lunes, 31 de diciembre de 2012

DESPEDIDA DO ANO EN VIÑETAS

 Caín, en La Razón, fai esta especie de foto finish do Aninovo, do encontro do ano que se vai e do que chega, que o vai ter difícil se non hai consenso. Pode ser incluso un ano con menos de doce meses con tanto relativismo moral e falta de honrdez política.

 Outro dos chistes "crueles" de Caín, no mesmo medio. Un sen teito comprende as consecuencias de ter un mal goberno. Este chiste lembra outro no que un mendigo, no seu posto de esmoleiro, mostraba un letreiro: "Busco socio fiable pra un próspero negocio". Así nos vai. De cada volta, máis probes nas rúas do país. E máis ladrós, especialmente na Política.

E vanno conseguire: chegar a Neanderthal viaxando en Ave. Chegaremos antes do que se pensa, que algús políticos xa dan ese perfil. (Chiste filosófico de Caín, en La Razón) 


Unha boa ocurrencia de Esteban, en La Razón. Orificio de entrada pró 2013 sí que hai, unha especie de buraco do Inferno. Pero pode non haber saída, reventar todo dunha puñetera vez, consumidos polo magma volcánico.

O fino humor de Esteban, en La Razón, pon na boca de Rajoy a proposto dun retorno á economía do troco: a entrega do país a cambio dunha salvación lustrosa. ¿Salvación, pero vai haber salvación sen activare os sectores da creación de riqueza, tentando salvare o estatus dos privilexiados a costa das probes xentes que inda consiguen traballo.....

 

 ...ou que se deciden a regresare ó campo, que pra subsistire abonda cun par de vacas e algunhas galiñas, porque a natureza crea máis riqueza que o ladrillo, claro que sí. (De Esteban, en La Razón)

 Borja Montoro, en La Razón, pon en boca da Báñez un discurso como os de F. de la Vega. "O Goberno sigue traballando". Carallo! Quén o diría! Evidentemente, hai un contínuum de impotencia...

 Coido que esta viñeta é do mellorciño de Borja Montoro, en La Razón. A vendedora de pavos está no marco da rotación. A escenografía do chiste mostra unha sociedade máis viva. Rural, sí, seguramente o paso que teremos que dare dend´a renta fixa que o Goberno está a esnaquizar pola vía impositiva.  

E, por fin, tamén Borja Montoro, no mesmo medio, móstranos a un Rajoy algo desorientado que acaba de aterrizar no ano que xa está entrando e brinda: "¡Feliz martes y 2013!"


 

Pontevedra, 31.12.2012

 Entrada n. 1598

DESPEDIDA DO ANO EN VIÑETAS,

por Xesús López Fernández

Coido que, ás veces, resulta máis definitoria a mensaxe dunha viñeta humorística que non un profundo e sesudo artículo. La Razón ten nestos momentos un grupo de humoristas que, coas súas colaboraciós cotiás, vannos mostrando día tras día, ano tras ano, a evolución das cousas: a derrota do país pola burbulla inmobiliaria, a impotencia do Goberno pra ordea-los sectores do noso potencial económico, solución cara a que apunta algunha das viñetas: a ruralización dos sectores productivos, tan perseguidos por políticos inanes.

Parece que aínda siguen aspirando os nosos políticos a afogar  máis ás xentes do rural, ás que aínda logran sustento prantando nabos ou patacas, ou traballando como colosos pra manter vivo o sector gandeiro, tan continua e deshonestamente traicionado... O Goberno quere esos nabos e patacas, pementos d´Herbón ou culóns de Fonsagrada, afundir na miseria, dunha por todas ós inventores da economía da sustentabilidade.

A sociedade civil agardaba un golpe de leme (timón), un cambio real, un amelloramento da Xusticia, que sigue chapoteando no tremedal (lodazal) da Política. E así as cousas, ¿qué vai pasar, qué nos vai deparare un novo ano que, cos actores que conocemos, parece non pode ser bo? O Goberno, como Montero apunta na viñeta referida a Fátima Báñez, "pode seguir traballando"...., pero...¿ben, mal ou de mentira?

Os que queiran poden ir desfollando a margarida: recuperación, esperanza, xusticia, economía, presión fiscal, máis abortos, comedores sociales.... Mais todo semella que, do relativismo imperante, xa non podemos agardar nada. A folla da "esperanza" non está; a da "xusticia" tampouco. E faltan outras.  

A pesar de todo, aínda que o Goberno nos vaia poñer todo aínda máis difícil, agardemos un 2013 de denuncia eficaz por parte da sociedade civil, unha revolución incruenta e necesaria.

domingo, 30 de diciembre de 2012

A visita dos reis magos

A visita dos Reis Magos á Sagrada Familia parece ser, según Ana Catalina Emmerick, que non se pode reducir a esta simple escea, senón que cada un levaba o seu séquito. O artículo que sigue é unha simple aproximación á vista das revelaciós da beata alemá, nas que sería comenente profundizar máis e máis.

Pontevedra, 31.12.2012
Entrada n. 1597 do blog
Artículo semanal

A visita dos Reis Magos,

por Xesús López Fernández

            Gostaríame tocar hoxe a cuestión da visita dos magos a Xesús, na gruta de Belén, tomando como base as revelaciós da Beata Ana Catalina Emmerick, monxa agostiña, estigmatizada e visionaria, que foi beatificada polo papa Xohán Paulo II o 3.10.2004, nada en Flamske, unha comunidade agraria, o 8.09.1774. Morrería en Dülmen ós 49 anos. As súas visiós comezaran xa de nena. Decía que principalmente era Xesús o que se lle aparecía, cedéndolle a súa cruz. Os estigmas da pasión manifestáranselle a partir dos 24 anos, regularmente, polo Nadal e por Aninovo, dende o 29.12.1812. A súa obra é vastísima: profecías, revelaciós, visiós, que hoxe podemos conocer gracias ós traballos de Clemente Brentano, poeta alemán, o Peregrino, inducido a visitala cando ela estaba sometida á segunda investigación eclesiástica. Pra asombro do home, a beata coméntalle que lle tiña sido sinalado por inspiración divina como o home que escribiría as súas revelaciós pró ben de innumerables almas.

                      Dend´o 1819 ata a súa morte no 1824 Brentano rexistrou as súas visiós, enchendo corenta volumes con detalladas esceas e pasaxes do Novo Testamento e a vida da Virxe María. Ana Catalina falaba no dialecto de Westfalia. O poeta tomaba os necesarios apuntes pra despois reescribire todo en alemán estándar. Despois leíallo á monxa en voz alta, pra ela inserire algús cambios, se procedían, ata que lle daba a súa completa aprobación. Xa teño comentado, con motivo dunha viaxe a Turquía no 2011 que, non lonxe das fastuosas ruínas de Éfeso, existe unha casa na que viveu María con san Xohán, despois da Crucifixión de Xesús, onde a monxa agostiña sitúa incluso a morte, dormición e asunción de María. Dúas monxas hospitalarias urxiran ó arcebispo de Esmirna pola investigación deste asunto. Dous sacerdotes, despois de incontables pescudas, deron co lugar onde estaba, efectivamente, a casa, hoxe restaurada. As xentes do lugar lembraban a tradición de acodire alí prá celebración da festa da Asunción de María, o 15 de Agosto.

             Pero imos co tema dos Reis Magos, ó que lle dedica non poucas páxinas. Tocarémolo, pois, moi en breve. Os nomes que a monxa lles asigna son distintos dos que figuran na nosa tradición: Teokeno, que tiña a pel amarela; Mensor, o de cabelos negros, que sería bautizado pasados anos, por San Tomás, co nome de Leandro; a Teokeno bautizaríao o propio Tomás, co nome de León. Sair, daquela xa morrera, pero co bautismo de desexo. Os nomes gardan relación cos de Gaspar, Melchor e Baltasar. A descripción que fai de cómo cada un co seu séquito se vai poñendo en marcha pra se unir nunha viaxe única, resulta moi viva. Os tres viran a estrela do nacemento de Xesús. Teokeno, que moraba máis alá do mar Caspio tivo que facer un certo esforzo pra se unir ós seus colegas astrólogos, que xa estaban xuntos cando viron a estrela, na casa de Mensor, en Caldea.  Á viaxe vanse agregando xentes, algunhas de porte distinguido. Os magos queren cruza-las montañas e axoenllarse ante o novo Rei.

            Obviémo-lo paso dos Reis por Xerusalén e o encontro con Herodes… Cando chegan a Belén non fan perguntas. Saben pola profecía que aquel é o sitio. I estaban a prepararen a acampada cando a luz faise visible de novo. San Xosé, acompañado dun vello pastor, sae da gruta e diríxese ós Reis que lle confesan a súa idea de se postraren ante o Rei dos Xudeus, acabado de nacer. Axudados polos pastores preparan unha ceremonia solemne e vanse revestindo de mantos amplios e brancos. Mensor é o primeiro en entrare, e póstrase ante o Neno, a Luz do Mundo que ilumina a gruta. ¡Qué ledos estaban aqueles homes chegados d´Oriente: ”Temos visto a súa estrela e sabemos que é o Rei de Reis!” Encontro de paz e harmonía, Mensor chega incluso a lle propoñere a San Xosé que a Sagrada Familia se marche con eles á súa terra, pra lles dare alí protección. Ten malos presaxios despois da visita a Herodes…..

CONTABLES DO CARALLO

Porto de Marín, asentado en gran parte sobre recheos deshonestos.

Pontevedra, 30.12.2012

Entrada n.1596 do blog

CONTABLES DO CARALLO,

por Xesús López Fernández

A ría de Pontevedra era unha gran despensa, rica en mariscos, sardiñas, ostras, vieiras, rinchas, etc. Hoxe, todo vai morrendo. A fotografía aérea do porto de Marín demostra o que é unha obra demencial, roubados ó mar uns 300000 mts2. Diversas sentencias condenatorias do TS establecen que se debe repoñe-lo litoral á situación previa a estes recheos, realizados coa aquiescencia política dos garulos que non están pola defensa da riqueza real da terra nen pola recuperación do capital natural. E o deterioro continuo da ría é lamentable. Un exemplo pódeo aclarar en parte:

Fixádevos en dúas naves longas, de gran porte, nesa área roubada ó mar. Corresponden a Gonvarri, unha empresa cerrada por contaminación, en Barcelona. Coido que xa o teño contado, pero haino que lembrar. I é que querían establecérense en Vigo. Pero Lois Pérez Castrillo dixo: "En Vigo, non. Pergunten en Pontevedra". E aí están en terreo ilegal e con licencia de primeira ocupación asinada por Cesáreo Mosquera, daquela "alcalde en funciós", outro dos "talentos ecoloxistas" do BNG, que siguen pulando pola desfeita cada vez maior do litoral.

A riqueza que a ría representaba está case morta. Pero estas xentes, como Benito Suárez Costa, presidente de Autoridade Portuaria e marido de Ana Pastor, ministra de Fomente (que se saiba, coño!), da situación de privilexio do Porto, aumentádo-los beneficios máis dun catro por cen no último exercicio. Pero, coño, ¿por qué non falan do lucro cesante, da riqueza por eles destroída? Como estas cousas están xa contadas neste blog por activa e por pasiva, deixámo-la entrada nestes breves comentarios e chamándolle ademáis, a éstos "contables do carallo", porque de recuperar capital verde, nada de nada. Máis ladrillo, máis solar, novas recalificaciós, un porto pra contenedores (tamén viaxa a cocaina neles), e un odio cada día anovado contra a natureza. Pasan de desgraciados.

Enlace: Faro de Vigo, 30.12.2012: El Puerto cierra el año con un crecimiento del 4% en el tráfico de mercancías a pesar de la crisis.  Pero estos "listos" non contabilizan o lucro cesante, as perdas por eles causadas.

Sobre o capital natural aquí destroído pola casta política:Leéde artículo de Juan Juega, no Faro de Vigo do 31.12.2012: "Unha delicatessen, ostras..." 

domingo, 23 de diciembre de 2012

A TRADICIÓN BELENÍSTICA



Pontevedra, 23.12.2012

Entrada n. 1595 do blog

Artículo semanal

A tradición belenística,

por Xesús López Fernández

     Dende vellos tempos é costume do mundo católico a representación plástica do nacemento do neno Xesús. A esta práctica chámaselle belenismo (construcción de beléns, tamén denominados nacementos, pesebres, portales ou pasitos nos diferentes países de fala hispana. Agora estamos no nomento de construir estas representaciós, xa nas familias, parroquias, comercios, etc., representando estas demostraciós parte da liturxia navideña en moitos lugares do mundo, especialmente nos países de tradición católica. Pra integrarse máis na tradición non estaría de máis visita-lo convento franciscán de Greccio, en Italia, a pouca distancia de Asís, a Cidade da Paz. E foi alí onde parece que se montou o primeiro belén, en vida de San Francisco e por iniciativa súa, prá conmemoración do nacemento de Xesucristo, na Noiteboa do 1223, nacemento que non foi representado con figuriñas, miniaturas de obxetos cotiáns, nen con persoas, pero sí con animales. 

               Daquela celebrouse unha misa de noite, acompañada dunha representación simbólica da escea do nacemento, por medio dun pesebre (sen neno), co boi e coa mula, en base á tradición cristiá e ós Evanxelios apócrifos, así como na lectura de Isaías: “Conoce o boi ó seu dono, e o asno ó pesebre do seu amo. Israel non conoce, o meu pobo non ten capacidade de discernir”(Is.1,3). I estos animales, últimamente postos en dúbida por algús medios, aparecen xa no pesebre do século IV, descoberto nas catacumbas da Basílica de San Sebastián, en Roma, no ano 1877. Como ben aclarou o Papa, o feito de que nos Evanxelios canónicos non se citen os animales, non quer decir que a Tradición careza de valor. Eu estiven en Greccio no ano 2009, o 19 de Marzo, antes de seguir viaxe a Asís; como tamén en Belén, en Agosto do mesmo ano, na gruta de pedra caliza onde a tradición sitúa o nacemento do Neno, e na Basílica da Natividade. Incluso celebramos unha liturxia no Campo dos Pastores, onde se supón foron avisados os primeiros testigos do Nadal de Xesús.    

                    Conta San Bonaventura, cuia cela de Greccio tamén visitei, que tras celebra-la misa o sacerdote sobre o pesebre (utilizado como altar), San Francisco cantou o Evanxelio e predicou sobre as circunstancias homildes do nacemento de Cristo, fillo de Deus, circunstancias que naquel momento se reiteraban (noite fría, no interior dunha cova, no lugar onde comían as bestas que, xunto ó Neno, quecíano co seu alento). Enorme emoción nos asistentes, a tal xeito que o señor do lugar, Xohán Greccio “asegurou que veu un fermoso neno no pesebre que o padre Francisco colleu nos seus brazos; que incluso o fixo dormir”. Suponse que despois desta primeira representación, que máis que un belén poderémolo asimilare a un drama litúrxico, foise popularizando a instalación de beléns nas igrexas, no tempo de Nadal, con figuras de barro, cera, madeira ou resina en vez de seres vivos.

            Aínda teño vivo o relembro do nacemento familiar que facía unha miña irmá, con máis de cen puntos de luz, auga corrente, diversas fontes e, ás vellas figuras (algunha con máis de cen anos) foranse agregando outras con movemento (leñadores, ferreiros, panadeiras, etc.); que o conxunto total resultaba moi harmonioso, como unha aldea á procura da verdadeira sustentabilidade. Unha das últimas figuras incorporadas ó censo que actuaba dend´o Nadal ata os primeiros días da Febreiro, cando os belenistas soen recollere a súa obra, foi un rucho (ruzo), como oín chamare en Aldán ós asnos. E falando deste animal, digamos que San Xosé tiña un. Ana Catalina Emmerich, a monxa alemá autora de numerosas revelaciós, tamén o cita, usado nos desprazamentos con María, especialmente cando se achegaba o momento do parto, San Xosé procurando acobillo, chamando nas diversas casas de Belén, ata que outaron pola cova. Conozo o sitio. E comprendo a emoción das xentes que estos días, prá celebración do Nadal, achéganse a aquel lugar sagrado. Qué mellor belén!         

sábado, 22 de diciembre de 2012

FELIZ NADAL 2012

FELIZ NADAL 2012.
de Xesús López Fernández  


Son unhas tomas fotográficas de Greccio, no convento franciscán onde podemos situare o nacente de tódo-los nacementos do mundo.

 Neste fresco, a Virxe aparece amamantando ó Neno Xesús.
 Outro momento do nacemento do Neno na gruta caliza de Belén, que complementa o fresco anterior, en Greccio.
 Na tradición franciscá, dend´o primeiro momento, sí aparecen a mula e o boi.
Neste belén de Greccio (fagmento) apréciase a escea da fuxida da Sagrada Familia a Exipto.

Pontevedra, 22.10.2012
Entrada n. 1594 do blog


Cos meus mellores desexos dun bó Nadal pra tódo-los amigos e seguidores ou visitantes deste blog. 

Xesús López Fernández 

viernes, 21 de diciembre de 2012

A travesía co naseiro (7)

O famoso pleito contra Ence non foi aventura algunha da APDR, senón deste home, Arturo Estévez Rodríguez. Un bo día, cando saeu da casa pra ve-las súas maceiras, descobreu que as follas das árbores estaban todas, todiñas, queimadas. O home colleu unhas mostras e levounas a un laboratorio que, ¡curioso!, xa non existe: as follas secaran por unha emisión de cloro, algo que se ten producido máis dunha vez, como que incluso ten sido víctima algún fato d´ovellas, nalgún caso todas mortas. O fiscal Gago Sevilla tomou o asunto con interese e levou a acusación. Pero pasados varios anos, deslocalizouse, marchouse a Segovia, a súa terra. Tempo despois houbo unhas chamadas telefónicas, unha oferta de acordo. Catro directivos de Ence asumirían a acusación de "delito ecolóxico continuado". A Asociación pola Defensa da Ría, entraría ó trapo, aceptando as condiciós da proposta. Unha traición, porque se a Asociación era agora parte acusadora (e o amigo Arturo, canso, abandonara) era porque na directiva tomaramos o acordo de presentarnos na Acusación do proceso, pró que asinamos sete directivos a oportuna acta na notaría de César Cunqueiro González-Seco. Pero no momento da claudicación non se convocou unha asamblea pra nos informar, porque non teriamos aceptado. I Ence levaría xa moitos anos sen concesión, á parte de que actualmente careza dela.

O artículo que sigue é o último da serie do "naseiro". Pero se a corrupción era daquela evidente, nos anos posteriores prosigueu a degradación. 

Inclúo aquí un enlace "Milonga litoral" (clicade aquí), artículo recén, que mostra a traición ó medio ambiente da casta política. Ven ser como unha instantánea da situación de corrupción que Xunta e Goberno central (tamén o local) están a asumiren, anque conten contos chinos.  

Pontevedra, 21.12.2012
Entrada n. 1593 do blog  

.he xornal diario -cartas ecolóxicas (2O)  9.o4.92
                 
                            A travesía co naseiro ( e 7 )

     A  tasca  era unha solaina reconfortante na hora puntual  do noso xantar, composto de peixe frito, calamares e chipiróns. Mentres  dabamos conta das diversas tapas e do viño novo con que nos estabamos a regalar, a nosa conversa, como un río, sirveu pra facer inventario do traballo xa realizado,  así como pra  considerarmos  as posibles actuaciós das próximas horas:  reportaxe  da polución atmosférica, declaraciós de diversos testigos, etc.

     Outras cousas, naturalmente, estiveron presentes naquel ir e vir de informaciós,  perguntas e respostas,  nas que non  faltou unha boa dosis de humor: o encanto de Raxó, pobo mariñeiro no que aínda  era  posible un certo turismo familiar (a inauguración  do emisario podería marca-la súa morte,  o punto final do seu declive);  de novo a comparanza fácil das verbas "naseiro" e "Naseiro" (caso  do que se volveu falar ultimamente,  a raíz do  debate  da "corrupción". ¿E qué teléfonos habería que controlar nestas latitudes pra que se puidera saber de novos casos?  Certamente,  unha pergunta tentadora ).

     A  valoración da manifestación do 17 de Xaneiro  despachouse de forma breve: "preparen capicúa" decíase causticamente,  durante  o  franquismo.  A imaxinación popular criticaba dese xeito  o clamor con que Franco entraba nas distintas cidades, representado polo "público á forza e forza pública" que había que concitar. Ese era o "capicúa".  E agora tamén funcionou, se ben a "forza pública"  fora  agora  sustituída polos piquetes  informativos  que traballaron a praza,  espallando  a propaganda e mesmo amenazando ó comercio local,  incluso nun tempo anterior, en Novembro, cando os  ecoloxistas  montaran a súa manifestación,  a maior de que  a cidade tiña memoria ata entón.  A dos fundamentalistas modificou, de momento, o ranking. Levou, sí, máis xente, moita dela desconocida (decíase que viñeran de Ourense, incluso de Portugal, anque esqueceran a motoserra).

     A viaxe de retorno fíxose breve. E, xa en Lourizán, unha entrevista  forte.  Unha  muller falou naquela hora do  serán,  con palabras  en todo momento realistas.  Ó pé da súa casa estaba  a parada dos vellos tranvías, anteriores ós trolebuses e, na parte baixa  aduviñabase o vello canabal que dera sombra a tantas xeneraciós de pontevedreses,  cando aquelo era praia sen peligro algún,  veiga ricaz na baixamar. ¿Cómo non ía facer inventario pormenorizado  a boa da señora se as agresións do complexo  tornaran en tortura o que fora o seu paraíso particular? 

     A  entrevista ó profesor Bermejo quedaría pró seguinte  día, como  a filmación da polución atmosférica,  o que foi unha  pena, porque ese 21 de Xaneiro a fábrica aparecería como apagada,  como se lle quixeran brindar outra imaxe á televisión que non a que os pontevedreses conocemos dabondo.E remato porque teño novas de que xa hai documental. Poderémolo ver o 13.o5.  Se  non  hai fútbol.

                              FIN

                         Xesús López Fernández.      

 Nota.- O profesor Bermejo foi sempre home comprometido. Un libro seu foi presuntamente saboteado, e nun exemplar da revista Eido Médico publicaría un artículo titulado “Bifenilos policlorados na ría de Pontevedra”, feito en base ós análisis dun laboratorio de Londres sobre mostras dos fondos e das augas desta ría recollidas por Green Peace.

Nota2.-Desconozo se aínda podo localiza-lo documental que me fora remitido poucos días antes da publicación do n. 7 da serie “A travesía co naseiro”.

Nota 3.- É seguro que aquí se ocultou e oculta información sobre o deterioro ambiental da ría, dunha actuación criminal continuada. .            


jueves, 20 de diciembre de 2012

A travesía co naseiro (6)

Vista aérea da cementeira Holcim, que nunca tivo concesión estatal nen licencia do Concello, asunto de corrupción compartida, asentada nas marismas de Lourizán. Mercede á acción popular de Salvemos Pontevedra e sentencia do TS, a empresa cancelou xa a súa actividade fabril. O ferrocarril que se ve invade 55000 mts.2 de terreo demanial, razón pola que o ministerio de Medio Ambiente de Aznar opoñíase, pra lava-la roupa do partido, mentres o ministerio de Fomento, en poder da senrazón, levaba adiante a construcción do ferrocarril ó servicio do clúster portuario de Ceferino Nogueira.


Pontevedra, 20.12.2012
Entrada n. 1592 do blog

.he xornal diario - cartas ecolóxicas (19)       3.o4.92
                  
A travesía co naseiro ( 6 )

     A mañá,  ainda gris,  fora plena de traballo. O grupo dispoñiase a interrumpi-la faena pra retomala polo serán. Dariamos aínda unha  paseata polo entorno das balsas,  na precura de non ser advertidos.  Non deixaba  de ser extraño que nas balsas non houbera espumas,  esa  especie de nata montada que alí se aprecia normalmente,  como a que a papeleira "La Montañanesa" verte ó río Ebro, según os informativos da televisión do 2o.3.92 e que orixinara a contaminación da auga da traída de 12 concellos aragoneses.

     O ministerio de Obras Públicas acaba de lle suxerir ó Consello de Ministros a penalización dos vertidos da devandita empresa cunha multa de cincoenta millós de pesetas,  ademais da indemnización por perdas que aínda terán de ser cuantificadas.  É decir, semella que algo se está a mover. Pero, tornando a aquel vinte de Xaneiro,  debo decir que as espumas estaban alí, secándose en diversas moreas dispostas en terra firme.

     -"No meu seguimento do tema das espumas pódovos decir que as retiran cunha especie de ganapán e,  despóis de secas, as levan a certo  vertedeiro de escombros.  ¡Qué reportaxe poderiades  facer con  tempo pra agarda-la recollida e vertido ó abeiro  da  noite! Teño algunhas fotos ilustrativas,  nas que se aprecia, incluso, a matrícula  do camión que prestaba servicio  nesa  ocasión",  dixo unha muller do grupo.

     A acusación era moi grave,  como a presencia en Lourizán dos cinco tanques de cloro ou a soberbia polución atmosférica, pletórica despóis da manifestación do 17 de Xaneiro.  Xa non había que disimular,  salvo aviso en contrario. (Por certo, ¿cómo é que non acodiron  á manifestación do dous de Abril as empresas que apoiaron a dos fundamentalistas do 17 de Xaneiro?  Todos aqueles nomes extraños brillaron agora pola súa ausencia o que explica, en certo modo, que aquela outra non foi unha demostración por Galicia.)

     Mentres  se recollían os equipos estabamos a facer novos comentarios. Os cámaras parecían asombrados de seguiren con vida, o que  trouxo  á nosa memoria a valente intervención dos  homes  de Green Peace  metidos no zudre e bombeando sobre da fábrica a contaminación por ela producida.

     Acordamos desprazarnos a xantar á beira norte da ría.  O recorrido pola estrada da costa podería brindarlle ós nosos  amigos diversos enfoques. Pero xa quedara atrás o mediodía e marchabamos algo serodios pra xantar.  Así que decidimos non parar agora.  A viaxe sirveu pra mostra-las agresiós vivas das obras da autopista ( habería que lle perguntare ós señores Borrell e Cuiña por qué non se aplicou aquí a lexislación medioambiental ),  a panorámica que  dende Lourido se apreciaba das emisiós do complexo,  os recheos de Poio, etc.

     Chegamos a Raxó. Xa alí dispuxemos un corto paseo pola praia ó tempo que nunha taberna mariñeira preparaban o noso  xantar.


                              (concluirá)


               Asdo. Xesús López Fernández


miércoles, 19 de diciembre de 2012

A travesía co naseiro (5)

Hoxe presentámo-lo n. 5 de A travesía co naseiro, polo que xa só faltan dous. Neste tríptico aínda se aprecia, na parte alta, o contorno das Marismas de Lourizán, o primeiro paso do que despois pasaría, reflexado na parte baixa: A celulosa, a fedorenta, a contaminante, a que os políticos queren manter aí. E habería que inverti-la interpretación da procesión evolutiva que se ve na estampa central, porque estamos xa nunha involución total. É posible que moitos dos nosos políticos teñan incluso menos cerebro que os antropoides e macacos que os precederon. Son macacos. E macacas. No tema medioambiental.

Pontevedra19.12.2012
Entrada n. 1591 do blog


.he   xornal diario - cartas ecolóxicas (18)  25.o3.92
             
     A travesía co naseiro (5)

     A actitude do naseiro á hora de cobra-los seus servicios foi totalmente  desinteresada.  Botou  conta do que tería gastado  de combustible, por decir unha cifra. El fixera promesa de colaborar con  nós e comprira coa súa parte do traballo,  porque estaba tan interesado como o que máis en  que algún día se fixera  xusticia. E  así  vísta-las cousas, a súa idea e mái-lo seu propósito  eran algo realmente firme, máis alá da opinión  recollida polos operadores que acababan de filmar a súa "triste cantiga".

     Chegamos ás balsas de decantación do complexo de Lourizán. A "conxuntivitis"  dun dos cámaras non fora nada máis que o comezo, porque agora lle tocaba o turno á náusea contínua.  ¿Cómo  filmar sen golsar, sen vomitar? ¿Podía algún fundamentalista afirmar que aquelo era auga depurada,  apta incluso pra un bautizo por inmersión?

     -"¡Así que  aquí arranca o famoso tubo emisario que vai recolle-lo caudal de basura que o complexo verte á ría!",  foi a exclamación procedente pra,  de seguido,  perguntare: "¿Qué caudal representa esta enxurrada?. En metros cúbicos, quero decir."

     -"Se  non reduciron a cifra son oitenta mil metros  cúbicos, catro veces o que consumen Pontevedra e Marín, daí que o río quede,  ás veces,  por  baixo do caudal mínimo ecolóxico, coa conseguinte privación de osíxeno. E de vida", foi a resposta.

     -"¿E o Regulamento de Dominio Público Hidráulico? ¿É que non se  teñen  en conta as prioridades nel establecidas?.  Porque  en circunstancias  de seca delongada habería que lle cerra-lo  grifo ás factorías", foi a nova intervención aclaratoria.

     -"¡Xa! E conste que ésa é unha das vías alternativas pró peche que poden ter tanto políticos como xueces,  pero a sensibilidade ecolóxica aquí,  de momento,  sóo se puxo de manifesto  nunha sentencia contra unha cooperativa de Silleda, fabricante de queixos.  Consecuentemente, no río Deza pódense seguir a pescar troitas",  dixo  o home ó tempo que un sorriso parecía dar  un  doble sentido ó seu discurso.

     O  equipo seguía despregando a súa actividade,  buscando  en cada caso o enfoque máis profesional, porque se trataba de filma-la contaminación, a emulsión de lignina, organohaloxenados, lexivias,  mercurio e un longo etcétera, que no caso dos organoclorados  serían  máis de mil postos a lle poñer nome a  cada  un  dos compostos comprendidos naquel colectivo. O alcatreo dos mercaptanos,  canceríxenos,  non había forma de plasmalo gráficamente  e, antes de filmar, cada cámara procuraba asentar ben os pes, porque temían non soporta-la proba, envoltos no vafo das balsas.

     O  equipo estaba verdadeiramente sorprendido do lugar  escollido pra asentar aquel complexo a escasos metros da  cidade.  De certo que moi pouco a debían querer os seus rexedores pra non dubidar, no seu día, en convertila no noso Gulag particular.


                                   (continuará)

                             Xesús López Fernández

 


martes, 18 de diciembre de 2012

A travesía co naseiro (4)

Tomás Iribarren, moi amigo de Rajoi, presunto impulsor da construcción do ferrocarril ó servicio do clúster portuario quixo sumare o apoio de Miguel Ángel Fernández Lores, o alcalde "ecoloxista" de Pontevedra, pra poñere en marcha o recheo de 300000 mt2 de ría. Lores seguramente que o vai negar por activa e pasiva; pero aí están os recheos, usando incluso cargas de dinamita pra lle dare un maior calado. Nos artículos que vou incluíndo falabase xa, ano 1992, dos deshonestos recheos en marcha. Hoxe está ralentizanda a execución das sentencias dictadas polo TS que dispoñen tanto o levantamento do ferrocarril na praza d´Os Praceres como a retirada dos recheos ilegales. Os partidos, corrompidos, non queren que se executen as sentencias, que se foron dictadas foi mercede á acción popular exercida polos defensores da praza d´Os Praceres.


Pontevedra, 18.12.2012
Entrada 1590 do blog

.he xornal diario - cartas ecolóxicas (17) 17.o3.92
                 
   A travesía co naseiro (4)
          
     Despois  dunha  primeira proba,  o naseiro comezou a  falare mentres  se estaba a levantar acta videográfica do seu  discurso, coa presencia de diversos testigos.  A súa testemuña, a que puido ser  unha aria tráxica naquel decorado de caos,  contaminación  e presunta  información privilexiada,  quedou un tanto  privada  da carga emocional por todos agardada, neutralizada pola resignación trascendida  en cada unha das frases do seu relato, porque o home foi  deixando constancia, sen ira, do seu relembro dos tempos pasados, de cando a zona era unha especie de Arcadia feliz,o mellor banco de ameixa fina de que se tiña noticia,  no que había traballo e mantenza pra todos. Ata que chegou a fábrica de celulosa.

     As  cargas da mariñería e da garda civil son parte da información que o naseiro foi tirando da súa memoria, do seu "banco de datos" particular. Falou de eso, como tamén da  perda de valor do marisco que  alí siguen  a recolleren. E falou da súa situación familiar,  da  morte da súa dona,  de como  tivo que facer de pai e nai  de catro criaturas sen renunciar á cita cotiá que el e  mái-las súas nasas tiveran de sempre coa mar, soporte e sentido da  súa existencia, da pervivencia da súa familia esgazada.

     A  súa compañeira morrera facía xa quince anos,  como  tamén morrera un cuñado, aínda novo, traballador de Elnosa.E os médicos fixeran culpable  dos cánceres que os levaron á contaminación industrial. E citóu os nomes de dous doutores que quedaron grabados na reportaxe e dos que os telespectadores han saber se o documento final recolle esa parte da información filmada, que debería estar xa programada pra emitir nestos próximos días.  É decir,  con moitos  anos de adianto, dous médicos pontevedreses salientaron a posible relación "celulosas-cáncer", hai pouco tratada neste mesmo xornal nunha serie de traballos do doutor Senra Varela.

     Recollida xa a testemuña do naseiro,  o equipo de televisión e mái-los seus cicerós dispoñíanse  pra acometeren outras fases do  traballo programado e que estaba encastañado nunha máis  amplia tarefa, co referente común da contaminación litoral nos tres puntos  denunciados da costa atlántica española:  Bilbao (onde  o equipo botara sete días),  Pontevedra e Huelva,  cara onde seguirían  viaxe  unha  vez completado o labor  que  agora  estaban  a artellar na nosa ría. Foi nese intre (cando o equipo da TVE estaba a coloca-las cámaras e baterías no vehículo pró seu traslado ás  balsas  de  decantación do complexo) cando un  dos  homes  se queixou  da  vista.  O home dixo sentir un forte  e  irresistible proído, o que se traduceu no súpeto diagnóstico por parte dos cicerós, ó repararen nos seus ollos avermellados:

     -"¡Conxuntivitis virásica pontevedresa!".

     -"¡Pontevedrensis!", dixo o home en clave de humor.

     -"Tes razón.  Resulta máis científico. Aí tes ós culpables", foi a resposta, sinalando a Lourizán. "Cara alá imos".   

                        (continuará)
     
                   Xesús López Fernández.                                             

lunes, 17 de diciembre de 2012

A travesía co naseiro (3)

 Cando se inaugurou o ff.cc. a Marín, conocido como o ferrocarril de Ceferino Nogueira, presuntamente construído a petición dese clúster portuario intermediado por un home próximo a Mariano Rajoy, na máquina do primeiro convoi que pasou pola praza d´Os Praceres ían os catro xinetes do Apokalypsis desta ría: Manuel Fraga, Pepe Cuíña, Tonecho (alcalde de Marín) e Miguel Ángel Fernández Lores (alcalde de Pontevedra). Unha traición de lesa natureza.
Cando se acometeron as obras da súa construcción, os veciños protestaron. A policía mallou neles, pero eran os veciños os que realmente estaban a defenderen o Estado de dereito, porque según sentencia firme do TS de marzo do 2007 hai que levanta-las vías. A sentencia, como outras existentes sobre o cúmulo de ilegalidades cometidas en Lourizán-Estribela, sigue sen execución. Prevaricación, corrupción e outras posibles figuras delictivas se encontran neste caldo de cultivo. Ese ferrocarril non era realidade no 1992, pero os partidos foron achegando posturas, vergonzosamente, contando mentiras, sí, pra acabare coa natureza.

Pontevedra, 17.12.2012
Artículo do 1992, publicado no desaparecido Xornal Diario de, Pontevedra. Este d´hoxe é o terceiro dos relatos que estamos a inserir no blog.
Entrada n. 1589


.he xornal diario - cartas ecolóxicas (16)  7.o3.92

                    A travesía co naseiro (3)

     Como  unha sinfonía que estivese a repousar nun "adagio molto",  así a mañá seguía a se despreguizar  solermiñamente.  Polo menos  esa era a sensación persoalmente recollida dend´a motora, convertida  en esculcadoiro intemporal ó que apenas chegaban  os sonidos da terra. A marea non quería  tomar forza e, sen vento, a ría toda era como unha chaira largacía de contorno difuso, marcada por  unhas ruínas aquí (praia d´Os Placeres),  novas agresiós  alá (os  recheos de Estribela),  e o insulto permanente de  Lourizán.      Eso no que a vista daba de sí,  porque os pecados ecolóxicos ordeados dende os despachos con alma de secano serían case incontables. Se acaso citar agora o crime de lesa natureza, a morte do ecosistema intermareal no que se asentaba a cidade de Pontevedra, o  acto final conformado pola construcción da autopista sobre  da propia canle do río-ría.  Pero tornemos a Lourizán, onde os cámaras completaban unha parte do seu traballo.

     A gamela fixera xa diversas pasadas cara a comporta da balsa da  fábrica.  O naseiro estaba a cumprir co traballo encomendado. Levara xa a embarcación ó longo da avenida de Marín pra novamente retoma-la  zona  avafada polo xurro quente  da  factoría,  sempre atento  ás ordes dos operadores,  que dificilmente  soportaban  o malcheiro ó que os estaba a obrigar,  naquela hora,  o seu labor, imposible sen a decidida colaboración do mariñeiro no frío daquela mañá. O home tiña tamén, como se dirá, razós de tipo persoal.

     As  videocámaras  descansaron mentres a gamela se achegaba á motora. Pasara xa o medo e o grupo (dúas mulleres do grupo) relevaran ó naseiro na necesaria boga. Unha delas, Nené González, remou con gran estilo naquela mañá do vinte de Xaneiro ó tempo  que ia  explicando ós hóspedes o que fora aquela gran praia,  a praia de Pontevedra, a súa extraordinaria riqueza en ameixas e croques, o chamado "pan dos probes", antes do inferno poñer alí sucursal.

     Antre  aplausos  e noraboas os "expedicionarios"  sobiron  á motora  que,  posta en marcha,  retomaba xa o camiño de  retorno. Volvendo  á referencia sinfónica o "adagio"  tornárase  "andante, case allegro". O grupo, festivo, abandonou o barquiño  despóis de este atracar. O porto  era agora,  realmente,  un espacio caótico e  a  maqueta existente non abonda prós políticos xustificaren  a actuación  que se está a levar a cabo en Estribela como algo perfectamente axustado a dereito. Naturalmente, novos comentarios:

     -"Por exempro,  aquel galpón,  o de Galfrío.  A construcción fíxose tamén sen licencia", dixo un dos presentes.

     -"¿E qué pasou?", perguntóu un cámara.

     -"Nada.  Que  veu un conselleiro á inauguración.  Conste que hai un contencioso en marcha, pero...", foi a aceda e  inconclusa resposta.  
   
     Mentres,  outro cámara estaba cos preparativos da entrevista ó naseiro, que ía facer memoria viva das súas lembranzas.

                   (continuará)

              Xesús López Fernández