sábado, 8 de septiembre de 2012

Cara unha economia verde


Teatro de Epidauro, en Grecia. Lonxe estaba de pensare, cando publiquei no Diario de Pontevedra o 10.09.2012 o traballo que hoxe incorporo a este blog e que vai da necesidade imperiosa do retorno a un compromiso do home coa terra, que o 15.09 e con motivo dunha viaxe a Grecia, este teatro, no que habitualmente hai actividade teatral e musical, onde acoden grandes orquestas, foi espacio aberto prá presentacion da cantiga basada no poema de Curros do que se fai cita no artículo que vai a seguido, "Un adiós a Mariquiña", como primicia mundial antr´un grupo de amigos, un agasallo do titular deste blog. (A lingua galega en Epidauro). 

Pontevedra, 17.09.2012
Entrada n. 1562 do blog
Art. semanal do 10.09.2012

Cara unha economía verde,
por Xesús López Fernández

        Hai sete días falabamos da estanflación á que nos ten levado a política económica sen sentido dos diversos gobernos relevistas configuradores do caos que nos toca vivir. Aínda agora diríase que non hai ideas claras pra promovere un crecemento certo e que a política fiscal posta en marcha vai acentuar aínda máis a citada estanflación, é decir: unha maior sobida dos precios á par que o estancamento no que nos debatimos cando parecen asomar, xa, novos recortes. ¿Recortes tamén ás pensiós?.  De cada volta son máis os temores de que algo que coidabamos sagrado está a esgazar…  Sí, sí, crecer e crear emprego que decía Rajoy. Mentres nos discursos da casta política escóitanse distintas salmodias sobre deberes compridos e traballos ben feitos, nos que moitos cidadáns non creen porque a esas peroratas fáltalles o exame de conciencia das culpas, das obrigaciós esquecidas, ou dos programas falaces.

        Como hai dúas elecciós en curso, son moitos os opositores a políticos que traen novos discursos coa solución maxistral baixo o sobaco. Discursos raiáns co imposible porque a remuneración, se pasan o exame, é boa, que estamos a falare da profesión mellor pagada do mundo aínda que sexa a costa de acabare mesmo co propio mundo, que algo sabemos en Pontevedra do que se leva feito ou do que están a faceren nestos momentos pra nos sumire aínda máis na miseria medioambiental, eso sí, apantalláda-las novas actuaciós como se realmente se tratase de infraestructuras necesarias cando sabemos que son ecolóxicamente insasumibles. No novo  discurso político prometen máis ladrillo. Sen embargo, xa todo o peixe está vendido e o país ambientalmente derrotado porque nunca houbo unha política de crecemento respetuosa co medio.

        Dende diversos foros, especialmente dende o Worldwatch Institute, como tamén foi reivindicado nas xuntanzas de Rio+20, estáse a pedir unha reconciliación antre antre economía i ecoloxía, a posta en marcha dunha verdadeira economía verde, único xeito de poñérmonos na vía dunha auténtica sustentabilidade. O estudio do Worldwatch Institute correspondente a este ano lémbranos que no Cumio Medioambiental de Río 1992 os gobernos asumiran o compromiso do desenvolvemento sustentable. Mais vinte anos despois e tendo en conta que se celebraron varios Cumios coa folla de ruta daquela tracexada, vemos que a civilización está en situación de colapso case total. As cidades creceron máis da conta, o litoral está malferido, o mar presenta non poucas zonas abióticas. E mal vai a economía dun país cando se pensa que ésta pode soerguer coa construcción do complexo Eurovegas, novos Algarrobicos ou que o Goberno pode seguir despreciando o tema medioambiental.

        Haberá ocasión de traer aquí algunha das cuestiós debatidas no estudio devandito, no que incluso se trae a noticia dun buscado decrecemento pra  nos poñere na senda do verdadeiro progreso, imposible sen sustentabilidade.  O mar e o campo de Galicia hai tempo que foron traicionados, subvencionado incluso o abandono das nosas aldeas quizaves porque a Europa lle interese máis a Galicia eucalipteira. Pero reparemos nunha nova destos pasados días: a da gran colleita  de cereal que trouxo a sega nas terras da Limia, unha forma de sustentabilidade. Véñenme á cabeza os versos de Curros, a recomendación que por medio de Mariquiña Puga remite ós emigrados: “…Dilles que prá súa terra tornen axiña/ que sen eles non queren pinta-las viñas, rega-los regos/…,madura-las castañas nos castiñeiros../ Dilles que as súas obrigas eiquí os esperan / e se onde elas non morren que se condenan…”. Curros falaba de sustentabilidade. Nun idioma  que, co tempo, sería traicionado, según indicaba xa Risco no 1910.
     

No hay comentarios: