domingo, 7 de marzo de 2010

Manuel Espiña, in memoriam

Manuel Espiña, apóstolo, descanse en paz.
-
Pontevedra, 7.03.2010
-
Entrada n. 1192 do blog
-
Artículo semanal
-
Manuel Espiña, in memoriam,
por Xesús López Fernández

Fóisenos Manuel Espiña Gamallo, canónigo da Colexiata d´A Coruña, despois de cruel enfermedade conocida polos seus amigos dende facía pouco tempo, menos dun ano. Celso Alcaina fai relato puntual da loita que mantivo contra o mal, de cómo acodía ós mellores especialistas e confiaba nunha posible curación, tamén querida polos seus íntimos, incluso cando xa estaba necesitado de axuda física pra asistire ós cultos na Colexiata ou pra participare en reuniós e conferencias. A súa cabeza funcionaba perfectamente. Ata o final. E así, pouco antes de finar soubo decirlle, o 27 de febreiro: “Celsiño, esto se acaba, gracias amigo”. Eran xa os últimos momentos dun home que tivo dúas grandes pasiós na súa vida: a Igrexa e Galicia, que loitou a tope por ver de inserir, na igrexa galega, o espírito de Pentecostés. Así foi, con Morente Torres, autor de “A palabra de Deus. Os Evanxelios”, pra min aínda a traducción preferida das que se levan feito ó noso idioma. Tamén traduciron, con Vidán, o Misal.
Nacido en Folgoso (Cerdedo) o 25.07.1933, o día de Santiago, foi chamado á eternidade o 28.02.2010, o Domingo da Transfiguración, datas que, como se dixo no seu funeral do un de Marzo en San Bartolmeu de Pontevedra, parece marcaron a súa senda de sacerdote fondamente comprometido coa Terra. Fermoso e sinxelo funeral concelebrado por moitos dos seus compañeiros, de cuio compromiso con Galicia pode sé-lo Padre Espiña, en máis dun caso, un exemplo a imitar. Porque Espiña mantivo abertas moitas frontes e deixou abondante obra, en artículos e libros. Pero acaso a máis popular foi a súa colaboración ó longo de 32 anos en La Voz de Galicia, nun espacio titulado “O outeiro de San Xusto”, procurando así un púlpito pra falare dende a xusticia e a libertade. Un outeiro, un sitio elevado, no que foi tocando temas diversos, aberto tamén ós amigos según decía na arrancada da colaboración.

Eran artículos frescos que tiñan unha “parroquia” segura. De cinco dióceses. Foi un traballo que podemos definir como “apostolado singular”, un xeito de inseri-lo espírito galeguista na comunidade galega cristiáa que foi obxeto dun certo control, ata o punto de que o día 5.01.1970, o seguinte da primeira aparición do espacio, os Gobernadores Civil e Militar d´A Coruña, chamaban ó director do periódico pra lle pedir que tivese coidado coa nova sección, que lle podería ocasionar serios disgustos. Eso cóntao o propio Espiña no libro titulado “Outeiro de San Xusto”, no que se recolle un breve resume do que significou aquela etapa. O autor, teimudo loitador, cóntanos no libro de filias e fobias, e de sanciós, pero tamén de satisfacciós, como de cando puxo en marcha o proiecto “Solidariedade Humana”, coa finalidade de acadare a acollida de xóvenes do rural sen medios, que posibilitase os seus estudios nas cidades:
O home marchaba a recoller a catro nenas a terras da Pastoriza… Ó pasar por Betanzos, nun adiantamento, pisou un chisco a raia contínua. Parouno un garda de tráfego que, cando comezaba a escribi-la multa, ó ve-lo seu carné chamou ó compañeiro e dixéronlle: “Pode vostede seguir, porque a vostede aínda tiñamos que lle dar unha axuda pra esa obra das nenas das aldeas”. E quedaron moi satisfeitos cando Espiña lles aclarou que precisamente ía recoller a catro porque as súas familias, carentes de medios, non-as podían trasladar. E tornando ós “outeiros” citemos outra cousa por el comentada: que Martinho Santalha recollera uns seiscentos artículos pra ver de artellar un estudio sobre Galicia vista dende a particular polifonía do “Outeiro de San Xusto”. En fin, Espiña foi un home sempre comprometido: nos seus cargos como nos diversos proiectos nos que participou, Encrucillada, Irimia, nome que fai referencia ó nacente do río Miño e á Comunidade de creentes cristiáns, na que el participaba. E deixou escrito o desexo de que as súas cinzas repousaran no nacente do Lérez, na xeografía da súa infancia. Fermoso como cerre de ciclo, como rúbrica do seu compromiso coa Terra. Descansa en paz, amigo.

No hay comentarios: