sábado, 1 de agosto de 2009

En Terra Santa, 3

Cesarea Martítima. Restos do acueducto román, ante a praia.
Jaffa, hoxe dependente de Tel-Aviv, da que forma parte.

Vista do Mediterráneo, dende Jaffa.
Porta de San Pedro in Gallicantu.
Interior do Cenáculo.
Cripta da Basílica da Dormición. A Virxe dome..
Eucaristía na Basílica da Dormición.
Frontis da Basílica da Agonía.
Olivo de Getsemaní. Véase entrada anterior titulada "Getsemaní e Dominus Flevit".
Casa de Marta e María, en Betania.
No mesmo lugar. Así sería a tumba de Lázaro, a escasa distancia.
A pedra, no Ímbedon, dende a que Xesús ascendeu.
O edículo que blinda a pedra sagrada da Ascensión.
O Paternóster en máis de cen idiomas. Tamén en galego. Pero vése que xa daquela había enanos infiltrados na Xunta, porque dí Xunta de Galiza. (Clicade pra amplia-la foto) O ailanto, a árbore do Paraíso, abunda en Xerusalén. É moi invasiva.
Barrio armenio de Xerusalén.
Barrio armenio.
No patio de entrada á basílica armenia.
Pórtico da basílica-catedral de Santiago o Maior, dos armenios de Xerusalén.
Interior da basílica.
Detalle no entorno da basílica.
O cardo máximo.
-
Pontevedra, 2.08.2009
-
Entrada n. 1026 do blog
-
En Terra Santa, 3,
por Xesús López Fernández
-
(continuación). 10.07. Outro día de madrugar, outra xornada intensa con meta en Xerusalén. Itinerario cara ó litoral mediterráneo, co obxetivo dunha primeira parada en Cesarea Marítima, porto construído por Herodes o Grande. Permanece en pé parte dun acueducto román que traía auga dende o acuífero do Monte Carmelo, por gravedade, e foi recuperado un anfiteatro construído en tempo de Poncio Pilato. Alí existe unha praia con areal largacío, xa concurrida ás 8,30 da mañá. Seguiriamos a Jaffa, hoxe fundida con Tel-Aviv, con visita á igrexa de San Pedro, franciscáa, con memoria de construcciós cruzadas, onde se pode vé-la habitación na que Bonaparte estivo unha temporada. Jaffa, con presencia cristiáa dende os primeiros momentos é sede titular do Patriarcado de Xerusalén. Alí foi onde San Pedro devolveu a vida á viuda Tabita (Feitos, 9,36-42), cuia tumba aínda é destino actual de peregrinos. A cidade ten un vello porto pesqueiro e modernos peiraos polos que entra o carbón procedente de Sudáfrica. É centro turístico importante.
-
Seguimos a Xerusalén, cidade complicada sobre todo pró que a visita por primeira vez. Visión panorámica pra, despois de nos instalar no hotel e xantare, cobri-los obxetivos marcados prá tarde: Visita do monte Sión Cristián: Polo barrio armenio de Xerusalén achegámonos a San Pedro “in Gallicantu”, onde se conmemora o arrepentimento de Pedro. No espacio están á vista unha serie de furnas ou confurcos, cisternas pensadas pra unha gran capacidade. Tamén visitámo-la Basílica da Dormición de María, preciosa, que ten varios niveles. Na cripta aparece unha imaxe da Virxe, xacente. Na basílica teríamos unha eucaristía, concelebración presidida por don Julián. Visitamos tamén unha unha comunidade de franciscáns, de seis, da que forma parte un ourensao que leva 36 anos na Terra Santa. Pero o momento culminante foi a visita ó Cenáculo, o lugar no que se celebrou a última cea, onde Xesús aparecería resucitado ós apóstolos; o lugar tamén do acontecemento de Pentecostés e no que a Igrexa foi fundada.
-
O lugar é propiedade da Igrexa Católica dende o 1342 por cesión do rei de Nápoles. Pola lei da forza, o lugar foi convertido en mezquita no ano 1524. Inútiles as protestas prá devolución do santuario. Dende hai algús anos está nas mans dos xudeos, que prohibiron alí toda clase de culto despois de ter sido mezquta na parte alta e sinagoga na pranta baixa por maxinaren alí uns e outros a tumba de David. Confiemos en que este pleito ha ter solución. A visita á catedral dos armenios, institucional, estaba prevista pró día seguinte. Pero pola noite, despois de cear, aínda fomos a unha aldea de Belén, habitada por cristiáns católicos, que intentan sobrevivire co producto dos traballos que comercializan por medio dunha cooperativa. Producción diversificada na que sobreabundan os traballos feitos en madeira de olivo.
-
O día 11 comezamos por ver algunhas panorámicas do val de Josafat e dos torrentes de Cedrón i Hebrón, que non levan auga. O obxetivo primeiro foi visita-lo Monte dos Olivos, que abrangue realmente lugares como a Basílica da Agonía, o Dominus Flevit, outros templos e unha necrócopolis de certa importancia, na que existen tumbas dos primeiros xudeocristiáns, identificadas por medio de cruces ou palmas. E Betania, onde tiñan casa Marta, María e Lázaro. E tamén está marcado, nese corto espacio, o lugar da Ascensión de Xesús, como citaba no século IV a monxa Egeria. Digamos que sorprenden os olivos que se conservan no horto de Getsemaní, ó que Xesús se retirou a orar, o lugar da traición e prendimento. Os exemplares que alí existen siguen producindo aceitunas. Algús poden ter máis de dous mil anos, según probas con carbono 14 feitas pola Universidade hebrea. Antre eles vai crecendo un prantado por Paulo VI. O próximo luns sigo có que aquí deixo dito un pouco a modo de inventario. (continuará)

No hay comentarios: