrexa, cada vez máis ecoloxista, lémbranos “Non contaminarás”, en sintonía co apuntado por Galeano en “El derecho de soñar”: “La Iglesia también dictará un undécimo mandamiento, que se había olvidado al Señor: Amarás a la naturaleza, de la que formas parte”. O tema, a necesidade de cambiar de pautas, de nos achegar á natureza con respeto, queda apenas insinuado neste traballo. Podemos estar, talvez, no umbral do cambio necesario. Se aínda estamos a tempo.

No hay comentarios: