sábado, 28 de junio de 2014

Días de Sicilia

O Etna entrou en erupción sobre o 14 ou 15.06, dous días despois de visitare algunha das súas bocas apagadas.

Pontevedra, 28.06.2014
Entrada n. 1763 do blog
Artículo do 23.06.2014 no Diario de Pontevedra

Días de Sicilia,
por Xesús López Fernández
            
O día 6 de Xuño chegabamos ó aeroporto de Catania, cidade castigada polo Etna sete veces na súa historia. A Catania actual naceu despois da erupción do volcán, ano 1669, e do terremoto do 1693, sendo reconstruída no século XVIII con profusa utilización de basalto procedente do Etna, visible en fachadas e pavimentos das súas arterias e prazas. O compositor Vicenzo Bellini, con panteón na catedral, é un dos amores de Catania, xunto co volcán Etna e a patrona da cidade, Santa Ágatha. Xa dend´alí nos instalariamos no Galatea Sea Hotel, enclavado na beira do mar, nun recanto privilexiado fronte á illa do mesmo nome, testigo das nosas liturxias incardinadas na natureza, á caída do serán. Por dous días ese había se-lo punto de partida prás nosas visitas a Siracusa e á illa de Ortigia, con memoria de San Paulo, onde se estableceran os corintios que deixaron alí a súa impronta: un teatro do século V a.C., unha gran cova, con resonancia espectacular, a Orella de Dionisio, e un ara aínda presente, na que se celebraba a hecatombe, o sacrificio de cen bois ó deus Zeus.  

            A illa de Ortigia está unida a Siracusa, da que foi núcleo fundacional, por tres pontes. Alí se conservan restos gregos e, nunha capela da catedral, templo recuperado polos normandos da condición de mezquita que lle deran os musulmáns (300 mezquitas chegarían a construiren en Sicilia), unha reliquia de Santa Lucía, que tamén ten outro templo no mesmo espacio, unha basílica, cunha gran pintura de Caravaggio: o “enterramento” da santa. E non esquezamos que no lugar naceu o grego Arquimides, o autor da teoría da flotabilidade dos corpos. Xa de regreso no hotel e despois da liturxia cotiá, pensabamos na sobida ó Etna, o día 12, ata unha cota de 1800 metros, onde existen varias bocas extintas do volcán. Realmente foi unha sorpresa especial, coa posibilidade incluso de sobir nun teleférico, máis perto do cráter do gran volcán activo, hoxe Patrimonio da Humanidade.

            Ese mesmo día seguimos a Taormina, unha cidade no alto da montaña que en tempos formou parte do gran tour cultural europeo. Vistas prodixiosas sobre o mar azul cobalto, antre os seus visitantes ilustres estiveron Goethe e Nietzche; un burgo vivo i encastelado que tamén tivo teatro grego. Ó día seguinte, 13, partiriamos cara Palermo cruzando terra cereal e numerosos parques arqueolóxicos como: Piazza Armerina,”Villa Romana del Casale”, grandiosa concentración de mosaicos, algún de máis de sesenta metros; Agrigento, o Val dos Templos, onde se conservan visibles tres e totalmente abatido un máis grande que o Partenón ateniense, que fora fundada por colonos rodios e cretenses no ano 561 a.C.; Selinunte, un parque arqueolóxico de 270 has., no que aínda permanecen rúas coa súa traza orixinal, e templos, que foi cidade habitada por 80000 habitantes; e Segeta, outro parque arqueolóxico de 200 has, no que permanecen airosas as ruínas dun templo,antre outras.

            No noso ir cara Palermo teriamos ocasión de nos parar en non poucos sitios, de ben comer sempre, ou de disfrutar dalgún dos seus viños, especialmente o nero d´Avola. Xa na capital, instalámonos pra unha visita rápida a Monreale, cunha fastuosa catedral normanda rica en mosaicos, na que domina o Cristo Pantocrátor, como tamén na fastuosa Capela palatina. O claustro dos capuchinos é outra demostración da obra dos normandos, con diversidade de columnas, todas con capiteles románicos, traballados con distintos motivos. Existe outra catedral normanda e un gran teatro da ópera, e moitas outras maravillas arquitectónicas. No hotel, o noso guía nos confirmaba un rumor do día anterior: o Etna estaba desperto e botaba cinza e lava, máis dun kilómetro se confirmaría. O aeroporto de Catania, cerrado.  

martes, 17 de junio de 2014

A bandeira española

Fotografía da bandeira española existente no Congreso, do ano 1813

Pontevedra, 17.06.2014
Entrada n. 1763 do blog
Artículo semanal publicado no Diario de Pontevedra

A bandeira española, 
por Xesús López Fernández

No Congreso dos Diputados consérvase unha bandeira bicolor da milicia de Cabezas de Buey do 1813. Neste país, ó que algús queremos seguir chamando España, prodúcese un fenómeno tan signficativo como sorprendente: un símbolo que tiña que ser común, a bandeira de España, tense convertido en bandería antre os que exhiben con orgullo a roxigualda (dereitistas) e a tricolor da República (esquerdistas). España é un vello país, mais a diferencia de tóda-las naciós (incluso as máis modernas), as manifestaciós fanse baixo as bandeiras dos partidos, das Comunidades Autónomas (algunhas recén inventadas)…ou, no mellor dos casos, coa tricolor da República, da “progresía”. Pero a bandeira de España non ven de Franco, nen de Juan Carlos I, que ven do reinado de Carlos III, primeiro como pabellón da Armada e posteriormente como enseña de España. O tempo non minte.

Pero a bandeira tricolor tense convertido nun símbolo pancarteiro contra o sistema, contra a bandeira roxigualda, na que algús ven a perpetuidade do réxime franquista, e así nos vai… Como que cando se ondea unha tricolor caemos no erro de comparala coa bandeira de España, concedéndolle a aquela unha importancia que non ten, incluso históricamente. Pra moitos, a tricolor ven sendo como a bandeira doutro país, a ferramenta común prós escraches antisistema que se levan producido dend´o pasado 25.05, cando coas elecciós europeas o PPPSOE quedou claramente tocado, azourido pra longo. Os novos grupos emerxentes queren cambia-la Constitución, cambia-la bandeira, cambia-lo sistema, poñer en marcha a gran deboura, que non falte ruído, pra ver qué futuro imos construir. Fai falta estar gagá pra decir que a bandeira roxigualda foi un invento de Franco. Eso andan a deci-los que queren esnaquiza-lo país. 

“A cuestión da bandeira é un dos motivos que estúpidamente dividen ós españoles e que teñen a súa orixe na conducta mezquiñamente partidaria dos nosos políticos. O cambio da bandeira feito pola República constitueu un erro certo:”

“1. Porque non respondía a unha aspiración nacional, nen tan siquer popular. A bandeira republicana era desconocida pola inmensa maioría dos españoles.”

“2. Porque se reemprazaba unha bandeira nacional por unha bandeira partidaria e así se dividía España.”

“3. Porque non era necesario e consecuentemente sóo podía producir complicaciós, como ten acontecido.” “A bandeira (roxigualda) que tiñámo-los españoles non era monárquica, senón nacional. A bandeira dos Borbós foi branca; a bandeira real era un guión mourado”.

O Goberno debería procurar facer chega-lo texto do artículo de don Vicente Rojo, a toda a nación, incluso nas masivas manifestaciós rupturistas arroupadas con bandeiras tricolor poderiase anima-la actuación cun pouco de cultura: milleiros de papeles impresos coa carta do xeneral, pra que o persoal aprendera a lección.






domingo, 8 de junio de 2014

Don Felipe e o medio ambiente

 O planeta está ameazado pola sobida das augas a consecuencia do cambio climático. 
O príncipe Felipe tivo un claro discurso ecoloxista o pasado 5.06. Parece máis convencido que o Goberno da nación de que a ecoloxía é unha asignatura necesaria. O seu esquecemento pódenos pasar factura, como parece está acontecendo porque son moitos os que formando parte da Administración non estiveron atentos á súa responsabilidade. Papeleta difícil pró próximo rei a de lles lembra-los deberes a tantísimo enano infiltrado como está a coida-la viña da ecoloxía dend´as Administraciós. 

Pontevedra, 9.06.2014
Entrada n. 1762 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra


Don Felipe e o medio ambiente, (7.06.2014, pró 9.06.2014)
por Xesús López Fernández

O pasado 5.06 celebrouse o Día Mundial do Medio Ambiente, celebración que foi establecida pola Asamblea das Naciós Unidas pra conmemora-la inauguración da Conferencia de Estocolmo sobre o Medio Humán do 1972.  A celebración da data debe valer pra inspirare  e potencia-lo poder real das acciós particulares que colectivamente  encastañadas se convirtan nunha forza exponencial pra un cambio positivo. Lembremos que as celebraciós temáticas do DMMA nos pasados anos fixéronse en relación co coidado da terra e da auga, a capa de ozono, o cambio climático, a desertificación e o densevolvemento sustentable, e outros temas. O Día celébrase en todo o mundo de xeitos diversos con independencia do lema central dunha acción hoxe convertida en plataforma global participada por máis de cen  estados. O lema deste ano, “alza a túa voz, non o nivel do mar”, está pensado prós pequenos estados insulares en desenvolvemento, tamén con crecentes riesgos e desafíos polo cambio climático que parece confirmado.

Orfos en España dun Partido Verde con entidade certa como pra asumi-la voz da defensa en tantísimas cuestiós pendentes prás que si hai algunha posible solución á vista é gracias a distintas asociaciós que souberon xoga-la carta da “acción cidadá de iniciativa popular”, algo previsto na Constitución e na propia Lei de Costas 1988. Hai casos nos que xa foron dictadas sentencias firmes polo Tribunal Supremo, que permanecen sen execución de forma inxustificable como se, presuntamente, responsables das diversas Administraciós fosen collidos co paso cambiado, como se realmente fosen as asociaciós as defensoras do Estado de dereito. E nun novo esforzo dos grupos ecoloxistas, desta volta i en Canarias, formaron unha fronte común Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/Birdlife e o Fondo Mundial prá Naturaza (WWF) pra así clamaren cunha única voz “¡No al petróleo en la costa!”, contra as prospecciós a case dez kilómetros de distancia da zona de protección natural da Rede Natura 2000 do arquipiélago canario, que poderían ademáis compromete-la riqueza turística das illas.

Sen esquece-las moitas actuaciós negativas das que poderiamos facer  inventario, consecuencia presunta da escasa sensibilidade ou nulo rigor á hora de aplica-las leis por parte das Administraciós, valoremos como unha nova sensibilidade no ámbito político español a que parece emanar das palabras de Don Felipe, o herdeiro da Coroa española, no acto da entrega dos Premios Europa de Medio Ambiente á Empesa 2014, precisamente o 5.06: “Podemos afirmar que, sen ecoloxía, a economía limita o seu futuro, pois soamente uns ecosistemas saudables poden favorece-lo desenvolvemento de actividades económicas eficaces. Esto é evidente en sectores como a agricultura, a pesca, o sector forestal e o turismo….”. Certo que son moitas as veces nas que, nestos sectores, existe unha política certamente irracional, como ben denuncian os grupos da protesta canaria, como tamén temos denunciado colectivos galegos como Salvemos Pontevedra ou os Defensores da Praza dos Praceres. O Príncipe dixo tamén que “o medio ambiente é fonte de inspiración prá redefinición de estratexias de negocio, de innovación, prá creación de novas empresas e deseño de novos productos, procesos e tecnoloxías”.    

Esas palabras como outras sobre a necesaria protección do entorno e dos recursos naturales, de ve-lo medio ambiente como fonte de oportunidades, xenerador de emprego e riqueza i entende-lo patrimonio natural como un capital que integra o valor ambiental e mai-lo económico parecen apuntar cara un tempo novo.  De que a súa visión dun liderazgo empresarial que aborde con claridade, compromiso e solidez a cuestión ambiental, sexa asumida polo Goberno, tantos anos pasivo, hanse derivar non poucos beneficios. O seu compromiso parece claro. E así o ven tamén na WWF, cuio director executivo, Juan Carlos del Olmo, tenlle desexado sorte a don Felipe ó tempo que pedido protección pró medio ambiente e a transición a un modelo de desenvolvemento sustentable e xusto, como peares centrales do seu reinado.  

domingo, 1 de junio de 2014

Europa, máis lonxe

O rapto de Europa por Zeus, dela namorado. A pintura de Botero parece retratare á Europa dos clústers, arrasadora da persoalidade dos diversos Estados.

Pontevedra, 2.06.2014
Entrada n. 1761 do blog
Artículo semanal

Europa, máis lonxe,
por Xesús López Fernández 

Parece que as pasadas elecciós pró Parlamento da Unión Europea do 25.05 estiveron marcadas polos chamados partidos euroescépticos, agora con máis presencia á hora de marca-las decisiós, mesmo a defensa dos intereses da Europa das patrias, en moitos casos case desaparecidas ou privadas de argumentos contra unha política agrícola comunitaria que veu impoñendo cambios drásticos na economía dos pequenos pobos, incluso na súa paisaxe, como ben sabemos en Galicia, agredida nos seus sectores máis sensibles: mar, campo, gandería, ós que lles faltou voz no Parlamento europeo dend´a súa creación. E así, na nosa terra, foi a máis o abandono, a ruína das aldeas, o cambio da paisaxe, o sometemento ós reis da UE: os clústers, posiblemente os máis euroescépticos de todos e que queren deseñaren unha Europa desalmada e sen outra fin que a implacable imposición do seu Diktatt economicista.

Decía Salvador de Madariaga que Europa tiña corpo e alma, pero que lle faltaba conciencia. I esa conciencia, que parecía clara en periodos dilatados da súa historia, marcados por séculos de cristianismo, polo labor culturizante dos conventos de franciscáns e benedictinos; polas catedrales que, especialmente as de estilo gótico, parecían mostrar, xa, a existencia dun ideal europeista certo; polo Imperio… Mais parece como si, de forma reiterada, o ideal paneuropeísta estivese chamado ó fracaso ou ó drama, como o causado polas dúas grandes guerras do pasado século. Ou xa antes, pola exclaustración dos conventos, o que marcaría un longo periodo de involución en non poucas terras, como sabemos en Galicia, especial beneficiaria ata ese momento do saber monacal. Seguramente que os exclaustradores eran, máis que euroescépticos, verdadeiros nemigos de Europa. 

Pero entremos na etimoloxía de Europa, continente de forma irregular, unha continuación do continente asiático. Asia, Oriente; Europa, Occidente. O término “Europa” apareceu na antigua Grecia. Era o nome dunha semideusa, unha das dez mil fillas do Oceano ou ben a filla do rei Agenor de Fenicia e irmá de Cadmus, por conseguinte unha asiática. Según a mitoloxía Zeus namorárase de Europa e raptouna baixo a forma dun touro, e tróuxoa ó noso continente, tradición tan querida que a súa irmá, Cadmus, fora buscala a Grecia, transmitindo ós gregos o alfabeto, que tiña sido inventado polos fenicios. Pero a palabra Europa non atopa outra xustificación que a seguinte. En grego, o adxetivo “eurus” significa “amplio”, e “ops” é ollo, visión. O “Zeus europe” é o Zeus que ve de lonxe. En femenino, Europa sería unha muller de ollos grandes, belida mirada e fermoso rostro. Outra hipótesis defende que as palabras Asia i Europa derivan da lingua acadia. Asu, xurdir, Erebu entrar. Así, Asia sería Oriente, por onde o sol nace; Europa, occidente, por onde o sol entra, ponse.

Existen moitas representaciós iconográficas do Rapto de Europa na antigua Grecia: o touro e, sobre del, Europa. E tamén están recollidos nas pinacotecas do ancho mundo, de grandes pintores, magníficos cadros que representan o rapto. Curisamente, Fernando Botero, o pintor/escultor dos grandes volumes, representa a unha Europa obesa mórbida que pode correspoder máis á Europa que os clústers nos queren impoñer, tamén euroescéptica na medida na que non se plasma a alma do continente, sí a da Europa dominada polos clústers que, de cada volta, van enflaquecendo ós Estados, como ten dito Borrell: os estados perden identidade e son sometidos polos clústers, como leva anos acontecendo. E as patrias pequenas, europeas, están de cada volta máis lonxe da verdadeira Europa, decote máis lonxe. O resultado das elecciós nos distancia, tamén, de Europa.