domingo, 26 de agosto de 2012

Falta de color ambientalista

Non hai color ecoloxista na Administración. Ana Pastor está sendo protagonista, como xa o fora en tempo anterior, dunha nova agresión á ría, unha obra prá consolidación da ocupación do que é terreo demanial, con actuaciós en contra da Lei de Costas. Ela formaría parte, a pouco que alguén queira promove-lo inventario das traiciós ecoloxistas aquí consumadas, da longa procesionaria dos Sánchez Gordillo que aquí laboraron a favor dos clústers portuarios, sometidos presuntamente ó seu mandato.

Pontevedra, 26.08.2012
Entrada n. 1560
Artículo semanal.

Falta de color ambientalista,
por Xesús López Fernández

            Hai que lle reconocer a Sánchez Gordillo, alcalde de Marinaleda,  unha gran capacidade  pra se crear sona de héroe, de Robin Hood según algús o nomean, porque moitos ven así as súas acciós de roubare en supermercados “prá distribución do roubado antre os probes”. Según o Financial Times este político “veuse catapultado ó estatus de héroe de culto”, polas súas “expropiaciós” en Mercadona ou por ter entrado en diversas fincas particulares. Os acontecementos  logo trascenderon ó extranxeiro, asunto éste que parece preocupa ó noso ministro do Interior e ó Goberno en pleno. Sánchez Gordillo está moi oufano ou alfúfaro, levantado de cascos, e ten declarado incluso que non lle preocuparía que o detivesen: “Que me deteñan. Non quero usa-la miña condición de aforado pra nada. Aquí públicamente renuncio e se me queren meter no cárcere, pra min sería un honor, que se enteren dunha vez”.
 
            Non hai dúbida de que nun país con máis de cinco millós de persoas vivindo unha situación dramática e privados do máis elemental, cun Goberno que parece carecer de ideas, a cobertura mediática dada ás actuaciós de Sánchez Gordillo facilita, como comenta Daily Mail, “que a xente normal agradeza a súa posición contra o Goberno”. Pero non é a miña intención seguir, desta volta, co tema xa enunciado dos ataques á propiedade particular. Quérome referir á existencia doutros Sánchez Gordillo, dos que sabemos en Pontevedra, que están na mente de moitos. ¿Qué pasa coa nosa ría, que a matan?¿Por qué a ocupación de espacios que son dominio público marítimo terrestre, por qué os recheos practicados pra xerare solares gratis total? ¿Por qué a construcción do ferrocarril a Marín, hoxe sentenciada? Cunha Fiscalía alerta hai tempo que se tería tentado darlle a volta ás cousas e recupera-lo noso litoral.

            Fálase dun novo plan especial do Porto de Marín, cando sobre centos de miles de metros cadrados de recheos deshonestos, de ocupación de lámina do mar, existe unha sentencia firme do TS e debe repoñerse o litoral. É decir, legalmente, ese superporto no que están a pensaren carece de chan. O paso a nivel do ferrocarril pola praza d´Os Praceres tamén é ilegal por sentencia de marzo do 2007, que a Autoridade Portuaria tenta neutralizar. A edar d´Os Praceres, construída en terreo demanial, tamén é presuntamente ilegal, pendente de sentencia do T.S. I é unha pena que o PP perdera por completo os papeles no tema medioambiental despois de ter sido o Goberno de José María Aznar o creador do ministerio de Medio Ambiente, e sendo ministra Isabel Tocino quedou claramente deslindado o litoral de Lourizán, Mollavao, etc. Cristina Narbona, do PSOE, estivo moi condicionada, pero dela é o decreto que afirma que as Marismas de Lourizán son terreo demanial e, como tal, inalienable, inembargable, imprescriptible e insusceptible de desafectación. E o PSOE dou un paso atrás coa supresión do ministerio e a creación do M.A.R.M., no que agora releva a Rosa Aguilar o señor Arias Cañete, que non sabemos qué vai facer coa Lei de Costas, da que se están a burlaren, un dos nosos avales ata o presente. 

            Os veciños d´Os Praceres están tranquilos en relación coa “promesa do novo plan especial do porto”, pero a irracionalidade portuaria está actuando noutros frentes. Por exemplo, acaban de inauguraren o novo nudo de Celulosas i están operatívo-los catro carriles que van pasare baixo o macronudo irracional, tamén presuntamente ilegal, porque afecta ó dominio público marítimo terrestre. Todo parece que pra consolidare a autovía a Marín e o seu vincallo coa Autoridade Portuaria. E tamén falan os Sánchez Gordillo da degradación litoral da continuación do paseo a Marín. O paseo, en carteira, din, cando todo o que se leva feito está construído en terreo demanial, tanto o promovido n´Os Praceres por Ana Pastor como o tramo d´As Corbaceiras realizado polo Goberno local. Desgraciadamente, só unha decidida acción popular podería reverti-la situación.     

jueves, 23 de agosto de 2012

Os Sánchez Gordillo de Marín

Pepe Cuíña foi o principal impulsor da construcción do ferrocarril ilegal ó porto de Marín. Poderiamos citar outros nomes dos que parteu a idea e a orde do arraso litoral, algús próximos ó señor Rajoy.. Cuíña, por mandato naquela ocasión, actuou como un Sánchez Gordillo  na arrancada do arraso litoral.    

Sobre María Ramallo (Sánchez Gordillo), hoxe alcaldesa, recaen gran parte das culpas dos recheos deshonestos cos que os clústers tentaron acabar coa mar de Marín e ría de Pontevedra.

Pepiño Blanco, outro Sánchez Gordillo que centrou a súa actividade sobre a autovía a Marín, construída en dominio público marítimo terrestre.
Ana Pastor sigueu os traballos en relación coa autovía, que queren consolidare ó servicio da desfeita litoral. Outra Sánchez Gordillo, en definitiva, que está casada con José Benito Suárez, presidente da Autoridade Portuaria, na fotografía da dereita.
Poderiamos incluir máis fotografías: Manuel Fraga, Miguel Angel Fernández Lores, Tonecho, vello alcalde de Marín, que con Cuíña formaban o cuarteto do Apokalypsis que fixo a viaxe inaugural do ferrocarril hoxe sentenciado. Tamén actuaron como os Sánchez Gordillo da cousa medioambiental. 

Pontevedra, 23.08.2012
Entrada n. 1559 do blog

Os Sánchez Gordillo de Marín,
por Xesús López Fernández

Sánchez Gordillo, o alcalde de Marinaleda, e os seus acólitos están a quebrantaren a convivencia, a practicaren unha auténtica apropiación indebida, en superpermercados ou entrando en plan okupas en latifundios ou fincas de terratenentes andaluces.

De momento, o home está gañando popularidade, ameazando con novas acciós, en órdoba ou Málaga, sí ou sí,  sen que pareza que o Goberno estea disposto a actuare e a defendere o Estado de Dereito, que parece hai anos non existe. En España.

Ocúrreseme asimila-lo caso do alcalde comunista de Marinaleda, có que en Pontevedra-Marín está  a acontecer dende hai anos, só que aquí son os clústers os que están a actuaren, a lle marcare ós políticos a correspondente folla de ruta pra acabare co dominio público marítimo terrestre, en contra do disposto na Lei de Costas, en contra tamén da defensa que do medio ambiente fai a Constitución. Os clústers ocuparon o mar por medio de recheos, tenderon un ferrocarril polas marismas de Lourizán ou agora tentan consumaren a ocupación de 700000 metros cadrados por medio da consolidación da autovía a Marín, asunto este último no que Ana Pastor (Sánchez Gordillo) sigue a pauta de Pepiño Blanco (Sánchez Gordillo). E a Xunta anuncia un novo plan portuario cando a superficie na que se asenta está sancionada polo TS, pero os Sánchez Gordillo da Xunta queren dalgún xeito burlare a Lei de Costas. Seguramente tamén coa axuda de Arias Cañete, que tamén comparece como outro presunto Sánchez Gordillo, tendo en conta algús dos seus pronunciamentos.

Os persoaxes representados nas fotos foron no seu momento, todos eles, Sánchez Gordillo, ainda que os citados non representan máis que un corto inventario. A historia é corrupción en esencia pura, mafia auténtica.

       


domingo, 12 de agosto de 2012

Convivencia imposible

 Cando o Bloque accedeu á alcaldía deixou o edificio da Casa da Luz, cuartelillo da Policia, sen oficio nen beneficio. Reconvertiron, por culpa tamén da Delegada provincial de Cultura, Pilar Rojo, do PP, o lugar da fotografía en espacio aberto, multiusos dos senteito ou, chegado o caso, prá celebración de algún evento gastronómico,sen aparente control sanitario.  Certo que hoxe volve estare cerrado o espacio, reconvertido de novo, desta volta como oficina turística Terras de Pontevedra, cunha actividade mínima prós máis de 700000 euros que aí se gastaron. 
A forza de quereren mostrar espacios abertos limpos, cando as terrazas todo enzudran, doulles por situa-los contenedores nas rúas máis ignoradas. As terrazas deberían asumi-las súas propias vasuras.

Pontevedra, 12.08.2012
Entrada n. 1558 do blog
Artículo semanal

Convivencia imposible,
por Xesús López Fernández

            Preferiría falare de convivencia posible, pero tal parece que as dificultades de permanencia na zona vella de Pontevedra van ir a máis. Refírome ó nivel de ruídos, á ocupación (por privatización) dos espacios públicos, tema éste no que se pode dá-lo caso de que unha taberna con pouco máis de vinte mts/2 de superficie dispoña de sesenta ou máis metros cadrados de terraza nalgunha das prazas que marcaban o noso carácter de cidade comercial. Ese aspecto non foi coidado cando se acometeu, xa no tempo do PP, a peatonalización da zona vella, como tampouco se pensou na permanencia da poboación residente. A normativa de veladores parece que nunca se aplicou e hai espacios deshonestamente ocupados prós que ademáis non “hai” horario de cerre. A policía, ausente. Lémbrome agora de varias persoas que, profetas do que nos ía trae-lo “modelo granichán de cidade”, outaron por vende-la súa vivenda. A crisis era xa evidente, en Pontevedra, hai dez anos.  

            Agora, cando comezan as festas, a demasía decibélica vai ir a máis, especie de achanzamento de morada, de expropiación do silencio ó que os residentes teñen dereito. Certo que este ano, todo un “detalle”, comezaron coa demasía decibélica antes de tempo, reventando algunha praza sen soporte prá tal emisión de sonido/ruído. Esto, e tamén a falta de vixiancia policial, debería ter en conta o actual concellal de Urbanismo, Antón Louro, que acaba de facere unhas declaraciós sobre modificación de normas “sobre ruídos, vados e veladores, que terán de dar resposta ás novas necesidades e adaptarse ás novas realidades”. Con éso parece estar prometendo algo cando o asunto do terraceo está a negare a “accesibilidade” da que fixeron norte os profetas do “granichán” e coido que esa realidade non se pode consentir nen promocionar, causa principal da involución da cidade.

            Que Louro dispoña unha enquisa domiciliaria, da que estou seguro arrancaría máis dun expediente. Pódollo explicar persoalmente, incluso por medio de “carta aberta”. Pero teño as miñas dúbidas porque aínda que o Concello teña pendurado na súa web a Axenda21Local do PXOM, a dita axenda non foi en nengún momento redactada, “porque tería que ser consultada a tódo-los veciños, en particular no eido da posible recuperación do capital natural”, no que o Concello contradícese ó tentare musealiza-lo porto román á par que estreita-lo río aínda máis, como no espacio da nova ponte d´as Correntes. Ou inaugurando ruínas, como no Campillo de Santa María. Eu pediríalle a Louro unha visión urbanística máis na línea de Sesmeros que no que agora chamamos os cidadáns “o modelo granichán de cidade”, en alusión á pedra usada pra repavimentala. Privada de arterias, a cidade entrou no carreiro da involución certa e, cun ruído que entra nos fogares sen permiso, é cada día máis aldea. 

            Volvamos á idea de Louro. Non poucas veces, polos soportales non se pode pasar. Pequenas prazas ou rúas estreitas son agora como patios de veciños, prá bullanga ou prá deboura que algús se traen. Non hai hora de cerre, como se os rexedores dos locales tivesen a chave da noite. ¿Son legales as terrazas todas?. Éso deberá comprobalo o señor Louro, se verdadeiramente pode ter “autoritas” pra nos devolvere ó mundo civilizado. El sabe que imos mal en ecoloxía, que non existe vontade política para resolvere moitos dos nosos males. ¿Pero sabe cal pode sé-lo maior problema de ruídos, na noite?. A carroceta de Satán, como me dou en chamala. De motor eléctrico, é utilizada na recollida de botellas. Parece ter horario persoalizado, polo menos onde eu vivo. Agora, cando xa nadie parola nunha “terraza” próxima, debe estar a punto de chegar, xa na madrugada. Chega sen facer ruído, emite como un asubío sotíl e, nese momento, sacan dos bares caixas e contenedores coas botellas que voltean no interior da carroceta. ¿Previo aviso telefónico?. Estou en que sí. Porque ás veces chegan ás 3.30 da madrugada. O tronicio é tremendo. Espertan os nenos chorando, asustados. I éso é responsabilidade do Concello.  

miércoles, 8 de agosto de 2012

A chamada do bosco autóctono [14.11.2003]

 Unha vista xeral das Médulas, perto de Ponferrada, se noutro tempo ricas en ouro, hoxe ricas en castañas e Patrimonio da Humanidade.  
Outra vista das Médulas, onde a natureza vai marcando a recuperación dos soutos.

Pontevedra, 8.08.2012
Entrada n. 1557
Artículo do ano 2003, que sigue en vigor.

Na miña idea de ir concentrando no blog traballos vellos, tarea que parece fun deixando atrás, hoxe inclúo este vello artículo:


A chamada do bosco autóctono [14.11.2003],
Por Xesús López Fernández

Hai xa tempo que escribín un traballo titulado “Do nome da Ribeira Sacra”, no que recuperaba a tesis de diversos autores no sentido de que se estaba a utilizar unha palabra que non se correspondía coa “Rovoyra sacrata” á que se alude no documento fundacional do mosteiro de San Xohan de Montederramo, que estaría situado na parroquia de Seoane o Vello, en Montederramo, máis antiguo que o actual conocido de Santa María de Montederramo. A palabra “rovoyra” conecta co “robur” latino. E naquela zona como no Ourense oriental abondan os “rebolos”, así denominádo-los carballos cerquiños ou cerqueiras, que tamén se dan no noso entorno..[A palabra rebolo é tamén común na zona de Sanabria...] Precisamente hai uns días e con motivo dunha viaxe de fin de semáa volvín pasar pola Ribeira Sacra, cara ó Barco, e ó Bierzo das Médulas. O outono estaba na arrancada. Os días, como decía Novoneyra, eran --e son-- como tardes longas. É a época das colores máxicas: nas vides, nos fentos, nas árbores... 

Aínda que esta vez non parei en Montederramo sí pensei na idea de Vidán Torreira, de que antes que a unha ribeira efectivamente cristianizada, a denominación podería referirse a un carballo, a un rebolo ou reboira sagrada, retomada a idea de que alí puido existir unha árbore parasitada polo visgo [Monte do Ramo, o muérdago da ponla dourada] que tería unha especial significación prós seus coetáns de  cultura celta. Ó longo da viaxe non deixei de pensar no valor que prás nosas xentes tivo de sempre o bosco autóctono... Os carballos irían alternando con castiñeiros, que nalgús sitios sobían ou reconquistaban  socalcos abandonados, alí onde parece que o home xa non está presente. As árbores facían o seu traballo de reconquista na medida do posible. E xa, máis entrado na bisbarra de Valdeorras ou no Bierzo, as beiras do Sil mostraban a chegada do outono a doura-las alamedas.

Xa antes de chegar ás Médulas puiden ver cómo as xentes andaban polos montes, recollendo castañas en caldeiros ou bolsas. Pero o que si me impactou foi reparar na masa de castiñeiros existentes no lugar, patrimonio histórico da Humanidade, no seu día destripado polos románs que viñeran á busca do ouro e que traían a auga prá súa explotación dunha distancia que inda hoxe parece excesiva: máis de cen kilómetros, á procura da necesaria caída da mesma. Testigos da súa presencia alí están as covas e galerías que resistiron o paso do tempo. As árbores queren retoma-lo terreo e hai presencia de exemplares centenarios [algús fortemente acaracochados, outros ben conservados], todos eles exuberantes de castañas, os ourizos aínda verdes o día da miña visita, porque a castañada é longa e vai, como sabemos, dende as fins de setembro ata decembro... Exemplares vivos, en definitiva, como vivo está tamén o idioma galego [furnias, souto, cova], como puiden comprobar conversando cunha señora que tiña un estaribel no que vendía todo a dous euros [1 kg. de pementos, a ducia de ovos, un kilo de castañas], como unha especie de “todo a cen” en versión europea.

Como aquí parece que nos roubaron a paisaxe ó cambia-la vexetación autóctona pola que nos chegou de Australia, lembreime daquel proiecto de Lei Forestal de Iniciativa Popular presentado no Parlamento galego en xuño do 1989, votado en contra polo triunvirato gobernante. E curiosamente, é un tema que aí permanece sen ser retomado máis alá dalgunha que outra declaración, como a que en certa ocasión fixo Cortizo, diputado socialista, propoñendo con contundencia que a salvación da nosa floresta pode pasar pola eliminación dos eucaliptos nun horizonte de cincoenta anos. E acábame de chegar un traballo que vai  nesa dirección. E, curiosamente, o Movemento Mundial polos Boscos Tropicales usa unha serie de testimonios que falan da ruína de zonas por lles teren arrasado os boscos autóctonos, como a rexión de Madhya Pradesh, no centro da India, nalgún tempo célebre pola abundancia de fontes. Pois ben, eliminado o bosco primario, o actual eucaliptal prantado extensivamente actuou como papel secante, ademáis que nese tipo de prantación, como ben lembra Galeano e sabemos nós, xa non cantan os paxaros. Un tense posicionado moitas veces en contra dese tipo de prantación, que na nosa terra avanza como un exército [os soldaditos que di Galeano] e vai apagando aldeas. Salvando as distancias, a causa do cambio pode estar no sobreabuso na arrancada das madeiras nobres que deixa ademáis sen acobillo ós pobos primitivos que tiñan a súa vivenda baixo as arboredas, que coidaban delas porque nelas estaba a súa vida, seguramente coa mesma idea de sacralidade que podemos ventar na Rovoyra Sacrata. Por certo, nos accesos a Sanabria descobrín un pequeno rebolar, un grupo de cerquiños. ¿Unha nova reboira sacra? Ó mellor dentro de cen anos. A ver qué pensa a xente daquela.

domingo, 5 de agosto de 2012

Momento difícil

 O chiste de Montoro, en La Razón, demoledor. A España desertizada por falta de políticas agrarias certas. Agora vaino arranxare Arias Cañete. E un xamón!
O de Esteban vale tamén neste momento de caos autonómico pró que non se telumbra unha clara solución.

Pontevedra, 5.08.2012
Entrada n. 1556 do blog
artículo semanal

Momento difícil ,
por Xesús López Fernández

            Van alá sete días de sustos contínuos cun panorama económico e social que non parece vaia mellorar no prazo corto. Jaime Mayor Oreja acaba de decir que “é preciso que un movemento cidadán apoie ó Goberno de España”. Aínda que no seu discurso entra fundamentalmente a idea de España como Nación e a actitude insolidaria de certas autonomías, o certo é que este Goberno naceu dun apoio maioritario dos cidadáns nas pasadas elecciós. A sociedade doulle, pois, a súa confianza, en base a un programa electoral. O PP ten maioría parlamentaria absoluta, pero o seu programa electoral non se está a comprire. En base a eso, cada novo discurso de Rajoy pode mesmo acender novos medos. Di o noso presidente que precisamos de máis ingresos e de mingoa-los gastos, algo esto último no que parece non se teñen aplicado correctamente. E incrementa-los ingresos pola vía impositiva (máis IVA que non ían sobir, máis IRPF, reducción salarial, sobida dos carburantes, peaxes das autoestradas….) non vai impulsa-lo crecemento da riqueza.

            A UE (Merkel) parece está a utilizare a Drághi como lanzadeira, pra forza-la petición de rescate por España, endebedada externamente en máis de novecentos mil millós de euros, en gran parte resultado do estoupido da burbulla inmobiliaria á que non son alleos os políticos que cambiaron a vocación das caixas de aforros, que as meteron no negocio inmobiliario ata o delirio, ata a creación das preferentes. E aí polo medio entrou no xogo a recalificación de terreos agrarios, a construcción de urbanizaciós como a de Seseña, nun secarral de Toledo, a traición da paisaxe en moitísimos lugares da nosa xeografía: Algarrobico, a Mariña lucense, Lourizán, Marín…. A realización de novas infraestructuras (ferrocarril e aeroportos sen uso, vías que raian coa irracionalidade, etc.). Inda máis, a BBC sinala como un dos fitos da burbulla inmobiliaria española a construcción da Cidade da Cultura en monte Gaiás.  

            Estamos nunha situación na que, si Drághi fala, pode provocare unha maior sobida da prima de riesgo. Momento de decepción e medo cerval porque o BCE non compreu hai catro días coas espectativas de España e Italia e a posible compra de bonos soberáns destos países quedou condicionada á petición de axuda. Parece, pois, chegada a hora do rescate, que siguen decindo non vai haber, “porque o euro é irreversible” según afirmación do propio Drághi, Monti e Rajoy. Pero garantiza-la supervivencia da moeda única vai impór concesiós e reformas no terreo fiscal i estructural (máis axustes) e solicitare axuda.  E aí pode esta-lo peor, porque si rescatare separadamente a cada un destos países vai ser difícil, o rescate de ámbo-los dous non parece fácil, porque as condiciós van ser durísimas se algún deles ve que a súa débeda chegou a niveles insustentables. E nos están pedindo, xa, maiores recortes en Sanidade i Educación antes de activare un plan de apoio a España.

            Algún analista opina que o último discurso de Rajoy debería ter un maior contido. “Es lo que hay que hacer”, afirma Rajoy que insiste no sentido de que fan falta máis ingresos e menos gastos; que aumenta-los ingresos resulta fácil pola vía impositiva (cun coste social no que non se repara), e mingoa-los gastos vai ter un coste político que o Goberno non  quere pagar. Di Martín Ferrand que no balance antre o un e o outro está o talento, un plan de acción gubernamental que seguimos sen conocer máis que en discursos autoxustificantes, un recurso oratorio usado por Rajoy, ou nas vaguedades, máis próximas ó rumor que á noticia, que cada sete días anuncia algún voceiro monclovita. Certo que a sociedade tería que estar máis armada moralmente e apoiar ó Goberno, pero xa non cree na súa forma de gobernar, nen nos seus discursos pouco consistentes, neboentos, que definen unha especie de falta de ética. E moitos dos cidadáns ós que cínicamente se lles pide apoio, pola involución sofrida no país, comen hoxe gracias a Cáritas ou Mans Unidas.

sábado, 4 de agosto de 2012

O monte Gaiás, na BBC

 Fotografía de La Voz de Galicia sobre a vergonza da Cidade da Cultura, que non hai forma de abordare.
 A verdade é que esta construcción, encomendada en principio por Fraga, foi despois seguida polo Bipartito, "desenvolvemento sustentable de nóminas" que se pode supoñer.  E sigue...
Outra vista do monstruo que non van rematare.

Pontevedra, 4.08.2012
Entrada n. 1555 do blog.

O monte Gaiás, na BBC,
por Xesús López Fernández

A BBC sinala a construcción da Cidade da Cultura como un dos maiores escándalos do ladrillismo español. Certo. Pero non profundiza no tema. ¿Por qué a súa construcción? Todo apunta a certos movementos de reptiles, de presunta contraprestación nunha cuestión que parece corrupción en estado puro.

O monte Gaiás foi doado por José Luís Méndez, outrora presidente do Consello de Caixagalicia, pra que don Manuel Fraga Iribarne construíse no lugar o seu mausoleo. Pero o agasallo tiña un precio: o decreto de supramunicipalidade de Fraga pra poñer en marcha a definitiva ocupación das marismas de Lourizán, a construcción nas mesmas de Tisú de Lourizán, unha fábrica que montaría Georgia Pacific na zona das balsas de decantación, en terreo da concesión de Ence non segregado. (É asunto xa contado neste blog)

Pero a cousa non resultou doada, que xa daquela o Avogado do Estado definía ese espacio, dominio público marítimo terrestre, como inalineble, inembargable, imprescriptible e insusceptible de desafectación, definición ésta na que insistiría por medio dun decreto do ministerio de Medio Ambiente a súa titular, Cristina Narbona. Ese parece que foi o motivo de que a retiraran do medio e comezasen a lle dar voltas á Lei de Costas.

Pero nas idas e voltas houbo cambios no capital de Ence, S.A., que pasou a se denominar Grupo Empresarial Ence, S.A. O cambio de mans das acciós por máis do 50 por cen trouxo consigo a perda da concesión, asunto entendido pola Audiencia Nacional que hai máis dun ano ordeou incoa-lo proceso de anulación da concesión e a interrupción do proceso fabril.

Lembremos tamén o discurso de Touriño no Galicia Palace, "¡Ence sí, pero non aí!". E non tiveron o valor, el e Quintana, de anula-lo decreto fraguián de supramunicipalidade.  A corrupción seguía, e sigue, neste asunto. Pero, de certo que sí, á BBC fáltalle información.

Enlace: La Voz de Galicia, 4.08.2012: La BBC pone al monte Gaiás como ejemplo de la burbuja española.

jueves, 2 de agosto de 2012

Mario Monti, vivimos nun inferno,

O inferno é case sempre roxo, suponse, como apunta esta estampa

O inferno do PSOE tamén é roxo, con patrón da casa, suponse.


O das cellas luciferinas moi ben pode actuar de demo. Levaba anos facendo oposiciós, arruinando o país.
 
Rajoy está no inferno,

A reina de Inglaterra tamén está no inferno, con Rajoy e Monti


Fotografía que corresponde ó momento no que Mario Monti pronunciou a frase de "Vivimos nun inferno"
¿ZP?, xefe máximo, ó que o lume parece non-o afectar. Pode estar, incluso, sentado no seu trono.

Pontevedra, 2.08.2012
Entrada n. 1554 do blog

Mario Monti, vivimos nun inferno,
por Xesús López Fernández

Non me gusta falare de crisis. Coido que sí hai crisis de valores e falta de intelixencia pra escollere as recetas necesarias pró relanzamento da economía real. Mentres esto non acontece "vivimos nun inferno", como dixo Monti.

Anda por aí un conto que sitúa no inferno (¿no inferno de ZP, o das cellas luciferinas?) a tres persoaxes: Rajoy, Monti, e a Reina de Inglaterra: Os tres están preocupados por como poidan estare a evoluciona-los acontrecementos e a economía dos seus respectivos países.  E, por turnos, piden permiso ó demo pra falare cos seus respectivos países.

Primeiro é Monti o que fala con Italia. ¿Que cómo van as cousas?, lle contestan e siguen a decir "Male, male". Monti pasa algunhas instrucciós pra endereitare a marcha do país, suxire que hai que adelgazare aínda máis a Administración, etc. Pasádo-los dez minutos da converse pergúntalle ó demo polo coste da chamada: "Dez mil euros", contesta Satán. E Monti paga.

A reina de Inglaterra tamén quer falare. E bota trinta minutos de parlamento. O seu semblante vaise demudando pero, en definitiva, a situación do país non é tan mala como a pintan. ¿How much is it?, pergunta ó tempo de colgare o teléfono. E o demo das cellas luciferinas informa: "Trinta mil euros".

E Rajoy, por non ser menos, tamén quer falare. Non lle chegan os trinta minutos da Reina Isabel. Fala con De Guindos. ¿A situación?... Fatal!... Fala con Montoro, ¿a situación?, Non se pode maxinar, peor que o que dixo De Guindos... E sigue a falare con Arias Cañete, a ver si se pode reactivare a economía relanzando o ladrillo, convertindo en solar o dominio público marítimo terrestre, Intentarémolo coa nova Lei de Costas da Merda, etc. E sigue a falare con Bañez, con Ana Pastor, Martínez Soria, con baróns autonómicos, etc. Non dá rematado.... Á fin, colga e pergunta. ¿Cánto?... Un euro, responde Satán.... ¿Cómo, un euro despois de ter falado máis tempo que Monti ou a S.A.R. a Reina Isabel...?  De certo que sí, dí Satán, pero a vostede correspóndelle a tarifa de chamada local, de inferno a inferno....¡Narices! Ó mellor aínda nos vai ter que rescatare o demo, por máis que este Satán, coas cellas luciferinas, parece ter estado xa na gobernación de España, pensa Rajoy, e así nos foi. (Aparte, naturalmente, de que Rajoy tampouco está a facere os deberes)