Mostrando entradas con la etiqueta Irlanda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Irlanda. Mostrar todas las entradas

sábado, 19 de octubre de 2013

Belfast e Armagh

 Belfast, Universidade. Queen´s College. Un dos seus espacios amplios.

 Hotel Europa, que debeu sofrir 33 atentados do IRA.
 Opera House de Belfast.
Se non me equivoco, un sorbus aucuparia. En galego, sorba, raña, capudre, cancereixo. As baias chámanse rañotes. É o serbal dos cazadores ou dos paxariños que cando o outono avanza  ponse compleamente roxo. En Dublín tamén lle sacan rendemento paisaxístico.
A tapia dos posters, unha das rutas recomendadas.
 Máis do mesmo
 O Guernica tamén figura antre as ilustraciós, "rubricado" por Hugo Chávez.
 Nova perspectiva...
 i ésta, unha das máis fotografiadas.
 O edificio do Titanic Belfast forma parte do novo urbanismo
 Outra perspectiva do dito edificio.
 Outro espacio urbán.
 Este é un dos laterales do edificio consistorial, nun enclave urbanístico magnífico.
 Seguimos no mesmo entorno.
 Tamén... 
 Fachada do edificio consistorial.
 Avenida que linda coa zona verde do Concello.
 Vista frontal do edificio, o City Hall, cun pórtico fastuoso.
 Seguimos no mesmo entorno, no que o Outono tamén é protagonista. 
 Pórtico do City Hall, o Concello.
 Outra perspectiva.
 Mesmo espacio, todo moi coidado.
 Catedral católica de San Patricio, en Armagh.
 Armagh é posiblemente a máis vella cidade de Irlanda, sede ademáis da Igrexa católica e da nacional irlandesa.   
 Fachada do templo catedralicio.
 Outro enfoque da mesma.
 Interior da catedral.
 Vista do presbiterio.
 Retablo da catedral.
 Debe ser un castaño de Indias marcado polo Outono.
 Toxos en Armagh.
 A vella biblioteca do Trinity College, en  Dublin. Douscentos mil volumes nos contemplan. 
 Arteria que bordea o espacio universitario.
 O Outono apoderouse xa das edras que cobren estos edificios. As portas son todas iguales, pero de distinta color.
 Catedral de San Patricio (protestante) en Dublin. 
 Outro aspecto do interior.
En Dublin, parque Phoennix. As árbores están defendidas das posibles agresiós dos cervos. 

Pontevedra, 21.10.2013
Entrada n. 1713 do blog
Artículo semanal (Diario de Pontevedra) 

Belfast e Armagh,
por Xesús López Fernandez

            Belfast é unha cidade en marcha na que dend´o Acordo do Venres Santo no 1998, co IRA en aparente hibernación, tense producido un gran avance e renovación. A mañá do 24.09 comezamos có noso plan de visitas á que en gaélico chamaban Béal Feirste, que significa “o vao areoso na desembocadura do río” e que é capital de Irlanda do Norte, no Reino Unido. Debe andar polos 300000 habitantes, mentres se estima son uns 600000 os que viven na súa área metropolitáa. O século XVII marca a chegada á rexión dun gran número de colonos ingleses i escoceses que se estableceron prá colonización do Ulster, co ouxetivo de erradicare a poboación católica, que se rebelaría no 1641. Daquela sería duramente esmagada…. A pesar da paz do 1998 sigue habendo certos medos e, aínda que no Ulster parece ondear de cada volta menos a bandeira inglesa, por esa razón os protestantes unionistas cometen algún que outro acto vandálico contra os templos católicos, como o do pasado 19 de Agosto, con bombas de pintura azul, contra o templo de San Malaquías, o terceiro máis antiguo da cidade.

            Pero sí  hai acordos  antre unionistas e nacionalistas, pra ver de acadaren un entendemento certo. Incluso propoñen algús derruba-la tapia que separa o barrio católico do protestante e na que, a día d´hoxe, consérvanse numerosísimos posters, algús deles verdadeiras obras de arte. Ese é un dos espacios a visitar; pero sobre todo os edificios e lugares nos que a cidade faise máis señora e clásica: o City Hall, (o Concello), construído no 1906, impresionante; tamén o Queen´s College (a Universidade); o edificio do Hotel Europa, que chegou sofrir ata 33 atentados do IRA. E numerosos templos, católicos e protestantes. Ámba-las devociós teñen templos dedicados a San Patricio, o santo evanxelizador. Outros templos: Santa Ana e a Catedral católica de San Pedro... Pero o Belfast máis novo, case un barrio intelixente e con zonas verdes, vaise deseñando en torno ó Titanic Belfast que, curiosamente, case coincide naquel espacio coa rosa dos ventos do mapa de Williamson, do 1791. O círculo cérrase así e un barrio novo, co marchamo da sustentabilidade, está preparado pra acollere a 28000 habitantes. A circulación de vehículos está disposta con xenerosidade, con intelixencia, en sentido radial e tamén orbital. Cidade en marcha…

            Outro sinal de identidade son algús pubs, que en Belfast poden mesmo ser obras de arte, ata o punto de que un do século XVII, sigue a ser hoxe un local de moda, tradición viva. Pero a nosa ruta sigue cara Armagh (Ard Mhacha en gaélico), que sofreu a presencia do exército británico ata o 2007. Armagh é conocido como o “horto de Irlanda” e díse que alí se producen as mellores mazás do mundo. É posiblemente a cidade máis antigua de Irlanda, importante tanto na historia do Celtismo como na do Cristianismo insular, sobre cuio encontro existen non poucas referencias e leendas. Hoxe é a sede tanto da Igrexa católica da illa, como da Igrexa nacional de Irlanda. Xa en Armagh, reunidos na catedral de San Patricio, celebrariamos a santa misa, ás tres da tarde.

            Lembremos tamén que en Armagh, despois de anos tentando recupera-la gaita, o esforzo granaría na organización dos chamados “festivales de música celta”, como os de Ortigueira, na provincia d´A Coruña. O esforzo de concentración de gaiteiros chegados de todo o mundo, de diversos países europeos, do Mediterráneo, incluso Canadá. E alí teñen acodido moitos dos nosos artistas. Tería que manexar moita información pra facer un inventario cabal. Pero lémbrome de Carlos Núñez, un home que ten actuado en diversas ocasiós co grupo The Chiftains e do que, hai xa anos, os medios daban noticia de que, nunha das súas demostraciós, “A Muiñeira de Chantada” fora acollida con delirio polo público alí presente. No autobús, xa cara Dublín, ía facendo memoria destas cousas. Xa comentei, no primeiro dos artículos dedicados á lembranza desta viaxe, “In Dublin´s fair city”, que alí asistimos a unha demostración de música celta nun pub da cidade. E agora descobro en YouTube que, no concerto de Carlos Núñez e os Chiftains, na apoteosis final, cando interveñen algús danzantes, antre eles está unha das bailarinas do pub de Dublín. Casualidades.   

domingo, 13 de octubre de 2013

Donegal, Calzada do Xigante, Belfast

 Estamos en Donegal, no seu castelo. Donegal é unha cidade histórica que dá nome ó condado ó que pertence. 
 En pipotes como estos recibían viño i exportaban peixes.
 Un detalle do teito do castelo

 Vista xeral da cidade.

 Outra vista do castelo, 
 e outra. 
 Columnas de basalto na Calzada do Xigante, da que se fala no traballo.
 outra vista
 un primeiro plano que mostra  o macizo de columnas nado hai uns 60 millós de anos.
 novo detalle.
 Apréciese que o verde do sistema montañoso cobre, realmente, máis conxuntos mestos de columnas.
 Cara ó mar, o sistema columnar aparece moitas veces esgazado. 
 Outro enfoque do espacio.
 Aquí parecen lousas dun pavimento, a calzada do Xigante posiblemente. 
 Outro primeiro plano. 
 Superficie traballada polo mar.  
 Belfast recibe o Outono.
 O edificio que garda a memoria do Titanic, o barco que fora construído en Belfast. 
 Outro exterior do mesmo. 
 O deseño quere recreare o movemento da auga, talvez o impacto do iceberg co barco afundido.
 Outra vista exterior.
Este soberbio edificio é o do Consistorio de Belfast.

Pontevedra, 14.10.2013
Entrada n. 1712 do blog
Artículo semanal. Colaboración no Diario de Pontevedra.

Donegal, Calzadado Xigante, Belfast,  
por Xesús López Fernández

            23.9, Irlanda, terceira xornada, outra etapa densa. As vacas, ovellas e corvos, seguían animando a paisaxe cando deixabamos Sligo, pola mañanciña, cara ó Norte, cara as nosas citas, xa no Ulster: Donegal, a Calzada do Xigante, Belfast. O litoral é alí moi recortado e Donegal, que dá nome ó condado, está situada no fondo dunha bahía homónima. De orixe probablemente vikinga, é unha cidade leda, hoxe dedicada á pesca e na que o turismo, comunicada por estrada estatal con Derry (palabra gaélica que significa carballeira), ten unha importancia crecente. Tamén é terra de grandes acantilados, como que os de Slieve League (montaña gris) son os máis altos de Europa, 600mt. Hai restos arqueolóxicos importantes e un castelo que foi sede dos O´Donnell, unha das famililas máis poderosas de Irlanda. O dito castelo compría funciós contra as posibles invasiós inglesas. O seu grado de conservación é aceptable e, como mostra da que fora actividade dos seus moradores están depositados uns pipotes nos que importaban viño e dos que se valían pra expotaren peixe.

            A nosa guía ía poñéndolle nome ós diversos lugares polos que pasabamos. Ó longo da estrada que por Derry nos levaba á costa septentrional da illa foinos preparando prá sorpresa da extrañísima formación xeolóxica da chamada Calzada do Xigante, Patrimonio da Humanidade dend´o 1983, e Reserva Natural Nacional dend´o 1987.  Calcúlase que son unhas 40000 columnas de basalto as que se formaron a consecuencia da actividade volcánica da zona, hai uns 60 millós de anos. A lava incandescente dunha chimenea volcánica pode enfriarse case bruscamente cando cesa a actividade eruptiva. Pero unha leenda conta de dous xigantes, un irlandés, Finn, e outro escocés, de Staffa, Bennandoner, que se levaban moi mal e que decote estaban a se guindaren pedras. De tanto facelo foise formando un camiño empedrado sobre do mare. Bennandoner tomou a decisión de se valer dese paso pra derrotare ó seu adversario, pois era máis forte. A muller de Finn, Oonagh, veu cómo se achegaba o escocés e ideou un truco: vestire ó seu home de bebé. O escocés, ó velo, pensou que o pai debía ser tres veces máis grande e fuxeu, pisando forte nas pedras, que se afundiron no mar pra que Finn non puidera chegar a Staffa.  

            Asombrados ante aquel espectáculo difícil incluso de soñar, disfrutámolo dende diversos puntos. O tempo seguía manso, coa salmodia perpetua das ondas do mar que, lenes, acompasaban a nosa liturxia do serán; o noso saúdo á par que despedida.  Cando nos retiramos pra seguir cara Belfast seguimos disfrutando dunha paisaxe cambiante, visible gran parte do traiecto o mar que baña aquel litoral e o occidental de Escocia. A cidade, na costa Este, está orlada, polo NO por unha serie de colinas, antre elas a de Cavehill, que se cree inspirou a novela de Jonathan Swift, “As viaxes de Gulliver”, que veu nela a forma dun xigante dormido que protexía a cidade. Belfast,  na desembocadura do río Lagan, ten a localización ideal prá industria  naval, como que é a matria do Titanic de triste relembranza, que fora construído no 1912 nos estaleiros de Harland and Wolff, posiblemente os máis grandes do mundo, daquela.

            E o Titanic está hoxe convertido nun polo de atracción resultado da imaxinación daquelas xentes. A historia do barco, da súa construcción, fotografías da época, da viaxe inaugural, etc. Pero o iceberg non podía quedar fóra da biografía daquel navío que entrara na auga como pra ser bautizado. Despois de mil e un bocetos, suponse, a idea da construcción dun edificio icónico como éste, é una realidade. Está feito un pouco á escala do que foi o gran barco. De baixo e seis prantas, dispón dun garaxe soterraño de máis de cincocentas prazas. Alí está canta información queira un buscar da nave afundida. Dese complexo museístico apuntan catro grandes esquinas como grandes proas, réplicas talvez da do Titanic no momento de ser ferido polo iceberg, polo menos a color branca desas grandes superficies escamadas parece indicalo. Na noite locen con luz diversa, e discreta. Estabamos en Belfast.