domingo, 25 de mayo de 2008

AS PALABRAS DA AUGA [26.05.2008]

O Brado, de Münch. A corrupción dun medio sensible. A figura que aparece no primeiro plano pode representa-lo subconscente colectivo que adquire conciencia da desfeita da nosa ría. Pola pasarela de Ana Pastor --Os Praceres-- que podemos maxinar xa acrecida polo tramo que proiectan Lores e Mosquera --ata As Corbaceiras--, parecen camiñar dous persoaxes --¿un concellal, un capo mafioso, un contratista?--, valorando talvez as posibilidades de convertiren en solar a chousa, a cerrada marismeña de Lourizán, hoxe ocupada por Ence-Elnosa; en seguiren apropiándose dun medio sensible, do dominio público marítimo terrestre.

Pontevedra, 26.05.2008

Entrada n. 492 do blog.

Este é o traballo remitido esta semáa a diversos medios. Propóñome, ó longo do mes de Xuño, seguir facendo diversos comentarios en relación co tema da auga, seguindo un pouco o guión, no posible, marcado por algunha das persoas citadas no traballo. O tema da corrupción política ó que se refire Garrigues Walker é algo que ós pontevedreses non se nos escapa; que comprendemos que esa descomposición ven sendo unha especie de conxunto intersección no que converxen os diversos partidos e mai-los grupos de presión.

As palabras da Auga [26.05.2008],
por Xesús López Fernández
-
Con motivo da próxima Expo de Zaragoza está prevista a edición dunha colección “especial”, “Palabras da Agua”, que vai incluir 17 relatos de xentes do mundo da política, a ciencia, a poesía e o dereito, de diversas sensilidades. Algús dos escritos van ser presentados polos autores durante a celebración da Expo, presentes eles no pabellón da Tribuna da Auga. E citaremos en primeiro lugar o relato colectivo titulado “Auga prá paz”, participado por Mijail Gorbachov, Shimon Peres, Stavros Dimas, Anna Tibaijuka, Loic Fauchon, Michel Rocard e Mahmoud Abuzeid, que abrangue referencias a iniciativas de carácter internacional que nas últimas décadas contribuiron realmente a que a auga sexa un elemento de paz antre certos pobos. Os diversos autores fan novas propostas prá prevención de conflictos e fomentaren tamén a cooperación e a solidariedade internacional en relación cos recursos da natureza, sempre tendo en conta a idiosincrasia particular da problemática no diverso mundo.
-
Esta colección vai ser un referente, un plan pedagóxico pra nos familiarizar coa realidade de que sen auga nada somos, posiblemente máis fáciles de entender unhas mensaxes que outras aínda sendo todas avisos urxentes. Sen auga non hai sustentabilidade; sen auga, esto se acaba. Así, Vandana Shiva, Premio Nóbel Alernativo, titula a súa aportación “A auga e a biodiversidade do Planeta”, na que apunta novas ideas e perspectivas pra unha máis respetuosa relación dos homes con Natura: que cambiémo-las nosas conductas coa auga e resolver así a perda de biodiversidade e outros problemas… Rigoberta Menchú fala no seu ensaio, “A auga e a Humanidade…”, das técnicas indíxenas, ó longo da Historia, pra aproveitaren os recursos hídricos sendo respetuosos co medio; que mesmo nos diversos pobos nativos que cita, de América, África, Asia e Oceanía, as culturas indíxenas manteñen [en relación coa auga] identidades propias, pese a teren sofrido procesos de colonización que mesmo arrasaron co uso case sacral da cousa polos nativos.
-
Marina Silva, a protagonista do meu relato de hai sete días, “Malas novas da Amazonia”, tamén fai a súa aportación, “Novas estratexias pra frea-la deforestación amazónica”, centrada no ecosistema amazónico, do que depende o equilibrio ecolóxico do conxunto do Planeta, e propón ideas e decisiós coa fin e reverti-las tendencias deste momento na línea dun desenvolvemento social, económico e ambiental equilibrados daquela rexión... Wangari Maathai, Premio Nóbel da Paz, contribúe cun documento, “Novos retos pró desenvolvemento sustentable, especialmente en África”, no que reflexiona sobre as grandes encrucilladas do futuro no seu continente: a probeza, o crecemento demográfico exponencial, a degradación dos recursos, a paz, un canto á esperanza de África e do conxunto da Humanidade, onde a auga funcione como símbolo de transformación, progreso e xusticia social.
-
Citemos tamén a Antonio Garrigues Walker, que cun enfoque pragmático contribúe á colección con “Transparencia e loita contra a corrupción na xestión dos recursos naturales”. Refírese ás prácticas necesarias pra unha xestión máis eficaz, xusta e limpa dos recursos hídricos a escala local, rexional e global. A corrupción, afirma, e a falta de transparencia na toma de decisiós –deshonestas ás veces-- son atrancos certos que poden mesmo atrica-la boa xestión da auga en amplias rexiós do mundo, algo que os pontevedreses sabemos dende hai anos, sen ver que se cambien pautas ou apliquen leis máis alá da farsa institucional como norma pra resolve-las cousas, promesas que leva o vento… Outros autores importantes entran na colección, sobre a que volverei. Citarei hoxe o ensaio de Riccardo Petrella, politólogo i economista, “O manifesto da auga do século XXI”, a cuia obra procurarei achegarme nun próximo traballo por sé-lo autor unha figura de renome mundial, que conclúe o seu documento cunha afirmación optimista: a auga como ben común e dereito universal.
-
ILUSTRACIÓN TRABALLO.
-
Novamente o mal de Minamata ou Minamata disease. Aínda que os falantes se expresan en xaponés --un europeo faino en francés--, seguro que os entendemos. Téñase presente que, a día d´hoxe, aínda hai uns 10000 xaponeses afectados polo envenenamento pendentes de seren indemnizados. A cousa está clara: cando se corrompe a auga ou se ataca á vida, con mercurio, zinc, cadmio ou endrín e dioxinas, sobrevén o peor. A biodiversidade vese ferida, parte d´esa ferida maior recibida pola auga. I esa ferida instálase de xeito implacable nos humáns. Pode ser unha consecuencia da corrupción política existente aínda que os políticos queiran mostra-lo seu mal, en Pontevedra, como zona C, como acontece en Lourizán a efectos do marisqueo, como si eles non tivesen culpa cando son os causantes reales do mal notariado e que agora, lonxe de teren capacidade pra unha rexeneración certa están a consideraren a posible reconversión das Marismas de Lourizán en gran solar prás inmobiliarias amigas. O cadro de Münch parece ilustra-lo que aquí acontece a consecuencia da corrupción que denuncia Garrigues Walker e que nós percibimos.

THE MINAMATA DISEASE.

No hay comentarios: