domingo, 24 de noviembre de 2013

A RESILIENCIA

Cando foi do Prestige, o chapapote emporcou gran parte do litoral europeo, especialmente ferida a beiramar galega. Viñeron incluso xentes do Extremo Oriente, que se enfundaron de branco, pra así formaren daquela un especial exército de salvación, plétora de capital social. O artículo d´hoxe vai sobre resiliencia, que no meu dibuxo, pensado como unha instantánea da loita dos voluntarios, quer representare esa capacidade que pode te-lo home prá restauración, en casos como o do Prestige, do equilibrio ecolóxico; prá recuperación tamén do capital social, unha orquesta perfectamente afinada prá salvación. Pero en certos lugares da nosa xeografía (marismas de Lourizán habemus) son os políticos os que non exercitan a resiliencia que debería culminar coa execución de certas sentencias dictadas polo TS, consecuentemente á resiliencia exercitada, vía acción popular, polo colectivo veciñal prá Defensa da Praza dos Praceres e pola asociación ecoloxista Salvemos Pontevedra. Os políticos, sabedores do que fan, manteñen a súa traición. Son pecadores, representantes dun Goberno embridado pola corrupción. 

Pontevedra, 25.11.2013
Entrada n. 1720 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra


A resiliencia,
por Xesús López Fernández

            Á fin apareceu “A situación do Mundo 2013”, do World Watch Institute que, anunciada a súa presentación polo mes de Abril, foi editada no pasado mes de Outono. A folla de ruta da nova edición está centrada no tema da sustentabilidade, se ben cuestionada desta volta. ¿Aínda é posible a sustentabilidade? Ese é o debate presentado este ano, contrario, parece, ó que a edición do pasado ano brindaba como unha especie de paradigna, “cara unha prosperidade sustentable”, que realmente non parece estar nada máis que no discurso político, ironizado por algún dos autores do estudio que deron en denominalo como o da “sostenibili-bla-bla-bla”. E sobre a sustentabilidade en España escriben Óscar Carpintero e J. Bellver que no seu capítulo perguntan se aínda é posible a sustentabilidade ambiental da economía española, prá que propoñen un cambio de modelo porque temos crisis no eido económico, sí, pero tamén no ecolóxico e no social, que non parecen asumire a necesaria resiliencia pra afastare os efectos negativos do desenvolvemento pasado, tamén do presente.

            A palabra resiliencia, que os citados autores non citan, pero que acae prá serie de cuestiós que propoñen e aparece no libro non menos de 44 veces, ven do verbo “resilio, resiliri”, saltar cara atrás, rebotar, e ten hoxe variada polisemia, trascendida dos ámbitos da física e da enxeñería ó da psicoloxía, pra defini-la capacidade do ser humán pra se recuperare ou sobrepoñer, ou pra asumire situaciós complicadas. Pero a palabra comézase a usar tamén en campos tan dispares como a ecoloxía, no sentido da capacidade dun ecosistema prá recuperación da súa propia dinámica cando ten sido alterada por causas externas: urbanismo litoral, agresión ó terreo demanial, a construcción de infraestructuras monstruosas, recheos indebidos, contaminación, que tamén afecta á clase política non atenta, a do discurso da “sustentabili-bla-bla-bla”, falta de vigor á hora de asumi-la salvadora resiliencia.

             Si en ecoloxía a palabra ven se-la capacidade das comunidades de soportaren, de adaptárense e de se recuperaren a perturbaciós do medio ambiente adquirindo novas ferramentas; en psicoloxía define a capacidade das persoas ou grupos de se sobrepoñer á dolor emocional pra segui-la súa vida, saíndo ademáis enfortecidos da dita experiencia; en socioloxía é a capacidade dos grupos sociales pra se sobrepoñeren ós resultados adversos, de reconstruiren os seus vincallos internos, de recupera-lo capital social tantas veces analizado por Francis Fukuyama. Tamén na clase empresarial entra a resiliencia como a capacidade do emprendedor pra supera-los atrancos que poidan atrica-lo seu plan de negocios, o seu proiecto a emprendere, etc. I en dereito, a resiliencia ven se-la capacidade das persoas, dentro do marco xeral dos dereitos humáns, de recupera-lo pulso do Estado de dereito, ás veces contrariado, esquizofrénicamente, por actitudes de forza do propio Goberno.    

            Con desemprego rampante e dependencia exterior; cun sector público extremadamente fráxil e sinalado moitas veces como causa primeira dos males da nosa economía; cun benestar deficiente, con gasto social notablemente inferior ó de Alemania, Francia, Suecia ou Dinamarca, reverti-la tendencia negativa denunciada vai requerir grandes esforzos. Cortos en inversión en I+D parece obrigado un esforzo certo, pero pensado sobre todo na finalidade do mesmo máis que no incremento necesario…. As múltiples dimensiós (económica, social, ecolóxica) nas que se manifesta a crisis, a todas luces sistémica, require da actuación en diversas frontes i escalas e pode se-lo comezo dunha arrancada na recuperación ambiental, na medida na que estamos abocados a un cambio de modelo, centrado o futuro nun retorno certo a modelos productivos respetuosos coa ecoloxía, da que o home forma parte. Coas ideas claras poderianse atallar non poucos dos problemas existentes, especialmente no eido da alimentación e da sanidade; coa resiliencia como pauta de actuación.     

jueves, 21 de noviembre de 2013

Puerto de Santa María (Cádiz)

 Barcas de pesca na costa de Puerto de Santa María, na Bahía de Cádiz.
 Praza de Touros.
 Velas na bahía.
 Recanto do Romerijo, un lugar pra tomar marisco. As farolas fernandinas ornamentan o espacio. 
 Outro frente de Romerijo.
 Novamente as fernandinas protagonizan a iluminación deste vial.
 As palmeiras están sendo víctimas dalgunha peste; moitas secan. O escarabello depredador está xa noutras zonas da xeografía española.   
 Neste paseo están xa mortas moitas das palmeiras. Existe un certo parecido antre esta avenida e a vella General Mola, de Pontevedra (xa conocida como "Lores de Arabia"), que parece foi reconvertida a imitación da que recolle a fotografía
 Tamén aquí hai árbores que parecen mortas. 
 As fernandinas acompáñanos por toda a cidade. E as palmeiras mortas. 
 Templo fortaleza que inclúe o castelo de San Marcos.
 A configuración actual da construcción débese a Afonso X.
 Monumento ó Rei Sabio, fillo de Fernando III o Santo. 
 Parece que foi neste lugar onde Afonso X compuxo as últimas 24 cantigas á Virxe, que forman parte da súa maxestuosa obra de 427. 
 Outra perspectiva da construcción.
 E outra.
 Outra máis.
 Outra perspectiva do templo-fortaleza.
 Monumento a Juan de la Cosa,  cartógrafo con Cristóbal Colón, que elaborou aquí, se supón, o mapa das súas viaxes, 
 Outras tomas da cidade....
 O tema da accesibilidade que en Pontevedra creeron ter inventado, xa estaba inventado aquí i en moitas outras cidades andaluzas.
 Templo na praza de España.
 Outro rincón con encanto.
 parque
Casa consistorial que inda debe estar en fase de restauración e que o 9.03.2012, cando visitei a cidade, debía permanecer sen uso. 

Pontevedra, 22.11.2013
Entrada n. 1719 do blog

PUERTO DE SANTA MARÍA,
por Xesús López Fernández

Puerto de Santa María é unha cidade da provincia de Cádiz, que forma parte da área metropolitáa da Bahía de Cádiz-Jerez, ubicada sobre da ribeira e desembocadura do río Guadalete. No ano 2013 estímaselle unha poboación de máis de 89000 habitantes. No seu término municipal está situada parte da Base Naval de Rota. (Ampliar información. Wikipedia)

Cando visitei esta cidade, leveime a grata sorpresa da construcción redeseñada por Afonso X o Sabio, o autor das cantigas a Santa María, que eu entendo están redactadas en galego e non en galaico portugués como apuntan moitos estudiosos. Eu percibo xa algús caracteres diferenciadores, como se ambas linguas fosen xa daquela claramente distintas. (Estudio de Pedro Calahorra Martínez das Cantigas de Afonso X)

domingo, 17 de noviembre de 2013

O caso Prestige, sen culpables

 O buque Prestige afúndese. Hai agora 11 anos. E resulta que non hai culpables.
Visión abstracta da loita dos voluntarios que chegaron de todas partes, marea branca contra a marea negra do galipote ou chapapote. Queda o pouso da enxurrada na que se convirteu a xestión oficial en torno ó Prestige, agora rubricada pola sentencia xudicial: "Non hai culpables". Pero sí un claro desprestixio da Administración e alcatrea. De coña.  

Pontevedra, 18.11.2013
Entrada n. 1718 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra.

O caso Prestige, sen culpables,
por Xesús López Fernández

            Aduviñabase cal ía se-lo sentido da sentencia do caso. E agora, todos engrescados, a encirrárense pra demostrare quén é máis rotundo á hora de se sentir abraiado polo fallo xudicial que deixa a maior catástrofe medioambiental que lembra o país sen culplables máis alá da condena mínima de nove meses pró capitán Apostolos Mangouras, o único ó que se lle reconoce responsabilidade penal. Desta volta parece que os partidos todos están en desacordo coa sentencia e incluso o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, parece o máis afoutado cando afirma que alguén debe pagar que unha chatarra flotante producira o desastre ambiental vivido polo noso litoral, cun tremendo coste económico prás arcas públicas, aínda que confíe nos posibles recursos do fiscal e do avogado do Estado, no prazo de cinco días; ou na decisión que poidan toma-los letrados da Xunta, que  estudian outro posible recurso. Algún xurista xa se pronunciou no sentido de que non ve viable o recurso en casación ó quedar definido que, máis alá de Mangouras, non hai responsabilidade penal.

            Á marxe da definición que da sentencia fan algús partidos (bananera, lamentable, socialmente inxusta), a organización ecoloxista Greenpeace di que aquela non inclúe a tódo-los culpables, que os intereses petrolíferos continúan vixentes e impunes e lembran que, na actualidade, “hai trinta compañeiros encadeados en Rusia” por teren realizado esta mesma reivindicación. É máis, consideran que se trata dunha sentencia pra cubri-lo expediente que non vai evitar que outro Prestige resulte posible. E afirman que a marea negra, que comprometeu case 2000 km. de costa, foi causada, ademáis de polas carencias na responsabilidade no transporte marítimo que, hoxe en día, siguen a protexeren os intereses da industria petroleira, ós fallos e neglixencias institucionales á hora de tomar decisiós dende que o Prestige lanzou o 13.11.2002, hai once anos, o sinal de socorro.  

            Sigue a deci-la asociación ecoloxista que “este proceso demostra que os culpables públicos non pagan, que as empresas culpables non pagan e que non se fai xusticia cando se trata de defende-lo medio ambiente ou ás persoas”, afirmación ésta do responsable da campaña Enerxía de Greenpeace España, Raquel Montón. E conclúen a súa declaración no sentido de que a decisión de alonxa-lo buque da costa foi un dos maiores erros cometidos; que a información ofrecida polas distintas administraciós á poboación foi escasa, insuficiente e, ás veces, falsa. E non foi dabondo valorada a dimensión ecolóxica do siniestro, a última das tres principales causas da neglixente xestión do accidente. A esa inmadurez da Administración en materia ambiental hai que engadire o feito de que “a industria petroleira aproveita os recursos naturales, pero non se fai responsable das consecuencias derivadas da súa actividade económica”.

            ¿Estaba destinado o buque a se afundir no noso litoral, procurouse  o noso mar como destino final? No fallo afírmase que “todos sabían que non era un buque novo, pero que os acusados nen sabían nen podían saber das graves deficiencias que o abocasen a un naufraxio”. É decir, indefinición das causas do acontecido, menos cando se fala das malas condiciós do buque según afirma o maxistrado. Non se poden conocer con seguridade as causas do accidente. E nas súas conclusiós destaca a dificultade de atribuir responsabilidades precisas e a posibilidade de ter investigado polo miúdo algunhas cuestiós do accidente do Prestige. Se a propietaria, sabedora da mala situación do buque, decideu que este navegara ocultando as deficiencias do buque, débese entender que o capitán tamén era conocedor desa situación. “Ninguén pode nega-lo fallo estructural, pero non se pode decir por qué se rexistrou” nen tampouco cal foi o definitivo fallo estructural. Once anos despois do drama ecolóxico, prodúcese unha sentencia longamente agardada e, pra moitos de nós, incomprensible. ¿Pero lexislouse pra que outros buques con carga peligrosa non pasen polas nosas costas? ¿Está a Administración alerta ou son posibles novos Prestiges? Algo terá que lexisla-la Administración se quere que creamos nela.       

domingo, 10 de noviembre de 2013

A Polifónica xa non está no Museo

Esta construcción, en Puerto de Santa María, que fora templo cristián e despois mezquita, con Afonso X sería reconvertida en templo-fortaleza. É case seguro que foi aquí onde o Rei Sabio compuxo as 24 últimas cantigas da súa magna obra, 427 cantigas en total. A ver se índa teño tempo pra lle adicare a esta cidade, da que conservo moitas fotografías dend´a miña visita de marzo 2012, unha entrada neste blog. No artículo que sigue fago alusión a este lugar. 

Pontevedra, 11.11.2013
Entrada n. 1717 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra.

A Polifónica xa non está no Museo,
por Xesús López Fernández

            A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra naceu no ano 1925, da man de homes como Antón Losada Diéguez, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Antonio Blanco Porto, e outros homes comprometidos con Galicia, digamos que coa proiección universal de Galicia por medio da interpretación de música sacra, madrigales dos séculos XVI e XVII, e música galega (cantigas de Afonso X, cantigas de amigo, cantigas populares harmonizadas), labor no que o noso país ten un compromiso real con homes como o P. Miguélez, Blanco Porto, Iglesias Vilarelle e co P. Luís María Fernández Espinosa, e outros). O meu paso pola Polifónica foi corto, do ano 1952 ó 1957, pero seguín sempre con interese a evolución do coro que, se alá chega, vai comprire 90 anos no 1915. E fago agora  lectura dunhas declaraciós de Leopoldo Centeno, cantor do coro na miña época, que afirmaba nunha entrevista de La Voz de Galicia do 15.05.2010, que Iglesias Vilarelle ensináralle a amar a polifonía.

            Centeno permanecería no coro con Agustín Bermoméu Salazar, José Antonio Sánchez e con José Verea e, pola súa intensa actividade e asistencia a concertos da Filarmónica, como secretario desta sociedade ó tempo que da Polifónica, na medida na que compartía moitas tardes con artistas no Teatro Principal, chegaría interesarse por uns fardos alí pousados no chan, atados, cheos de suciedade, en malas condiciós. Perguntado o encargado do Teatro qué era aquelo, o home contestoulle que eran os telóns decorados por Castelao e restaurados polo pintor Rafael Úbeda. Centeno comentou o asunto cos compañeiros da directiva e, a proposta súa, “foron retirados e levados ó Museo de Pontevedra prá súa restauración e custodia, reservándose a Polifónica a titularidade dos mesmos”. Pero o coro, que como unha peza máis do Museo levaba agora anos ensaiando no edificio da rúa Sarmiento, xa non dispón dese espacio, razón pola que pode ter un futuro máis fráxil ó trasladare os ensaios a un local do Auditorio da Xunqueira.

            Podemos estar ante unha fin de ciclo. E non debemos esquece-la vocación divulgadora e galeguista dos fundadores (Antón Losada sería o primeiro presidente, impulsor tamén da creación do Museo; Castelao, como el un home da Xeneración Nós, poríase a traballare inmediatamente na realización dos devanditos telóns); labor culturizante, serio, que sería un referente mundial, ata o punto de se achegar a Pontevedra Leopoldo Stokowsky, interesado pola obra de Tomás Luís de Victoria, autor do que a Polifónica tiña en programa algús motetes (Ave Maria, O Magnum Mysterium, etc.). No ano 1950 dirixiría ó noso coro nun concerto dado na catedral de Santiago. Coido que cando entrei na coral podía percibirse aínda a afinación imposta polo gran Stokowsky.

      Teño vivido momentos bos na Polifónica, e lembro non poucos dos madrigales (italiáns, franceses, ingleses, españoles), como a posta en escea da misa de Orlando di Lasso), ou obras harmonizadas por Iglesias Vilarelle (Os anxeliños da groria, Non te namores meniña, …) ou as Cantigas de Pontevedra harmonizadas polo Padre Luís. É máis, hai uns anos, con motivo de estar en Puerto de Santa María, ante a igrexa-forteza na que vivira Afonso X, atopeime cuns estudiosos da súa obra que me comentaron que alí foran compostas, presuntamente, as últimas 24 do total de 427 cantigas do Rei Sabio. “A creer devemos/ que todo pecado/ Deus pola súa Madre/ haberá perdoado…” comecei a tararear lembrando os tempos da Polifónica. Foi un encontro grato. Pero volvamos ó comezo: que a Polifónica, convertida case en peza de Museo, xa non está acollida a esta institución, na que permanecen os telóns que pra ela fixo Castelao e sobre cuia propiedade téñense producido certas tensiós, aínda sendo certo que gracias á iniciativa de Centeno, salváronse os decorados. Pero a Polifónica debería ser considerada igualmente peza de museo, patrimonio inmaterial, polo valor do seu leigado que debe permanecer vivo. Que non se perda.

miércoles, 6 de noviembre de 2013

O LUCRO CESANTE NA RÍA DE PONTEVEDRA

A queren disfrazare de discoteca, pero a pasteira sigue matando a ría co consentemento permanente dos políticos traidores que non entran no tema medioambiental nada máis que pra algún que outro discurso de mentira.  Nos tres partidos representados en Pontevedra.

Pontevedra 6.11.2013
Entrada n. 1716 do blog
Artículo publicado no n.15 da Revista da Asociación de Veciños de San Roque, publicada nos últimos días do pasado mes de Outubro.

 O lucro cesante na ría de Pontevedra,
por Xesús López Fernández

            Poderiamos buscar antecedentes históricos, entrar no testimonio dos estudiosos sobre o que foi a ría de Pontevedra, a riqueza do caladoiro que abranguía o espacio antre a desembocadura do Lérez e as illas de Ons e Onsela, pero este vai ser un simple artículo, unha especie de instantánea do que aquí vai quedando e da riqueza perdida, o lucro cesante que dá título ó presente traballo e que ven sendo o resultado da involución programada talvez dende algús centros de poder que xa non teñen nada que ver coeste mar que hai non poucas xeneraciós conservaba moitas das súas características, era perceptible aínda como ecosistema có que o home convivía, base importante do condumio dunhas cinco mil familias, capital social en estado puro.

            Dun libro de Juan Juega Puig, “El comercio marítimo en Galicia, 1525-1640”, editado pola Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, recollamos, en corto, a mención que fai, no capítulo 5, do Comercio e Pesca na Ría de Pontevedra (5.1. Cercos e Trincados, 5.2. A Coiuntura Pesqueira, 5.3. A comercialización da pesca, 5.4. Cargadores de sardiña).Trátase realmente dun libro enciclopédico, case un libro pra soñar. Citemos, simplemente, que cando se introducen as artes colectivas na ría de Pontevedra, no outono do 1484, a documentación existente recolle tamén a ofensiva legal capitaneada polos arzobispos composteláns, cara reservare prá vila e porto de Pontevedra a totalidade da actividade pesqueira, da salazón e comercial que se desenvolva neste caladoiro, feito éste de monopoliza-la actividade toda da ría en beneficio dun único porto que resulta excepcional. 

            Xa digo, tempos pra soñar, porque a Pontevedra d´hoxe en día pouco ten que ver coa que foi, talvez,  principal porto pesqueiro de Galicia a comezos do século XVI. Podemos incluso decir que con cada nova camada política, a cidade é de cada volta menos mar, máis vila de secano. I esa degración avanza por ambas bandas da ría, traducíndose algunhas das actuaciós (desecación, recheos, actividade industrial que habería que deslocalizar, infraestructuras innecesarias ou a demencial construcción dun polígono industrial no porto de Marín) na morte case final da ría, algo máis grave que o acontecido na bahía de Alxeciras, o depósito de grandes bloques de cemento con “agullas” pra acabare co medio de vida dos mariñeiros daquela costa. E aí sí falou Rajoy de atentado ó medio ambiente, como tamén o señor Arias Cañete, o promotor da nova Lei de Costas que tenta desnaturalizare a do 1988, unha magnífica lei que ademáis contemplaba o litoral como un espacio finito.

            ¿Sería moito pedirlle ó Goberno central un plan de rexeneración da ría toda, a recuperación do litoral? ¿Non están acometendo nos EEUU a recuperación dos Everglades, na Florida? Traballo de rexeneración costosísimo, estou convencido de que aquí resultaría todo máis facedeiro, coa particularidade de que a rexeneración en grandes zonas terían que acometela os xa sentenciados polo TS. A Xusticia xa falou e non deberiamos consentir que nengún grupo de presión siga impoñendo o seu Diktatt, o do seu continuo beneficio, como cando din que, a pesar da crisis, o porto de Marín aumentou a súa actividade un cinco por cen no ano 2012; como cando a fábrica de pasta tamén cifra os seus beneficios ou a venta da enerxía obtida a partir dunha pranta de coxeneración prá que, presuntamente, carece de concesión estatal ou de licencia municipal. Falan dos seus beneficios, pero non tocan o tema do lucro cesante, no que entramos a seguido:
           
            Pode haber nervios en relación co auto do TSXG ordeando a execución da sentencia do TS de retira-los recheos portuarios de Marín, 300000 mt2, unha forma de desnaturaliza-lo medio natural e de arruina-lo capital social con el relacionado. Curiosamente, a alcaldesa de Marín defende os recheos, os empresarios e portavoces da Autoridade Portuaria din que o importante é salva-los postos de traballo que se poidan ter xerado a costa desa actuación criminal, de arruina-la riqueza da ría. Menos mal que os Defensores da Praza dos Praceres mantiveron a súa vontade profética ferreña, o exercicio da acción popular pra acadare, á fin,  unhas sentencias esperanzadoras en relación cos recheos e o ferrocarril que debería levar tempo levantado; en relación tamén con empresas non relacionadas co mar prás que os iluminatti da Autoridade Portuaria arranxaron  solar contra natura. Pero, curiosamente, ninguén da trama portuaria (peores que os xibraltareños) tivo presente a perda da economía real da ría, o lucro cesante do que imos procurare algunha definición i exemplo.

            O lucro cesante é unha forma de dano patrimonial que consiste na perda dunha ganancia lexítima ou dunha utilidade económica, que se tería obtido se a agresión, neste caso medioambiental, non se tivese producido. É, polo tanto, o que se ten deixado de gañar e  se tería gañado de non ter acontecido o dano, os danos na ría de Pontevedra, que podemos contabilizar dend´a desecación das xunqueiras, o urbanismo non pensado, o estreitamento da ría, o asentamento de industrias contaminantes,  recheos, unha edar en principio sentenciada,  etc.  Se falamos do precio do marisco, do peixe, dos moluscos, ó mellor poderiámonos achegar a unha aproximación máis didáctica, porque é sabido que políticos e sindicalistas subvencionados, nas comidas de traballo, presuntamente pican alto e o marisco non pode faltar. ¿Pero qué garantía hai hoxe dunha depuración certa das especies que mal resisten e que, no caso de Pontevedra, poden ser portadoras de dioxinas ou  mercurio, ou mesmo hai tempo que desapareceron? 

            É que hai cousas ás que lle perdémo-la perspectiva co paso do tempo. Pero uns traballos do xa citado Juan Juega Puig, publicados no Faro de Vigo, válennos pra comprendere a que foi a nosa realidade, a fartura do noso mar. Así, o 31.12.2012 publicaba un traballo titulado “Una delicatessen: ostras en escabeche”, das que a familia real era, no século XVII, unha das demandantes deste exquisito prato saído das Rías Baixas. ¡Si aquí había ostras incluso por riba da ponte de Burgo! Os bancos de Ponte de Santo Paio e Redondela, pola extracción masiva, foron sometidos a control, non fose que non se puidera atende-la demanda real. O artículo é longo, e o home tratou outros temas en traballos posteriores como “Las cuaresmas y vigilias, tiempo de sardinas”, que vai da abondancia de sardiñas da nosa ría, falta hoxe tanto das setembriñas, propias pra arencare, como das de inverno, etc. Outro estudio vai das artes de pesca que precederon á mecanización, ilustrado cunha fotografía de comezos do século XX, na que se aprecia a descarga de numerosas banastas cheas de croques ou ameixas, un dos lucros cesantes desta hora,  no peirao de Carrascal. E poderiamos seguir cos cercos, entalladas ou camboas, artes prá captura de peixes.

            A retirada dos recheos portuarios sentenciados é posible, case fácil, valéndonos da avenida de Marín hai pouco mellorada por Ana Pastor en servicio da Autoridade Portaria. Por ela poderíanse retira-los os recheos, mesmo os de Ence, con destino, talvez, á “reposición” de tantísimo monte desnaturalizado por sobreabuso de canteiras. Maxino caravanas de camiós de gran tonelaxe.  A riqueza apuntada polo amigo Juega, o lucro cesante desta ría, sería recuperable, pensando tamén na rexeneración das xunqueiras. Se os mariscos e moluscos acadan un sobreprecio nos restoráns de elite, as Rías Baixas, coidadas, poderían sere a gran factoría, ó tempo de marcaren o rumbo cara unha nova economía, coa Natureza como gran productora. A ver se co tema de Xibraltar o Goberno da nación vólvese máis sensible e dá orde de executa-las sentencias firmes existentes, porque o aquí acontecido parece máis grave que o acontecido en Xibraltar.  

6.11.2013.Addenda ó traballo publicado: Como remate final da retirada dos recheos poderiase recoller, como unha alfombra, a propia autovía de Marín, en definitiva un recheo máis no demanio, ocupación deshonesta do mar.


domingo, 3 de noviembre de 2013

O CASÓN E O PROFESOR BERMEJO

O Casón avisa. Nesta foto do Diario de Cádiz apréciase o fume conseguinte á deflagración producida polos productos peligrosos que levaba o cargueiro.
Siguen uns enlaces de vídeos de YouTube, correspondentes ó documental a Caixa Negra. Neles apréciase a clara manipulación á que se someteu á xente, mesmo as mentiras de xentes da Administración.
YOUTUBE. A Caixa negra.
A CAIXA NEGRA, 1
A CAIXA NEGRA, 2
A CAIXA NEGRA, 3
A CAIXA NEGRA, 4
ACAIXA NEGRA, 5

Estos vídeos poden valer prá presentación do artículo semanal que vou inserir no blog, con publicación prevista pró 4.11.2013, no Diario de Pontevedra, en defensa do nome do Profesor Bermejo, ó que as autoridades deslocalizaran mentres ofrecían un informe distinto ó redactado polo profesor. Pero foi o vento o que realmente salvou ás xentes de Fisterra, Cée, Corcubión.....

Pontevedra, 4.11.2013
Entrada n. 1715 do blog

O Casón e o Profesor Bermejo,
Por Xesús López Fernández

            Lembremos, a maiores do dito no artículo do 30.10, que o Casón era un cargueiro de bandeira panameña botado no 1969 e que o cinco de decembro do 1987, a consecuencia dun forte temporal, embarrancaba na Costa da Morte, en Fisterra, na punta do Castelo, ó sur da praia do Rostro. A carga que transportaba ascendía a 1100 toneladas, concretada en 5000 bidós, sacos e contenedores de productos químicos inflamables, tóxicos e corrosivos, que foran embarcados nos portos de Hamburgo, Rotterdam e Amberes, con destino a Shangai. A día d´hoxe aínda se discute se o manifesto de carga do Casón ocultaba partidas de radio ou uranio. O vertido e posterior incendio da carga do navío na tarde do 10 de Decembro, que fora emitido en directo pola TVG, foi causa dunha gran alarma social, cunha Administración falta de información, habida conta de que os materiales poderían estoupar e provocaren unha nube tóxica, como aconteceu. E xa había víctimas: 23 dos 31 tripulantes do navío, todos de nacionalidade china.

            Na Xunta de Galicia tomara posesión da presidencia, facía poucas semáas, Fernando González Laxe que, por recomendación do delegado do Goberno, Domingo García Sabell, decidira evacuare ás poboaciós de Fisterra, Cee e Corcubión, unhas quince mil persoas, en 700 autobuses cara A Coruña, co conseguinte pánico dos veciños que, en moitos casos, fuxiron polos seus medios principalmente a Vimianzo, Carballo, Muros, Carnota e A Coruña. Pero logo comezarían con versiós contradictorias: que si a nube non era tóxica, según García Sabell; que, según declaraciós de González Laxe´, “todo dependía da dirección e velocidade dos ventos, que podían traslada-lo veneno a calquer lugar”, polo que recomendaba que o desaloxo fose cara ó Sur. É decir, o peligro era real e, como deixou dito o profesor Bermejo, “as xentes de Fisterra salváronse porque ese día o vento viña do Este”. Cuestión de sorte.

            A TV dirixiríase ó Rectorado da Universidade de Santiago pra lle perguntare quén podería asesoralos en tan importante tema e, como home que levaba máis de vinte anos estudiando temas de medio ambiente, o profesor Bermejo sería o home proposto. Nos días seguintes, o profesor interviría en diversos programas de televisión, razón pola que o alcalde de Cee e outras forzas vivas da bisbarra lle solicitan que elabore un informe técnico sobre a mercancía transportada polo barco, tomando como base o manifesto de carga. “No informe explicaba técnicamente as reacciós que poderían produci-los componentes químicos que transportaba o navío. Está claro que si me perguntan qué acontece cando a unha persoa lle cae enriba ácido sulfúrico teño que decir que se abrasa. Eso foi o que fixen, indiquei cales eran as sustancias, cales as súas propiedades e qué podía pasar”.           

            O informe foi enviado polo vello profesor ó alcalde de Cee, que éste mostrou ós outros alcaldes da comarca. Pero á Administración non lle agradaba o contido, publicado en diversos medios e comezaron a aburare ó profesor. O gobernador civil, en palabras difusas, dille por teléfono que sería bo amplia-lo informe e que o profesor parece non estar moi ben informado; se non sería bo crear unha comisión, que nunca se chegou formar. Pero invitado por Radio 4 a unha tertulia na que, o 17.12, ían estar presentes o gobernador e un tal José Antonio Madiedo, director xeral da Mariña Mercante, chegada a hora de abri-lo micrófono, os citados señores non chegaran, algo que o periodista xustifica como pode, pero están presentes uns sustitutos que acusan ó profesor de leva-la conversa ó plano da química, pero que de mar non sabe nada. “Dígolles que teño os títulos de patrón de barco e de capitán de iate, ademáis de ter sido mariñeiro de guerra durante tres anos. Tamén fun profesor instructor na Escola Náutica d´A Coruña […..] Coido que sei algo de química, pero de mar tamén sei algo”… O gobernador, ese mesmo día, comunícalle que non é posible crea-la comisión, que se vai a Madrid, e que vai recibi-la visita do doutor Mañas o día 18. Así acontece e o home, que se presenta como técnico de transportes peligrosos, trae no sobaco un suposto informe, coa pretensión de que o rubricara o profesor, algo ó que éste se nega... O profesor enteraríase polo alcalde de Corcubión  de que o 17.12, tivera lugar no Hotel Hórreo a famosa reunión, na que supostos técnicos da Administración (realmente membros do gabinete de prensa do ministerio de Transportes) rebatirían o Informe Bermejo. Madiedo  e Aguilar xustificaran a non asistencia do profesor (lembremos que fora deslocalizado en Radio 4), que, sen embargo, “estaba dacordo en todo”. Madiedo e Aguilar mentían descaradamente pra xustificaren a ausencia de Bermejo. Si éste tivese asinado o informe de Mañas, todo encaixaría perfectamente. Pero deran cun home honrado. Na Administración, de certo, moitos non-o son.