sábado, 28 de julio de 2007

POR ÓNDE SE VAI Ó RÍAS BAIXAS?

Pontevedra é hoxe un laberinto, título do dibuxo informático do autor, Xesús López..

Pontevedra, 28.7.07

O traballo que sigue leva como título unha pergunta simple, pero difícil de contestar. A sustitución en Pontevedra da circulación radial polo sistema de bucles imposto por Mosquera, talvez una deformación da explicación dos diagramas de Venn, dos conxuntos intersección e outras cuestiós, orixe da debacle. Difícil explicarlle ó conductor dun autobús que nos fai a tal pergunta, desesperado, a escasos metros de distancia do lugar de destino, porque ó mellor vai ter que dá-la volta á cidade pola teima do Bloque en non establecere un plan de circulación harmónico, por facer imposible, incluso, o transporte en autobús municipal. Sigue o traballo, publicado no Diario de Pontevedra e no Xornal. com con data 10.04.06:

¿Por ónde se vai ó Rías Baixas?,
por Xesús López Fernández


No canto de entrar nalgún dos densos temas da pasada semá, inventariados xa polos medios de comunicación prá memoria histórica (o caso Marbella, as outras presuntas Marbellas, a recomendación de Rajoy de privar ós concellos de certas competencias urbanísticas, a dimisión de Bono, etc.), prefiro volver sobre algunhas secuencias do urbanismo pontevedrés que se traducen nunha crecente perda de capital social, na perda de vida en non poucos lugares, nun caos circulatorio que non sabemos cómo vai rematar, consecuencia da falta de estudios previos, da improvisación desalmada, da peatonalización arrasadora da zona vella que ameaza xa outras zonas e con acabar coas últimas prazas de aparcamento en superficie da cidade. Ben visto, a Rajoy non lle falta razón, pero acordouse tarde.

Hai pouco, en “O Laberinto de Lou-lo-Chu”, describía a previsible odisea dun cidadán chino que conducía un camión á altura da Audiencia Provincial e perguntaba pola rúa Loureiro Crespo, Lou-lo-Chu según el decía. Ese chino representaba, cecáis, ó dragón que algús empresarios temen, pode que os mesmos que no seu día pularon por Continente/Carrefour, o auténtico dragón devorador que veu acabar co pequeno comercio local, agora incomunicado, inorde, que careceu de valedores. ¡Aí sí que non se moveu a Cámara de Comercio!. Mentres, a multinacional válese da autopista e brinda un gran aparcamento gratuíto, mellor dito dous cada vez máis saturados, alternativa á supresión feita polo Concello de espacios onde aparcar. Podemos maxinar outras situaciós, porque cada día é máis a xente que opta por non entrar xa na cidade, evitando ser víctimas da dictadura do Laberinto de Lou-lo-Chu ou de Mao-Tse, e válense de hipermercados e oficinas do extrarradio.

Moitos residentes deixaron a zona vella á par que se producía a súa desvertebración e ían a máis os ruídos, co permiso do tempo, dos visitantes da tarde/noite ós bares. Os bares cerran cando queren, sen presencia policial sancionadora. A bullanga das terrazas que ocupan prazas e soportales comeza sobre as cinco da tarde. Mentres, os nenos están a xogaren fútbol ou a faceren demostraciós de monopatín; outro problema, a excesiva presencia de cans a marcaren o seu dominio (rúa, praza, parterre, xardín), sen presencia policial que o impida; a privación de bancos públicos (prazas da Verdura e das Galiñas, que xa non son prazas); o alarde decibélico obsceno cada dous por tres, marcan un tempo de violencia derivado das “actitudes de desgoberno” sabidas, de auténticos e denunciados erros urbanísticos, causa principal da devandita perda de capital social. Un amigo contabame a súa experiencia do cambio a lugar máis tranquilo, e decía: É que agora xa non atoparía comprador prá casa, tería que sofrir aquel inferno, Pero parece que algús políticos están a mercaren na Ferrería, en Arzobispo Malvar, etc., díxenlle, Sí, fálase de Fulano e Zutano, e pode ser bo que saiban o que é vivir alí ou ver cómo, na última hora, retirada a chusma e desactiváda-las “guarderías infantís”, dun grupo residual enquistado na noite comparece un rottweiller pra face-la súa demostración.

Quería chegar ó Hotel Rías Baixas. A pergunta facíaa esta vez un señor que se supón chegaba de vacaciós coa súa familia. Situémonos na Praza de Galicia, onde se facía a consulta. Mentres unha moza intentou decirlle que era cousa de sobir por Andrés Muruais, a amiga que estaba con ela aclarou: Non, que cerraron a ruta i é imposible indica-lo camiño a tomar, pero imos facer unha cousa porque teño aí o meu coche... Dean, pois, a volta á praza e sitúense tra-lo meu vehículo....Cando arranque síganme. E así fixeron o difícil itinerario: García Sánchez, Pondal, xiro á esquerda na rotonda de Uxío Novoneyra, Cobián Areal, Benito Corbal, Daniel la Sota. A familia quedou agradecida, pero non sempre hai unha persoa que dispoña do tempo que lle brindou a guía providencial, pra non se perderen nun laberinto cada día máis laberinto.


No hay comentarios: