viernes, 29 de abril de 2011

SOS POR UN PARQUE

Ésta é a realización urbanística posiblemente máis perfecta dos últimos 50 anos, en Pontevedra. (clicade sempre nas fotos, pra velas a tamaño de pantalla)

A obra, realizada según proiecto dos irmáns Sarandeses, ámbo-los dous arquitectos que dominaban o paisaxismo. O proiecto integraba, integrou, o barrio de Campolongo co centro da cidade, e puxo unha nota verdadeira de calidade. As pedras que se ven no centro da fotografía, ordean unha fonte íntima tal como se aprecia na penúltima das fotos. Dende hai algún tempo parece qu´o goberno local a mantén sen traballare, presuntamente pra que non se estableza a comparanza antre ela e o que dou de sí unha nova fonte, un enxendro especie de mal plaxio do que é esta fonte, na Glorieta de Compostela, que pode chegare a compromete-las fachadas de algunhas casas cando traballa á máxima potencia. Obra sobredimensionada pró entorno no que está situada, non como a que se ve nestas fotos.
Outra perspectiva do mesmo espacio.
O chan deste parque resiste como o primeiro día. Non acontece como na Alameda de Pontevedra na que, con máis de cen anos, non dan acertado cun pavimento terreiro permanente. Esta é a fonte do parque da praza de Galicia a traballar. Miles, talvez miríadas de burbullas a xogare, como a formaren unha nube baixa sen molestare ás xentes que se sentan nos bancos do entorno Outra perspectiva do mesmo espacio, que realmente forma un contínuum coa arboreda toda da rúa García Sáchez e os seus ensanches, nos que toman protagonismo algunhas cerdeiras de flor, liquidámbares, algún acebo e, contra a igrexa de San Xosé, realmente outro espacio, liriodendros, ginkgo bilobas, albizias e diversas especies de coníferas. E a gran riqueza de paxaros.

Pontevedra, 29.04.2011
Entrada n. 1.424 do blog

SOS POR UN PARQUE,
 por Xesús López Fernández

A campaña electoral pontevedresa é sosa. Sosa sosa, según a define un dos grupos que se presenta. Pero o PP pode estar a cometer un grave erro ó levare no seu programa a promesa de reconfigurarar esta praza pra convertila en espacio máis amable. Un disparate porque amable xa o é. E posiblemente é o lugar de Pontevedra con máis concentración de paxaros. Resulta un gozo sentarse nun dos seus bancos, sobre todo pola mañá, acollido á sombra e percibir cómo cantan os merlos e outros paxaros, talvez paporrubios, xílgaros. O outro día pareceume oí-lo canto do cuco, que xa case non se sinte. I eso é grave porque "en Abril, ou o cuco ou a fin". Quer decir, que se non canta o cuco pode se-la fin do mundo.

Pois con esta praza e mái-lo entorno, onde se prantaron coido que catro especies de freixo, árbores semimaduras traídas dun viveiro holandés, xa no seu primeiro ano comezaron a nidifica-los paxaros. Costara cada árbore 50000 das antiguas pesetas, bastante máis baratas que non un amago de prantación/reposición feito na Alameda dunhas cantas árbores mal seleccionadas, que nalgún caso non prosperaron. 

A obra, concebida no mandato de Rivas Fontán, tivo nemigos dentro da propia casa consistorial e procuraron algús imbéciles que a obra non chegara a se consolidar, mantendo catro puntos d´entrada ás súas rúas perimetrales por tres de saída. Cando se modificou ese criterio todo mellorou: tres puntos d´entrada por catro de saída foi unha medida dabondo pra que xa non houbese atasco de nengún tipo. O parque, que mantivo un cinturón periférico de vexetación aillante, que limitaba a visión dos vehículos e o seu ruído, carece hoxe do mesmo. A peatonalización da praza de San Xosé/Calvo Sotelo, deriva cara o lugar, que contornan, os vehículos que antes saían cara a avenida de Salvador Moreno, agora de Rosalía Castro como consecuencia da "depuración" emprendida polo goberno roxo da capital en relación con certos nomes.

Tamén houbo un momento de demencia municipal no que se intentou promover un aparcamento soterraño no lugar e, curiosamente, ós dous días de apuntarse a idea xa estaban redactádo-los planos, o que mostra a carga de irracionalidade que existía, xa, nos servicios técnicos do Concello e que os plans levaban tempo elaborados .Aquelo trouxo como consecuencia unha campaña de sensibilización veciñal: crespós negros nas árbores, os veciños a faceren garda noitarega, etc. Quero pensar que a idea de Telmo Martín non é máis que unha arroutada e que se lle ha pasar, pero polo pronto aí pode haber xa unha bolsa de votos que deriven cara outra opción, como en relación coa sua teima de levare Ence a Bora-Marcón, pero eso xa foi tratado no post anterior, "A gran deboura".

Os partidos que queiran sumar deberan, deberían, asumir un programa "verde e conservacionista". O contrario vai traer como consecuencia unha maior degradación medioambiental da cidade. Por certo, hoxe á mañá, nun momento con vento ábrego, chegaba de Lourizán o pestazo de Ence, a maldición que nos botaron no ano 1963.

martes, 26 de abril de 2011

A GRAN DEBOURA

Na foto de El Mundo, como nas dos outros medios, evidénciase a presencia de xentes de Bora e Marcón, que mostran a súa protesta: Ence non!. A pancarta do fondo tamén sumaba contra Telmo Martín no pleno da súa reprobación polo combinado BNG-PSOE.


Pontevedra, 26.04.2011
Entrada n. 1423 do blog


A GRAN DEBOURA,por Xesús López Fernández


A palabra "deboura", propia de Láncara, en Lugo, significa "debate con boureo", con ruído e berros. Tamén garda relación coa mesma a palabra "boureta". Andar ás bouretas ven ser algo así como andar a se insultar. Nese sentido o pleno de onte foi un pleno con bouretas, como teñen sido outros, de tono aínda máis sobido e con insultos impensables antre políticos profesionales. ¡Claro, é que non son políticos profesionales i están faltos de temple!.

Pero estamos a punto de ver cómo se desencadea unha gran deboura municipal, ou varias, debates airados e manifestaciós, porque Telmo Martín, o candidato do PP que foi reprobado polo goberno roxo da capital, acaba de cometere algús erros graves de campaña, cando podería ter unha folla de ruta, en plan rexeneracionista, con maioría absoluta cantada. Pero....

Acontece que, lonxe de asumi-la súa línea de "ecoloxista se volva" das elecciós anteriores, insistindo nunha restauración real das marismas de Lourizán; no canto de loitar de forma franca contra a corrupción, non se lle ocurre mellor cousa que insistire en levar Ence pra Bora-Marcón. Non importa que falen de novas tecnoloxías, e un xamón, porque unha pasteira sempre contamina no caso de ter vertidos. ¿Solución? Vertido cero. E pra eso non ten por que se situar en Bora-Marcón, que Pontevedra leva sofrido moito polo enclave desa fábrica nas marismas de Lourizán, do que só se poderían derivare problemas prá saúde e convivencia humáas, según apuntaba o ministerio de Vivienda nos anos 1971 e 1973. Habería, pois, que pensar nun traslado, decía o ministerio franquista. E se queredes aínda podemos traer aquí as palabras do propio Franco cando lle meteron o gol de situaren aí esa fábrica de exterminio: "¡Pero, Dios mío, qué han hecho! ¿Pero no había otro sitio?..."

I Ence valeu como cimbel electoral pró Bloque. Nos últimos anos sumaríase ás marchas sobre Lourizán que organiza a APDR o propio PSOE que desta volta, ¡zas!, sóbese ó tren electoral dos nazionalitaristas potenciando a que vai ser gran deboura por culpa de Martín: a posta en marcha da protesta das xentes de Bora e Marcón. Fácil prever, polo tanto, manifestaciós pra seguiren a engañar ós cidadáns, porque nen BNG nen PSOE estiveron estos anos por lle poñer fin á presencia de Ence en Lourizán. É decir, non estiveron polo labor máis alá daquela astracanada que intentaron e da que este blog garda memoria, de cando formaron o bipartito xunteiro e brindaban como lugar o polígono de Barro-Meis, terra d´albariños. Forneceríase d´agua dend´O Pontillón do Castro, o encoro da traída de Pontevedra, e verterían, naturalmente, á ría de Pontevedra, pero con outras medidas, que agora estaban gobernando os "puros". E financiarían o traslado, lembrémolo, coas plusvalías que se xeraran coa conversión das marismas de Lourizán en solar no que a Autoridade Portuaria construiría vivendas sociales. Enxeñería social estalinista..

Se queren cerrare Ence pódeno facer mañán, porque o Grupo Empresarial Ence, S.A., que así se chama, presuntamente non ten concesión. Como no caso Holcim, que nen tan siquer ten licencia municipal, pero leva aí o tempo que leva porque a corrupción está en tódo-los ámbitos tocados da política. E senón, xa veredes, fan novamente pacto de "¡Ence fóra da ría!", pero eles non-a van botar, porque están enzudrados nese como nos outros temas do porto sobre os que hai catro ou cinco sentencias firmes do TS, que permanecen sen execución porque non queren nen o BNG, nen o PSOE nen o PP.

Pero tal como os roxos manexan o agit-prop, Telmo Martín vai perde-lo poder de forxar novas ilusiós na poboación, que tampouco está dacordo coa súa pretensión de desface-la praza de Galicia, pola que aínda hoxe dei unha volta: cantaban os paxaros nos freixos de comprida copa, como tamén ó longo do bulevar de Augusto García Sánchez. Telmo non lle vai dar máis encanto ó lugar. E aí pode perder outra bolsa de votos.

P.S. Percibo antr´as xentes unha gran decepción e de cada volta é máis a que dí claramente que non vai votar, porque ve ós tres partidos comestos pola presunta corrupción.


Enlaces:




El Mundo: O pleno de Pontevedra reproba a Telmo Martín á fronte da oposición.


Diario de Pontevedra: Veciños e goberno local rexeitan a idea do PP de reubicar Ence en Bora-Marcón.

domingo, 24 de abril de 2011

E pasou o Día da Terra...

O mar de Aral tiña unha superficie duns 66000 km cuadrados. Os barcos varados que se ven na foto formaban parte da flota que sucaba as súas augas prá pesca dunhas trinta especies de peixes que alí vivían. O mar, salado, está hoxe configurado como un deserto en expansión, porque o vento leva as súas areas saladas e vai, pouco a pouco, configurando un maior ermo. Naquel mar existían dúas fábricas de conservas. Agora, todo é ruína, algo que se precipitou cando nos anos 60 e 70 os soviéticos desviaron o caudal dos ríos Amu Daria e Sir Daria prá irrigación dos campos de algodón. Ignoro se hai algún plan efectivo pra lle devolve-la vida a aquel mar interior, salado por máis señas.

Pontevedra, 25.04.2011

Entrada n. 1422 do blog

Artículo semanal.

E pasou o Día da Terra, por Xesús López Fernández

¿Cómo anda a Terra de saúde? ¿Está como o vaso medio libre/medio cheo? ¿Cabe aínda unha visión optimista sobre o problema ou teremos pasado o umbral da posible rexeneración dos nosos ecosistemas? A Terra sanga por moitas feridas: o arraso de boscos primixenios, a conversión dos ríos en cloacas, o abandono da economía dos sectores primarios, as guerras, e agora, por se fora pouco, a enerxía nuclear novamente cuestionada polo gran percance da central de Fukushima, nun país que carece de enerxía primaria. Renóvase o drama e algús países, como Alemania, estudian seriamente a súa situación. A catástrofe hai tempo que está servida como consecuencia de que, globalmente, fomos escollendo un camiño de falso progreso basado no conocemento nas mans dun poder envilecido. E desa conxunción de conocemento e poder está case sempre ausente a idea do ben. ¿O progreso é bó pró home e pró mundo? Cuestión ésta que non foi prantexada axeitadamente, razón pola que existe un divorcio visceral do aspecto ético da nosa responsabilidade.


A abadesa e médica Hildegarda de Bingen sentenciou hai xa novecentos anos, en relación coas ditas cuestiós, que “se o home peca, o cosmos sofre”. Os problemas desta hora son consecuencia de ter abandonado o coidado da Creación, da natureza, o que forza un exame de conciencia de tóda-las naciós sobre a súa actitude. Que se nos diga “pensar globalmente, actuar localmente” parece máis ben unha falacia que encaixa moi ben no discurso dos políticos, que son os grandes culpables dos males que levan a Terra e o noso entorno a unha situación terminal, de degradación medioambiental que non preocupa ós responsables da súa xestión. Deles dixo o filósofo Peter Sloterdijk que son ateos ante o futuro e non creen no que saben vai ocurrir; unha actitude de renuncia racional acobillada no seu egoísmo particular. E co pecado renovado, “o cosmos sofre”. Pensan que, cando aconteza o desastre final, a eles non lles vai tocar, que xa non estarán aquí. A culpa, prás futuras xeneraciós.


Este pasado 22 de Abril celebrouse o Día da Terra, coincidindo co Venres Santo, razón pola que a festa da esperanza ecoloxista resultou un tanto apagada no noso medio. Pero realmente celébrase dende o 22.04.1970, a iniciativa do senador norteamericán Gaylord Nelson, pra conversare sobre os problemas do medio ambiente. Naquela arrancada participaran uns vinte millós de cidadáns estadounidenses. Certo que o home viña traballando dende o ano 1962 prá creación dun lobby político e pra que o tema formara parte do programa de goberno do presidente Kennedy. A participación activa foise incrementando ó longo dos anos, ata o punto de que hoxe son miles de ONGs ecoloxistas as que interveñen na súa celebración. “Feliz día da Terra”, “O día da Terra non é un só día, senón tódo-los días do ano”, “Por favor, o único que pido é que tamén as xeneraciós futuras poidan herda-la Terra”. Son algús dos moitos lemas visibles en diversos foros, nos que sí se aprecia a carga ética da que falabamos, que acostuma estar ausente do labor dos políticos responsables da salvagarda da Terra, que poden actuar como violadores da mesma.


A presión das organizaciós ecoloxistas faise notar. Polo pronto, os gobernantes vense na necesidade de artellar algún discurso sen abandona-la súa dependencia dos clústers. E así, Obama apuntouse co seu falaz discurso sobre o cambio climático e dixo “que o planeta enteiro terá de acometer este problema porque nengún país pode escapar del”; tamén recomendou á súa sociedade a colaboración comunitaria no Día da Terra. No noso país tocoulle a Rosa Aguilar face-lo discursiño, un consello de “ir derivando cara unha economía verde”, algo que parece tenta impedir en Pontevedra cun recurso en casación da sentencia da Audiencia Nacional do 17.02.2011, caso Holcim, que marcaba un paso na recuperación do capital verde das marismas de Lourizán. Nada, que a ética sigue ausente da política ambiental. Os clústers mandan.

viernes, 22 de abril de 2011

VÍA CRUCIS NO COLOSEO ROMÁN

Fotografía do Coloseo román, ano 2007. Neste esceario celebrouse hoxe un Vía Crucis multitudinario e podemos decir, tamén, que multiétnico. (Clicade sobre as fotos pra velas agrandadas).
O entorno do Coloseo e do Arco de Constantino estiveron concurridísimos, a xente apiñada durante a celebración do Vía Crucis este 22.04.2011.

Nova vista do Coloseo. Ó fondo, o arco de Constantino.

Outra vista do Coloseo.

Arco de Constantino. Coa conversión ó cristianismo deste emperador, o idioma da Igrexa, ata ese momento o grego, pasa a se-lo latín.

Vista dend´o camiño de sobida ás catacumbas que visitamos. Reparemos na conservación do capital natural, no respeto da natureza.


Mosaicos ante a entrada dunhas catacumbas que miden máis de vinte kilómetros por pasadizos soterrados, construídos en catro niveles. Non está permitido tirar fotos no circuíto habilitado prós visitantes, que sí poden, en pequenos grupos, celebrare misa nalgún dos espacios, pequenos altares, reservados.
Nesta outra fotografía aprécianse algunhas inscripciós en lingua grega. Xesús, que morreu un Venres, vai resucitare ó terceiro día e sucederanse unha serie de encontros cos seus discípulos. Dend´a súa Ascensión, os cristiáns agardan a Parusía, o seu retorno triunfante. Esa é unha verdade doctrinal, que está no Credo. Sobre da Parusía fala o Apokalypsis de San Xohán, que por algús non é considerado libro profético e sí como un libro de cartas en clave dirixidas ós cristiáns das catacumbas, tesis abonada por Stanislas Gyatt, distinta da de Leonardo Castellani ou do propio cardeal John Henry Newman, cuios libros non perderon frescura. Diremos, si acaso, que pra Stanislas Gyatt a Besta foi o Imperio Román, porque os valores alfanuméricos dos nomes dos emperadores suman, xustamente, 666. Pero, en fin, aínda así a Besta pode estar por chegare neste tempo de apostasía tan xeneralizada, e pode estar á vista, concretada no noso tempo.


Pontevedra, 22.04.2011


Entrada n. 1421 do blog


VÍA CRUCIS NO COLOSEO ROMÁN,

por Xesús López Fernández

Puiden ter traído aquí fotografías da Vía Dolorosa de Xerusalén, vía crucis que recorrín no ano 2009. Como a paisaxe cambiou radicalmente na cidade santa, moitos dos lugares que se describen nos Evanxelios están desta volta integrados no propio templo: o lugar da crucifixión, o sepulcro, etc. É máis: son cinco as estaciós que se sitúan no interior do propio templo.

A igrexa veu celebrando dend´os primeiros tempos a devoción do Vía Crucis, en Xerusalén, nos lugares nos que tiña acontecido. Pero é a partir do 313, coa libertade que prá Igrexa veu representa-la conversión de Constantino e despois dunha estancia de Elena, a nai de Constantino, nos Santos Lugares, cando se incrementou a devoción en torno á pasión e cruz do Señor. Moitos viaxeiros italiáns que tamén visitaran a Terra Santa intentaron imprantare esa devoción nos seus lugares de residencia.

É nos séculos XII e XIII cando San Bernardo, San Francisco e San Buenaventura fomentan a devoción afectuosa á humanidade de Cristo e ós misterios da súa vida. Esto veu preparando a configuración do Vía Crucis ata o século XV. Del iríanse derivando diversas devociós en séculos posteriores: "as caídas de Xesús", "os camiños dolorosos" de Cristo; a devoción ás "paradas de Xesús". En fin, que na evolución do Vía Crucis ata a forma na que hoxe o conocemos, como que en tempos contabase como primeira estación a despedida de Xesús da súa Nai; outras veces foi o Lavatorio dos pes dos discípulos, algo ocurrido na última cea; tamén a agonía en Getsemanía ou a condena a morte por Pilato.

O Vía Crucis tradicional, na forma na que chegou a nós, configuraríase no século XVII, en España, principalmente da man dos PP. Franciscáns. Pero o Vía Crucis bíblico, o que ten vido introducíndose dend´o último cuarto do século XX non tenta abolire o tradicional, senón arrequecelo, sustituíndo algunhas estaciós que non constaban nos evanxelios por outras que sí constan. Así suprímense as tres caídas do Señor, o encontro coa súa Nai e a escea da Verónica; insírense, en cambio, a agonía de Xesús no Horto dos Olivos, a traición de Xudas, a condena polo Sanedrín, a negación de Pedro, a flaxelación e coroación d´espiñas, a promesa do Reino ó bo ladrón, María e Xohán ó pe da cruz.

Na tradición do Vía Crucis do Coloseo, teñen participado diversos papas. E inserimos un enlace que fai referencia ós últimos celebrados paixos presidencia de Benedicto XVI e Xohán Paulo II. O enlace é dos Servicios Informáticos da Santa Sede.
-Enlace:

domingo, 17 de abril de 2011

Talibanismo activo

Horto dos olivos. Algún dos que permanecen vivos pode ser testigo da traición de Judas, despois da última cea. O Cenáculo. Ademáis da última cea, a tradición sitúa neste lugar o Pentecostés e mai-lo primeiro concilio católico. Pró mes de Xullo terá lugar unha peregrinaxe á Terra Santa, organizada polos PP. Franciscáns de Santiago, en combinación con Viajes Halcón. O grupo que peregrine vai te-la ocasión de celebrar neste lugar un acto litúrxico. O guía d´excepción nesa viaxe vai se-lo Padre Paco Castro, autor de numerosas obras. Unha delas "Todo empezó en Galilea" pode ser unha boa guía prá preparación da viaxe, o que se chama Quinto Evanxelio, porque a partir dese momento a fe síntese doutro xeito.
Vista parcial da fachada da Basílica de Getsemaní. Ó pé dela pasa unha estrada. Nas obras de preparación da mesma eliminaron algún olivo excepcional. A súa datación polo C14, 2000 anos, como poden ser algús dos que perviven no Monte dos Olivos. Hai avisos de que a persecución relixiosa, en España, pode toma-lo perfil da queima e asesinatos da II República.

Pontevedra, 17.04.2011

Entrada n . 1420 do blog

Artículo semanal.

Talibanismo activo, por Xesús López Fernández




Hai un evidente crescendo anticristián, baixo a forma de laiicismo agresivo cando non dun ateísmo confeso que vai máis alá do debate filosófico, que mesmo chega a unha especie de talibanismo activo. Porque situarse no combate ó catolicismo é tomar parte polo odio; é situarse á par dunha idolatría política que sotilmente arremete contra a fe católica. Feministas incendiarias en Barcelona quixeron queimar unha igrexa, a de San Vicenç, na madrugada do pasado 23 de marzo, facendo despois alarde informática da súa "valentía": "..un grupo de mulleres incendiámo-la porta principal, duns seis metros, da igrexa situada na praza de Sarriá". Como o mal quedou limitado á porta, o acto queda como algo simbólico, "a nosa ofrenda particular á igrexa; tres litros de gasolina que arderon iluminando a noite". E animan a tódo-los rebeldes do día e da noite" co lema de que "a única igrexa que ilumina é a que arde". E non é a primeira vez que a igrexa de San Vicenç é atacada. Ésta é a quinta. Pero estas feministas non están soas, polo que se dirá.

En Madrid, diversos grupos proclamados como ateos anunciaron a prevista celebración dunha procesión atea que recorrería o centro de Madrid o próximo Xoves Santo, pra provocaren ós católicos en tal día. Un representante do grupúsculo convocante afirmou: “Representamos unha fronte ideolóxica. Un grupo dedicado, única i exclusivamente, a castigare as conciencias católicas. O noso propósito é facer dano. E non andamos con contemplaciós”. ¿Se son ateos por qué teñen que combatiren algo no que non creen, ou sí creen i están do lado do Maligno, son satanistas en situación de permanente rebeldía contra Deus, mentres o mundo sexa mundo? Nunha sociedade democrática parece imposible que se poida montar nengún tipo de parodia ou burla contra a libertade de culto, de culto católico no caso que nos ocupa, que está no cerne da nosa civilización. Pero a procesión atea, que pretendía marchare xunto ás ruínas das Escolas Pías, queimadas pola CNT ó comezo da Guerra Civil, motivou a afirmación do citado “representante”: “Esta igrexa queimouna o pobo de Madrid, nas revoltas da República, e pra nós é unha referencia imprescindible”.


Parece que, finalmente, non vai haber tal procesión atea porque afortunadamente, algo se está a mover na nosa sociedade civil. HazteOir.org, unha organización dinámica, a web do cidadán activo que labora en defensa da familia e da vida; en contra tamén do dogma do relativismo imposto dende o poder, movilizouse na recollida de sinaturas en protesta da aludida procesión atea. Foron máis de cen mil os que suscribiron a petición e, como consecuencia, as autoridades españolas prohibiron a celebración atea, según informou a Delegación do Goberno na capital, xa que a manifestación “coincide no espacio público con procesiós católicas cuios recorridos xa son conocidos dende hai anos”, e ía discurrir, ademáis, “por unha zona onde se encontran moitas parroquias”. Ademáis, a Delegación afirma que “existe unha apreciación unívoca por parte de tóda-las Administraciós que tiveron conocemento desta convocatoria, coincidindo en que non debe ter lugar”.


A actuación de HazteOir.org vai máis alá i este pasado Xoves presentaba unha querella criminal contra os organizadores. O xuez incoou dilixencias previas o día 15. Como queira que a Delegada do Goberno tamén calificou a procesión atea de acto festivo, Esperanza Aguirre dixo que a actuación prevista, i en Xoves Santo, é unha ofensa ós católicos madrileños que non cometerían nunca contra os seguidores doutras relixiós, e manifestou o seu acordo coa prohibición. Se o ateismo quedara, simplemente, no campo das ideas non se tería chegado a esta situación de agresión que parece herdeira do talibanismo incendiario da República, como reclamaban as feministas da gasolina; como parecen reivindicaren os promotores da procesión atea que citan como referente o incendio “das Escolas Pías”, nas revoltas da República”.

jueves, 14 de abril de 2011

O Xallas, en Ézaro

A fervenza do Xallas, en Ézaro, renace. Modesta, pero renace

Pontevedra, 14.04.2011

Entrada n . 1419 do blog


O Xallas, en Ézaro, por Xesús López Fernández

O Xallas estaba secuestrado. O encoro de Santa Uxía, ó servicio de Ferroatlántica, deixara ó río sen desembocadura, sen a desembocadura que agora se aprecia de novo, como mostra a fotografía de La Voz de Galicia.

É posiblemente o único río europeo que desemboca así, en caída libre, en cadoiro, cachón, breixa, freixa, abanqueiro, cachoeira, fervenza, que desas palabras dispón a nosa lingua, fronte ó cabo de Fisterra.

A noticia de La Voz dí que a presa de Santa Uxía era a única que bloqueaba o caudal ecolóxico dun río en Galicia. E coido que eso non é certo. A morte da ría de Pontevedra veuse configurando dese xeito ó longo d´anos. Ence recibe dend´a presa de Bora, ou recibía, catro veces o caudal, gratis total, que consume a cidade de Pontevedra. Eso veu reducindo o caudal do Lérez ata límites insospeitados e non verificados. A desecación das xunqueiras fixo o resto. Aquí faltou un fiscal especializado en medio ambiente e disposto a entrar no tema. Pero ésta é outra historia, unha historia interminable, con presuntos culpables políticos.

En relación coa cachoeira de Ézaro, foi Fraga o que dispuxo, hai algús anos, que se permitira ó Xallas chegare á súa fin natural, determinados días, o que parecía unha burla. Desta volta tense actuado con máis sentido. Veremos.

O Xallas e a súa terra foron cantados, e contados, polo noso bardo, o bergatiñán Eduardo Pondal, como nesta mostra do seu poemario: "¡Feros corvos de Xallas, que vagantes andás/ en salvaxe compaña, sen hoxe nen mañán!/ ¡Quén fora o voso compañeiro pola gandra longal..!"

Enlace:

lunes, 11 de abril de 2011

Lázaro, sae fóra!

Ego sum resurrectio et vita. Detalle do interior da igrexa de Lázaro, Marta e María. Detalle interior da casa de Lázaro.

Pontevedra, 11.04.2011
Entrada n. 1418
Artículo semanal.

Lázaro, sae fóra!,
por Xesús López Fernández

A lectura dos Evanxelios vainos mostrando o camiño cara á morte e resurrección do Señor. O último Domingo foi o da narración da morte e resurrección de Lázaro, que vivía en Betania na compaña das súas irmás Marta e María, a que unxira cos seus cabelos os pes do Señor. Na súa casa moraba Xesús cando viña a Xerusalén, carecendo el de casa e propiedade algunha. Se algo caracterizaba os miragres de Xesús era a súa discreción á hora de sanar, porque xa estaban pensando en detelo pra lapidalo, pra lle dar morte. E así, arrédase co cego, como tamén fai cun malato (un gafo) ou cun xordo antes de curalos. Pero no caso de Lázaro, da súa resurrección, son numerosas as xentes testemuñas, notarios do miragre.

Cando Lázaro enferma as irmás temen o peor e mandan recado ó Señor. “Señor, o teu amigo está enfermo”. Pero Xesús afirma: “Esta enfermedade non vai acabar en morte, senón que vai servire prá gloria de Deus, pra que o Fillo de Deus sexa glorificado por ela”. E Xesús quedaríase aínda un par de días no lugar onde estaba cos seus discípulos. É daquela cando lles comenta: “Imos de novo a Xudea”, ó que os discípulos responden: “Mestre, hai pouco quixéronte apedreare os xudeos, ¿e vas volver alí?”. Porque Betania está perto de Xerusalén, como a tres kilómetros, e o peligro era real. “Lázaro, o noso amigo, está dormido; vouno despertare”, dixo Xesús. Aínda os discípulos comentaron: “Señor, se dorme, vaise salvar”, entendendo que falara de “soño natural”, polo que o Señor acláralles: “Lázaro está morto, e alégrome por vós de que non teñades estado alí, pra que creades. E agora imos á súa casa”.

Cando alí acodían, Lázaro levaba catro días soterrado. Marta, sabedora de que Xesús chegaba, saeulle ó encontro, mentres María quedaba na casa. “Señor, se tiveras estado aquí o meu irmán non tería morto, pero aínda agora sei que todo o que lle pidas a Deus, el hácho conceder”. “O teu irmán vai resucitar….Eu son a resurrección e a vida: o que crea en min, anque teña morto, vivirá; e o que estea vivo e crea en min, non vai morrer pra sempre. ¿Crees esto?”, dille o Señor. “Sí, Señor: eu creo que ti é-lo Mesías, o Fillo de Deus, o que tiña que vir ó mundo”. Foi avisar a María e díxolle: “O Mestre está a chegar, chámate”. Xesús aínda non entrara na aldea e María acodeu rápida ó lugar onde Marta o encontrara. Púxose ós pes do Señor, chorando, pra lle deci-lo mesmo que a súa irmá: “Señor, se tiveras estado aquí…..”. Xesús pergúntalle ónde está enterrado. E xa no lugar dí: “Quitade a lousa”. Todos están atentos. Xesús mira ó alto, dalle gracias ó Padre por télo escoitado. Diante da tumba aberta, fala con voz potente: “Lázaro, sae fóra”. E o morto sae, atados pes e mans con vendas, a cara envolta nun sudario. “Desatádeo e deixádeo camiñar”. E moitos creeron nel, notarios do poder de Xesús.

Os peligros ameazarían despois a Lázaro, porque predicaba a resurrección de Xesús. Por esa razón marchan os tres irmáns do país, a Chipre, onde a tradición ortodoxa nó-lo sitúa de bispo en Larnaka/Kition, nomeado directamente por San Pablo e San Bernabé. Foi venerado dende o século III. A monxa galega Egeria (c.390) describe impresionada a gran procesión que se facía o sábado anterior ó Domingo de Ramos ó “Lazarium”, o sitio no que Lázaro resucitara. “¡Lázaro, sae fóra!”. Neste mandato insiste San Gregorio Nacianceno, bispo de Constantinopla no século IV porque todos temos resucitado con Cristo. Recoméndanos mante-la pureza do bautismo. Unha práctica hoxe necesaria pra permanecer alertas na defensa da familia, da civilización cristiá, da vida mesma, contra os pecados do relativismo dogmático enrocado no poder. O de “¡Lázaro, sae fóra!” pode ser un bo lema prás sociedades claudicantes ou apagadas, precisadas de renova-las súas conciencias e de esforzárense por que non lles colen o pecado como norma, que se convirtan en celadoras da súa memoria e dignidade; en celadoras tamén dunha xusticia real.

domingo, 10 de abril de 2011

Madrid era unha festa

Caín, caústico como sempre, brindaba unha posibilidade de pancarta e consignas prá manifestación de Madrid, na súa colaboración de La Razón. Vista parcial da manifestación, que concentrou, talvez, centos de miles de persoas. Nesta fotografía do ABC apréciase a cabeceira da manifestación convocada por Voces contra el Terrorismo.


-

Pontevedra, 10.04.2011


Entrada n. 1417 do blog



MADRID ERA UNHA FESTA, por Xesús López Fernández
-

Intereconomía Televisión ofreceu información continua i en directo sobre a manifestación celebrada o Sábado 9 de Abril, en Madrid. Na presente estiveron presentes non poucas xentes do PP, a título puramente persoal. Non se ten noticia de que o partido fretara nengún autobús pra engradecere a manifestación. Seguro que nela estiveron tamén non poucos votantes do PSOE, indignados coa política de entreguismo de ZP, que non deixou de negociare coa banda armada. A cuestión do Faisán pode situare ó partido, ademais, nunha tesitura difícil. Agradoume ver na manifestación unha gran pancarta do partido REGENERACIÓN, de Enrique de Diego, que dispón dunha folla de ruta moi clara prá recuperación do Estado de dereito, hoxe en bancarrota, que insiste tamén na necesidade de termos un poder xudicial absolutamente independente.


A non presencia de Rajoy sirveu tamén pra marcare o carácter independente da manifestación, obra da sociedade civil, polo que podemos definir este paso adiante como un fito na escalada da mesma, en moitas partes de España totalmente inane, un aviso pra que os partidos políticos se deixen de coñas dunha puñetera vez. Realmente, máis que unha manifestación de protesta foi unha verdadeira festa, plenitude de conciencia de que é a sociedade civil a que ten de marca-los tempos de rexeneración.


É completamente normal que ademáis das consignas contra os terroristas, se clamara pola dimisión de Zapatero ou pola prisión de Rubalcaba, algo resultado da tensión emocional ou da política biliosa, porque esa sociedade que se manifestou non pode esquecer que ZP, despois do atentado da T4 sigueu a conversare con ETA, negociando incluso sobre a posibilidade da anexión de Navarra a Escalherría.


Siguen algús enlaces:










jueves, 7 de abril de 2011

Todos a mentir con Ence

Vista da factoría Ence, presuntamente sen concesión dend´a súa privatización. (Foto de La Voz de Galicia)

Pontevedra, 7.04.2011


Entrada n. 1416 do blog -


TODOS A MENTIR CON ENCE,

por Xesús López Fernández

Resulta penoso ver ós partidos todos a medi-las palabras, a seguiren a usa-lo cimbel de Ence como gran reclamo electoral, en Pontevedra. Pero os candidatos, escravos dos clústers [eles ou os seus partidos], non queren entrare no terreo da legalidade.

O TSXusticia de Galicia sentenciou, en relación coa vella concesión de Malvar, que ese espacio debe recupera-la condición de dominio público marítimo terrestre. Sentencia do 14.09.2009. O Tribunal emprazaba ó Ministerio de Medio Ambiente pra que redactase un proiecto de recuperación dos terreos, ademáis de nomear a un funcionario pra dirixi-los traballos.


Non sei cómo vai a execución dos mesmos. Alí non s´aprecia actividade. E o concello pontevedrés aínda quer cometere unha ilegalidade máis: a construcción dun tanque de tormentas no que é dominio público marítimo terrestre, ademáis dun gran parking. Non é esa a lección que lle explican ós rapaces que levan polo paseo que fixeron dend´As Corbaceiras. Fálanlles do ecosistema existente [¿por qué non do ecosistema destroído ou de que lles fode que aparecese un colectivo, Salvemos Pontevedra, non relacionado con nengún partido político e que foi este colectivo o promotor do xuicio que rematou na sentencia citada?], pero xa non hai ecosistema: todo é un inmundo tremedal porque non se fixeron os deberes.


Dentro da recuperación do que no seu día foi deslindado como dominio público marítimo terrestre, sendo ministra de Medio Ambiente Isabel Tocino, únicamente Salvemos Pontevedra, por vía xudicial unha vez producido un silencio administrativo dabondo delongado e presunto cómplice cos clústers; únicamente Salvemos Pontevedra leva dado pasos, como trascendeu hai pouco por sentencia da Audiencia Nacional do 17.02.2011, en relación co caso Holcim, empresa que nunca tivo concesión, nen licencia municipal. E Lores, nun alarde de corrupción, non actuou neste asunto que tiña tan claro, a pesar do escrito entrado por rexistro do concello o 14.01.2004 [polo citado colectivo en exercicio da acción popular], no que se avisaba de tóda-las irregularidades, infracciós, agresiós a un espacio sensible como é a ría de Pontevedra.

Agora Costas, despois de gardare un silencio deshonesto, culpable, quer salvare a Ence-Elnosa, caso que tamén está na Audiencia Nacional pendente de sinalamento pra sentencia. E non se lles ocurre mellor cousa que recurrir en casación a sentencia do 17.02.2011 pra frea-las que están pendentes de seren calendadas.

En fin. Os políticos todos poderían ter un discurso bonito: a posta en valor do Estado de dereito por medio da execución das sentencias firmes existentes en relación co ferrocarril d´Os Praceres ou cos recheos do porto; ademais, tamén, dos asuntos promovidos por Salvemos Pontevedra. Pero non están pola rexeneración senón, presuntamente, pola corrupción.

Enlaces:


domingo, 3 de abril de 2011

Álvaro Cunqueiro, sempre

Escultura de Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo, orientada cara a catedral. Se teño tempo hei colocar no blog outras fotografías da cidade, a cidade rica en "pan, en augas i en latín", como decía o autor e lembro no seguinte artículo.

-Pontevedra, 4.04.2011
Entrada n. 1415 do blog
Artículo semanal.

Álvaro Cunqueiro, sempre,
por Xesús López Fernández

Este ano que andamos, o noso autor, morto o 28.02.1981, cumpriría os cen o 22.12. O seu fillo César traballou nunha biografía do noso autor; tamén nun ensaio que estudia a obra escrita prá prensa. A César gostaríalle que este ano, celebraciós aparte, leeramos máis e mellor a obra do seu pai. Juan Soto, no ABC do 10.03.2011, definía a Álvaro Cunqueiro "como un dos escasos escritores aportados por Galicia á literatura universal de tódo-los tempos e o primeiro, sen dúbida, de todo o século XX". Estamos, pois, nunha ocasión especial pra reencontrármonos co autor do que Soto di que gozou do don de transmutare en ouro tódo-los xéneros literarios: novela, poesía, teatro, periodismo, a glosa coquinaria, e que no conxunto da súa obra non hai senón fulgor diamantino, moeda d´eternidade, louvanza que Cunqueiro aplicaba ós versos de Hölderlin, unha das súas constantes devociós. O seu Mondoñedo natal está certeiramente definido no "Merlín e Familia", no que se subliman as excelencias da literatura de Cunqueiro: Cidade rica en pan, en augas i en latín.

César Cunqueiro, despois de lembrar que o seu pai sofreu de opiniós non necesariamente favorables ós seus libros, cita unha carta dirixida a Francisco del Riego, na que o seu pai decíalle que algún día habería quedar claro que o que el levaba na súa cesta de escritor eran as mazás máis frescas da súa época, ó mellor como as que lle valían pra completa-lo retrato dos muíños de Pontigo, “…que moían o trigo valeco i o centeo das chairas, i había mazaeiros ó longo das presas; o vento tiraba mazás á iauga, e sempre habìa unha ducia delas, verdes ou coloradas, ….cabo da enrella das canles”. Escritor en definitivas contas, afirma o seu fillo que Álvaro Cunqueiro tiña un proiecto literario moi complexo á par que , eso sí, moi moderno, moi do seu século, que seguramente non había ser reconocido en vida na súa verdadeira dimensión. El era conscente de que a civilización levaba un camiño contrario ó da súa obra, mái-lo tempo pode facer boa prá obra cunqueiriáa o afirmado por Hölderlin: “Longo é o tempo, mais a verdade sempre acontece”.

Eu diría que a obra de Cunqueiro ten, de cada volta, máis seguidores, que algús mesmo captan que o proceso normativizador da nosa lingua debería regresar a Cunqueiro, porque aí estaban xas as claves pra evitarmos que a nosa fala se puidera definir, hoxe, como unha lingua ferida. Non está de máis traer aquí algo que xa citéi nun artículo do 21.10.2000 titulado “Sabor a pan fresco”, no que facía referencia a unha entrevista feita por Soler Serrano, nos anos setenta, ó noso autor: “unha lingua é boa cando sabe a pan fresco”. Sorte a recuperación da citada entrevista que nos permite a moitos oir de novo ó escritor mindoniense, pericibire algo da aura tan evidente ó longo da súa obra, no Merlín e Familia ou nas Crónicas do Sochantre; no Don Hamlett como no Sinbad ou no resto do seu corpus literario. Coido que é unha boa leenda ou lema ese timbre, “lingua con sabor a pan fresco”, que ven ser como o sal nas comidas, sabor dos sabores.

Gostaríame que, especialmente este ano, se tivese presente o citado lema, que “o sabor a pan fresco” fose algo a ter en conta nos distintos foros da lingua galega [onde ela poida ter presencia], nas aulas como no Parlamento, porque o discurso dos docentes e mai-lo dos políticos ás veces non chega, hipotecado polas normas que o privan de coherencia e frescura si se pode decir. Facer da lingua un instrumento de elegancia e cultura é algo moralmente necesario, ou ben o discurso morre. Diría máis: sabor a pan fresco non só como referente literario, senón noutros ámbitos. É un concepto difícil de captar, pero que entendo no mesmo sentido que o do sal, preciso en moitas facetas da vida, prá vida mesma, porque se non hai sal ou sabor a pan fresco, pérdese a comunicación. Daí que resulte un bo exercicio prá elegancia no uso do idioma a lectura habitual, mellor sempre, da variada obra de Cunqueiro. Pan fresco.