sábado, 30 de junio de 2007

PROFETAS EN LOURIZÁN

Nas catacumbas de San Calixto, claves na explicación do número da Besta, do Poder: o 666. Foto do autor.
-Pontevedra, 30.06.07
-
As xentes da Iniciativa Cidadán d´Os Praceres levan anos denunciando os excesos do poder, presuntos delitos ecolóxicos, todo resultado do esquecemento dos deberes por parte dos representantes da Administración. O día 9.7.2007 vence o prazo establecido polo Tribunal Supremo do Estado pró levantamento do tramo de vías do tren que pasa pola praza d´Os Praceres. Motivo polo que están a recabaren do Presidente e mai-lo Vicepresidente da Xunta de Galicia os apoios necesarios prá defensa do Estado de Dereito. Este outro traballo foi editado polo Diario de Pontevedra o 26.3.2007 e incluído tamén na web do Xornal.com.
-
Profetas en Lourizán,
por Xesús López Fernández
-
No meu traballo anterior, “En Roma”, fixen unha corta alusión á noticia alí recibida [o 15.3.2007] de que as xentes d´Os Praceres xa tiñan sentencia firme, confirmatoria da ilegalidade dos pasos a nivel do ferrocarril que lles meteron na súa praza, nas súas vidas, contra as leis establecidas, contra as xentes que estiveron en todo momento a defende-lo Estado de dereito, a demandar xusticia. Se ese día levei unha gran alegría seguín matinando no asunto ó longo do seguinte, 16.3, cando entramos nas catacumbas de S. Calixto, nas que aínda se aprecian caracteres en grego, a lingua da Igrexa, a lingua das cartas en clave [apocalípticas] dirixidas por San Xohán ás xentes alí acobilladas, ás que xa me teño referido en máis dunha ocasión, concretamente ó número da Besta, o 666, resultado de suma-los valores alfanuméricos dos nomes dos emperadores románs, escritos en grego, según estimación de Stanislas Gyatt. Lembreime daquela que a Iniciativa Cidadá d´Os Praceres, presentada como alternativa electoral nas elecciós do 2003 polas xentes da parroquia, obtivera 666 votos, o ditoso número que corresponde realmente ó Poder.
-
Agora, cando xa hai sentencia firme [6.03.2007, Recurso de Casación n. 4694/2004], entendémo-la citada cifra como a imaxe do Poder ante o espello que estiveron a mostra-los veciños d´Os Praceres, incansables nas súas denuncias e contenciosos; en avisar á Administración e ós partidos que estaban actuando mal, situándose fóra da Lei, e nese sentido pergúntome se non os poderiamos definir como profetas, porque a palabra profecía [en hebreo “nevi”] non sempre é interpretada como aviso do que vai pasar, senón pra decir a alguén que está actuando mal, que se arrepinta e regrese ó camiño do Señor, no contexto da fe. Pero o Señor está presente en toda a Creación, na Natureza e nas súas criaturas, tamén nas xentes d´Os Praceres. E outro número con connotaciós máxicas está presente no tema da ocupación da praza, “por comisión ou por omisión” según comentou Eladio Torres, pola tropa política: o número 7, o da plenitude, porque esos foron os anos que tardou en producirse a sentencia que marca a fin da loita da praza.
-
A prensa fixo estos días diversos resumes do que leva acontecido, mesmo de frases que teñen o carimbo de “profecías”: “Se hai xusticia neste país a praza está salvada, porque o proiecto é manifestamente ilegal” [Eladio Torres, 26.09.2000], “O BNG deixou tirada á parroquia, o PSOE ten boas palabras cos veciños, o PP non nos recibe” [Isabel Veiga, 7.11.2000], “O proiecto só puido ser deseñado por alguén que se volveu tolo” [Germán Sarmiento, 9.01.2001], “Eles non van estar aquí toda a vida e algún día estas vías hanse levantar” [Salvador Sánchez, 23.4.2001], “Os veciños de Lourizán son víctimas das inxusticias cometidas polos poderes económicos e públicos” [José Saramago, 9.01.2002]. Son frases con claro sentido profético de denuncia contra o Mal, de cuios representantes, con carnet de distintos partidos, temos tamén un concerto coral, unha extraña sintonía á hora de facer apoloxía do disparate: Xosé Cuíña, Miguel Lores, Manuel Fraga... [Faltan os tapados]. Caládo-los partidos, só a título persoal están a recibiren n´Os Praceres algunha que outra felicitación.
-
Os veciños están a demandaren a execución da sentencia; tamén a pedi-la prohibición cautelar do paso do tren pola praza. Falta aínda a súa reclamación de danos de tipo físico e moral, que pode ser elevada. I están dispostos a levanta-las vías polos seus medios se Fomento non asume a tarea. Presentarían o correspondente proiecto de traballos; que nadie pense que a sentencia vai quedar aparcada. Urxen igualmente unha investigación parlamentaria de todo o acontecido, máis grave que o sucedido coa vía do Salnés. Algús políticos poden estar agora mesmo fóra da Lei, ser culpables. Os veciños van mante-la loita, tamén contra a EDAR de Lourizán, xa denunciada por Salvemos Pontevedra. Avisos proféticos contra a deixación de poder.

EN ROMA

Coliseo de Roma, fotografía do autor.

Pontevedra, 30.06.07


O que se dí na fin deste traballo é de manual: a campaña do Bloque estaba reventada. Sen embargo, non se entende que a ICPRACERES, avalada por dúas sentencias [a do Tribunal Supremo do Estado sobre a ilegalidade do ferrocarril pola praza e a do TSXG en relación cos recheos do porto que, inda que recurrida en casación, sonlles favorables], non obtivera representación no Concello pontevedrés. Lembremos que os de Praceres, no ano 2003, sacaran 666 votos, o número da Besta, o número do Poder, a suma dos valores alfanuméricos dos nomes dos emperadores románs escritos en grego, a lingua do Apocalipsis de San Xohán, porque o grego, ata Constantino, fora lingua oficial da Igrexa. O traballo foi publicado o 19 de marzo do 2007, no Diario de Pontevedra e no Xornal.com.

En Roma [19.03.2007],
por Xesús López Fernández

Botei uns días en Roma, cunha delegación diocesá da Pastoral da Saúde. O mércores 14 recibíanos o Papa nunha audiencia á que tamén acodiría o noso arcebispo, don Julián Barrio, e xentes de tódo-los continentes. E tivemos ocasión de falar con el en San Pedro, en diversos momentos, ou ó día seguinte, Xoves, despois dunha Eucaristía concelebrada por el e os sacerdotes da delegación, nunha das capelas existentes baixo a basílica de San Pedro. Tamén compartimos con don Julián un xantar nun restorán próximo ó Vaticano. I ese mesmo día, ás once da mañá, estivemos con Paco Vázquez, que nos mostrou a embaixada española, moi coloquial e simpático; que tamén nos dixo que a cidade poderiase recorrere ben se non fose tan grande. I é difícil se non se conta cun guía experto –unha guía no noso caso--, que xa o Luns nos fora introducindo na Roma antigua, explicándonos o sentido do Colosseo e o do Circo Massimo, gran hipódromo; do arco de Constantino e o Senado, o cogollo do Imperio. E a visita a prazas e fontanas: piazza de Spagna, piazza di Trevi, prodixio de arte e auga, sorpresa final dun recorrido. Tamén o cristianizado Pantheon, coa súa magnífica cúpula [1 mt. máis de diámetro que a de S. Pedro] e o lucernario.

O martes 13 –o da visita de Putin ó Papa--, un gozo o recorrido pola praza e museos de San Pedro, onde existen ó parecer sete kilómetros de galerías con obras non clasificadas. As visitas á capela Sixtina –restaurada coa financiación do Xapón-- e ás salas de Rafael, sempre coa puntual aclaración, rica en datos e anécdotas, da nosa guía, foron doadas. Moitos visitantes. No templo, onde loce espléndido o baldaquino de Bernini, pasamos tamén ante a escultura da Piettá de Michelangello, restaurada despois do atentado sofrido. A guía comentou tamén o sentido acolledor das case 300 columnas que circundan a praza de San Pedro, na que está centrado o obelisco do Circo de Nerón. Alí reuníronse unhas 40000 persoas o día da audiencia, o 14. Xunto coas xentes chegadas de Galicia había representaciós de todo o mundo, especialmente significativa a de Shalom, con integrantes de Brasil e outros países, un movemento emerxente dentro da Igrexa católica, movemento nascente en sintonía cos testimonios que o Papa está a lembrare ultimamente, ese día 14 o de San Ignacio de Antioquía. E Shalom está a traballar con grupos de oración, evanxelización e renovación catequética, especialmente ledos os alí presentes, como con ledicia fresca mirei pasar un grupo de monxas da orde de Tereixa de Calcuta.

Don Raúl Lage foi o noso cicerone nas visitas a Letrán e Sancta María Maggiore [alí están soterrados dous papas], e a San Pietro in Vínculi, onde está o Moisés de Michellangelo e se mostran, nunha furna, as cadeas de San Pedro. Optamos tamén por visita-las catacumbas de San Calixto, con máis de vinte kilómetos e catro niveles, abertas nun pequeno recorrido do segundo nivel, no que se pode incluso oficiar misa. As inscripciós en grego corresponden a un tempo no que era ésa a lingua da Igrexa, antes de Constantino. Aínda tivémo-la sorte de contar cun caldense no Vaticano, o P. Froján, da Secretaría de Estado, que nos mostraría parte dos xardíns, aclararía moitas cousas do pequeno estado e sinalaría o lugar exacto onde nalgún tempo estivo situado o obelisco que hoxe é centro da praza de San Pedro.

Traio moitas ideas e apuntes non decantados que deberei ordear vagariñamente. Pero sí quero decir aquí que, privado de noticias de Pontevedra, despois de ter baixado a gran escadeira da piazza de Spagna, cando faciamos tempo prá cita con Paco Vázquez, recibín unha chamada polo teléfono de peto. Era Eladio Torres, ¡n-horaboa, amigo!, que me daba noticia da sentencia do Tribunal Supremo de Madrid ratificando a ilegalidade do ferrocarril da praza dos Praceres. Boa nova. E haberá que sumar forzas pra demandar da Administración a execución da sentencia. Lores, que urxira a súa construcción, pode agora lembra-la viaxe inaugural con Cuíña e Tonecho, e as malleiras dadas ós veciños da parroquia mártir de Lourizán. A campaña electoral do BNG pode estar reventada. ¿Quén lles vai repara-lo dano físico e moral ós veciños?. Certamente, hai xentes que deben desaparecer da Política.

FRANCISCO DÍAZ SÁNCHEZ

Nota. Dibuxo informático de Xesús López. Recreación do que pode estar acontecendo no fondo da ría de Pontevedra, enxurrada depositada polo emisario, o saneamento primeiro de Cuíña, agora de Lores.

Pontevedra, 30 de Xuño do 2007


Un amigo, Francisco Díaz Sánchez, presidente de SALVEMOS PONTEVEDRA, remíteme o que el define como "relato corto: UNHA PERLA EN LOURIZÁN". Quedou atrás o Estudio da Contaminación da ría de Pontevedra, o ESCORP, que na súa primeira fase recollía o dato frío de que a fábrica de cloro estaba a verter máis de 13g de mercurio por cada tonelada de cloro fabricada; na segunda fase manifestabase que lonxe de corrrexi-los vertidos, estos acreceran e, na última medición, a cifra estimada sobardaba os 17g por tonelada fabricada. Francisco Díaz Sánchez fai un relato no que se recolle unha situación fóra de límite, a situación na que case estamos e que, seguro, non vai remedia-lo futuro PXOM..

UNHA PERLA EN LOURIZÁN,
por FRANCISCO DÍAZ SÁNCHEZ

MANOLA coñecía a historia da súa estirpe. As mulleres, mariscadoras todas, morreran do cancro, segundo dicían, por mariscar sen adoptaren as medidas de protección imprescindibles. Pero Manola sentía a chamada dos ancestros e non quería morrer sen saber o que era mariscar, fozar co raño no lamazal e apañar bivalvos. Soñaba cociñar para os fillos unha mariscada como as que describira don Álvaro Cunqueiro. E foi ao mar. No vestiario da consellería revestiuse co traxe de neopreno oficial, afianzouse as luvas e mailo carapucho impenetrables. Titubeou, pero sobrepúxose. Pasou o primeiro control, o segundo e mailo terceiro. Xa era tarde para máis dúbidas, a escada mecánica conduciuna inexorablemente á beiramar. Así comezou a súa andaina mariña a través do pestilente lamazal. Un lodo viscoso atenazáballe os nocellos e ás veces as coxas. Cadraban o solpor e a baixamar. O poñente arrincaba reflexos dourados ao alcatrán, e os vellos somieres, as lavadoras, as motocicletas, e os esquelotos diversos de automóbiles, chalanas, barcos e bateas amosábanse como magníficas esculturas con pátinas metálicas iridescentes.

Manola era unha moza forte e sá, levaba as botas enlarafuzadas pero sorteaba
canta barreira ou lixo incualificable se lle cruzaba na esterqueira mariña. Ousada e imprudente andou sen rumbo na baixamar até dar cun clariño no leito mariño. Manola rañou febril, inda que con pouca fe, mais estaba de sorte, porque o angazo tróuxolle o bivalvo, sen dúbida mutante, de ostra xigante. A rapaza reloucou de ledicia ao velo e, de contado, retornou cabo dos fillos . Xa en terra, é dicir, en formigón armado, desfíxose do traxe, da carapucha e do molusco que portaba na faldriqueira. Presta pasou a descontaminación, os chorros e controis dos funcionarios da Consellería de Protección dos Cidadáns Fronte á Natureza, e frenética reclamou das autoridades a ostra capturada. ¡Non desesperes, Manola!, pensaba. E non desesperou, porque de contado entregáronlle embalada ao bacío, coa Garantía de Calidade; Apta para o Consumo Humano, código de barras e sabe deus cantas cousas máis.

Nai e fillos ao redor da mesa, cada un en cadansúa cadeira daban gracias a Deus polo exquisito xantar. Pero, ¡oh, sorpresa!. A ostra gardaba no seu corazón unha fermosa perla, redonda, grosa e brillante. Ninguén daba creto ao que estaban a ollaren . Pero xurdiu a cobiza no seo familiar. Todos a unha abalanzáronse sobre a xoia. Todos creron tela presa na man, sentían o seu tacto frío. Máis, todos palideceron fronte á realidade. A perla escorríaselles entre os pregues dos dedos. O mercurio descompoñíase en minúsculas perliñas que fuxían dividíndose noutras, máis cativas e fuxidías na súa viaxe de volta a través da rede de sumidoiros municipal.

Pontevedra, 28 de xuño de 2007.


viernes, 29 de junio de 2007

XIGANTES ENFERMOS [15.10.2004]

Os xigantes enfermos non compren con normativas de nengún tipo. E todo acaba, máis ou menos, así, escondido con urxencia no fondo mariño. Xesús López.
O 15.10.2004 foi remitido o traballo que sigue. Era o momento no que estaba aínda sobre o tapete a posible liquidación da ría de Pontevedra como depósito de vida, como factoría prá alimentación. A pantasma de Georgia Pacific parece que desapareceu do escenario definitivamente, pero aquí todo vai estar en función da carga de irracionalidade política, de non querer ver con criterio socioeconómico e ambientalista, que a primeira riqueza a conservar e potenciar é o medio ambiente, xenerador de capital social, algo vital pra que os homes e as mulleres se entendan e acaden a necesaria calidade de vida. Sigue o traballo:

Xigantes enfermos,
Por Xesús López Fernández

Unha revista de ámbito rexional (Tempos Novos, Outubro 2004) inclúe un estudio sobre a norteamericá Georgia Pacific Corporation, á que define como xigante enfermo. E mellor que reproducir aquí parágrafos dese traballo é remitir ós curiosos á súa lectura. A citada revista ocúpase tamén de Ence nun reportaxe en profundidade sobre “As trampas do papel tisú”. Curiosa coincidencia a da publicación coa visita inaugural do pesidente ós Praceres e a súa corta viaxe con Lores ata as rotondas-trampa do Norte pontevedrés, convertido o seu vehículo nunha especie de confesionario pra impoñer penitencias, porque parece que aquí non temos sentidiño e que o desenvolvemento sostible é o que definen Ence e don Manuel en contra do que diga Lores en cuestiós de Ecoloxía.

Gustáronme máis as palabras do alcalde, a súa simple afirmación de que os postos de traballo son trasladables, e de que hai que rexenera-la ría, única, pró disfrute de todo-los cidadáns, prá súa recuperación ambiental e productiva tanto no sector da pesca como no do marisqueo ou no turístico, actualmente hipotecados. ¡Qué absurdo vir a Pontevedra pra pasa-lo verán se aquí temos unha praia secuestrada, convertida en solar de okupas que deberán abandonala pola situación de ilegalidade e de nulidade radical que se dá en case todo-los casos trascendidos ou por trascenderen. Da lectura do traballo pódense tirar certas conclusiós, ademais de ter unha panorámica da situación actual do gran problema pontevedrés. Tamén se aclara quén é quén en todo este asunto e as agresiós planificadas ó abeiro da supramunicipalización decretada pola Xunta. Defínese a actuación de Salvemos Pontevedra ante as Administraciós e os atrancos pra lle dar presencia en dous plenos do Concello, no exercicio da acción pública, cuestiós estas que o concellal Mosquera obvia no sentido de que responden a unha estratexia de descreto da loita do BNG contra ENCE “da que xa foron víctimas noutras ocasiós”.

É decir, o BNG non ve como intruso no terreo demanial de Lourizán nada máis que a ENCE, cando hai outras empresas que a día d´hoxe están ocupando solar na zona sen concesión nen licencia. E algo tería que face-la Administración local, lastrada aí, posiblemente, polo “pensamento único” da organización frontista, do “ENCE, fóra da ría”. Non se entende que a pesar da evidencia manifestada polo concellal de que dende o 1990 ENCE non obtivo novas licencias do Concello, éste non incoe os corrrespontes expedientes. Como tampouco se entende que o Concello deixara de se posicionar no tema da innecesariedade, algo vital prá consolidación da fábrica de celulosa alén do 2018. E pró asentamento da fábrica de papel tisú nun terreo gratis total. Sería bo que o director da fábrica nos aclarara que quer decir cando afirma (na súa línea dialéctica de que a fábrica ou se autoriza ou se cerra) que “non é posible facer unha fábrica nova hoxe por hoxe. As fábricas só se fan en América do Sur ou no sudeste asiático, onde se poden facer este tipo de cousas, sobre todo polo precio da madeira”. Abonda eso, como outras afirmaciós que fai prá xente simple de que a empresa cumpre coa lexislación vixente, cando sabemos que non é así e que pesa como unha lousa sobre a súa actividade a cuestión da “nulidade radical”, freada a actuación das Administraciós e a aplicación da lei polas distintas levas políticas que van alternando na súa conculcación. ¡Mira que pedirlle o señor Fraga a Lores que non entorpeza a expansión de ENCE! E novamente, ademais, a demagoxia de que ben vale a pena destroi-la ría.

Desenvolvemento contínuo, chamoulle a eso, cando o espacio está a morrer.
Son palabras contrarias ó dito pola nova Nobel da Paz, a keniata Wangari Maathai, no sentido de que hai que mante-lo medio ambiente vivo pra que o home non morra. Pero sen necesidade de ir tan lonxe, no traballo da revista inclúen as declaraciós de Isabel Veiga e Dolores Sartal, que relacionan a mortandade da ameixa de Lourizán, da que tanto falan os de ENCE, co movemento de lodos pró asentamento da pasarela presuntamente ilegal. O mercurio, os bifenilos policlorados... Aí pode esta-la causa. Como tamén son críticas cos procesos asmatiformes que no entorno da fábrica sofren seis de cada oito dun mesmo grupo familiar, aínda que non se recollan estadísticamente estos procesos. Confíase en que axiña ha haber novas. E Lores, que non é integrista, terá que explicar algún día o por qué da súa urxencia do tren a Marín. ¿Quén se beneficiou da invasión de 55.000 metros cuadrados de terreo demanial ademais de ENCE, xigante enfermo? Porque o ferrocarril, se non se levanta, vai ser fronteira co mar, bastida que vai impedi-lo acceso das persoas no caso da posible recuperación daquela zona pró xogo das mareas, dos nenos, dos maiores e das xentes da ribeira que tiñan no marisqueo o seu medio de vida. ¡Cánta riqueza estragada!

PONTEVEDRA, PLAN XERAL E AXENDA 21

Máis que preocuparse pola Axenda 21, ó equipo de goberno local preocúpalle a bullanga medieval: involución urbanística e medioambiental, a cidade en regresión. Foto do autor, da última Feira Franca.

Pontevedra, 29.6.2007

O traballo, aparecido o 15.01.2007, é un de tantos que inciden sobre as carencias do urbanismo pontevedrés, o caos sustentable, as agresiós que non cesan. O equipo de goberno esqueceu o seu compromiso cos postulados de Aalborg. A asinatura da Carta é algo que xa non parece preocupar ós gobernantes e que, curiosamente, foi o PP o que denunciou o déficit democrático, as trampas do equipo de Lores, a falta de democracia real que, como sabemos por recéns declaraciós de Quintana, tentan reconducila á chamada "democracia orgánica" que tanto levan denostado. Sigue o artículo:

Pontevedra, Plan Xeral e Axenda 21,
por Xesús López Fernández

Parece que, despois de télo dormido, van sacar adiante o Plan Xeral, pero sustraéndolle ós cidadáns a posibilidade de intervir no debate do mesmo; de participar nun proceso que debería ser transparente e axustado á letra da Axenda 21 Local, compromiso adquirido polos concellos comprometidos coa Carta de Aalborg, ou Carta das cidades europeas cara a sostibilidade. Nun traballo de Xuño do 2000 ocupeime deste tema, sobre a filosofía da Carta, un compromiso nacido despois de estudios previos no que se recollen as ideas dos máis de 600 participantes nos 36 obradoiros da Conferencia de Aalborg, celebrada antre os días 24 e 27 de Maio do 1994. Tempo despois levaríase a cabo unha revisión en profundidade no marco da Segunda Conferencia Europea sobre Cidades Sostibles, en Lisboa, en Setembro do 1996. Pero o que daquela se anunciaba como signo de esperanza, a aparición dunha certa solidariedade, dun compromiso crecente antre diversas cidades, parece que, no caso de Pontevedra, adherida á Carta, significou o arranque dun proceso involutivo que está a acabar coa cidade.

No ano 2003, 12 de Abril, en “A adhesión á Carta de Aalborg” sinalaba as novas agresiós ó litoral coa política de recheos do porto de Marín-Pontevedra, co trazado do ferrocarril por terreo demanial, e co resultado de estar xa máis lonxe do mar por ter creado alí solares pra industrias que se poderían ter situado terra adentro sen afogar máis e máis ó mar. E sinalaba a traición ó espírito da Carta que xa na parte primeira, no punto 1.1. inclúe a seguinte declaración: “Nós, cidades europeas, signatarias da presente Carta, declaramos que no curso da historia temos conocido imperios, estados e réximes, e temos sobrevivido a eles como centros de vida social, portadores da nosa economía e guardiáns da cultura, o patrimonio e a tradición”. E decía “fálase de comunidades viables e de sostibilidade ambiental, de conservación do capital natural”. Nada que ver coas actuaciós urbanísticas sofridas, denunciadas por diversas asociaciós. E sete escindidas de “Castelao” falan do “carácter dictatorial e autoritario do goberno local” ó tempo que acomete a obra de Rosalía Castro.

O portavoz do colectivo, Armand Mathieu, afirma con ironía que o goberno actúa co “ordeo e mando, porque eles son infalibles, están iluminados pola verdade e todo o que fan é polo noso ben”, e de feitos consumados sen que os veciños poidan facer aportaciós. Cita o home os desastres de Concepción Arenal, Avda. de Vigo, San Antoniño, Cobián Roffiñac –“La corredera de los mosquerones”--, Avda. d´A Coruña, etc. Un longo etcétera, diríamos moitos que sabemos, como di o portavoz, que ós veciños se lles ten mentido e manipulado. A ver si acerta cando afirma que a prepotencia se paga moi cara en política. De forma máis simple decíame o outro día un líder veciñal que o equipo de goberno cargouse a Axenda 21, cando intentan sustrae-lo Plan Xeral ó debate cidadán, no que o arquivo da petición de innecesariedade de Ence en relación co dominio público marítimo terrestre de Lourizán abre unhas inmensas posibilidades. Pero o goberno local, ó que lle queima a xestión da Edar d´Os Praceres por non se ter cinguido á lei, suspende.

Tamén Boa Vila e Pontevedra Activa denuncian a actuación do equipo de goberno en relación co PXOM, e si Teresa Pedrosa afirma que a actuación do goberno local quer evita-la participación cidadá, é outro concellal do seu grupo, José Manuel Fernández o que denuncia que “a omisión de tres dos prazos da arrancada do PXOM, do citado Avance, elimina os pasos paralelos da Axenda 21 Local –a que se refire ás normas de carácter medioambiental--: mesas de partipación e foros de debate [….] e os plans específicos sobre sustentabilidade ambiental”. Ese portavoz parece máis comprometido que o goberno local co espírito da Carta de Aalborg, co Plan de Acción de Lisboa como orientación, coa necesidade de actuar en Pontevedra tamén.


A ARIA DO NASEIRO [7.12.2003]

Os oficios vanse perdendo. Os naseiros, xa pola famosa "toxina", xa por outras catástrofes [recheos, cargas de dinamita, contaminación industrial] téñeno cada vez máis difícil na nosa ría. Dibuxo informático de Xesús López.

Pontevedra, 29.6.07

Entrada n. 23 do blog.

O tema vai da contaminación da ría de Pontevedra, que con frecuencia ha ser tratado neste espacio. Dentro da información disponible, son moitos os silencios que se levan producido. O escrito apareceu no Diario de Pontevedra e no Xornal.com con data 7.12.2003. Nel faise referencia a unha serie de agresiós que veñen de moito atrás, da fin dos 50, cando os políticos optaron pola desaparición das Marismas de Lourizán e pola degradación da ría.


Hoxe, cando se acaban de cerrar novamente moitos polígonos de bateas, porque outravolta anda polo medio a "toxina", cando tampouco é apta pró consumo directo a ameixa que miragreiramente se poida recoller naquel entorno, cando os recheos dos que se fala no traballo que fai alusión a unha situación preocupante xa no 1992 creceron e son solar de contenedores ou de diversas fábricas; soporte tamén dun ferrocarril sobre o que existe sentencia firme do Tribunal Supremo, ilegalizando os pasos a nivel da praza d´Os Praceres, a situación de caos apocalíptico parece xa unha foto finish na que vai ter un papel activo, seguro, a depuradora abocada ó emisario descrito no traballo, ilegal por dúas vías: a do Raminp (Regulamento de Actividades Molestas, Nocivas, Insalubres e Peligrosas) e a da Lei de Costas, que prohibe a construcción de depuradoras na beiramar. Nulidade radical.

Pero a contaminación conocida ven xa de moito atrás. Haberá ocasión de volver con non poucos traballos, sobre o particular. Desgraciadamente, máis alá dos discursos de "fume" dos diversos políticos, das tramas que se perciben, non parece que haxa neste momento outro colectivo disposto a denunciar certas situaciós en relación co devandito caos de contaminación, agresión ó medio natural, sobreabundancia de organoclorados, de endrín e mercurio, repito: non parece haxa outro colectivo ecoloxista disposto a levar estos temas, de forma solvente, ante a Xusticia, que o chamado SALVEMOS PONTEVEDRA.

Pero, xa digo, volverei sobre estos temas. Non se trata de contar agora toda a "novela". Sigue o traballo:


A aria do naseiro, [7.12.2003]
por Xesús López Fernández


Coido que a manifestación do 28.11 en repulsa da papeleira que nos queren montar en Lourizán foi un claro éxito. Tendo en conta que chovía e que os pontevedreses somos como somos --que moita xente perdeu a alegría de vivir, que perdeu o olfato, que xa todo lle dá igual-- o certo é que a mesma pode marcar pra moitos un punto de retorno, de esperanza na posible salvación. Non vou entrar na guerra de cifras que, según algús, puideron andar en torno ós 15.000 manifestantes, antre os que me atopei cómodo facendo memoria de tempos pasados cun vello loitador ecoloxista, á par que camiñabamos perdidos no río da xente. Seguramente que ésta non ha se-la última das protestas se ben temos que insistir, poñe-lo máis forte dos acentos posibles en demanda-lo comprimento da Constitución, dese artículo 45 ó que aínda hai pouco me teño referido e que nos seus tres apartados afirma que todos temos dereito a un medio ambiente axeitado pró desenvolvemento da persoa, e o deber de conservalo; que os poderes públicos teñen a obriga de protexer e mellora-la calidade de vida, defender e restaura-lo medio ambiente apoiados na necesaria solidariedade colectiva; que os que violen o apartado anterior poden ser sancionados penalmente, etc.

Coido que os que participamos na manifestación estabamos a defende-la aplicación da Carta Magna. E chamoume a atención ver que algunha xente se sinteu decepcionada, incluso certa persoa que históricamente veu apoiando as marchas da Asociación pola Defensa da Ría; que mesmo fixo inventario de nomes --algús de cidadáns xa desaparecidos-- que deixaron memoria pra sempre da súa enérxica postura en defensa do medio ambiente. Nese relatorio de valoraciós cítanse os traballos de Xesús López e o seu naseiro --A travesía co naseiro, 7 das “cartas ecolóxicas” publicadas no desaparecido Xornal Diario, ano 1992--, nas que aquel home da mar fixo de nexo, de fío conductor, pra que un equipo de TV chegado onde nós puidese face-las tomas necesarias prá súa reportaxe: un video que se titularía “Demasiados resíduos para Europa” e no que acabarían finalmente por recoller testimonios gráficos dos catro puntos negros do litoral hispano: Bilbao, Pontevedra, Huelva e Cartaxena. Mantiven o relato ó longo de sete semás, ata o 9.4.1992. Daquela finalicei a serie porque xa tiña aviso de Jaume Barceló de que o vídeo estaba listo prá TVE, que xa había data.

Acabo de recupera-los ditos traballos, dende a descripción primeira da nosa partida coa marea baixa, “o ceo aínda entoldado pola néboa daquela mañá fría, intermisturada co “foggy” de orixe industrial, un auténtico telón de fondo na ría. Tras de nós quedaba o absurdo recheo de Estribela que parece quere devora-lo mar. O naseiro maniobrou con pericia pra --en pouco tempo e con escasa visibilidade-- achegármonos á boia indicadora do remate do tubo emisario do complexo de Lourizán --ésa é a intención certa da súa construcción, decía--, onde as bateas de Raxó. Testigos calados naquela mañá fría, ó pé do faro de Tambo, quedaban unha colonia de gaivotas e outra de canilongas ou cormoráns e unha parella de insólitas grullas.”.....E así comezaba o traballo no que se irían trenzando diálogos, mesmo opiniós de xentes do equipo que, escandalizadas do que estaba a acontecer, dos recheos sen estudio de impacto ambiental, perguntaban: “Pero, ¿qué clase de autoridades tendes? [...] Esto pode ser un claro delito ecolóxico. E alá, na nosa terra, pode que xa algún fiscal lle tivera entrado ó asunto”, afirmou o cámara con vagar, a atención posta no “travelling” que estaba a filmar ó tempo que a motora araba o mar por antre aquela riqueza de bateas en peligro de extinción”. --Parece que existe un proiecto de erradicación das bateas das rías prás levar a mar aberto. ¿A quén lle convén? ¿A qué intereses?--

Falou o naseiro ó tempo que levantaban acta videográfica do que decía. Naquel decorado de caos e contaminación, a súa tráxica testemuña quedaría privada de carga emocional pola grande resignación do home, que iría deixando constancia, sen ira, das súas lembranzas, de cando a zona era unha especie de Arcadia feliz --o mellor banco de ameixa fina conocido-- no que había traballo e mantenza pra todos. Ata que chegou a fábrica de pasta Kraft......As cargas da mariñería e da garda civil son parte da información que foi tirando da súa memoria, do seu “banco de datos” particular. E falou tamén da situación familiar, da morte da dona, de cáncer; de cómo tivo que loitar por catro criaturas sen renunciar á cita cotiá que él e mái-las súas nasas tiveran de sempre coa mar, soporte e sentido da súa existencia, condumio da súa familia esgazada...Conocedor dun tempo sen Constitución podía, como moitos, non creer na Carta Magna. A súa aria pódese unir a outras voces, facer un canto coral.

NA DEFENSA DUNHA OPCIÓN

O camiño do idioma galego, coa normativa da concordia, parece estreitarse aínda máis do que a Ruela de Paio o Eremita, en Santiago de Compostela. Foto do autor.

Publicado o 24.2.2003 no Diario de Pontevedra, o traballo incide, unha vez máis, no que vai ser unha constante neste blog: a defensa dunha ortografía non basada nos diferencialismos, a defensa do criterio xa apuntado anteriormente do Padre Sarmiento de que debemos construi-lo idioma dende a fala propia, deixarnos da doudice dos diferencialismos e "reintegrados" impostos dende diversos foros. Sigue o artículo:

Na defensa dunha opción,
por Xesús López Fernández


Hai poucos días leín a noticia de que na RAG están a traballaren novamente no parto doutras normas ortográficas. Temo que se repitan as tensiós de hai dous anos, cando uns cantos académicos críticos frustraron o intento de pari-la chamada normativa de “concórdia”, xestada dende certas instancias e na que, caladamente, levaban meses a traballaren. Alonso Montero recomendou daquela prudencia, e puxo o exemplo dos franceses, con máis de cen anos sen lle tocar á súa normativa. Ferro Ruibal escribeu tamén unha serie de artículos que agora non dou localizado e que me servirían pra centrar certas cousas. Pero o que cecais marcou máis aquel debate foron dous traballos de J. J. R. Calaza, que avisaba: “[........]a Academia Galega non pode aceptar nengún Diktat que, so capa de concordia lingüística, nos aboque a un sometimento cultural lusista [.....]”. Ou que “a normativa rexeitada inventaba unha lingua de comunión na que os lusistas e asimilados serían os sumos sacerdotes”.

Vemos que hoxe, no seo da RAG, hai xente que pasa das normas, que refugan de formas como “face-lo camiño”; que optaron por escribiren “facer o camiño”, “todos os”, porque o “tódolos” residual da época na que Galaxia inventou o acento diacrítico único non é unha forma científica. Sería moi longa a historia do abandono do idioma, pero é triste ve-la obra dalgús dos nosos autores filtrada pola normativa actual, que inda que respeto non comparto por acientífica e porque, en moitos casos, vai introducindo as “claves” da lusofonía ou, si se quer chamar doutro xeito, do galegués evoluído, por aquelo que din algús partidarios de que “o galego é un portugués non evoluído”. Por eso poden arestora estar novamente a traballaren outro golpe de forza, porque parece que xa non interesa recupera-la fala e traballa-lo idioma a partir dela, como pedía Sarmiento e teño comentado ó longo do ano 2002. Está claro que non se quixo traballar nesa dirección e que ó adoutar formas lusas como paradigmáticas (o plural en “ais”, palabras como Apocalipse, análise, hepatite, proxecto, inxección, etc.) o noso idioma foi en parte traicionado. O invento non daría resultado e xa se fan contas de que á fala lle quedan uns trinta anos, situación da que avisan tamén os galegofalantes de Asturias e León.

Insisto en que, ainda non compartindo algús dos criterios normativos, procuro escribir con respeto, “evadíndome” de formas que entendo non están no acervo popular. Digo esto porque o meu traballo da pasada semá saeu “manchado”, reconvertidas unha serie de palabras ó aplicaren ó mesmo un criterio de limitación no uso delas, como “pra, compasión, peligrosa”, que son completamente galegas e que apareceron convertidas en “para, compaixón, perigosa”, dacordo co modelo lusista. A palabra “pasión” é completamente galega, como as súas derivadas, pasional, apasionado, compasión, etc. Ó que lle interese unha maior noticia desta familia de palabras pode consulta-lo diccionario de Eladio Rodríguez González, quizaves aínda o mellor diccionario enciclopédico da lingua galega, que avisa de que hai quen usa o verbo portugués apaixoar. Tamén inclúe “peligro” e “peligroso”. I en relación co uso de “para” lembremos que ata hai pouco era común o uso de “pra", que recollen os diccionarios de Rodríguez e Cuveiro (como síncopas de para) e tamén os de Valladares, Filgueira, Acevedo, Eladio (de forma amplia: “é home pra todo, non é home pra nada”), Carré e Constantino García no seu Glosario de Voces Galegas de Hoxe, no que non se recolle “coñecer”, pero sí conocer, forma por min preferida e que se documenta igualmente en Pintos, Eladio e Carré.

Non era a miña intención terme extendido sobre este tema, en defensa da miña concepción da lingua. Entendo que as cousas deben quedar, de todo-los xeitos, claras, e que deixo argumentada a miña petición de respeto. O feito de que algúns clamaran polo uso exclusivo do “pra" por puro diferencialismo levaríaos máis tarde a adouta-la forma “para”, porque así a escriben os portugueses, que sempre pronuncian “pra". Daquela quíxose argumentar sobre a diferencia existente antre a fala e a “escrita”. Todo pra xustificaren o mal paso dado. I eu reclamo, como facía aínda hai poucos días Camilo Gonsar nun escrito publicado no Correo, o dereito a escribir nun galego popular, que en nengún momento quero traicionar. Pero a enorme riqueza da nosa fala estáse a perder porque queren impoñer un vocabulario estándar e moitas veces extraño. I entendo que no tratamento do idioma hai que entrar con respeto, como nun templo no que se estivese a meditar. E pra meditar é preciso aprender a cerra-la porta, como recomendaba Merton. Porque hai moitos que dan portazos e descentran ós que están en oración. E as normas en vigor foron, en certo sentido, un portazo que, por vía mediática, está a acabar coa lingua do templo, neste caso do país.

jueves, 28 de junio de 2007

UNHA TARDE EN REQUIÁN


Requián é unha aldea d´A Estrada, na caída do monte Xesteiras polo Norte. As casas foron renovadas e, inda que cambiou a economía daquelas xentes, algo se conserva do que nalgún tempo foi norma de subsistencia. Certo que a repoboación forestal, a penetración do eucaliptu naquel espacio acabou coa veceira tradicional, coa riqueza que supuña o feito de que pola mañá cedo saían das casas fatos de ovellas que se agrupaban cara ó monte nun enorme fato común. Como se di no artículo, algunha daquelas familias tiña fatos de máis de cen cabezas. Deixo aquí constancia deste traballo, no que se refreixa unha certa saudade dun tempo perdido, un indicador do que puido ter sido unha Galicia agrarista e gandeira, hoxe afogada, aínda que pareza haber camiños de volta a aquela si se quixera, posible en torno ó Xesteiras, nos concellos de Cuntis e d´A Estrada.. Pero depende dos políticos. O traballo que sigue é de data 31.5.2004.

Unha tarde en Requián,[31.05.2004]
por Xesús López Fernández


O pasado 26.4 achegámonos a unha pequena aldea do monte Xesteiras, a Requián, onde fomos por terras de Valga, por diversos camiños e lugares, ata que un rapaz, nunha zona de petroglifos, indicounos coas palabras precisas: “Esto é Laceiras e pra chegar a Requián tendes que retornar e coller á man esquerda. Máis adiante hai outro cruce e daí, pola dereita, chégase axiña a Requián”. [Parecía un rapaz listo, colaborador nas tareas da casa despois do tempo escolar, un deses nenos do campo que manteñen a fala viva, que mesmo parece que nace neles, que se recrea e fai música nova como a auga dun regato de montaña e non precisa de chousas normativas.]. En cousa de dous ou tres kilómetros chegamos ó sitio, un Requián remanso de paz. Alí estaba o santuario da Nosa Señora dos Miragres, agardando a romería do mes de agosto, ornado por un pequeno bosco de sobreiras, algunha centenaria. Tamén hai cipreses, carballos, arces...A fonte mana auga viva. O cruceiro sigue en pe, como a vella escola. Polo demáis, as casas aparecen limpas e renovadas. E as terras labradas.

O monte Xesteiras [o que dele se ve] aparece colonizado e triste, sometido á dictadura do eucalipto e ó posible lume exterminador. Queda algunha zona amplia que permanece a toxo e o monte móstrase aí airoso, presente ata o cumio dourado polas chorimas. O toxo, o denostado toxo, ten moito que ver coa fecundidade das nosas terras, xa que foi base fundamental na elaboración do esterco. É decir, tivo un protagonismo secular certo no marco da nosa economía conservacionista, e hoxe podería servir prá elaboración doutros productos [combustible, licor, infusiós, mel...]... Outra das riquezas do Xesteiras era a avenza, o gando menor, ovellas fundamentalmente. I este pasado día do retorno ó lugar que visitabamos normalmente dende algús lugares da Estrada, o exemplo do desenvolvemento sostible seguía alí, porque nada máis chegar apareceu unha señora que recollía o seu fato de ovellas e años [algúns pretos e coa frente pintada cunha cuncha branca]. Serían uns trinta animaliños que regresaban ledos dos pastos, o que queda ó mellor do que nalgún tempo representaba a riqueza exultante daquela aldea onde pola mañá libraban as ovellas todas cara ó monte [había familias con cen cabezas] que pola tardiña recollían. E a eso agora chámanlle gandería ecolóxica, moi apreciada.

Se a Xunta tivese unha verdadeira vontade de recupera-lo país debería atender estas potencialidades do campo, algo pró que Touriño está a pedir atención. Porque non se fai o país cun simple anuncio subvencionador prá restauración de pazos e casas rústicas, se non se potencia a riqueza do entorno en base ó que a natureza sabe facer, renova-la vida continuamente, potenciando diversos cultivos; ou ben abandonando o criterio reforestador de miseria, de subvencionar incluso o abandono dos cultivos e a conversión en eucaliptal do que antes fora terra de labor. Un monte como o Xesteiras que tomamos aquí como exemplo podería ser, a pasto, soporte dunha vacada importante, como tamén o foi de avenza. Pero é que á hora de repoboar pódese pensar en especies menos ávidas de auga e que manteñan fresco o pasto do chan, como algunha carballeira que está alí mesmo á vista. E venme agora a lembranza de algo oído nunha charla sobre a cousa agraria, na que se daba como solución pra un monte veciñal a seguinte: as cabras [de Cachemira] usaríanse como zapadoras pra dar conta do mato baixo. Completada a súa tarea, cando o terreo era xa apto prá herba, entraban en escea as ovellas ó tempo que as primeiras ían preparando outra tenza. O esceario completábase con vacuno e cabalar. I eso é, naturalmente, desenvolvemento sostible.

A luz era diáfana e, salvo a nota triste dos montes colonizados por unha madeira sen precio [que mesmo parece ter un reiterado protagonismo incendiario] a paisaxe era un festival de color. I eu son dos que creen que a Humanidade non cabe nas cidades, que moita xente pode vivir no campo e do campo cunha calidade de vida que nas urbes estamos a perder. A prometida subvención prá restauración de casonas de pouco ha valer se non se reconduce a agricultura, a repoboación forestal, a cousa fiscal. Algo sabemos de incendios, de que os eucaliptos e piñeiros queimados entran no mercado cos precios reventados pra que certas empresas os poidan poñer en valor, incrementa-los seus beneficios aínda máis. E digo o de “poñer en valor” porque é unha expresión vácua, a xustificación do destino incendiario dos residuos no canto da reciclaxe... Ese día regresamos por Casal de Paio cara ó coto de Sinde e Cesures, pouco frecuentados nesa hora. Perdida a paisaxe pola excesiva arboreda industrial, nun claro cruzou un esquío, vivaz como o neno de Laceiras que nos puxo no camiño; como os años do fato remanente de Requián ou a fontela do campo da festa, naquel serán de luz.


EN TORNO A TEODORA


Monumento a Cunqueiro, en Mondoñedo. A escultura está orientada cara á catedral. Foto de Xesús López, 21.4.2007.


Conforme prometín, aí vai un dos traballos inspirados na obra de Cunqueiro, nun dos seus persoaxes, Teodora, unha sirea grega que estivera casa cun noble portugués e que alá fora, a Miranda, convertida a casa de Don Merlín nun referente ó que acodían xentes do ancho mundo, xa pra buscar remedio, xa pra vender libros, xa prá solución de problemas prós que Don Merlín tiña a solución precisa ou o consello sabio.

Un día, en Portugal, na finca de Mateus, pareceume encontrar ecos de presencias pasadas, como que Teodora puido ter estado alí. Sigue o traballo, de data 28.6.2004:

En torno a Teodora,
por Xesús López Fernández
¿E qué terá sido de Teodora, a sirea grega que Cunqueiro sitúa no mundo de don Merlín, en terras de Miranda? A sirea achegárase alí en procura de loito definitivo, loito perpetuo, porque tomara a firme decisión de se retirar do mundo tra-la morte do seu home, un vizconde portugués. E chegara á casa de don Merlín coa idea de non perder tempo porque xa por San Lucas quería entrar nun convento asolagado que hai en Lucerna, cortada a cabeleira e coa cola enloitada . Pero o mago e doña Ginebra matinaran nun loito esmorecente. Decía doña Ginebra que calquera día Teodora podería darse por arrepentida, que mesmo en Lucerna cataba novo namorado. E don Merlín, moi cáustico, estaba neso, porque non é doado que as sireas perdan o puteo, aínda que figuren de conversas, decía el. E contou a historia doutra que lle pedira un xarope resolutivo pra se enveliñar, porque xa non podía vivir sen o seu amante, un tiple segundo que fora da Capela Romá. E cando lle mandou recado denegatorio xa ela estaba amancebada cun axudante de Mariña, en Honfleur, un home que lle puxera unha cetárea. Aínda así, a muller cambiaría varias veces de macho e tentaría ligar co propio Merlín cando o home se achegou ó areal de Calais a tomar un pediluvio.

Interesarse agora por Teodora pode non ter sentido, porque en definitiva son fabulaciós de Cunqueiro, pero é que se nos metemos na literatura que existe en torno a Camelot, a todo o mundo artúrico, estaríamos igualmente nun mundo que foi construído dende certas leendas, tomando como base quizaves a un persoaxe celtorromán que sí existeu e os británicos sitúan cara o século V, un home que loitaba contra os invasores saxóns. E pouco a pouco, vagariño, hoxe sinálanse sete posibles localizaciós de Camelot, unha delas en South Cadbury Hill, en Somerset, que parece un castro dos nosos, coa terra ben labrada, campos verdes e cómaros, deslindes que poden oculta-los restos do castelo do rei Arturo. E no de Tintagel, en Cornualles, a leenda sitúa o adulterio de Uther Pendragon con Ygerna, da que nacería Arturo. E co paso do tempo aparecen esculturas i enterramentos. Ou a propia mesa redonda de Arturo e os seus cabaleiros, representada por unha táboa existente no castelo de Winchester, do século XIII. Todo parece que se foi forxando na tradición oral dos poetas e contistas galeses.

Paréceme lícito pensar que o mundo de Cunqueiro, as fábulas por el creadas, poidan ter tamén o seu aquel de real, como a historia de Teodora, da que coido ter dado con antecedentes nalgún que outro lugar; especialmente doutado prá súa reaparición o pazo, a finca toda que en Vila Real, no Alto Douro, ten a casa Mateus. Alá estiven en novembro do 2002. Existen diversos ambientes acuíferos. Un deles, en parte baixa, é especialmente discreto e puido ser cetárea de Teodora. E hai lugares con sombra, como a dunha baixada do terreo; sombra coidada que por fóra e na distancia asemella ser un gran verme que estivese a sobi-la costa. Realmente é como un gran sebe abovedado, unha serie de cupresus lusitanica decote cortados polo exterior que ocultan un túnel, unha escadeira umbrosa con espacios pensados pra sentárense con acougo, coa sirea grega, adornada a conversa coa súa voz musical. O pazo conserva as cabaleirizas i espacios pra amarraren ós cabalos dos hóspedes. E dalí puido parti-la comitiva que visitou a Merlín. Faríanlle unha ceremonia de respeto a certa árbore, un exemplar de camethiparis lawsoniana datada no 1874, antes de comeza-la viaxe de dúas xornadas.

Don Merlín explicou ben a Teodora o do tinte, negro de Nápoles, que llo deixou rematadiño cunha bordiña de ouro lucido no borde das escamas. Pero de verdade que na finca de Mateus pensei en Teodora, como tamén nun restorán que hai por alí e que chaman María do Carmo, especialistas en prepara-lo “bacalhao á Zé do Pipo”, un prato exquisito que se caracteriza porque o peixe vai ó forno, a gratinar, cocido en leite i envolto en puré, manteiga de vaca e cebola cocida.Riquísimo. I estaba tanto na idea de Teodora que pouco me faltou pra lles perguntar por ela, se tiñan constancia da súa presencia. Penso que pode volver. ¿Por qué non?. É certo que ela era máis de peixe crú, pero agora en que dende a poltrona da Política falan cada vez máis do medio ambiente, ocórreseme que se o chamado Parque das Illas Atlánticas vai adiante, se conseguimos incrementa-la súa área, Teodora, a sirea grega, podería ser unha boa xestora. Mentres que a nosa costa segue con marcas do negro do chapapote, o loito preto da cola da nosa protagonista terá xa desaparecido aínda que manteña os seus votos no convento asolagado de Lucerna. Pero pódeselle enviar recado, decir que lle preparariamos aquí un conventiño con despacho, en Tambo ou en Ons, a proba de chapapote. Con secretaria ou secretario. Se a sirea fose parente dalgún conselleiro era cousa feita.

SABOR A PAN FRESCO

Foi unha verdadeira sorte a conservación da entrevista de Soler Serrano a Álvaro Cunqueiro. O escritor mindoniense puido ter sido moi fácilmente o fixador dunha verdadeira norma prá escrita do idioma galego, pero parece que incluso a súa obra estivo sometida, como a de Fole, ós criterios da Editorial Galaxia. Foi unha pena, porque ese sabor a pan fresco que el considera como definidor da frescura dun idioma está xa perdido, non é posible cando a lingua está sendo sometida, secuestrada polo corrector "da concordia" orwellián.

Sobre Cunqueiro, fabulador de paisaxes, de paises e xentes de variada nación, hemos volver, mesmo mostrar algunha corta fantasía inspirada na súa obra. Sigue o traballo, escrito o 21.10.2000:

No se puede mostrar la imagen “http://www.galespa.com.ar/cunqueirocunca.jpg” porque contiene errores.

SABOR A PAN FRESCO (21.10.2000)
por Xesús López Fernández

Tomo o título dunha nova do pasado 15 do mes en curso, en relación cunha entrevista de Soler Serrano con Álvaro Cunqueiro –dos anos setenta-- prá que se propón como lema o de que “unha língua é boa cando sabe a pan fresco”. É unha sorte a anunciada recuperación que nos ha permitir a moitos o solaz de oir de novo ó escritor mindoniense, percibir algo da aura tan evidente ó longo da súa obra, no Merlín e Familia ou nas Crónicas do Sochantre; no Don Hamlett como no resto do seu corpus literario. Un goza cada vez que se achega á obra de Don Álvaro i este do Outono, tempo do que el gostaba prá lectura, é un momento bó pra retomar algún dos seus libros, percibir ese sabor a pan fresco, trigo, centeo ou broa de millo, que tanto se agradece cando hai fame. Abro o libro do Don Merlín no capítulo da Selva de Esmelle que o autor dí que mellor que decila acaso fora pintala, e leo:

“Os muiños do Pontigo son agora dúas moreas de pedra moura, nas que a hedra encalla e medra, pro eu lémbrome aínda de cando moían o trigo valeco i o centeo das chairas, i había mazaeiros ao longo das presas; o vento tiraba mazás á iauga, e sempre había unha ducia delas, verdes ou coloradas, beilando na escuma espesa e marela, cabo á enrella das canles. Sempre venta na carballeira das Mouras, tan fusquenlla, i o camiño ten presa en pasala i en chegar á aberta camposa de Miranda, ás longas gándaras, ás terras de folgado, ás brañas de El Rei...” Perdón, porque cando collo este libro sinto unha certa emoción e coido atoparme ante a obra dun home merecente do Premio Nóbel e que, simplemente nos párrafos apuntados, marcou camiños, estilo pra unhas normas máis intelixentes que as do 1983 que agora están a ser contestadas. O propio texto citado, que tomo da primeira edición, hoxe reeditaríase de distinto xeito, encorsetado, perdería o sabor a pan fresco ou bica quente e deixaría de describi-la paisaxe como a continuación dun estado de ánimo.

Paréceme unha boa leenda ou lema a da “língua con sabor a pan fresco”, que ven ser algo como o sal nas comidas, sabor dos sabores. Ese sabor é algo que hai que saber transmitir. En Cunqueiro nótase cabalmente, como notei de sempre no galego falado por algún dos meus parentes da Ribeira Sacra luguesa, galego vivo e nacente, non varado en dique seco como os barcos que precisan de reparaciós antes de tornar á mar. E teño pra min que as normas deberían ter sido revisadas hai tempo, algo que se veu reclamando decote. Eu, que daquela comprendín que se estaba a errar, que se primaban unha serie de diferencialismos e tentaban leva-lo idioma a unha situación non desexada por moitos, pergunto agora se non se terá ido moi lonxe, se non terán inventado --posto en escea-- unha criatura lonxá e diferente, forzado a psicoloxía da nosa fala. Estou seguro de que así é e tamén de que Cunqueiro, que foi acusado de se tomar moitas licencias, soupo traballar e, de paso, configurar unha língua literaria. Vamos, que exerceu de mestre prás futuras xeneracións.

Gostaríame que o “sabor a pan fresco” fose algo a ter en conta nos distintos foros da língua galega --onde ela poida ter presencia--, nas aulas como no Parlamento, porque o discurso dos catedráticos e mai-los políticos ás veces non chega, hipotecado polas normas que o privan de coherencia e frescura se se pode decir. Facer da língua un instrumento de elegancia e cultura é algo moralmente necesario, ou ben o discurso se perde. Diría máis: sabor a pan fresco non soio como referente literario, senon noutros ámbitos. É un concepto difícil de captar, pero que entendo no mesmo sentido que o do sal, preciso en moitas facetas da vida, prá vida mesma, porque se non hai sal ou sabor a pan fresco, a mesma xusticia convértese noutra cousa, a confianza dos cidadáns na Administración esváese ante unha burocracia aballoada, como se dí do peixe cando se pasa e comeza a cheirar. Non perdámo-lo sabor a pan fresco, por favor. E no Outono, Merlín e Familia.

IDIOMAS PRÓXIMOS. ¿BILINGÜISMO HARMÓNICO?[15.03.2003]

Nota.- O autor, co seu neto Xesús nos brazos, confía que na súa familia non vai haber fractura xeneracional da lingua, da que falaba Zulueta. Pero hai que evitar tamén o alonxamento proposto dende as normas da concordia, polo que se fai necesario un contínuo exercicio de desparasitación.

Pontevedra, 28.06.2007

Que o castelán e o galego son idiomas próximos non se pode pór en dúbida. Apoiarnos na súa ortografía non tería nada de disparatado, acortaría camiños.

Talvez unha nova pedagoxía, saber das diferencias na conformación das palabras, a distinta palatalización de grupos consonánticos que se dou no galego e no castelán, axudaría a un maior dominio do galego. E ter en conta, tamén, que moitísimas palabras galegas, polo feito de ser comúns a ambas linguas, non deben sere eliminadas dos nosos diccionarios levados por un diferencialismo de parvaxolos. Esquecímo-la lección do Padre Sarmiento, o seu consello de que teríamos que construi-lo idioma a partir da nosa fala, sen meternos en aventuras diferencialistas, como se aduviñase o presente que nos están marcando. Xa no século XVIII. Véñenme á memoria as lecciós de Isidoro Millán González-Pardo impartidas en dous cursos dos anos 1966-7, no Instituto de Pontevedra, asunto que se comenta no traballo inserido desta volta. Artículo do 15.03.2003:

¿Bilingüismo harmónico? [15.03.2003],
por Xesús López Fernández

En Galicia coexisten, como se sabe, dous idiomas. Harmoniza-la presencia de ámbo-los dous, a forza de diálogo e de estudio, non debe resultar difícil se aínda estamos en condicións de salvar algo, porque a fala galega esmorece día a día mentres que o castelán goza cada vez de mellor saúde, de máis presencia, ata o punto de que, nestos momentos, pode se-la lingua con máis estudiantes do mundo, como si se estivese a producir unha especie de atracción que está máis alá dos sentidos; máis alá da necesidade de comerciar con moitos centos de millóns de persoas, incluso de comunicarse con elas. E coido que o atractivo está na fermosura da língua, con normas intelixentes.....

No caso do galego é triste verificar que a cadea de transmisión xeneracional perde continuidade tódo-los días, que mentres os netos están a falaren, nalgúns casos, un castelán sen fírgoas, o idioma galego que na conversa manteñen os avós no-los presentan como os derradeiros actores dun drama. Desto da fractura xeneracional falaba hai uns días Zulueta de Haz, o novo presidente do Consello da Cultura Galega, no curso dunha entrevista [O Correo, 10.3] na que se definía como home preocupado pola fenda existente na transmisión, que coincide cunha actividade editorial rebordante. Toda unha contradicción, apuntaba. E un problema social, engadía, que habería que abordar, tamén, por medio da pedagoxía.

No que non vexo que haxa xente que se chegue decantare neste punto é na necesidade de tornar ó galego falado, de adoutar unhas normas menos alienantes, porque o fracaso do idioma pode estar precisamente en que as régoas non se corresponden coa lingua viva e co seu sistema fónico. Agora, cando se cuestiona que nos Colexios e Institutos non se están a impartiren en galego as materias preceptivas, habería que perguntar igualmente cántos profesores/cántas profesoras asumiron unha línea de ensinanza á marxe das normas de obrigatorio cumprimento, levando sempre a contra á lingua lar. I eso está claro que non pasa desapercibido ós estudiantes. Zulueta falou tamén da importancia de harmoniza-lo bilingüismo, que máis que de bilingüismo había que falar da coexistencia das linguas e mesmo da súa riqueza ó abrírmonos a dúas visións do mundo. O equilibrio que el entende como difícil non-o sería tanto si se acertase na creación de estímulos, na activación do amor á lingua que el propón. Pero....¡Hai tantos “peros”!. O principal deles, quizaves, que a case nengún paisán se lle respeta o seu discurso. As normas elaboráronse cun entreguismo evidente ó portugués. Daí ven a caída precipitada do noso idioma, porque os sistemas fónicos de ámba-las linguas non se corresponden. Incluso parece pouco serio que o galego teña que se valer de certos cultismos portugueses cando o pode facer, con menos extrañeza e con perfecto dereito, valéndose do latín ou do grego. Somos moitos os que consideramos que o idioma foi i está a ser maltratado, daí o esmorecemento crecente.

Cando Zulueta presidía o Ateneo de Pontevedra e dende a dita asociación, un grupo de amigos montámo-lo primeiro programa de radio da nosa terra. Foron 92 emisións antre os anos 66 e 67. E non vexo que as Normas ortográficas melloraran o sistema que nós, daquela, utilizamos, porque primaba a fonética, a necesidade de comunicar, que é algo que non se nota no discurso de moitos dos nosos políticos dagora, “que non chega”, que no-los mostra como alieníxenas por non estaren instalados no idioma ou por falaren algunha variante de “galegués evoluído”, da cabalo da “normativa de concordia” que tentan impoñeren os que nunca aceptaron os preceptos da Academia ou do ILGa. Isidoro Millán González-Pardo supervisaba, ás veces, os nosos textos. E imparteu por aquel entón dous cursos de galego. As súas explicaciós das diferencias existentes antre galego e castelán, das isoglosas diferenciativas, convertían aquelas clases en algo distinto, facían ós dous idiomas fillos do latín como máis próximos e non excluíntes. É importante sentir esa proximidade harmónica, ese bilingüismo, saberse irmán de lingua dun idioma cada día máis querido. Tamén en Portugal, por suposto.

A LECCIÓN DE ÁNXEL FOLE [25.8.2003]

Nota.- Lucernas, vagalumes, lucicús, lucecús, vellas ou "vermes canteiros" teñen un mesmo significado. Usar unha ou outra verba pode depender do lugar ou ben da querencia do que ten as diversas formas sabidas. Ánxel Fole defendía a gran riqueza que se dá na nosa lingua, como se comenta no traballo que sigue. [Dibuxo informático de Xesús López]

Pontevedra, 28.06.2007

Fole era partidario de conserva-los diversos rexistros do noso idioma, o léxico das distintas bisbarras. E sobre todo de manter vivo o seu aserto de que "se fala como se escribe, se escribe como se fala". O traballo que sigue é do 25.8.2003. Coido que as cousas están nel claramente explicadas, E inserido tamén o discurso de Dolores Vilavedra, que fala de presunta traición da editorial á hora de poñer no mercado a obra de Fole, do que sempre fun devoto lector; el foi tamén inspiración pra algún que outro dos 92 programas de Radio Pontevedra, que queda citado no artículo. Coido que a súa obra está vixente, que hai que retoma-la súa lección se non queremos que o idioma morra.


Lembranza de Ánxel Fole [25.8.2003],

Por Xesús López Fernández

Caso de vivir, Fole tería agora cen anos. E podería comprobar que as cousas non camiñaron como el pensaba, que telumbraba un futuro máis rico prá nosa lingua. O aforismo co que se cerra o segundo tomo das súas obras completas é ben claro: “A fala é o que se fala”. I ese foi o norde do home e a ele fai referencia na presentación do seu libro “Contos da néboa”. Discúlpase porque nunca foi defensor do galego puro, máis ben dun galego variado, que tomase palabras de aquí e de acolá, das diversas comarcas. E pensou que por aí irían as cousas, afirmando que nos derradeiros movementos literarios estabase a rexistrar unha tendencia cara á fala popular, integradora de todo-los xeitos de deci-las cousas das diversas bisbarras, “coas súas síncopas, paragoxes, aféresis, enclitismos, proclitismos e apócopes carauterísticas. Escribo “despoixas” en vez de “despois xa”. Ou “seica” e non “sei que”.[.....]”. E valoraba a “grandisma” variedade do galego, “semellante á do castelán do sigro XV, inda hoxe, [...] precisamente unha escrarecedora nota da súa tipificación”.

Sempre disfrutei da obra de Ánxel Fole, dende a edición de “Á lús do candil” [contos a carón do lume] ou do seu segundo libro “Terra brava” [contos da solaina], nos que o autor fai de notario veraz á hora de usar verbas do Incio ou do Caurel, de Sarria ou de Becerreá, o que xustifica ampliamente na presentación do libro citado no párrafo anterior. Sabe que non é doado restaura-la pureza do galego e defende a presencia no idioma escrito de palabras que poden ser arcaicas, sí, pero que están vivas: nebra ou néboa, outro e autro, souto de castiñeiros [Queiroga] e sauto de castiñeiros [Portomarín], que si en Sarria din enoxar, no Incio válense dunha forma arcaica, enodiar. Se o lostrego [sen til] e o lóstrego da terra luguesa son arcaicas, tamén o é o alustre do Caurel. E ventaba un futuro prá literatura culta, escrita, que recollendo palabras aquí ou alí “vai formando, engordiño, paseniño, a futura unidade do galego literario”. E fai unha especial insistencia en falas que ás veces se atopan, que relocen como o ouro, “que son eufónicas sen comparanza”, como a voz estralampa que din os labregos da veiga de Sarria cando, dempois da treboada, o ceo comeza a persentar algús claros.

Dolores Vilavedra, en Historia da Literatura Galega, describe a reconstrucción do discurso narrativo en galego durante o franquismo como un traballo de individualidades, ó longo dos 50 e dos 60. Aí aparece Ánxel Fole, que retoma o pulo da narración despois de Carballo Calero. O impacto da guerra civil levara a Fole a vivir como un eremita no Incio e no Caurel, ata o 1953, cando se instala en Lugo pra traballare como colaborador xornalístico en El Progreso, en diversas secciós das que se ocuparía de por vida. Engade Dolores Vilavedra que a obra do noso autor está a ser revalorizada nos últimos anos, despois de ter sido relegada a un segundo plano pola súa prosa ficcional, que alumeou con luz propia o ermo cultural da Galicia dos 50. Obras pra seren contadas [así foron concebidas], marcaban un camiño no reencontro co galeguismo, ese galeguismo do que van quedando cada vez menos referentes e que tamén estivo presente, en certa medida, na primeira emisión en lingua galega da nosa Terra, en Radio Pontevedra, anos 66 e 67. Algús dos contos do autor lugués, dos relatos cortos, foron leídos nun que outro programa da mesma, integrados no mosaico que cada semáa había que compoñer, sempre dentro do esquema do reencontro co galeguismo perdido.

Non sei cal será o futuro do idioma despois das normas recentemente aprobadas, ás que xa me teño referido. Seguro que non se tivo en conta a cuestión do bilingüismo harmónico; que co corpus que acaban de compoñer están a suspenderen tamén a obra de Fole, incapaces de asumi-lo seu leigado de que “a fala é o que se fala”; impotentes pra concebi-la ortografía que pedía o autor, traicionado xa, talvez, na edición das súas primeiras obras. Neste sentido, en relación con “Contos da néboa” [1973] e “Historias que ninguén cre” [1981], Dolores Vilavedra denuncia que foron retocadas lingüísticamente polos editores, “co que se perdeu o engado da lingua literaria do autor lugués”. Pero esto que as editoras fixeron coa obra de Fole fixérono tamén presumiblemente con outras obras. I é curioso que agora, no momento no que moitos autores reclaman pra sí o respeto ó seu léxico, ás formas sintácticas por eles escollidas, non se queira volver a aquel tempo do reencontro co galeguismo marcado por Risco, Castelao, Cunqueiro, Otero Pedrayo ou Fole, ter en conta o que éste decía: “Arrepresentar o galego asegún se fala é unha vella procura en min”, frase que entendo está “enmendada” pola editorial. E desa teima hipercorrectora veu a situación triste que estamos a vivir: unhas normas que non van e, tamén, un nacionalismo sen galeguismo. Porque “a fala é o que se fala”.

miércoles, 27 de junio de 2007

O IDIOMA COMO NACIÓN.[31.7.2006].

Praza do Obradoiro, meta de peregrinos, que algún papel terán xogado na formación do noso idioma. Foto do autor.
Aínda que vaia en plan un tanto ácrata, sen segui-lo orde da antigüedade de certos traballos que vou inserindo no blog, coido que este que presento agora, titulado O idioma como nación, non perdeu nada de actualidade e podémolo definir como como clásico. Foi publicado no Diario de Pontevedra e na web Xornal.com con data 31.7.2006.

O idioma é talvez o principal atributo dunha nacionalidade, en canto que ven sendo o resultado dun longo traballo interxeneracional. Cando ese idioma se perde e desprecian o seu pouso secular, a música que nel reside, a sinfonía coral construída, a nacionalidade queda ferida. Eso está a pasar na nosa terra, coa introducción con carácter obrigatorio dunha lingua que xa non é a vella lingua do país, que como dixemos aínda hai pouco a xente non identifica como a súa máxima creación cultural, que non se ve nese espello e, o peor de todo, parece que xa non hai curandeiro posible. Sigue o artículo, pra disfrute ou pra discrepar:


O idioma como nación,
por Xesús López Fernández

A nación está en diversos signos identitarios, dos que o idioma pode se-lo principal. E canto máis popular mellor, máis ten de realización colectiva. Porque son sempre as sociedades as forxadoras do idioma que non vai ser máis enxebre polo feito de enchelo de diferencialismos nunha aventura que a moitos de nós parécenos suicida. Comprendo que certos autores busquen mercado noutro marco lingüístico; entendo como traición o non acariñar máis e máis o depósito que as diversas falas que acolle a nosa lingua, os dialectalismos das bisbarras que marcan a nosa xeografía, foron acrecentando ó longo das edades. A fala na que nos comunicamos é un factor decisivo na conformación e definición da nación, na maduración da nosa conciencia. Se país refírese máis ó territorio e a nación ó individuo, podemos tamén valora-la fala como territorio dende o Ortegal ó Miño, corpus compartido por un pobo que lle demostrou fidelidade dende a alborada da nosa historia. En fin, lingua milenaria.

Cando se discute se somos nación, unha enquisa feita estos pasados días sirveu pra revelar que só un de cada dez galegos entende Galicia como nación. Aquí tomarían forza certas palabras de Risco, o creador da nosa doutrina nacionalista, que na súa obra “Nacionalismo galego” afirma que “o nacionalismo galego quere pra sí unha cultura propia, verdadeiro producto da súa alma enxebre e orixinal, e por eso desbota toda imitanza, todo mimetismo, toda importación de ideas feitas. [....] A obra allea debe ser conocida i estimada, mais non imitada, senon superada”. Risco móstrase radical e chega a decir que é este un punto no que o nacionalismo debe ser intransixente. “Mellor que ser libres é ser galegos; máis val ser súbditos, ser probes, que ser un pobo sen alma propia. Un pobo é unha cultura autóctona, ou non é nada [....]”. Se algún día podo hei volver sobre a obra do autor ourensán, que aínda criticou, nos seus últimos tempos e a raiz da súa traducción de “La familia de Pascual Duarte”, de Cela, ó galego, os malos pasos que se estaban a dar na fixación ortográfica do galego, asunto ó que me teño referido hai xa moitos anos.

Hoxe, desgraciadamente, a situación é peor, o idioma segue a perder falantes. A solución semella difícil e non vai chegar da man dos que están instalados en catro diferencialismos que mostran como carné de identidade, que soñan con impoñelos pola vía da inmersión lingüística. A xente decátase do mal que se está a facer dende non poucas tribunas ou de cómo a maioría dos políticos non están instalados na lingua popular e que, polo tanto, non comunican. Cada vez que falan, mostran moitas veces as súas carencias, as cicatrices resultantes dunha política lingüística errada que esqueceu o protagonismo da sociedade na creación do idioma. Na evolución das falas, as Academias aparecen cando todo está feito, e non sempre xustifican o seu labor. O inglés, a lingua con máis saúde do planeta, carece de Real Academia.

Mal van as cousas no país. Constantemente caen palabras de uso común dos novos diccionarios, nos que aparecen outras que nunca se usaron máis alá da obra particular dalgún que outro autor. Como di Steiner “cada lingua –e non hai linguas menores ou insignificantes— funda un conxunto de mundos posibles e xeografías da memoria. Son as conxugaciós do pasado na súa sorprendente variedade as que constitúen a historia.[...]. Cando un idioma morre, con el morre un mundo posible.” O autor, en “Despois de Babel”, lembra a etimoloxía da palabra “desastre”, do “firmamento” ou chuvia de estrelas que pró home representou a perda do idioma primixenio. Unha desas estrelas, o galego, estáse apagando por medio de decretos e discursos. E parece que, se a nosa vontade non-o impide, a política de “inmersión lingüística”, de asolagamento no “trampitán” que están a inventaren, pode ter máis de acta de defunción que doutra cousa. O idioma que nos definía como “galegos de nación” está a morrer. O debate está cargado de sectarismo e as cousas van mal.