Mostrando entradas con la etiqueta Fermín Penzol. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Fermín Penzol. Mostrar todas las entradas

domingo, 2 de febrero de 2014

Fermín Penzol, o faraute

 Ó fondo, Castropol. No lugar foron non poucos os  encontros de Fermín Penzol e Ramón Piñeiro. 
Teño estado alí. Na ensenada de La Linera, nas miñas visitas, foi raro non ver á canilonga (cormorán) solagarse nas augas pra logo reaparecer cun peixe no peteiro. É un lugar de paz no que se pode xantar ben.

Pontevedra, 3.02.2014
Entrada n. 1737 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra

                                                            Fermín Penzol, o faraute,
                                             por Xesús López Fernández
           
           Co título de Cartas a Fermín Penzol acaba de aparecer un novo caderno Ramón Piñeiro, o n. XXVII, no que se recollen varias epístolas de amigos varios: as máis numerosas son de Ramón Piñeiro, 39; de Ben-Cho-Shey, 10; 8 de Cabanillas e unha única de Ramón Otero Pedrayo. No apéndice 1 inclúese unha longa de Rodolfo Prada a Ramón Otero Pedrayo relatándolle os detalles da agonía, da morte e do enterro de Castelao (remitida posteriormente a Penzol por Ramón Piñeiro, o 5.4.1950). Un apéndice segundo aporta outras dez cartas de Piñeiro a Isidoro Millán, que veñen ó caso por coincidiren coa época na que arranca Galaxia, cando Isidoro traballaba sobre a obra do P. Sarmiento (o Onomástico Etimolóxico) e outras arelas do momento. O editor, Luís Cochón, fai un prólogo preciso, e precioso, en relación coese trenzado de misivas, de afectos, nas que a procesión vai por dentro.

            Nas cartas trasluce a pobreza intelectual e moral daquel tempo. “Fálase de amigos, poucos, de tertulias de café. Cartas previstas e previsibles. Misivas anunciadas. De ordenanza. Para dicir que nada hai que dicir”, según conta Cochón. Algo se conta de amigos ou conocidos, de libros que van saíndo. E que ninguén espere primores desta prosa non poética, agás da misiva de Otero Pedrayo. Ou do vello Cabanillas que parece que xa ven de volta de todo e ousa decir cousas comprometidas, “salferido aínda do seu agrarismo rebelde”. No entramado das cartas vai emerxendo, de cada volta máis evidente, a bibliomanía de Penzol por riba da política; talvez a mellor política que Fermín Fernández Penzol-Labandera fixo pra todos nós. Un enorme compromiso partidario, sempre contado de esguello, labor loubado e ben definido polo Poeta da Raza, Ramón Cabanillas, cando a súa carta n. 7, escrita o 8.10.1952, vai encabezada do seguinte tenor: Sr. D. Fermín Fernández Labandera Penzol (sic), no encastelado Castropol faraute do Eo.

            Cochón dinos que, coesa palabra, Cabanillas entromete, máis aló do que se dixo, unha aposición explicativa: faraute, un medievalismo de orixe provenzal, palabra moi cara ó autor que viña de usala no seu poemario Samos, co significado que ten alí e aquí de “mensaxeiro”, “anunciador”, ”heraldo”, acepciós todas que fan agora referencia ó río e ó castro empetoutado. ”Faraute como verba de porte, heráldica, diversa e distinta”, co orcelo secular doutros tempos e leendas. A palabra está recollida en diversos diccionarios cultos da lingua galega: Carré defínea como “heraldo. Que sirve de mensaxeiro antre persoas ausentes”; Franco Grande e Ibáñez, defínena como “Heraldo. Intérprete”; Eladio Rodríguez dí: “o que leva recados dunha a outra parte, antre persoas ausentes ou distantes. Mediador”.  

            “Faraute”, ou “haraute” (que cita Méndez Ferrín),  ou “faraldo”, palabra ésta que se me ocurre pode te-lo mesmo significado e que está nos vellos diccionarios como simple apelido, as tres palabras están desaparecidas no “dicionario da RAG” (nótese a supresión do cc culto), na que parece unha política de aniquilación de vocablos, por puro diferencialismo. Palabras veciñas a faraute como “farda” (librea, levita, chepa), “farca” (fame), posiblemente miles de palabras de uso común no idioma galego permanecen ausentes do último “dicionario” da RAG nun proceso involutivo que non se entende. Pero retomemos “faraute”, como a Cabanillas gustaba. “Poeta laureatus é, se cadra por eso mesmo, individuo civil, desperto, agudo e, nesta altura –e noutras—comprometido. A el non se lle oculta que a súa corresponsalía con Penzol, a el e ós máis, responde a unha política de urdime doméstica que por veces semella clandestina, ó abeiro da fratría antiga”, según rubrica Luís Cochón, que tamén nesas e noutras colecciós de cartas existentes está encastañado o vello galeguismo orgánico, corcosido, e Fermín Penzol exerce como activista orgánico, no cimo do penedo, porque canto teña que ver coa fratría debe ser comunicado ó secretario xeral. El xunta e reúne as novas de interese pró grupo. Tal é o seu papel e rol. Segredo de todos. Cochón dixit.