domingo, 30 de septiembre de 2012

Viaxe a Grecia, 1

Parece unha paisaxe andina. É unha vista dend´as ruínas de Delfos, por onde, según o noso guía, tivo morada Zeus. Delfos foi considerado, nalgún tempo, o centro do mundo. Os atletas vencedores, que competían espidos no seu estadio (uns 180 mt. de longo), eran premiados cunha coroa de loureiro, por contra dos que participaban nos xogos olímpicos. Neste caso, a coroa que recibían era de olivo.    

Río Gangas, en Filipos, onde celebramos unha eucaristía e renovámo-lo bautismo.  

Filipos. Restos dunha igrexa de pranta basilical.


 O noso hotel en Tesalónica.
Unha obra inútil en Tesalónica. A idea ven sendo a dos mosquerós de Pontevedra. Un comecartos nun país precisado de rescate. Ó fondo, o mar Exeo.

Pontevedra, 30.09.2012
Entrada n. 1564 do blog
Artículo semanal

Viaxe a Grecia, 1,
por Xesús López Fernández

            Esta viaxe ven sendo complementaria doutra realizada o pasado ano a Turquía, á procura do camiño recorrido por San Pablo pra abri-la porta da fe ós xentiles, o que define ben a fonda impresión  dos cristiáns que en Antioquía escoitaban os relatos de Pablo e Bernabé: era o mundo pagán enteiro o que se abría ó Evanxelio, aínda que os cristiáns de Palestina, pola cuestión da circuncisión, non asumían ese sentimento, daí que fose principalmente na Anatolia onde se asentou con máis forza o cristianismo primitivo. O fervor evanxelista estaba vivo en Pablo e os seus amigos e un día no que  Lucas se encontrou con él falaron de novos proiectos. Estaban en Troade, non lonxe do mar de Mármara, e Lucas  apuntou a idea de roturar pró cristianismo novas terras, outras xentes, e apuntou Macedonia,  que estaba a dous días por mar. E foi aquela mesma noite cando Pablo tivo un soño: Un varón macedonio púxoselle dediante pra lle pedir: “Pasa a Macedonia e axúdanos”.

            A viaxe foi axiña concretada e  catro homes zarparon de Troade pra desembarcaren en Neápolis (Kavala). Os misioneiros chegarían a pe, en dúas horas, a Filipos. O cristianismo entraba en Europa. E o pasado 9.09.2012, pola noite, chegamos un grupo de amigos a Tesalónica, a cidade macedónica fundada en memoria da irmanastra de Alexandro/Leixandro o Magno, esposa de Casandro, pra facer memoria, fundamentalmente, de Pablo e os seus amigos. Tesalónica (Salónica ou Thessaloniki), capital da Macedonia Central, é hoxe unha cidade industrial e porto importante do mar Exeo. Ten máis dun millón  de habitantes, e a súa universidade ten incluso unha facultade máis que a de Atenas. Están presentes moitos restos do seu pasado: da muralla, o edificio da rotonda, a torre Branca, o foro, etc. Esta urbe vai se-la nosa base de saída os dous primeiros días da viaxe. E así, o 10.09, despois dunha visión panorámica da cidade, partimos cara Anfípolis, fundada polos atenienses no século VI A.C., que soubo do paso de San Pablo a Tesalónica, e cara Filipos. 

            Chegamos a Filipos, ás ruínas do que queda da cidade fundada por Filipo II, onde Pablo se instalou algún tempo. Alí eran pouco numerosos os xudeos, que non tiñan sinagoga e reuníanse os sábados nun oratorio ó aire libre, no río Gangas ou Gangite, a menos de dous kilómetros da cidade. E Pablo comezaría, como era a súa norma, achegándose primeiramente ós xudeos. Os traballos, en Filipos, despois dun primeiro momento de desacougo, non se lle deron mal. Dirixeuse ó oratorio i é nese momento cando a súa prédica prende en “certa muller,  Lidia, purpuraria, da cidade de Tiatira, que escoitaba atenta porque o Señor abrira o seu corazón pra entende-las cousas que Pablo decía”. O relato está nos Feitos dos Apóstolos. I esta Lidia, e coela a súa familia, bautizaríase no Gangas. A primeira europea convertida. O 10.09 estivemos nese lugar, cousa que o noso grupo aproveitou para renova-lo bautismo.

            Seguiriamos despois visitando as ruínas de Filipos, cidade que no seu tempo debeu estar ben dotada de servicios. E alí están as ruínas do cárcere no que permaneceron Pablo e Silas, sometidos a prisión despois dun procedemento irregular. Pero un terremoto facilitou a apertura da porta e que os cepos que os presos tiñan nos pes se soltaran. O carceleiro, asustado, temía por el, pero os misioneiros non fuxiron e logo serían postos en libertade, por seren cidadáns románs i entende-los maxistrados que a detención fora totalmente irregular. Ricciotti apunta tamén que Lidia, muller influínte, debeu mediar na liberación dos apóstolos. O carceleiro sería tamén cristianizado por Pablo…. Despois de ter feito memoria destas cousas seguimos camiño de Kavala, a antigua Neápolis, un porto mariñeiro dos que comezan a perder encanto. O nome garda relación coas postas de cabalos na Via Egnatia. E regresamos a Tesalónica, aínda con tempo de visita-lo templo paleocristián de San Demetrio, o patrón da cidade, que hoxe ten cinco naves e loce enorme e restaurado. (continuará)

sábado, 29 de septiembre de 2012

Viaxe a Grecia, Fotos e notas (1)

Na viaxe a Grecia, á procura das pegadas alí deixadas por San Pablo na súa segunda viaxe, tomada como primeira base Tesalónica, partimos pró noso recorrido, tamén  por museos e fitos arqueolóxicos e históricos. A foto recolle un momento da renovación do bautismo practicada polo grupo no río Gangas (Ricciotti denomínao Gangite).
O lugar garda memoria do bautismo de Lidia. Esta muller, negociante en púrpura, atendera as prédicas de Pablo e os seus compañeiros. Foi a primeira europea cristianizada. Ela e a súa familia, precisamente neste río.  
Interior dun templo ortodoxo, precisamente nese lugar, en memoria do feito. O templo ven  ser como un gran baptisterio. Digamos tamén que o lugar estaba no arrabaldo de Filipos, cidade fundada por Filipo II, o pai de Leixandro/Alexandro Magno ( prefiro a forma Leixandro que non a deturpada Alexandre, qué horror!)
O cárcere no que estivo detido San Pablo, algo sobre o que entrarei máis a fondo no artículo previsto pra pasado mañán.
En Tesalónica. Edificio concebido como torre de defensa ou cárcere, que formaba parte das murallas da cidade, das que quedan restos notables.

Pontevedra, 29.09.2012
Entrada n. 1563

VIAXE A GRECIA, FOTOS E NOTAS (1)
por Xesús López Fernández.

QUERIDOS AMIGOS: Non sei si este blog está morrendo ou qué pasa, pero sí que comezo con certa demora os traballos prometidos ós que participástedes conmigo na  viaxe a Grecia, a segunda que fixemos tra-los pasos de San Pablo. Problemas derivados do propio PC ou porque a miña vista non vai como quixera.

Se a viaxe a Turquía fora realmente asombrosa pra moitos de nós, ésta d´agora coido que tamén nos impactou, tanto os lugares directamente relacionados co apóstolo dos xentiles como outros cargados de cultura ou nos que os monxes procuraron un ideal de ascesis, por exemplo en Meteora, onde algús dos "meteoros" miden ata 400 mts. de altura. E alí, nas alturas, os monxes (monxas tamén) procuraban ese referente como cando aconteceu a Transfiguración do Señor, no monte Tabor.

En fin: Tesalónica, os museos, Filipos, Berea, Meteora, Delfos, Atenas, Corinto, Micenas, Epidauro, novamente Atenas (Areópago, Partenón, odeón, etc.), todo máis ou menos en breve, á marxe dos artículos que se me poidan ocurrir.      

NOTA. Os amigos que queirades que vos remita algunha foto, especialmente de grupos ou individualizadas, non dubidedes en pedilas por medio deste mesmo blog, pra así dispoñere do voso correo, aínda que non trascenda máis alá da nosa relación directa.

sábado, 8 de septiembre de 2012

Cara unha economia verde


Teatro de Epidauro, en Grecia. Lonxe estaba de pensare, cando publiquei no Diario de Pontevedra o 10.09.2012 o traballo que hoxe incorporo a este blog e que vai da necesidade imperiosa do retorno a un compromiso do home coa terra, que o 15.09 e con motivo dunha viaxe a Grecia, este teatro, no que habitualmente hai actividade teatral e musical, onde acoden grandes orquestas, foi espacio aberto prá presentacion da cantiga basada no poema de Curros do que se fai cita no artículo que vai a seguido, "Un adiós a Mariquiña", como primicia mundial antr´un grupo de amigos, un agasallo do titular deste blog. (A lingua galega en Epidauro). 

Pontevedra, 17.09.2012
Entrada n. 1562 do blog
Art. semanal do 10.09.2012

Cara unha economía verde,
por Xesús López Fernández

        Hai sete días falabamos da estanflación á que nos ten levado a política económica sen sentido dos diversos gobernos relevistas configuradores do caos que nos toca vivir. Aínda agora diríase que non hai ideas claras pra promovere un crecemento certo e que a política fiscal posta en marcha vai acentuar aínda máis a citada estanflación, é decir: unha maior sobida dos precios á par que o estancamento no que nos debatimos cando parecen asomar, xa, novos recortes. ¿Recortes tamén ás pensiós?.  De cada volta son máis os temores de que algo que coidabamos sagrado está a esgazar…  Sí, sí, crecer e crear emprego que decía Rajoy. Mentres nos discursos da casta política escóitanse distintas salmodias sobre deberes compridos e traballos ben feitos, nos que moitos cidadáns non creen porque a esas peroratas fáltalles o exame de conciencia das culpas, das obrigaciós esquecidas, ou dos programas falaces.

        Como hai dúas elecciós en curso, son moitos os opositores a políticos que traen novos discursos coa solución maxistral baixo o sobaco. Discursos raiáns co imposible porque a remuneración, se pasan o exame, é boa, que estamos a falare da profesión mellor pagada do mundo aínda que sexa a costa de acabare mesmo co propio mundo, que algo sabemos en Pontevedra do que se leva feito ou do que están a faceren nestos momentos pra nos sumire aínda máis na miseria medioambiental, eso sí, apantalláda-las novas actuaciós como se realmente se tratase de infraestructuras necesarias cando sabemos que son ecolóxicamente insasumibles. No novo  discurso político prometen máis ladrillo. Sen embargo, xa todo o peixe está vendido e o país ambientalmente derrotado porque nunca houbo unha política de crecemento respetuosa co medio.

        Dende diversos foros, especialmente dende o Worldwatch Institute, como tamén foi reivindicado nas xuntanzas de Rio+20, estáse a pedir unha reconciliación antre antre economía i ecoloxía, a posta en marcha dunha verdadeira economía verde, único xeito de poñérmonos na vía dunha auténtica sustentabilidade. O estudio do Worldwatch Institute correspondente a este ano lémbranos que no Cumio Medioambiental de Río 1992 os gobernos asumiran o compromiso do desenvolvemento sustentable. Mais vinte anos despois e tendo en conta que se celebraron varios Cumios coa folla de ruta daquela tracexada, vemos que a civilización está en situación de colapso case total. As cidades creceron máis da conta, o litoral está malferido, o mar presenta non poucas zonas abióticas. E mal vai a economía dun país cando se pensa que ésta pode soerguer coa construcción do complexo Eurovegas, novos Algarrobicos ou que o Goberno pode seguir despreciando o tema medioambiental.

        Haberá ocasión de traer aquí algunha das cuestiós debatidas no estudio devandito, no que incluso se trae a noticia dun buscado decrecemento pra  nos poñere na senda do verdadeiro progreso, imposible sen sustentabilidade.  O mar e o campo de Galicia hai tempo que foron traicionados, subvencionado incluso o abandono das nosas aldeas quizaves porque a Europa lle interese máis a Galicia eucalipteira. Pero reparemos nunha nova destos pasados días: a da gran colleita  de cereal que trouxo a sega nas terras da Limia, unha forma de sustentabilidade. Véñenme á cabeza os versos de Curros, a recomendación que por medio de Mariquiña Puga remite ós emigrados: “…Dilles que prá súa terra tornen axiña/ que sen eles non queren pinta-las viñas, rega-los regos/…,madura-las castañas nos castiñeiros../ Dilles que as súas obrigas eiquí os esperan / e se onde elas non morren que se condenan…”. Curros falaba de sustentabilidade. Nun idioma  que, co tempo, sería traicionado, según indicaba xa Risco no 1910.
     

domingo, 2 de septiembre de 2012

A culpa é da estanflación,

Non sei se a foto tenta presentare a un Núñez Feijoo con máis posibilidades das que se lle supoñen. As cousas vainas ter difíciles.

Pontevedra, 2.09.2012
Entrada n. 1561 do blog
Artículo semanal

A culpa é da estanflación,
por Xesús López Fernández

            Hai novos acontecementos. A temida subida do IVE, que xa é real, as novas sobidas nos precios do gasóleo e da gasolina, o de cada volta menor poder adquisitivo dos cidadáns, están poñendo ó país contra as cordas.  Os políticos queren deixare todo ben claro: que foi a débeda externa a principal causante do incumprimento das promesas das pasadas elecciós… Aquelo de que non ían sobi-lo IVE nen incrementa-lo IRPF, algo que as circunstancias impedirían e decretaron incluso a baixada salarial dos funcionarios; a supresión incluso dunha paga extraordinaria, etc. Como ademáis están convocadas novas elecciós en Galicia e non se sabe ben se a razón principal é a de neutralizare a un PSdeG sen tempo xa pra convocare primarias; se deste xeito queda paralizada a investigación do fiasco das caixas de aforro, algo no que os políticos han ter algo que decir; que Mario Conde non vai poder organizar candidaturas, asunto éste que parece preocupaba a algús.

            Non se sabe se o adianto das elecciós vai beneficiare ou perxudicar ó señor Feijoo. Polo pronto, en Soutomaior, no comezo da campaña, estivo Rajoy pra nos explicar de novo as razós do incumprimento do seu programa electoral, de cómo agora a nova sobida do IVE nos ven imposta por Europa, pero que confía en que a situación se poida revertir se somos capaces de crecer e crear postos de traballo, cando todo parece indicar que o IVE intervén como factor negativo e que incluso, según as últimas estadístias, a recaudación dese imposto caeu un 9,20 por cen. Moitas xentes tentan reduci-lo consumo, polo menos librarse do pago do insultante peaxe das autopistas escollendo rutas alternativas. E agora, en campaña, Ana Pastor fala de  negociar coa AP-9, pró mes de setembro, unha baixada do peaxe en certos tramos, cando habería que se perguntar se non levan anos amortizados.

            “La subida del IVA llega en un momento muy complicado”, dixo Rajoy. E tan complicado: como que a tasa interanual de precios sobeu un 2,70% a consecuencia do máis alto precio dos carburantes. É decir, pódese afirmar que estamos sendo golpeados polo que se chama estanflación, término acuñado na Cámara dos Lores nos anos 60 que define o crecemento dos precios á par que a paralización da actividade económica. Éso está a acontecere en España dend´o ano 2010 e os tímidos crecementos da nosa economía nos últimos trimestres son a confirmación do síntoma. O malo é que non se ve unha clara saída da crisis e parece como se, a costa de castigare sectores da nosa economía productiva coa subvención do abandono de actividades agrarias, mesmo da gandería; de pensar no ladrillismo puro e duro, permaneza a mesma teima nos presuntos deseñadores do noso relanzemento.

            ¿Qué significa senón a creación dun banco malo que se faría cargo dos activos tóxicos das outras entidades pra ó longo duns anos, falan de quince, ir recolocando os inmobles polo seu valor real? O mal de fondo, apuntan algús comentaristas, sigue sen ser atacado porque antes da crisis económica habería que saire da crisis política i ética. E temos que nos comprometer coa Terra. Ésa é a nosa gran asignatura porque difícilmente vai haber crecemento económico que vaia máis alá dun 1 ou 2% e, nesas circunstancias, temos que pensar nunha prosperidade sustentable, algo que se tratou nas pasadas xornadas de Río+20 (un como balance dos progresos habidos dend´o Cumio medioambiental de Río do ano 1992). O último libro do Worldwatch Institute profundiza no posible cambio de paradigma, na “Economía verde: a nova reconciliación virtual antre ecoloxía i economía”. Terei ocasión de tratar algún dos temas que propón o Worldwatch Institute, no camiño da recuperación ecolóxica do planeta, a forma real de sair da estanflación promovida polos políticos sen ética na que estamos sometidos. Pra entrare na senda da prosperidade sustentable, as sociedades humás terán que botar man dunha serie de estratexias que precisan da participación dos responsables políticos, líderes empresariales e da sociedade civil pra ter éxito.