domingo, 29 de diciembre de 2013

A crisis que non cesa

 Esto é Delfos, de gran importancia na Historia de Grecia. 
 Nova vista de Delfos.
 E outra vista máis.
 Micenas, no Peloponeso, a porta dos leóns.
 Outra vista de Micenas.
 O vello Corinto, que conoceu a presencia de San Paulo.
 Micenas, entrada á tumba do rei Agamenón. (Foto de Eugenio López Álvarez)
 Cúpula do seu mausoleo.(Foto de Eugenio López Álvarez)
As anteriores son fotos introductorias a algús dos xacementos arqueolóxicos gregos. O Recaudador Nacional ó que se refire Márkaris en "Liquidación Final" está especializado en matare a defraudadores do fisco. Usa cicuta como veneno. Os cadavres son depositados en xacementos arqueolóxicos. A última das fotos conecta con parte da tesis que desenvolve na novela que cerra a triloxía dedicada á crisis polo celebrado autor: Grecia i España quedan fóra do euro no 2014, algo que o propietario da tenda fotografiada ventaba en setembro do 2012, apantallado por unha cortina de billetes, seguro de que o retorno ó dracma era unha necesidade e de que a entrada no euro fora realmente unha gran trampa pra nos meter nunha especie de gran guerra financieira Norte-Sur de Europa. O resultado xa está á vista: os chamados PIGS, os países do Sur están practicamente quebrados, porque Irlanda, que tamén está no club, parece que se salva.

Pontevedra, 30.12.2013
Entrada n. 1727 do blog
Artículo semanal publicado no Diario de Pontevedra    

A crisis que non cesa,
por Xesús LópezFernández
           
            No libro “A espada de Damocles”, de Petros Márkaris, que contén unha serie de artículos orixinalmente publicados en alemán, o autor achégase, con diversos enfoques, ó estudio da crisis europea. O libro trae un prólogo prá edición española no que xa se fai un adianto sobre a temática tratada en medios como “die Zeit” e “Süddeutsche Zeitung”. A edición cérrase cunha conversa co autor na que o home ofrece mesmo algunhas das claves da súa persoalidade xa que, instalado en tres linguas: turco, alemán e grego, decidiriase polo exclusivo uso desta última na súa producción literaria, a raiz dunha longa estancia en Viena, onde cursou estudios de Economía. Como tamén supoñemos aquí, o autor mantén que a crisis grega ten principalmente un carácter político e denuncia que si Grecia é hoxe un país quebrado que nestos momentos está ó borde do abismo, a causa son os erros e fracasos dos dirixentes políticos. Un aparato estatal corrupto, que se revela incapaz de poñer en práctica reformas e leis críticas. O home ten tamén producción de novelas policiacas.

            E nese sentido concreta cómo un día  “aparecéronselle” tres persoaxes en busca de autor, unha familia de tres membros: o comisario Kostas Jaritos, a súa dona Adrianí e mai-la filla do matrimonio, Katerina. Especialmente tres destas novelas policiacas preséntannos a Jaritos como unha especie de notario da crisis. Son “Coa auga polo pescozo”, “Liquidación final” e “Pan, Educación e Libertade”, as tres novelas exemplares, con retratos moi vivos do deterioro socioeconómico do país e as situaciós de pobreza radical, que se antes eran evidentes antr´os negros sen teito, agora afectan ós propios gregos pobres que, ó amparo da soedade das primeiras horas da alborada, procuran nos contenedores algo que lles poida valer. É o que ven despois da perda do traballo, dos recortes das pensiós; algús gregos xa non poden paga-las medicinas e recurren a dispensarios de Médicos sen Fronteiras…. En definitiva, a fin do soño europeo. Ah, un detalle de Jaritos: A causa  da voda da filla merca un Seat Ibiza. (España é un dos PIGS,con Portugal, Italia, Irlanda e Grecia).

            En “Liquidación final” Márkaris constrúe unha novela trepidante na que un asesino en serie, o Liquidador Nacional, valéndose da cicuta como veneno, comeza  a matare a unha serie de defraudadores do Fisco. Envíalles un aviso previo, vía internet, e dálles un prazo de cinco días: se non ingresan a débeda “procederase á liquidación final”. Outros optan por ingresare: 7.800.000 euros en dez días. Novo aviso do Recaudador por internet coa relación dos nomes e ingresos en cada caso producidos. Clamor cidadán que, nalgunha das manifestaciós de indignados, demanda pra RECA (así chamado por eles o Recaudador Nacional) o cargo de ministro da Facenda.  Éste recibe un escrito de RECA pedíndolle o pago da correspondente comisión: 780000, o dez por cen do recaudado, ó que acceden as autoridades. Pero a entrega dos cartos nunha bulsa leva trampa, un dispositivo electrónico pró seguidamento e localización  de RECA, que se percata e abandona a entrega, pasando a pedir máis, o dobre, e que llo sitúen nun apartado de correos das Illas Caimán. Etc., etc.

            Con “Pan, educación e libertade”, que acaba de aparecer, conclúe a triloxía da crisis, pero como esto parece non ter fin, prantéxase incluso a posibilidade de converti-la serie en tetraloxía. Ou de encetar unha segunda serie. Agora, co último título, Márkaris, casi apocalíptico e máis pesimista que nunca condúcenos a unha tenebrosa Europa-ficción do ano 2014, no que Grecia i España son os primeiros países do Sur en se declarar quebrados e abandonan o euro, regresando ó dracma e á peseta respectivamente. No ano 2012 tiven ocasión de ventar algo desa protesta tensa. Un comerciante español no entorno da praza do Metro de Atenas mantiña a modo de pantalla un tendal feito con billetes correspondentes ós países europeos de antes da UE. Como xa acontecía nas novelas anteriores, Márkaris sigue dibuxando unha Atenas en contínua convulsión. Pero, en fin, a crisis non cesa, centrado o seu núcleo, talvez, na presunta existencia de tramas e do acobillo de enormes fortunas en paraísos fiscales.  

domingo, 22 de diciembre de 2013

A luz de Belén vai polo mundo

Representación da Sagrada Familia, nun nacemento familiar.
Éste é Michael Weixlbaumer, o neno austríaco portador da luz da gruta de Belén, un novo heraldo da paz pró século XXI

Pontevedra, 23.12.2013
Entrada n. 1726 do blog 
Artículo semanal no Diario de Pontevedra.


A luz de Belén vai polo mundo,
Por Xesús López Fernández

            O día 27 do pasado mes de Santos, Guenther Hartl, responsable do proiecto da ORF de leva-la luz de Belén polo mundo adiante, explicaba que esta práctica naceu dunha idea da Televisión Austríaca, no ano 1986. A idea básica é a de agradecere ás persoas que nestos tempos de Nadal fan donaciós ou actividades caritativas, iluminando a caridade coa luz. E pensando nunha luz verdadeiramente especial acodiron a tomala da que permanentemente arde na gruta  onde naceu Xesús. Un neno ou unha nena austríaco é proposto ou premiado prá ceremonia iniciática de prender unha vela nesa luz perpetua. I este ano correspondeulle o protagonismo a un rapaz de doce anos, Michael Weixlbaumer, que, como xoven e valente bombeiro foi de fundamental axuda pra moitas xentes, con motivo dun peligroso incendio. Cara simpática a do cativo (que ten o seu perfil en facebook) e que o 27.11 achegouse con decisión á basílica da Natividade. Xa alí, un monxe ortodoxo entrégalle unha vela fina coa que se dirixe á gruta. De xionllos, santíguase e prende a luz, que protexe nun cilindro especial prá súa conservación.

            “É un lugar fermosísimo –dí Michael— i estou orgulloso de ter prendido a luz de Belén, que vai ser levada por toda Europa”. O rapaz asiste a unha misa celebrada na basílica de santa Catalina, na que participan 420 pregrinos chegados de Austria, Suiza e Alemania, misa oficiada polo arzobispo de Linz  na que intervén un coro do Conservatorio daquela cidade. Na fin da misa, os asistentes foron os primeiros en recolle-la luz da que Michael era xa portador privilexiado, en pequenas candeas. Despois desta primeira entrega a luz sería conservada no hotel pra, no día seguinte e según manifestación de Guenther Hartl, levala en avión das Austria Airlines, a Austria e a Linz prá súa distribución antre os veciños; tamén pró seu envío con destino a trinta países europeos; mais tamén ás dúas Américas e a Rusia.

            Convén destacar no impulso desta tradición o compromiso de Austria e da Televisión daquel país, así como a organización existente que conecta con distintos grupos do Movemento Scout Católico, que agardan nas estaciós do ferrocarril a chegada dos trens portadores da luz da Paz que os scouts, os exploradores, van levando a diferentes destinos, fundamentalmente parroquias. Esta luz, símbolo de solidariedade e Paz, foi xa entregada ó Santo Padre, o pasado 18.12, mércores, polo propio Michael  Weixlbaumer como parte da comitiva presidida polo arzobispo de Linz Ludwig Schwarz, no curso da audiencia xeneral celebrada en San Pedro. Imortantes as palabras do Papa Francisco na ocasión, afirmando que esa luz “é un forte sinal que nos ilumina na nosa determinación de se-la luz do mundo que brilla na confianza e na esperanza dos verdadeiros fillos de Deus e leva a paz de Cristo ás nosas familias e ós nosos veciños”.
            
Os scouts e guías de Austria son os grandes colaboradores e coordinadores con grupos doutros países prá imprantación desta gran constelación de “luciñas”, que xa están en moitos lugares do noso país. O outro día eran scouts de Plasencia os relevistas que recollían a luz en Salamanca. I scouts d´Aragón, de Málaga, de Alicante, Madrid…. colaboran activamente na multiplicación das luces da esperanza e solidariedade… Nas propias rúas de Cádiz, xóvenes exploradores facían ese labor multiplicador antre os cidadáns. Realmente, trátase dun labor ilusionante: marca-lo país e o planeta coa esperanza, tamén chegada a Arxentina ou a Bolivia. En pequeno, ese lume corresponderíase tamén coa estrela que hai máis de dous mil anos guiou ós magos chegados de Oriente, talvez da Caldea, ata a gruta de Belén, de cuia adoración manteñen memoria viva os nacementos famililares existentes no ancho mundo. Este ano douse un realce especial ó acto organizado polos austríacos, fundamentalmente polas agrupaciós scouts e Michael Weixlbaumer se nos mostra como un novo heraldo do Nadal. Que a sementeira de luces cale na sociedade.    

domingo, 15 de diciembre de 2013

Un novo tempo de Nadal

O Nacemento de Campaña, un dos máis visitados de Galicia.


Unha luz vida de Belén está a recorrere o Mundo. Vera Baboun, cristiá, é alcaldesa daquel pequeno pobo situado en Cisjordania, a dez kilómetros de Xerusalén. A tradición sitúa alí o nacemento de Xesús. Leéde a mensaxe de Vera Baboun, coido que de gran importancia e que, con palabras simples, achéganos á realidade daquela cidade palestina. 

Pontevedra, 16.12.2013
Entrada n. 1725 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra  


Un novo tempo de Nadal,
por Xesús López Fernández

            Estamos nos días previos á celebración do Nadal do Señor, e renóvase, en moitos de nós, a memoria da salvación, da que, a través da Misa pasamos á eternidade de Deus, na que xa estamos a participare. Estamos nese momento coberto de maxia, no que parece nos volvemos máis homildes cando nos achegamos ó misterio de Nadal, mimámolo mesmo cando participamos na confección dun nacemento familiar ou parroquial, nos que nalgús casos a representación vai máis alá do que ás veces queda concretado de forma simple: o Portal, o nacemento de Xesús “nun pesebre sendo Rei de canto hai, nunhas pallas el deitado…”(como se conta nalgunha das nosas panxoliñas) e, por extensión, está alí recollida gran parte da historia da salvación: o anuncio da Encarnación que o Ánxel lle fai a María; a visita á súa curmá Isabel en Ein Karen; o traslado a Belén; a visita dos Magos d´Oriente; a fuxida a Exipto ó tempo que se decreta a matanza dos Inocentes. 

            Estos pasados anos tiven a sorte de viaxare a algús lugares, que son fitos no desenvolvemento da devoción ó misterio do Nadal, especialmente Greccio, no convento que alí teñen os franciscáns e visitámo-lo 19.03.2009 e onde o Poverello de Asís, San Francisco, fixo o primeiro nacemento do que se ten memoria. Un museo mostra alí, no lugar, unha serie de beléns de distintos países. E de Greccio desprazouse a Santiago, hai cousa dun par de anos, unha comitiva prá escenificación dun nacemento vivinte. Por certo que hoxe é un nacemento a visitar o que os acollidos no albergue franciscán de Santiago de Compostela, tutelados polo Padre Paco Castro, OFM, levan anos elaborando. Naquel 2009 visitamos tamén Terra Santa, outra forma de entende-los Evanxelios, máis viva e que cala, como que sinto non ser máis libre pra acodire de novo alá, prá celebración xa deste Nadal, pró encontro con xentes chegadas de tódo-los puntos da Terra.

            Na interiorización, na asunción do misterio da salvación, cobra pra min importancia especial o encontro no ano 2010 coa chamada Segunda Terra Santa, da que manteño víva-las lembranzas do encontro coa Anatolia, a casa da Virxe en Éfeso, tal como lle fora revelado á Beata Ana Catalina Emmerick, ou a asombrosa Capadocia, onde o Cristianismo debeuse facer especialmente resistente i, extrañamente, algún dos templos rupestres alí existentes, que deberon ter un pasado importante, manteñen vivos frescos que parecen recén pintados e nos que se relata a historia da salvación. Debeu haber alí centos de templos e inda tivémo-la ocasión de celebrare unha liturxia nunha pequena capela de Avanos. Por certo, as representaciós da historia da salvación fanse apoteosis nos templos bizantinos de Estambul: San Salvador de Cora, hoxe museo, e Santa Sofía. Son recordos que van quedando ou de cómo en Grecia, se manteñen vivos algús conventos nos tesos de Meteora, os monxes á procura da Transfiguración de Xesús, xa na senda da eternidade.

            Tornando ó tema dos beléns, en Galicia, parece van aumentando, destacando como sempre o de Valga que soe recibire milleiros de visitas, pero hai noticia de beléns críticos, que ademais de recollere esceas da vida real, fan denuncia expresa de escándalos e corrupciós diversas, mesmo da crisis que afoga ós máis homildes. E chama a atención un nacemento da Terra Chá, en Lugo, en Momán, moi reivindicativo. San Xosé e mai-la Virxe son novamente privados do portal, precintado pola policía, pero este ano decídense a montare un escrache ante o Castelo de Herodes, contra a actitude do gobernante, despreocupado das necesidades dos cidadáns. Parece un nacemento exemplar que mesmo reflexa a distancia que se dá antre gobernantes e cidadáns.  O párroco, Luís Rodríguez Patiño, di que, como Cristo clama contra as inxusticias, a misión dos beléns debe servir pra algo máis que pra adorna-lo templo; debe mostrar tamén os problemas ós que se han defronta-los cidadáns comúns.