domingo, 29 de septiembre de 2013

IN DUBLIN´S FAIR CITY...

 Mosteiro celta de Clonmacnoise, do século VI, con abondancia de cruces celtas.  
 Outra toma de cruces celtas.
 Unha torre defensiva. A entrada deste tipo de torres soe estar incluso a cinco metros do chan. 
 Acantilado de Moher, un paraíso ornitolóxico. 
 As vacas pastan libremente en grandes chousas, según parece os 365 días do ano.
 Donegal.
 Detalle do teito do castelo de Donegal.
 Panorámica do lugar.
 Os corvos abondan en Irlanda. Foto tomada dend´o autobús. 
 A calzada do Xigante, na costa norte do Ulster. Xa falaremos dela nun próximo traballo.
 Calcúlase que son unhas 17000 columnas as da calzada. 
 Posters en Belfast....
 Fotografía do edificio-museo de información sobre o Titanic, que fora construído nos seus estaleiros. 
 Panorámica de Belfast.
Xesús é condenado a morte. Detalle do Viacrucis na catedral de San Patricio, en Armagh.
 Toxos en Armagh. 
 Dublín. Nas aforas do Trtinity College está anunciada a custodia na súa biblioteca do libro de Kells, o libro dos catro evanxelios obra dos monxes irlandeses.  
 A circulación dos autobuses públicos é contínua en Dublín. 
 Parque de Phoennix, máis de setecentas hectáreas. 
 Entrada dun pub típico.
Molly Malone está representada nesta escultura..

Pontevedra, 30.09.2013
Entrada n. 1709 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra

In Dublin´s fair city,
por Xesús López Fernández

            “Na fermosa cidade de Dublín…”. Así comeza a balada de Molly Malone, unha lexendaria vendedora de moluscos (coquinas e mexilós). I en Dublín, palabra que se conformou como derivado hiberno-normando das gaélicas Dubh Linn, que significan “lagoa negra”, a que se formaba por estancamento do río Poddle que hoxe flúe canalizado e soterrado, baixo a cidade, antes de desembocare no Liffey, no actual Wellington Quay; en Dublín, reitero, arrancaba o noso periplo irlandés do pasado 21.09, prá pernocta do grupo en Birr o día da chegada. Foi unha viaxe ó encontro con algús dos iconos da catolicidade irlandesa ó tempo que reparabamos na súa paisaxe e algús dos seus monumentos: mosteiro celta de Clonmacnoise, un conxunto paleocristiano fundado no século VI, onde se dá unha gran concentración de cruces celtas; acantilado de Moher, santuario marián de Knock…. Propóñome volver sobre o que vai citado, así como sobre outros referentes da nosa viaxe: Donegal, a Calzada do Xigante, Belfast, Armagh… Na noite do 24.09, asentabámonos en Dublin.

            Irlanda foi denominada como “tigre celta” polo rápido crecemento económico producido antr´os anos noventa e os 2001/2. Hoxe, sen embargo, está pasando momentos difíciles. De tódo-los xeitos, co seu paro no 14%, parece que a súa economía non descoida a gandería, como fan outros, como factor de riqueza. Durante a nosa viaxe, non sendo nas zonas de turbas, eran testigos presenciales enormes vacadas ou fatos de ovellas de cara negra (as black face de orixe escocesa), resistentes, que permanecen á intemperie os 365 días do ano. Sen nemigos naturales que manter na nómina dos depredadores (non hai víboras nen lobos), Irlanda fai, especialmente das ovellas, un capítulo importante das súas exportaciós, sobre todo a Francia, calculándose que a súa poboación pasa dos nove millós de cabezas contra os 4600000 habitantes que fan de Irlanda un país pouco habitado.

            A nosa guía, moi didáctica, ademáis de aclararnos cuestiós en relación co clima, como que nalgús días fan presencia as catro estaciós do ano que xustifican o verdor cinguido da súa paisaxe, a mantenza segura dun gando que, ás veces, pasta sobre os acantilados; ou cando pasabamos por Galway, avisabanos que alí estaba a reserva principal do gaélico, unha lingua moi difícil que Irlanda tenta recuperar, a partir precisamente das xentes que manteñen esa fala como primeira lingua, un exemplo pra quen eu sei. Un día, a guía fíxonos unha demostración, como cantante, da balada de Molly Malone que queda indicada no título, que por certo ten un monumento en Dublín en memoria a ese persoaxe lexendario, en realidade a tóda-las Molly Malone que vivían da mesma profesión, “crying ¡cockles and mussels!, Alive, alive, ou….!” E nos pedía que fixeramos coro con ela na parte final.

            A primeira encomenda do 25.09 foi a de visita-lo Trinity College, a universidade fundada no ano 1592 por Isabel I, que hoxe acolle a un 75 por cen de estudiantes católicos. Ten unha impresionante biblioteca, repartida en oito edificios, pero a Antigua Biblioteca, fermosísima, contén máis de 200000 volumes dos libros máis antigos da Biblioteca. ¡E alí, defendido, estaba o Libro de Kells, unha edición en latín dos catro Evanxelios, escritos e ilustrados sobre pel de xuvenca, elaborado polos monxes de Iona, unha illa próxima a Escocia!  …Visita tamén á catedral de San Patricio, o máis grande dos templos da Igrexa Nacional irlandesa…. A mañá permitirianos visita-lo parque Fenix, de máis de 700 has., onde unha cruz lembra a presencia alí de Xohán Paulo II; onde tamén hai cervos en libertado e un gran zoo… Pola tarde visitariamos libremente a cidade, as rúas comerciales. A peatonalización non acabou coa vida da cidade, doutada de arterias e dun eficaz transporte público. Pero o broche do tour sería nun pub das aforas, con cea e unha demostración celta de música e danza, no Belvedere Irish Nights. No repertorio, naturalmente, a balada de Molly Malone.  

jueves, 26 de septiembre de 2013

PARÍS ERA UNHA FESTA

 París, Avenue de l´Opera. As farolas parís, tipo fernandinas, son unha constante na cidade da luz.  
 Avenue de les Champs Elysées. Hai catro ringleiras de farolas tipo "fernandinas". Paris France, en Youtube, Walking Tour. Na parte final apréciase cómo as fernandinas son tamén protagonistas na noite:  http://www.youtube.com/watch?v=hWo-43ObCP8
 Cafetería La Fouquet´s, con máis de cen anos, á que se fai mención no traballo. 
 O hotel Four Seasons, George V, ofrece "luxury rooms". Hai un patio que parece un claustro, profusamente decorado. Un pianista executa jazz espléndidamente. Referencia deste hotel en internet:  http://fr.grandluxuryhotels.com/hotel/four-seasons-george-v/?ia-300x250&gclid=CMfBx72o67kCFUXKtAodXBYAwg
 O bosco pertence ós xardíns do palacio de Lousembourg, onde está instalado o Senado. O outono marcaba xa os castaños de Indias.
 Outra foto do mesmo parque....
 As varandas da ponte presentan milleiros de candados de mozos e mozas que se teñen prometido amor.  Un alcalde elimináraos, pero volven abondar e poden sumar un peso non comenente á propia ponte.  
 Outra das 36 pontes de París, cidade que quer manter vivo o seu río. As pontes non impidena navegabilidade. Mentres prometen un recorrido panorámico interesante, "o Sena como as murallas chinas" convertido en monumento, reiteran o dito por Hemingway. "París era unha festa". 
 Unha ponte á pé da Tour Eiffel, un monumento de máis de trescentos metros de altura, nado pra ser efímero, pero hoxe é o monumento máis visitado da cidade. 
                           
 A cúpula das "Galleries Lafayette". Sen embargo, o tellado do edificio esgaza actualmente a harmonía que debería gardare cos edificios próximos. Cuestión de influencia. Non esquezamos que o propietario é o pai do que fora prometido de lady Di, morto con ela nun accidente que parece volven investigar.  
Outro aspecto do interior das galerías Lafayette. 


Pontevedra, 26.09.2013
Entrada n. 1708 do blog
Artículo publicado no Diario de Pontevedra o 23.09.2013


 París era unha festa,
por Xesús López Fernández

            A novela de Ernest Hemingway da que tomo prestado o título foi editada postumamente, en Decembo do 1964. E nela o autor, finado no 1961, recolle as  lembranzas da súa estancia en París coa súa primeira esposa, Hadley Richardson. O relato vai das venturas e desventuras dun Hemingway aínda novo, nun continente lonxán, nun país revolucionario; nunha cidade que vai acompañar ós que a teñan visitado, toda a súa vida. A “xeneración perdida” da que fala Hemingway non é máis que un grupo de xentes marcadas pola primeira guerra mundial, o feito histórico da época na que se sitúan os relatos do autor, en cuia escritura é fácil descobrire a influencia deses “compañeiros de viaxe”, que  deixan nel a súa impronta: Gertrude Stein, Scott Fitzgerald, Ezra Pound, etc. I eses relembros, París, Pamplona, a guerra, vanno acompañar; daí que en certa ocasión afirmase: “París é unha festa que nos sigue”. I ése é hoxe un lema co que se pode encontrare o visitante que se embarque pra ve-lo Sena ou as diversas panorámicas que dend´o Sena se poden contemplar. Hai 36 pontes pensadas pra unha navegación posible. Por certo, nos Champs Elysées, nunha cafetería, La Fouquet´s, con máis de cen anos, unha serie de placas de metal, como especie de inventario, indican o nome de diversas xentes que alí acodían, o sitio por elas preferido. Pode que algunhas fosen amigas de Hemingway.  

            “París era unha festa”, dixo a guía que ilustraba desta volta a nosa travesía polo Sena, ó rematare a súa presentación, ó 12.09.2013. E o lema parece xustificado nunha cidade que exulta de vida e de luz. Ese día fixeramos, de mañá, un longo recorrido, con pausas, no que a nosa guía iría poñendo nome e data ós diversos monumentos, prazas, bulevares, palacios, museos… Demasiada información, aínda que xa sabida, pra reter nun breve e denso paseo por algús dos XX distritos da capital: avenue de les Champs Elysées, Arco do Triunfo, praza da Vendôme coa columna que fai memoria das xestas de Napoléon, a praza da Bastilla (dise que no seu sochán hai algo así como os restos de 1700 mortos), palacio de Luxembourg, edificio do Senado, co seu imponente xardín e bosco, onde ese día estaba xa presente o outono, as follas dos castiñeiros de indias a se marciren/murcharen de forma franca. Pra algús alí presentes era o momento de practica-lo tai-chi naquel recanto de paz.

            Teño na memoria a vista panorámica que de París ofrece a Torre Eiffel, o seu lugar máis visitado e pró que ese día había lista de espera. Visita rápida ó Louvre, ó Quai d´Orsay (hai 70 museos en París), tamén á maxestuosa Notre Dame e á Basílica do Sacré Coeur, con exposición permanente do Santísimo, pra seguirmos ata Montmartre, onde é normal ver ós artistas pintando ou a sobreoferta de pintura que fan os seus marchantes. Regreso á nosa base, un hotel na avenida da Ópera. Por certo que nos diversos desprazamentos  nunca apreciamos a existencia de “lombos”. A circulación é fluída polas arterias urbás todas de París, da cidade xa deseñada por Luís XIV ou a reformada polo barón de Haussman, por encargo de Napoleón III: unha cidade compacta, un urbanismo sobrio e coidado.Curiosamente, ó longo de case todas esas vías están presentes, perfectamente alineadas, farolas do tipo das fernandinas. Se París é a cidade da luz, as ditas farolas son grandes protagonistas na noite.  
         
            Pero a nosa festa comezara xa o día 6.09, en Disneyland-Paris, onde a fantasía de Disney está concretada no que parece unha serie interminable de atracciós con solar nese parque temático, no entorno da “recreación” dunha vila da Belle Epoque, na que a vida parece vai solermiñamente. Un cabalo percheirón turra dun tranvía. Mickey, Minnie, Pluto están presentes en moitos lugares. Un vello tren moi familiar fai un recorrido por unha paisaxe agreste; unha barca entra no mundo fantástico de Disney… Carruseles e tiovivos diversos prá chavalada, laberintos, unha recreación  do Nautilus do Capitán Nemo, o mundo dos estudios de Hollywood e, nun espectáculo vivo, Buffalo Bill Wild West, parecen concretarse ese persoaxe, Sitting Bull, incluso comparece un fato de grandes bisontes… Por certo que o outono cambiaba xa a color das follas dun enclave de carballos (carballos dos pantanos), que convivían naquel bosco en formación con píceas, liriodendros, arces, etc., todo coidadísimo.    

miércoles, 18 de septiembre de 2013

NA CIDADE, TODOS A TRINTA

 O coche circula pola Main Street de Disneyland, o parque temático de París.
 Este cabalo ten forza pra arrastrere un tranvía con varios pasaxeiros, unha solución pra esta Pontevedra que vive fóra da realidade e parece camiñar cara a súa desaparición...,
 Como se aprecia nesta outra foto, esta pode se-la solución pra que Pontevedra teña servicio público.
O tranvía sigue camiño pra dare a volta nun espacio presidido por un palco, e seguir así a súa demostración de que aínda se pode circular a menos de 30 km por hora. 

Pontevedra, 19.09.2013
Entrada n. 1707 do blog

NA CIDADE, TODOS A TRINTA,
por Xesús López Fernández

Parece que o noso Burgermeister Herr Fernández Lores regresou moi ledo de München, en Bayer, despois de ter leído alí a súa epístola do modelo de cidade; do modelo que non existe, porque aquí non se traballou na dinamización da cidade, senón coa idea capada de creare un parque temático no que priman as tascas e taperías  con terrazas que non son terrazas e van pouco a pouco ennegrecendo o chan da cidade, nos espacios  que antes eran dominio público. Se o coche está practicamente prohibido, ¿qué parvaxolada é ésa de decir que a democracia depende da peatonalización, que somos os adiantados e que, en Pontevedra, non se pode circular a máis de 30km. hora?. A partir daí, é de doudos falar de lección de democracia cando o que se imprantou na cidade foi unha involución crecente que vai camiño de se conformar como ruína total: moitos negocios arruinados e xentes que vivían na zona vella víronse obrigadas a mercare nova vivenda con garaxe pra poderen ser puntuales á hora de acodir a un traballo fora da "capital" que está a morrere.

Por certo, se queren saber cómo se conforma un parque temático teñen un claro exemplo en DisneylandPark, París, do que aquí se mostran tres fotografías. Riadas de xentes acoden alí tódo-los días. O tren de alta velocidade ten estación do lado de Disneyland.París; incluso o tren inglés que cruza o Canal da Mancha aporta moitos visitantes que traen a súa chavalada pra metelos nese mundo fantástico, de ensoñación, aínda que prós pais sexa, sobre todo, unha gran caixa rexistradora/esquilmadora.

O exemplo do cabalo que arrastra un tranvía é demostrativo de que aínda podemos mellora-lo modelo do "todos a trinta" no circuíto urbán pontevedrés. Penso volver sobre o tema, pero tamén estou a maxinar cómo o noso alcalde, travestido noutra ocasión en Monsieur Fernández Lores, pode levar a súa epístola a París, ónde non reparei nun sóo lombo que atranque a circulación que, polas numerosas avenidas e bulevares é bidireccional e, ¡ai!, existen posiblemente máis farolas do tipo das fernandinas que desapareceron da Ferrería que en toda España. Daquela  Monsieur F. Lores tería que levare un equipo de motoserristas pra acabare coas farolas que ó noso alcalde non lle gustan ou (íao ter moi difícil) convencere os parisiéns de que a circulación bidireccional é unha ceporrada. Por certo, en París hai máis de 10000 hoteles. Ó mellor Lores pensa que non teñen modelo de cidade. 

domingo, 15 de septiembre de 2013

ANDA O DEMO POLO MONTE





Lume forestal en Galicia. A foto primeira corresponde ó incendio das Fragas do Eume, o pasado ano; a segunda foto, incendio en Boiro.

Pontevedra, 15.09.2013
Entrada n. 1706 do blog
Artículo do pasado 9.09.2013, no Diario de Pontevedra

Anda o demo polo monte,
por Xesús López Fernández

            Case tódo-los anos prometen novas medidas contra o lume,  plans de pevención que parece sí van funcionar. Despois do terrible 2006, no que viñeron na nosa axuda xentes doutras autonomías, homes que incluso se “metían” materialmente no lume pra ver de apagalo, sen grandes resultados; á fin, sí, todo cinza e borralla: perdas en flora e fauna difíciles de cuantificar. Algún esquío fuxido do holocausto andaba atontecido polas veigas de Xustáns ou Taboadelo. O lume, como outravolta se reitera na nova campaña incendiaria que estamos a sofrir, intencionado. E quedan meses por dediante. Ademáis que o lume soe volver a montes xa estragados, como estos pasados días acontecía con Pontecaldelas (Silvoso, Barbudo, A Insua, A Roca e Reboredo), onde os demos encargados do traballo apresentaron unha factura de 600 has ou de 370 nos Ancares. É como se Lexión, aquel demo bíblico, (“o meu nome é Lexión porque somos moitos”) regresase de novo a Galicia, onde ten pasto fácil.
           
            Certo que cada novo ano anuncian medidas máis “eficaces”. ¡Se aínda non hai tanto tempo que se falaba dun aparato electrónico, un detector de fontes de calor incluso a distancias considerables, que serviría pra unha loita máis dinámica contra as lapas. Este ano ían patrulla-los nosos montes homes da Brilat da cabalo. Pero vése que o demo, Lexión, ten outras armas máis eficaces, que pode con eles. E Galicia (na que se debe atopar tan a gusto como en Galilea) arde de novo, cousa que hai poucos días negaba a conselleira do Medio Rural: “Galicia non arde, porque case tódo-los incendios quedan apagados no propio día no que se producen”. Pero sabemos que non é así e que non se está a traballar no deseño dun plan forestal que teña como fin certa a recuperación da nosa paisaxe; tamén un plan prá conversión dos nosos montes en algo certamente vivo e animado, en factor determinante da economía das nosas aldeas que tamén seguirían vivas, porque aí, sen entregar Galicia ós clústers, podería existir un manantial certo de traballo, simplemente sen afogar á natureza.  

            Cando alguén fala de intencionalidade incendiaria, pola hora e forma na que os incendios son declarados (cando Lexión actúa), hai que ter en conta a nugalla deses  voceiros que non souberon traballar na recuperación da vexetación climax. Lembremos unha vez máis e pra vergonza de máis de un algo do dito por Eduardo Galeano, uruguaio, ecoloxista convencido, nemigo de eucaliptus e pasteiras. “Nestas novas plantaciós non cantan os paxaros. Nada teñen que ver os boscos primixenios aniquilados, que eran como pobos de árbores diferentes achegadas ó seu xeito, fontes de vida diversa que sabiamente se multiplicaba a si mesma, con estos exércitos de árbores todos iguales, prantados como soldaditos en fila india e destinados ó servicio industrial”. O autor é conocido mundialmente pola su obra “Las venas abiertas de América Latina”, punto de partida da súa  permanente cruzada, do compromiso coa xente e o medio ambiente do que todos dependemos.

            Galeano tiña xa unha opinión moi clara no 1994 sobre a problemática ambiental, algo que o levaría a un activismo anticelulósico en contra da instalación no seu país de xigantescas fábricas de pasta destinadas a alimentar o consumo insustentable de papel e cartón nos países do norte. Eses dous proiectos (Metsa Botnia i Ence) forneceríanse de monocultivos de eucaliptos prantados en territorio uruguaio. “Pero resulta, di Galeano, que os banqueiros deixaron de lado a usura pra se consagraren á ecoloxía e a proba está: o Banco Mundial outorga xenerosos crétos prá forestación”. O Banco pranta árbores e suma prestixio nun mundo escandalizado polo arraso dos seus boscos. Conmovedora historia: o destripador distribúe membros ortopédicos antre as víctimas das súas mutilaciós. Pero ese destripador (Lexión podémolo nomear) tamén sabe, presuntamente, do lume pra que o seu “exército” conquiste aínda máis a nosa terra. Lexión se acomoda, parece, en Galilea e Galicia.   

domingo, 1 de septiembre de 2013

GALICIA, DE NOVO O LUME

O lume de Ribeira, no Barbanza, comezou a partir de cinco focos, a ambos lados da autoestrada. Foron localizados artefactos incendiarios.    
 Lume en Nogueira de Ramuín, onde a crueldade cebouse no cañón do Sil.  
 Lume en Oia, un dos que máis hectáreas arrasou. 
Galicia chora despois do incendio devastador das Fragas do Eume, o 1.04.2012, co protagonismo principal da árbore gasolina, do eucalipto. Algún directivo prometeu daquela a erradicación desa árbore da zona. Promesas. Nada máis, que o lume pode ser provocado mesmo pra potencia-la presencia do eucalipto, como se sabe acontece, o que resulta rentable pra certos bastardos intereses. 

Pontevedra, 2.09.2013
Entrada n. 1705 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra

Galicia, de novo o lume,
por Xesús López Fernández

            O mes de Agosto cerrou cunha serie de grandes incendios na nosa terra: o lume visítanos de novo e reitera o seu brutal e conocido protagonismo. Son moitos os lumes que arrancan dende diversos focos e coa axuda de artefactos incendiarios, dispostos moitos montes de Galicia como grandes piras, bouzas acrecidas polo abandono existente que fan doado o traballo dos presuntos traballadores inducidos da mafia incendiaria. Nesta hora parece que sí hai unha protesta xeneralizada, un clamor das comunidades de montes que ata o dagora non mostraran unha actitude clara pró cambio da forestación da nosa terra, prá posta en valor dos nosos montes, ós que tamén hai que lle procurare outros usos no eido da gandería extensiva. Galicia sería outro país; podería ser incluso a reserva proteínica de Europa, mais pra eso habería que cambiar de política, findar dunha vez coas subvenciós do abandono das terras de labor á par que coa potenciación dunha reforestación irracional.

            Estamos fartos de oir discursos políticos á baixa en relación coa peste incendiaria, que parece minimizan coa noticia de que, de momento, van 1500 incendios, “se ben nos esperan meses complicados”. ¿Pero é que necesitamos tanto tempo pra reaccionare e acabar co lume forestal pra sempre, cando é sabido o claro protagonismo das árbores pirofíticas coas que se fixo unha prantación masiva na nosa terra? Se os bombeiros californiáns lle chaman ó eucaliptu a “árbore gasolina”, por algo ha ser. Hoxe seguramente  han lamentare o feito de ter prantado no seu chan nada menos que 42 especies desa árbore australiáa. Aquí, en Galicia, fomos tamén víctimas da prantación masiva de piñeiros radiata e, sobre todo, de eucaliptus,  cos que ocuparon os montes galegos, privados así pra outros usos. Como que esas prantaciós foron a presunta causa do maior éxodo emigratorio da nosa terra.

            ¿Pero é que non pode haber un discurso máis intelixente prá posta en valor dos nosos montes como fontes de riqueza e de traballo, de salvación de aldeas, de fixación de poboación? O eucaliptu expándese co lume e despois de cortado téñense contabilizado máis de vinte mil renovos de cepa por hectárea incendiada. Se no 1989 se contabilizaron máis de 15000 incendios (incluso no mes de Outono ardían os nosos montes ou se recollían nos montes de Carnota numerosos artefactos incendiarios), no ano 2006, preñádo-los montes de biomasa, enormes bouzadas, o efecto do lume foi quizaves máis arrasador, que algún deles debeu ter vinte kilómetros de longo, como que hai montes aínda non recuperados, daquela asustados e co chan totalmente mineralizado. E os incendios destos últimos días (o de Oia-O Rosal-Tomiño, o de Barbanza-Ribeira, os de Lousame, Boiro, Nogueira de Ramuín, Cualedro, Navia de Suarna, etc.), denotan un protagonismo incendiario activo.

            Sábeme a pouco a presentación de 2500 sinaturas dunha chamada “Asamblea galega contra o lume” no rexistro xeral da Xunta, en apoio dunha nova política forestal que evite os incendios. A asamblea está formada por máis dunha ducia de colectivos ecoloxistas e sindicatos que teñen como obxetivo denunciare  que o lume nos montes galegos “non é unha cuestión puntual”, senón que corresponde a unha política forestal que non cumpre os seus obxetivos, según explicou Miguel Anxo Abraira, da plataforma na Defensa das Fragas do Eume: “Abonda con decir que nos últimos 25 anos ardeu máis da totalidade do territorio galego, como mínimo unha vez”. Non se resolven as cousas con ter aviós ou helicópteros, que ó mellor non serían necesarios con outra política forestal distinta da que conleva a simple producción de madeira barata pra moer ou queimar; que tamén conviría a promoción da multifuncionalidade do monte e coidado das súas funciós ecosistémicas (biodiversidade) e sociales; tamén “a limitación (eu diría eliminación) das especies pirofíticas ou alóctonas e promovere unha silvicultura preventiva e sustentable”.