Mostrando entradas con la etiqueta castaños. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta castaños. Mostrar todas las entradas

domingo, 28 de septiembre de 2014

TEMPO DE CASTAÑAS

Este castiñeiro, en Moldes, Boborás, Ourense, debe gardar aínda memoria de Antón Losada Diéguez, un dos homes bos que levedaron o primeiro galeguismo de Nós, como tamén laborou no Museo de Pontevedra, na Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, na Acción Católica, ademáis de exerce-la súa cátedra no Instituto e de sere un agrarista convencido. 

Pontevedra, 29.09.2014
Entrada n. 1779 do blog
Artículo semanal (Diario de Pontevedra)

TEMPO DE CASTAÑAS,
por Xesús López Fernández

          O tempo da castañada está a comezar. E xa se poden toma-las  primeiras, asadas ou cocidas (peladas ou como zonchos), crudas, como purés…. Pero hai moi poucos días que, nunha pequena finca, puiden estimar que os ourizos dos castiñeiros alí existentes decían moi verdes. Nada de particular, que a castañada vai de setembro ó mes de Nadal. As primeiras que están no mercado deben corresponderse coas que chaman de diversa forma según os lugares: degaro, destelo, as que caen por sí antes de varear, ou debulladas ó seren vareadas. E así, por citare algús exemplos, diremos: degaro, en Guimarei; castañas estreladas, en Pesqueiras; castañas degraídas, en Celas de Peiro; castañas debagadas, en Mercurín; baguto ou restrelo, en Hospital. Castaño de estelo, en C.(VSP), rexistros tomados do diccionario de Aníbal Otero. Aínda que “degara, degaro, degoro”, teñen como mais común o significado de desexo apremiante de algo que está á vista, tamén se aplican, según diversos autores (Eladio Rodríguez, Franco Grande) ás castañas que caen ó chan de puro sazonadas.

            Xa case non quedan carros do país, pero inda pode un maxinalos polo entorno de San Estevo, na Ribeira Sacra, pletóricos de castañas, coa meta dun local de Faramontaos, (auténtica sinfonía de carros na caravana), pra dende alí dá-lo salto ós obradoiros de Cuevas ou Posadas, elaboradores do marrón glaçé, a castaña confitada que Galicia exporta ó mundo enteiro. E citemos tamén a croca, a castaña seca ou pilonga, que debeu ter unha gran importancia antes de importa-lo cultivo da pataca; á croca que era o tipo de castaña que os nenos que lle cantaban o “maio” a Curros, lle pedían, tamén chamadas castañas do canizo, maias, pisadas, resecas. Castaña mariña, se inda se dí, é a “pataca”, que se cultivou nas mariñas de Betanzos antes que en nengún lugar de Europa.    

            Sobre castañas e soutos hai non poucos ditos e refráns: “saca-las castañas do lume con mau allea”, significa valerse doutro prá solución dun asunto dificultoso. Refráns: A castaña e o besugo en febreiro non ten zugo; A castaña en agosto quer arder, e no setembro beber; Furtando unha castaña e outra castaña, faise mala maña; Temporá é  a castaña que por setembro regaña; Castaña que está no camiño, é do veciño; Castañas do Nadal, saben ben e pártense mal, etc., etc. Pero  entremos no souto, o bosco de castaños, que tamén ten refráns, como: En alleo souto, un pau ou outro; Polo souto non corras, atrás de outro; Prá misa e pró souto, non hai que esperar un por outro; Sair dun souto e meterse noutro.

            Pero entremos no souto, de verdade, unha prantación de cen castiñeiros coidados, de castañas grandes. Polo fondo pode verse como traballan os esquíos que ocasionalmente fan presencia. Coido que este souto é un de tantos exemplos que algús veciños poden tomare de cómo se pode poñe-lo monte en valor, e inda o pasado venres estiven noutro lugar onde levan anos na aldea cambiándolle o chip ó monte e priman a prantación de castaños/castiñeiros/castiros e outras especies como o carballo americán, piñeiro de Oregón e outros, aventura económica pola que moitas comunidades, traicionadas, tardan en apostar. Pero inda restrinxidos á importancia do castaño, valéndose de patrós resistentes ó mal da tinta, a súa madeira flexible e tenaz, ten moitísimas aplicaciós en carpintería e construcción, i en ebanistería; é de gran valor, polo que é conocida como caoba de Galicia.  Os castaños, ó tempo que se aprestan a rende-lo seu fruto ó longo do outono, prepáranse prá dormición, a ir pintando a paisaxe do país ata que se queden sen follas.  Pero estou en que a árbore precisa de máis propaganda, que o seu cultivo pode ser parte importante da riqueza das aldeas, formar parte do seu fondo de aforro. Por medio do castaño e outras árbores e cultivada intelixentemente, outra Galicia campesiña é posible. 

jueves, 5 de marzo de 2009

ÚLTIMA PRIMAVERA

En Pontevedra, sebe ou bardaleira que estoura en roxo ó reventa-la gomariza. N´As Palmeiras, sobre a Avda. Reina Victoria. Á esquerda, con fondo de araucarias, unha ringleira de magnolias. (Clicade sobre a foto pra ter unha maior panorámica)
Magnolia de Soulange, no hall da Alameda. Posiblemente a súa derradeira primavera, a súa última floración. Vai ser trasplantada --¿e non morrerá?-- xunto con outras árbores daquel espacio, por mor da construcción do parking da praza de España. (Clicade sobre a foto pra tere unha máis amplia visión do espacio)

As máquinas comezan a traballaren no trasplante de diversas árbores, que mesmo pode ser xa tardío pra algunha delas.
-

Pontevedra, 5.03.2009
-
Entrada n. 871 do blog
-
A ÚLTIMA PRIMAVERA,
por Xesús López Fernández
-
Anúncianse os traballos de trasplante de non poucas árbores, algunhas delas emblemáticas, que marcaban as estaciós do ano, que mesmo ennoblecían o entorno dos héroes da Ponte de San Paio e da deteriorada fonte que cerca o monumento. A pá que aparece na foto do Faro de Vigo, enfía xa cara un dos castaños d´Indias da primeira fila.
-
Esta corporación nunca se caracterizou pola súa defensa ou coidado das árbores. ¿Lémbranse de cando cortaron as catalpas da praza da Verdura, con verdadeira alevosía, parte dos traballos de arraso da praza máis fermosa de Galicia, según algús?. E se hoxe pintan algo os liquidámbares que ocuparon o seu lugar, teñamos presente que están alí pola protesta veciñal, as máis de mil asinaturas que reclamaron a reposición da arboreda anterior e dos bancos que aínda non retornaron, ante as actitudes despóticas de Mosquera ou xangal de Pilar Rojo. Os dous culplables. E menos mal que a actuación non acabou no remedo de praza fascistoide que pretendían, pero sí en concentración de miseria humáa, na que decote hai un bule-bule claramente visible. ¿Está claro?
-
Lembrémonos tamén da tala dos castaños da praza da Castaña, outro espacio degradado. ¿Demasiados castiñeiros? Talvez, pero a cousa puido ter outra solución: trasplante, deixando un exemplar ben centrado. Pero, non, que nunca lle gustaron as árbores, que aínda están a pensaren en se carga-los xardíns da praza d´Ourense.
-