Mostrando entradas con la etiqueta xálima. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xálima. Mostrar todas las entradas

domingo, 23 de febrero de 2014

A fala de Xálima

 San Martín de Trebello ou Trebejo, no Val de Xálima, Cáceres.
No val de Xálima existen tres pobos, na cabeceira do río Ellas, nas que falan tres variantes dunha lingua extraña que parece allea á realidade extremeña, que fan creer ó viaxeiro que está noutro mundo, a centos de kilómetros de Extremadura. Na lingua existe un claro pouso galego e tamén, sobre todo, unha clara influencia do vello astur-leonés. Hoxe volvo coeste tema, tocado xa nun artículo de meu, publicado o 15.05.2006 no Diario de Pontevedra. 

Pontevedra, 24.02.2014
Entrada n. 1743 doblog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra.

A fala de Xálima,
por Xesús López Fernández

            “A fala, de matriz galaico-portuguesa con moito de astur-leonés, arrecende tamén a castelán vello e ó ladino sefardí. “Si ques bebel bo viño y aguardienti probo en esta boiga” é o cartel de entrada na adega de Pichorra.Nachu, en San Martín, que presentamos como mostra da fala. Pero Xosé Henrique Costas está a elaborar un estudio amplio sobre as súas variantes, tres: valverdeiro, lagarteiro e mañego, das que case non hai fontes escritas.  Hai que ter en conta que se trata dunha sociedade fundamentalmente ágrafa, que defendeu con forza a oralidade da súa lingua. E cando os medios están a anunciaren un método que permite falar inglés con mil palabras, crúzaseme esa información coa dunha anécdota acontecida a Xosé Henrique Costas, que no seu traballo de campo facía máis e máis perguntas. Un bo día, un pegoreiro de Valverde agasallouno cun cuaderno, despois de lle decir: “És un pesado que non fai máis que preguntarl. Toma.” O cuaderno contiña 3000 palabras da fala. Agora está en fase de elaboración o diccionario que conta xa con 5000 entradas, material pró estudio filolóxico no que parecen máis interesados Costas e Francisco Fernández Rei que os propios extremeños.”

            Así remataba un artículo publicado no Diario de Pontevedra o 15.05.2006. Actualmente ando a leere un libro sobre o Valego, así denominada polo autor, Xosé-Henrique Costas González, a fala do Val de Xálima, as tres variantes antes citadas. Costas está especializado fundamentalmente nos eidos da dialectoloxía e da sociolingüística e leva moitísimos anos a traballare nas falas do galego exterior (Eo-Navia, Bierzo e As Portelas) e principalmente no chamado valego ou galego de Cáceres, sobre as que leva publicado unha trintena de artículos i ediciós. E son máis de vinte anos de estudio da fala de Xálima cristalizados nunha edición coidada de Edicións Xerais. O libro, que está prologado por Francisco Fernández Rei, tamén citado no parágrafo anterior, foi presentado en Valverde o pasado mes de Decembro, acto relatado nun blog daquel lugar: “Un sitiu valverdeiru”, nome que tamén vale pra defini-la pegada do astur-leonés naquela lingua minorizada que, por tesón das xentes, mantense como firme instrumento de comunicación oral.

            A presentación debeu ter unha certa carga emotiva, tamén ou especialmente pró propio Costas. Describen no blog: “U pasau viernis 27 de diciembri, a isu das seis da tardi, mentras un´a molizna sin descansu abría u pasu au fusculuscu que avanzaba desde u Xálima a Marvana pra arroipal cu mantu de un´a noite invernal u noso lugal de Valverdi; nu salón de baili do Hotel A Palmeira se presentaba u libru titulau: “O Valego, as falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Exremadura)”, editau en octubri desti anu pur Edicións Xerais de Galicia y que recopila vinte anus de investigación personal sobre o primel ben intangibli de tos us extremenhus declarau Ben de Interés Cultural pur a Junta de Extremadura nu anu 2001 baju a denominación de “A Fala”. Foi unha zagala, Estela Estévez, a conductora do acto, que lle pasaría o  micro a Costas despois de presentalo ós asistentes.   

            Emocionante debeu se-la ocasión pra Xosé-Henrique Costas, que fixo referencia ás primeiras novas que tivera da “fala”, de cando veu na TVG un programa de Antón Reixa, Sitio Distinto, que un día do 1991, co título de “falas raras”, tratou do valverdeiro, con entrevista a un camioneiro, home daquelas terras. Costas falou da querencia que a partir daquel momento lle tomara a aquel recanto, ás súas xentes e variedades lingüísticas. E aínda que non tódo-los autores ven a fala de Xálima como lingua esencialmente galega, Costas sí, e ofreceuse no acto pra traballare no proceso de normalización das diversas variantes que se dan no Val. Xa non queda espacio pra entrarmos a considerar algús aspectos do libro, de cuia edición como achega importante ó estudio daquelas falas, deixamos constancia.