domingo, 18 de mayo de 2014

O xabaril, unha plaga

 Finca a millo, en Diomondi, O Saviñao, provincia de Lugo, estragada polos xabarís. Os labregos, sempre perdedores, ademáis de abandonados ante Europa. Lembrémolo agora que nos piden o voto, ¿pra qué? (Foto de La Voz de Galicia) 
A presencia dos xabarís é frecuente nas vías públicas. Neste caso, unha xabalina cruza unha estrada, coa súa camada de xabatos, parece que sen medo ós vehículos. 

Pontevedra, 19.05.2014
Entrada n. 1760 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra

O xabaril, unha plaga,
por Xesús López Fernández

            Dende hai anos apréciase un claro aumento na poboación de xabarís, de porcos bravos que, ás veces, colonizada a Galicia rural, convírtense incluso en visitantes de entornos urbáns, con presencia notariada en rúas de Vigo ou Santiago. Ou en Pontevedra, onde hai anos  aparecera un nas  Corbaceiras, marchando logo cara Salcedo, talvez a Matalobos, un decir. Esta presencia pode estar condicionada polo feito de sere unha especie protexida. A súa captura está, polo tanto, regulada. O abandono dos campos pode ser tamén unha causa á par que consecuencia da presencia protexida da besta. A especie ven ser, pois, unha maldición prós labregos aínda contando cos exemplares abatidos polos cazadores, o vinte por cen dunha poboación que se estima en corenta mil exemplares, que sigue crecendo, algo que acontece coa fauna salvaxe en xeral: xabaril, corzo, lobo; tamén, leo nun informe, o raposo, a lontra, e o gato montés, o que fai ós cazadores felices.

            Mai-los agricultores ven no porco bravo o gran depredador prós seus cultivos. Hai uns días que un matrimonio amigo, con morada no rural, contabame das consecuencias da sobreabundancia do xabaril: que alí, no seu entorno, as máis das terras estaban a monte. Quedaban dúas fincas  traballadas, talvez xa por último ano porque, prantadas a millo, seguramente o xabaril tería de dar conta delas ó longo do verán. A situación é desacougante. Non parece que a nova lei de Caza de Galicia, en vigor dend´o mes de Xaneiro, teña conseguido enmarca-la práctica cinexética como algo verdadeiramente sustentable xa que a presencia do animal é constante en pistas i estradas. En Noia morría un hai poucos días e, tempo atrás, dous exemplares cruzaban unha rúa en plena vila viveirense. Os cazadores, labregos e conductores teñen claro que se ten producido un incremento notable na cabana do porco bravo, que a Federación Rural Galega (Fruga), cifra na provincia de Lugo en máis de 50.000 exemplares, dato diverso do citado no primeiro parágrafo.

            Esto xa vai máis alá do que poida defini-la Lei de Caza, tanto como que dend´o Fruga levan meses coa recollida de sinaturas pra ver de conseguiren que o xabaril, a súa sobreabundancia, sexa considerada como plaga; que a Xunta considere a necesidade dun estudio en detalle da poboación de porcos bravos en Galicia, neste momento moi por riba dun posible encaixe ecolóxico. Se na temporada cinexética é autorizado pola Consellería de Medio Ambiente un número determinado de batidas, fóra da temporada poden ser solicitados permisos extraordinarios, si ben é a consellería a que ten a última palabra sempre que se constate a existencia de danos e previa solicitude dos interesados.  Coese criterio e según información da Xunta téñense autorizado, despois de finalizada a temporada 2013/2014 batidas extraordinarias, 228, case culminadas.

            O problema derivado da presencia masiva do xabaril vólvese dramático prós agrogandeiros, xa que incluso os pastos comprometen, coa particularidade de que nesa herba contaminada xa non queren pasta-las vacas, ata o punto de que algús gandeiros vense obrigados a deslocaliza-las súas vacadas, incluso a cesa-la súa actividade: Cultivos arrasados son abandonados; as xentes deixan de sementaren, como xa apuntamos. Digamos que hai países, como México, onde foi introducido o xabaril europeo que, sen nemigos naturales, multiplícase exponencialmente. Hai que valoralo, sí, como manxar que tiven ocasión de compartire nunha viaxe á provincia de Cádiz, en El Bosque, nun mesón de nome El Tabanco, palabra que emparenta coa galega trabanca, posiblemente co mesmo significado orixinal. Pero o impactante daquela visita foi a degustación dun muslo do animal, posiblemente un morador, en vida, da Serra de Grazalema, espacio que, según a leenda, garda memoria dos celtas ademáis de ser moi xeneroso en chuvia, en queixos e aceite virxe de oliva. 

viernes, 16 de mayo de 2014

Il Porcellino

 Fotos tomadas o 21.03.2009, en Florencia. As dúas primeiras son do chamado Mercato do Porcellino, e conserva o sabor das feiras da Toscana. Como se conta no traballo, a palabra "bancarrota" puido ter nado aquí, en referencia a cando un daqueles campsori e messetti que negociaban co diñeiro ou coas promesas de pago nas feiras do medioevo, incumpría coas súas obrigaciós, i era privado do seu banquiño. Non parece que os grandes bancos actuales sexan merecentes, ás veces, dunha maior confianza. 
 O Porcellino que lle dá nome a este mercado.
 A Ponte Vecchio, que pola parte alta conserva un pasadizo; tamén insólitas e caras tendas por baixo do mesmo.
 Vista parcial da piazza da Signoria, concentración de arte. 
Unha das fachadas da piazza da Signoria.

Pontevedra, 16.05.2014
Entrada n. 1759 do blog
Este artículo, co título de "O Porcellino", foi editado o 12.05.2014 polo Diario de Pontevedra

Il Porcellino,
por Xesús López Fernández

            O pasado día cinco estabame a poñe-la corbata cando reparei que a escollida pra ese día tiña unha orixe ilustre: Firenze, Italia, e fora mercada no chamado Mercato de Porcellino, en Florencia, o 21.03.2009, o mesmo día no que deixamos Asís, a cidade da Paz, coberta de neve,  algo que nos impedira sobire a La Verna, o alto onde a San Francisco se lle materializaran os estigmas da Pasión, un dos fitos do itinerario franciscán que estabamos a recorrere despois de ter gañado o xubileo paulino, en Roma, a nosa arrancada daquela peregrinación: Fonte Colombo, onde  conservan a cela do Doutor da Igrexa San Buenaventura; Greccio, Asís, La Porciúncula, Florencia, Padova, Venecia, Milán… Adiantada a visita á cidade dos Medici puidemos  disfrutare da concentración de arte da que a mesma é relicario, que ten o seu centro neurálxico no Duomo, Santa María dei Fiori, a catedral da arquidiócesis católica, construída no 1417, notable pola súa cúpula e unha das obras mestras do Renacemento italián, co Baptisterio, declarada Patrimonio da Humanidade no 1982. 

            O Porcellino é un dos cidadáns máis ilustres de Florencia que prós que non-o conozan diremos se trata dun xabaril de bronce que se atopa nun dos barrios máis visitados da cidade, no chamado mercado “nuovo” ou, por asimilación, “mercado do porcellino”, unha lonxa no corazón da cidade na que os turistas atopan cousas a precio de ganga. Auténtico centro comercial, o Porcellino é unha escultura de Pietro Tacca, o encargado de lle dare vida a esa besta que, na realidade, non é obra orixinal senón copia dun orixinal de mármore da época do imperio román, que se pode visitar na sonada Gallería degli Uffici. Pois resulta que este porquiño, o lugar onde se topa, é un dos que máis visitas recibe ó longo do día. O mercado está acollido nun espacio asoportalado, rectangular, que presenta perimetralmente tres por catro grandes arcos, duns seis metros de alto. Parece que alí, noutro tempo, acodían nos días feirados os camposore e messetti, os que interviñan no tráfego do diñeiro, que tomaban letras de cambio ou as cobraban ó seu vencemento. No lugar puido ter agromado a palabra bancarrota, de cando un destes mercaderes do diñeiro era declarado insolvente. Quedabase sen banco, que llo escachaban. Así naceu a palabra. 

            Outro dos espacios que deixan fonda recordación é a piazza da Signoria, onde remanece o poder dos Médici, espacio amplio con presencia de palazzos i esculturas e monumentos como a fonte de Neptuno e mai-la estatua ecuestre de Cosme de Médici, escenario de festas e marco de suplicio.  Como Florencia non é grande, todo parece estare á man, como tamén a Ponte Vecchio, sobre o Arno, colmada de tendas caras, moitas delas xoerías, e por riba delas vai a Galería Vasari ou Corredor Vasarián deseñado por Giorgio Vasari no 1564 baixo as ordes do Gran Duque Cosme I. Era un paso seguro antre a súa residencia do Palazzo Pitti e as oficinas administrativas do Palazzo Vecchio. É tamén unha gran galería de arte que pasa sobre a famosa Ponte Vecchio e a galería dos Uffici.

            Téñome lembrado, ó considerare unha posible dignificación da lonxa que existía na praza da Verdura, na chamada Casa da Luz, do exemplo do mercado do Porcellino, en Florencia, pero aquelo é outra cousa; tamén de que os Médici estiveron en Pontevedra, que daquela viaxe quedou un dibuxo da ponte do Burgo, con dezaseis arcos, outro espacio que non o actual. E agora que o noso alcade debeu estar alá coa carpeta do metro-minuto do seu “modelo” de cidade, maxínoo cargado de novas ideas, ó mellor prá ponte do Burgo que queren peatonalizar cando é xa un espacio sen vida. De tódo-los xeitos maxino a Lores regresando, el que sí usa corbata, provisto dalgunhas mercadas na lonxa do Porcellino, na piazza da Republicca de Florencia.   

Coido que a explicación dada por Lores en Florencia sobre modelo de cidade supoxo un verdadeiro fracaso. Reproduzo parte da noticia dada polo Faro de Vigo na se pode estima-la falta de argumentos. Inclúe como explicaciós prá ordeación do tránsito as que non deixan de ser auténticas paletadas, privado o home de sentido pra entende-las necesidades dunha cidade na que estas xentes non pensaron nada máis que na súa conversión en auténtico Gulag:

Faro de Vigo: El alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, defendió en Florencia la tesis de que "en la ciudad solo deben circular los coches que se precisan realmente para la actividad económica, los servicios públicos o los accesos a garajes". Lo hizo a preguntas de los asistentes al foro europeo de movilidad ECOMM, en donde el alcalde y el intendente principal de la Policía Local, Daniel Macenlle, expusieron el modelo urbano pontevedrés y rebatieron el concepto de "necesidad" asociado al vehículo privado.


Aínda no meu pasado traballo, "Cando vai de involución", coñeabame dos famosos bucles, que teño definido non poucas veces como unha deformación dos famosos diagramas de Venn, que tanto xogo deron nas matemáticas modernas, e que a cousa non foi outra que unha deformación, algo que lle quedou a Mosquera, o concellal pai da criatura, de cando foi profesor de Matemáticas.

domingo, 4 de mayo de 2014

Cando vai de involución

 Estampas do modelo de cidade que Lores leva a Florencia, Bruselas e Roma. A casa arruinada ten moradores, en claro peligro.
 Outra ruína, que se cae a cachos e que en tempos foi pazo dos Mariño de Lobeira. Por esta rúa baixaba un dos fluxos dinámicos que daban vida ó Mercado de Abastos.
 Esta é unha falsa terraza. Os da taberna puxan ó contenedor contra a parte baixa dunha casa, onde o ventanal do salón, e atrican a entrada ó edificio Terras de Pontevedra.
O que fora pazo é xa case ruína total. Outra perspectiva da que tamén é morada de okupas.

Pontevedra, 5.05.2014
Entrada n. 1758 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra.

Cando vai de involución,
por xesús López Fernández

            Hai agora uns sete días que o Consello Económico e Social (CES) do Concello pontevedrés celebrou unha xuntanza. Certo que este Consello reúnese de tarde en tarde, mais desta volta parece existir unha preocupación real pola  involución da cidade, na que se estima pasan de oito mil os parados e de que máis de mil fogares carecen de ingresos. Nesa reunión tomouse o acordo de constituire un esculcadoiro, “modesto” según o Concello, que afonde nas causas da situación económica local dend´o punto de vista do emprego e dos sectores productivos. Na súa posta en marcha van participa-la Universidade de Vigo e os sindicatos. A verdade é que non se ben entende a situación de abandono á que ten chegado a cidade, que se en tempos foi comercial e administrativa, agora carece de modelo e vai ser difícil renovare ou recupera-los fluxos dinámicos que a convertían nun verdaderio centro comercial.

            Lores puido aproveita-la ocasión pra lle explicare ás “forzas vivas” sentadas con el á mesa de qué vai o seu inédito modelo de cidade, do que tanto leva falado sen nos ofrecere unha explicación real. Certo que puido ter anovado o seu discurso da sostibilidade, de cando propuxo a adhesión á Carta de Aalborg das Cidades Europeas cara a Sustentabilidade, adhesión á que se sumaron daquela os outros partidos políticos. Pero da tal Carta xa  nadie fala. Todo era un falso discurso, algo que se nota á hora da redacción dun PXOM sen auténtica Axenda21Local, o que pilla ós diversos grupos co paso cambiado e sen discurso ambientalista. Resulta triste que os cidadáns teñamos unha visión máis clara da que nos poidan brindare os políticos, agora ausentes da realidade ó estaren  en nómina da que se ten calificado como a mellor empresa do mundo, a máis rentable prós que dela viven, moitas veces sen unha cualificación real, máis interesados polo urbanismo arrasador que pola conservación do medio ambiente. E así, a cidade, “berce de valentes”, perdeu o mar 

            Determinantes da involución da cidade poden sere a peatonalización salvaxe que xa tentara Rivas Fontán. Se daquela houbo un comercio que se movilizou en contra, a partir do mandato do alcalde Pedrosa comezou xa o gran devalo, a ruína da zona vella. Outro dos factores da involución foi a supresión da circulación radial e sustitución por un gran laberinto de bucles no que prima o unidireccionalismo; a xibarización de arterias, agora reconvertidas prás bicicletas, verdadeiro peligro prós peatós, que tampouco dispoñen de servicio de autobuses; a dotación na zona vella dun novo enlousado de granichán que non ten comparanza co vello pavimento levantado e que valeu, principalmente, pra desalmare non poucos espacios; a anulación dos fluxos dinámicos; o incumprimento da normativa de veladores. E tamén a non revisión da que debera ser unha encomenda urxente: o Peprica, que de pouco vale se non se convirte nun plan vitalizador que favoreza a fixación da poboación.

            O PP veuse mostrando impotente no exercicio dunha verdadeira oposición, coido que en gran parte por ter sido eles os inventores da peatonalización, asunto no que despois traballaron Lores e o seu equipo. Sen embargo, el dí que, dend´a Alcaldía, pouco pode facer prá creación de empregos, cando aquí pouco se leva feito pra salva-lo comercio ou mante-la funcionalidade dos edificios públicos. O Mercado precisa unha atención especial prá promoción das sinerxias, pero os mandiños da política local apostaron por Carrefour e outras superficies imprantadas na periferia, con parking gratis total. Dend´aquela o comercio local comezou a sofrire e, paseniñamente,  foron cerrando máis e máis tendas. E non só eso, senón que son moitos os espacios con presencia de ruínas ou certamente desnaturalizados, morada habitual de okupas que arriscan a súa vida. Comercios emblemáticos que apostaron pola peatonalización comprenderon o seu erro cando xa non lles quedaba tempo. Outros van facelo en breve. Os chinos tamén están na lista do abandono, collidos pola involución. O negocio non resultou posible.