Mostrando entradas con la etiqueta ecoloxismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ecoloxismo. Mostrar todas las entradas

domingo, 19 de octubre de 2014

Emigrar ó campo, unha posibilidade

Imaxe dun porco celta, unha das riquezas emerxentes en Galicia, pero habería que mostra-las  posibilidades que, de forma poliédrica ten o país. Fai falta unha gobernanza que deixe de esgaza-la riqueza do país, á marxe da política de portas xiratorias e da desfeita ecolóxica do país, sometido a unha colonización salvaxe.
Co clima de Galicia serían posibles outonos como o desta fotografía, pero xa só na Galicia interior podemos atopar un colorido ledo, algo que non dá o eucalipto, perennifolio e incendiario, omnipresente por non te-lo país unha política forestal certa, nen gandeira.

Pontevedra, 20.10.2014
Entrada n. 1783
Artículo semanal

Emigrar ó campo, unha posibilidade,
por Xesús López Fernádez

Dende que comezou a crisis é moita a xente que tenta buscare no campo a solución ós seus problemas. A terra brinda a posibilidade dunha sustentabilidade certa, como se daba nas aldeas galegas mentres se mantiñan como entes vivos. O home e a muller eran protagonistas, pero a emigración e a mala gobernanza deron en acabar coa súa presencia. Na distancia, xa Curros Enriquez, en “Un adiós a Mariquiña”, denunciaba esa carencia cando mandaba recado pola pombiña mensaxeira, Mariquiña Puga: “Fálalle ós emigrados da patria súa,/ dilles, mimosa, que deles apartada Galicia chora./ Dilles que prós seus lares tornen axiña,/ que sen eles non queren pinta-las viñas, rega-los regos,/ madura-las castañas nos castiñeiros./ Dilles que as súas obrigas eiquí os esperan/ e si onde elas non morren que se condenan...[...]”. A terra precisa da presencia humá, de que esa xente se sinta parte do ecosistema, algo que comeza a interesar e que pode ter unha demanda certa, ser rentable en definitiva. Claro que fuxir da cidade pró campo sen ter algunha finca en propiedade, e os aperos con que en tempos foi traballada polos pais ou avós, o comezo dos novos labregos vai ser difícil.

Afirman algús que si esto empeora “nos marchamos ó campo, poñemos un horto e de fame non morremos”. De vez en cando escóitase esa cantinela porque a crisis e mai-lo paro fan difícil a subsistencia nas cidades, especialmente nas que están en involución, perdído-los fluxos dinámicos doutrora por mala gobernanza. De cada volta son máis os que fantasean co retorno á vida campestre, que maxinan barata e fácil. Mais a realidade é diversa, como decote aclaran os promotores de “Abraza la Tierra”--unha entidade que asesora, informa e incluso acompaña a novas xentes do rural--. Ós pobos, ás aldeas, hai que acodir cun proiecto laboral, que tamén alí hai recibos e facturas que pagar e que nadie, absolutamente nadie, regala nada, advirte unha coordinadora, Eva González. En tres anos “Abraza la Tierra” veu multiplicarse exponencialmente o número de peticiós de axuda pra facerse con casa e traballo nalgún punto de España. Dend´o 2008 ó 2011 foron máis de 7700 peticiós de axuda, un 50% máis que no trienio anterior, e con mensaxes que son verdadeiros S.O.S.

O reclamo de noticias en televisión de pobos que ofertan casas gratis a cambio de habitantes está a crea-la sensación de que hai futuro nos pobos. Pero “Abraza la Tierra” avisa do espellismo: non se regala nada porque as casas prometidas hai que reconstruílas dende a cimentación, pró que se precisa dunha financiación á que estas familias non teñen acceso. Créase a sensación de que nos pobos, con que veña xente, témo-la obriga de lle dar todo gratis, como se na cidade se regalara algo. Se quére-la túa propia casa, téla que pagar; os alugueres tamén. En “Abraza la Tierra” afirman que no campo non está a saída da crisis prás persoas sen recursos. “Antes sí tiñamos unha boa bolsa de emprego. Agora non hai unha oferta de traballo por conta allea”, pero anima ós que teñan posibilidades pra invertiren no seu propio oficio ou traslada-la súa actividade a un pobo, a que aposten por dinamiza-la vida rural.


En varios países de Europa, como en España, estáse a intentar unha nova ruralización, o regreso ó campo. En Galicia, onde a emigración foi apagando aldeas ata mediados do pasado século, non se fai moi evidente, pero algo se está a mover porque xentes que conservaban propiedades, como acontece en Portugal, estannas a poñere en valor, mesmo coa práctica dunha agricultura ecolóxica, cada vez con máis mercado. A Xunta, con fondos europeos, tenta salvare algunhas aldeas; pero o problema ten aquí raíces das que se fala pouco, como que os periodos de maior emigración coincidiron coa repoboación forestal practicada en forma colonialista, que aínda dura e que hoxe mostra o litoral atlántico como unha masa contínua de eucaliptos: a nosa natureza traicionada, e agora que comeza o outono vaise nota-la gran ferida, a perda de cromatismo, de vexetación clímax. Outro dos puntos onde fallou a política foi na cousa agrogandeira galega, especialmente traicionado o país, outro fallo da gobernanza que en parte se podería revertir dend´as asociaciós de montes de veciña, presionar pra unha posta do monte en valor por medio de prantaciós que restauren a paisaxe na que sí pode haber un auténtico manantial de traballo pró que se precisaría xente. Outra Galicia é posible, con moito menos paro. Pero con outra gobernanza redicalmente distinta que faga posible ese retorno necesario, como apuntaba Curros Enríquez. Aínda que os tempos sexan outros. Pra que as aldeas e Galicia non morran.  

sábado, 22 de febrero de 2014

Gehena pontevedresa

Gehena pontevedresa. A ocupación das marismas de Lourizán dende que, en mala hora, o goberno franquista outorgara concesión prá primeira pasteira, unha concesión nula ab-initio porque endexamáis se cumpreu co condicionado. Din que Franco quedou impactado o día da inauguración, que incluso clamou daquela: "¿Pero no había otra sitio? Dios mío, ¡qué han hecho!". Así quedaba consumada a gran trampa de Suánzes ó Caudillo, que nunca tragou e que, no 73, á par que negaban autorización prá declaración do que vedes na foto como terreo industrial e que xa os redactores do PXOM 1970 pontevedrés tentaban consolidare. A mafia xa estaba a traballare o asunto, como arestora, cando temos unha clase política (varias xeneraciós e de diversos partidos) "consolada" coesa presencia aínda que falen da Carta de Aalborg por eles denostada. Pois nese 73 o Goberno franquista aconsellaba ó concello que solicitasen outro trazado prá autopista que hoxe cruza a ría cunha deshonesta ponte causante do impacto ambiental que aquel goberno quería evitar, á par que se definía pola eliminación das industrias asentadas nesa gehena particular, inferno pontevedrés, causante de problemas de convivencia e de non poucas enfermedades.

Pontevedra, 22.02.2014
Entrada n. 1742 do blog.


Gehena pontevedresa,
por Xesús López Fernández

A fotografía abonda prá definición do lugar e morte desta ría, un sistema sensible de augas case-entrópicas malferidas dend´o ano 63 e posteriores. O que era un mar de vida, o mellor banco de ameixas de Galicia (de croques, longueirós, ostras) é actualmente unha gehena de deseño, especie de inferno particular pontevedrés. En relación con Elnosa e a requerimento de Salvemos Pontevedra, como se indica na entrada anterior a este post; en relación coa sentencia alí comentada da Audiencia Nacional que ordea incoa-la cancelación da concesión que, curiosamente, Elnosa non aportou no procedemento agora concluído, algo parece moverse na Xunta.

Cando pasou o día dunha primeira aproximación á noticia parece como se non tivese ocurrido nada, pois non foi nova de nengún informativo televisivo, nen das diversas camadas político-administrativas, como se a mafia estivese a dictare certos comportamentos. Parece se salva o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que trae ó seu discurso o tema da AAI (autorización ambiental integrada) outorgada a Elnosa, que non sería posible sen concesión (que presuntamente non existe). De tódo-los xeitos parece que o traslado da fábrica da Elnosa portuguesa está xa pactado, según os discursos do conselleiro. Sigue un enlace do Faro de Vigo, que parece é o medio que mellor informa nesta hora crucial na que unha Xusticia demorada parece non está morta de todo. ¡Cántos anos, Deus, prá súa definición!

Faro de Vigo, 22.02.2014  La Xunta vincula la autorización ambiental a Elnosa a la vigencia de su concesión. 

viernes, 21 de febrero de 2014

Salvemos Pontevedra i Elnosa

A Audiencia Nacional ven de dictare unha nova sentencia, contra o Goberno e máis Elnosa, a clorera que pervive nas marismas de Lourizán a pesar de ter sido contestada e de existir constancia da súa forza contaminante e dos problemas xerados en contra do medio ambiente e da saúde humáas.

Pontevedra, 21.02.2014
Entrada n. 1741 do blog


Salvemos Pontevedra i Elnosa,
por Xesús López Fernández

A noticia apuntada a pé de foto aínda non está dixerida polos diversos medios. Sí apareceu hoxe no Faro de Vigo, en La Voz de Galicia e máis no Diario de Pontevedra. Pero non aínda en El País, en El Mundo, onde se agarda traten a información que coido tamén se lle "escapou" ós diversos medios de radio e televisión, Radio Pontevedra incluída, o que non resulta de extrañar nun país onde son a Guarda Civil e a Policía Nacional as presuntas defensores da Democracia, pró que nalgús casos teñen que entraren en non poucos despachos oficiales pra se levare arquivos, computadoras, información de correos, expedientes de obras. Unha vergonza.

Salvemos Pontevedra naceu hai uns once anos e dend´aquela leva incoado unha serie de procedementos centrados fundamentalmente na defensa de Lei de Costas, na súa aplicación. E denunciando ante a Xusticia as omisiós e ninguneo sistemáticos da Administración, das distintas Administraciós, que deberían entraren de oficio nos casos que Salvemos Pontevedra leva promovidos.

Desta volta son xa cinco ou seis as sentencias promovidas por este colectivo no exercicio da acción popular recomendada pola Constitución e tamén pola Lei de Costas.

Enlaces:
Faro de Vigo, 21.02.2014. A Audiencia Nacional insta o cese de Elnosa. 
La Voz de Galicia, 21.02.2014.  Audiencia Nacional insta el fin de la concesión de Elnosa.

domingo, 1 de diciembre de 2013

O Convenio de Minamata

 Ence-Elnosa, a morte da ría de Pontevedra. Presuntamente existen motivos como pra eliminare ese inferno que coidamos se mantén pola influencia dos clústers, por intercambios que se poden concretare, talvez, no que se ven denominando "as portas xiratorias". ¿Exemplo? Isabel Tocino foi a primeira ministra de Medio Ambiente, e parece que o fixo ben. Por medio de decreto asinado por ela quedaba determinada a linde do espacio litoral desta ría. O horizonte das fábricas que se aprecian na foto quedaba limitado ó se tratare de dominio público marítimo terrestre. Á senrazón da nova Lei de Costas de Arias Cañete hai que engadire o feito de que Isabel Tocino é, dende hai algús meses, conselleira do Grupo Empresarial Ence, S.A., empresa distinta de Ence, S.A. e que non ten concesión nen licencia municipal.   
 
 Elnosa verte mercurio á ría. Na primeira fase do ESCORP (Estudio da contaminación da ría de Pontevedra) foron cuantificados esos vertidos en máis de 13g por Tn de cloro fabricada; na segunda fase do dito estudio (que estivo agachado moito tempo na Diputación Provincial) estimabase en máis de 17g por Tn. de cloro fabricada. Persoalmente, non tomo ameixas da ría dend´os anos setenta, nen outros moluscos. Aviso: En Pontevedra son varios os casos de nenos nacidos paralíticos cerebrales. ¿Coincidencia ou estamos ante un caso de "portas xiratorias" pra que o poder mire cara outro lado?
Nesta praia, antes de que os políticos traicionasen a natureza, aprendín a nadar nos anos 36/37/38. A que podería ser hoxe a praia de Pontevedra foi convertida, pola traición e presuntas portas xiratorias, en solar no que a morte fai o seu traballo.

Pontevedra, 2.12.2013
Entrada n. 1721
Artículo semanal no Diario de Pontevedra, que vai sobre a problemática do mercurio, o asesino invisible.

 O Convenio de Minamata,
por Xesús López Fernández

            Dend´os anos 50 é mundialmente conocida a enfermedade de Minamata, grave e permanente, orixinada polo mercurio, veneno que actúa como neurotoxina e que chega alterare a capacidade sensorial en mans e pes, a deteriora-los sentidos da vista e do oído, i en casos extremos a desembocare en parálisis e morte. O metilmercurio desencadeante do drama humán alí producido se concretaba, antre o 1953 e o 1965 en 111 víctimas e máis de 400 casos con problemas neurolóxicos, e nais que non presentaban nengún síntoma deron a luz nenos gravemente eivados. Cando se detectou o mal, no 1956, morreron 46 persoas. Mascotas e paxaros volvianse tolos. E sóo no 1968 o goberno xaponés anunciaba oficialmente que a causa da enfermedade era a inxesta de peixe e marisco contaminado polo mercurio librado polo esgoto da empresa petroquímica Chisso, que realmente comezara a vertere xa no 1932.

            No ano 2001 ían diagnosticados 2955 casos da enfermedade de Minamata, dos que 2265 tiñan vivido na costa do Mar de Yatsushiro. Os afectados poden agora demandare compensaciós económicas e axudas pra gastos médicos e, pra minora-la preocupación da xente, o goberno xaponés ofrece exámenes médicos ós habitantes da área afectada. Peza decisiva na difusión do drama foi a reportaxe gráfica de W. Eugene Smith. O mundo está así máis enterado e temeroso da presencia silenciosa do mercurio que por cursos fluviales e correntes mariñas aparece incluso no Ártico. Pola vía trófica, os grandes predadores mariños son os que máis Hg acumulan, presente tamén na grasa de pingüinos e osos polares. E nos homes, curiosamente, os españoles estamos presentes no ranking, cunha cifra do neurotóxico en sangue superior en 6 ou 10 veces á dos alemáns e norteamericáns. En España, os estudios foron efectuados polo Instituto de Salud Carlos III, sobre 1900 voluntarios. Un factor de riesgo pode se-lo alto consumo de peixe, 43 kg/ano, especialmente nas mulleres preñadas, xa que pode condiciona-la vida e as capacidades do bebé en xestación.

            Se procuramos facer un seguimento dos lugares marcados no ancho mundo por accidentes relacionados co mercurio faltarianos información pra aclarare o alcance dalgús sabidos, como o de Spolana Neratovice, unha pranta cloro-alcalina da República Checa, que ten prevista a reconversión ó sistema de membrana pró 2015 e ten sido causa de contaminación grave, con impacto na poboación do entorno. O caso de Kodaikanal, na India, onde Unilever mercara unha pranta deslocalizada que ó longo de anos estivo a vertere mercurio e cristal contaminado nunha escombreira. Cerraría  no 2001, denunciada por Greenpeace e por organizaciós cidadás, ademáis de obreiros que traballaban na fábrica, sen calzado, sen ter sido advertidos do peligro que corrían, tanto que, espalládo-los escombros por unha amplia zona; obrigada a empresa á oportuna descontaminación, aínda a día d´hoxe está por completare. 

            Poderiamos traer aquí máis casos que, curiosamente, teñen parecido perfil: que se deron e dan en países en fase de desenvolvemento, nos que parece que contaminar non está penado. ¿Don diñeiro?. Pero non hai dúbida de que, na arrancada da conciencia planetaria de que o mercurio debe desaparecer das nosas vidas está a gran traxedia de Minamata; daí que o Convenio en principio acordado por uns 140 países, fose firmado o xoves 10.10.2013 na cidade de Kumamoto, no sur do Xapón, como primeiro acordo internacional pra mingoa-lo comercio de mercurio e prever novos danos prá saúde e o medio ambiente. A firma levouse a cabo nun congreso avalado polas Naciós Unidas e prohibe o tráfego de productos que conteñan un certo nivel de mercurio. Agárdase que o pacto funcione a partir do 2016, unha vez sobardado o requisito da súa ratificación por máis de 50 países. Os delegados presentes na firma do convenio comprometéronse a axudare económicamente ós países que precisen de apoio financieiro pra rematare coas súas emisiós de mercurio.

domingo, 24 de noviembre de 2013

A RESILIENCIA

Cando foi do Prestige, o chapapote emporcou gran parte do litoral europeo, especialmente ferida a beiramar galega. Viñeron incluso xentes do Extremo Oriente, que se enfundaron de branco, pra así formaren daquela un especial exército de salvación, plétora de capital social. O artículo d´hoxe vai sobre resiliencia, que no meu dibuxo, pensado como unha instantánea da loita dos voluntarios, quer representare esa capacidade que pode te-lo home prá restauración, en casos como o do Prestige, do equilibrio ecolóxico; prá recuperación tamén do capital social, unha orquesta perfectamente afinada prá salvación. Pero en certos lugares da nosa xeografía (marismas de Lourizán habemus) son os políticos os que non exercitan a resiliencia que debería culminar coa execución de certas sentencias dictadas polo TS, consecuentemente á resiliencia exercitada, vía acción popular, polo colectivo veciñal prá Defensa da Praza dos Praceres e pola asociación ecoloxista Salvemos Pontevedra. Os políticos, sabedores do que fan, manteñen a súa traición. Son pecadores, representantes dun Goberno embridado pola corrupción. 

Pontevedra, 25.11.2013
Entrada n. 1720 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra


A resiliencia,
por Xesús López Fernández

            Á fin apareceu “A situación do Mundo 2013”, do World Watch Institute que, anunciada a súa presentación polo mes de Abril, foi editada no pasado mes de Outono. A folla de ruta da nova edición está centrada no tema da sustentabilidade, se ben cuestionada desta volta. ¿Aínda é posible a sustentabilidade? Ese é o debate presentado este ano, contrario, parece, ó que a edición do pasado ano brindaba como unha especie de paradigna, “cara unha prosperidade sustentable”, que realmente non parece estar nada máis que no discurso político, ironizado por algún dos autores do estudio que deron en denominalo como o da “sostenibili-bla-bla-bla”. E sobre a sustentabilidade en España escriben Óscar Carpintero e J. Bellver que no seu capítulo perguntan se aínda é posible a sustentabilidade ambiental da economía española, prá que propoñen un cambio de modelo porque temos crisis no eido económico, sí, pero tamén no ecolóxico e no social, que non parecen asumire a necesaria resiliencia pra afastare os efectos negativos do desenvolvemento pasado, tamén do presente.

            A palabra resiliencia, que os citados autores non citan, pero que acae prá serie de cuestiós que propoñen e aparece no libro non menos de 44 veces, ven do verbo “resilio, resiliri”, saltar cara atrás, rebotar, e ten hoxe variada polisemia, trascendida dos ámbitos da física e da enxeñería ó da psicoloxía, pra defini-la capacidade do ser humán pra se recuperare ou sobrepoñer, ou pra asumire situaciós complicadas. Pero a palabra comézase a usar tamén en campos tan dispares como a ecoloxía, no sentido da capacidade dun ecosistema prá recuperación da súa propia dinámica cando ten sido alterada por causas externas: urbanismo litoral, agresión ó terreo demanial, a construcción de infraestructuras monstruosas, recheos indebidos, contaminación, que tamén afecta á clase política non atenta, a do discurso da “sustentabili-bla-bla-bla”, falta de vigor á hora de asumi-la salvadora resiliencia.

             Si en ecoloxía a palabra ven se-la capacidade das comunidades de soportaren, de adaptárense e de se recuperaren a perturbaciós do medio ambiente adquirindo novas ferramentas; en psicoloxía define a capacidade das persoas ou grupos de se sobrepoñer á dolor emocional pra segui-la súa vida, saíndo ademáis enfortecidos da dita experiencia; en socioloxía é a capacidade dos grupos sociales pra se sobrepoñeren ós resultados adversos, de reconstruiren os seus vincallos internos, de recupera-lo capital social tantas veces analizado por Francis Fukuyama. Tamén na clase empresarial entra a resiliencia como a capacidade do emprendedor pra supera-los atrancos que poidan atrica-lo seu plan de negocios, o seu proiecto a emprendere, etc. I en dereito, a resiliencia ven se-la capacidade das persoas, dentro do marco xeral dos dereitos humáns, de recupera-lo pulso do Estado de dereito, ás veces contrariado, esquizofrénicamente, por actitudes de forza do propio Goberno.    

            Con desemprego rampante e dependencia exterior; cun sector público extremadamente fráxil e sinalado moitas veces como causa primeira dos males da nosa economía; cun benestar deficiente, con gasto social notablemente inferior ó de Alemania, Francia, Suecia ou Dinamarca, reverti-la tendencia negativa denunciada vai requerir grandes esforzos. Cortos en inversión en I+D parece obrigado un esforzo certo, pero pensado sobre todo na finalidade do mesmo máis que no incremento necesario…. As múltiples dimensiós (económica, social, ecolóxica) nas que se manifesta a crisis, a todas luces sistémica, require da actuación en diversas frontes i escalas e pode se-lo comezo dunha arrancada na recuperación ambiental, na medida na que estamos abocados a un cambio de modelo, centrado o futuro nun retorno certo a modelos productivos respetuosos coa ecoloxía, da que o home forma parte. Coas ideas claras poderianse atallar non poucos dos problemas existentes, especialmente no eido da alimentación e da sanidade; coa resiliencia como pauta de actuación.     

domingo, 17 de noviembre de 2013

O caso Prestige, sen culpables

 O buque Prestige afúndese. Hai agora 11 anos. E resulta que non hai culpables.
Visión abstracta da loita dos voluntarios que chegaron de todas partes, marea branca contra a marea negra do galipote ou chapapote. Queda o pouso da enxurrada na que se convirteu a xestión oficial en torno ó Prestige, agora rubricada pola sentencia xudicial: "Non hai culpables". Pero sí un claro desprestixio da Administración e alcatrea. De coña.  

Pontevedra, 18.11.2013
Entrada n. 1718 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra.

O caso Prestige, sen culpables,
por Xesús López Fernández

            Aduviñabase cal ía se-lo sentido da sentencia do caso. E agora, todos engrescados, a encirrárense pra demostrare quén é máis rotundo á hora de se sentir abraiado polo fallo xudicial que deixa a maior catástrofe medioambiental que lembra o país sen culplables máis alá da condena mínima de nove meses pró capitán Apostolos Mangouras, o único ó que se lle reconoce responsabilidade penal. Desta volta parece que os partidos todos están en desacordo coa sentencia e incluso o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, parece o máis afoutado cando afirma que alguén debe pagar que unha chatarra flotante producira o desastre ambiental vivido polo noso litoral, cun tremendo coste económico prás arcas públicas, aínda que confíe nos posibles recursos do fiscal e do avogado do Estado, no prazo de cinco días; ou na decisión que poidan toma-los letrados da Xunta, que  estudian outro posible recurso. Algún xurista xa se pronunciou no sentido de que non ve viable o recurso en casación ó quedar definido que, máis alá de Mangouras, non hai responsabilidade penal.

            Á marxe da definición que da sentencia fan algús partidos (bananera, lamentable, socialmente inxusta), a organización ecoloxista Greenpeace di que aquela non inclúe a tódo-los culpables, que os intereses petrolíferos continúan vixentes e impunes e lembran que, na actualidade, “hai trinta compañeiros encadeados en Rusia” por teren realizado esta mesma reivindicación. É máis, consideran que se trata dunha sentencia pra cubri-lo expediente que non vai evitar que outro Prestige resulte posible. E afirman que a marea negra, que comprometeu case 2000 km. de costa, foi causada, ademáis de polas carencias na responsabilidade no transporte marítimo que, hoxe en día, siguen a protexeren os intereses da industria petroleira, ós fallos e neglixencias institucionales á hora de tomar decisiós dende que o Prestige lanzou o 13.11.2002, hai once anos, o sinal de socorro.  

            Sigue a deci-la asociación ecoloxista que “este proceso demostra que os culpables públicos non pagan, que as empresas culpables non pagan e que non se fai xusticia cando se trata de defende-lo medio ambiente ou ás persoas”, afirmación ésta do responsable da campaña Enerxía de Greenpeace España, Raquel Montón. E conclúen a súa declaración no sentido de que a decisión de alonxa-lo buque da costa foi un dos maiores erros cometidos; que a información ofrecida polas distintas administraciós á poboación foi escasa, insuficiente e, ás veces, falsa. E non foi dabondo valorada a dimensión ecolóxica do siniestro, a última das tres principales causas da neglixente xestión do accidente. A esa inmadurez da Administración en materia ambiental hai que engadire o feito de que “a industria petroleira aproveita os recursos naturales, pero non se fai responsable das consecuencias derivadas da súa actividade económica”.

            ¿Estaba destinado o buque a se afundir no noso litoral, procurouse  o noso mar como destino final? No fallo afírmase que “todos sabían que non era un buque novo, pero que os acusados nen sabían nen podían saber das graves deficiencias que o abocasen a un naufraxio”. É decir, indefinición das causas do acontecido, menos cando se fala das malas condiciós do buque según afirma o maxistrado. Non se poden conocer con seguridade as causas do accidente. E nas súas conclusiós destaca a dificultade de atribuir responsabilidades precisas e a posibilidade de ter investigado polo miúdo algunhas cuestiós do accidente do Prestige. Se a propietaria, sabedora da mala situación do buque, decideu que este navegara ocultando as deficiencias do buque, débese entender que o capitán tamén era conocedor desa situación. “Ninguén pode nega-lo fallo estructural, pero non se pode decir por qué se rexistrou” nen tampouco cal foi o definitivo fallo estructural. Once anos despois do drama ecolóxico, prodúcese unha sentencia longamente agardada e, pra moitos de nós, incomprensible. ¿Pero lexislouse pra que outros buques con carga peligrosa non pasen polas nosas costas? ¿Está a Administración alerta ou son posibles novos Prestiges? Algo terá que lexisla-la Administración se quere que creamos nela.       

miércoles, 6 de noviembre de 2013

O LUCRO CESANTE NA RÍA DE PONTEVEDRA

A queren disfrazare de discoteca, pero a pasteira sigue matando a ría co consentemento permanente dos políticos traidores que non entran no tema medioambiental nada máis que pra algún que outro discurso de mentira.  Nos tres partidos representados en Pontevedra.

Pontevedra 6.11.2013
Entrada n. 1716 do blog
Artículo publicado no n.15 da Revista da Asociación de Veciños de San Roque, publicada nos últimos días do pasado mes de Outubro.

 O lucro cesante na ría de Pontevedra,
por Xesús López Fernández

            Poderiamos buscar antecedentes históricos, entrar no testimonio dos estudiosos sobre o que foi a ría de Pontevedra, a riqueza do caladoiro que abranguía o espacio antre a desembocadura do Lérez e as illas de Ons e Onsela, pero este vai ser un simple artículo, unha especie de instantánea do que aquí vai quedando e da riqueza perdida, o lucro cesante que dá título ó presente traballo e que ven sendo o resultado da involución programada talvez dende algús centros de poder que xa non teñen nada que ver coeste mar que hai non poucas xeneraciós conservaba moitas das súas características, era perceptible aínda como ecosistema có que o home convivía, base importante do condumio dunhas cinco mil familias, capital social en estado puro.

            Dun libro de Juan Juega Puig, “El comercio marítimo en Galicia, 1525-1640”, editado pola Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, recollamos, en corto, a mención que fai, no capítulo 5, do Comercio e Pesca na Ría de Pontevedra (5.1. Cercos e Trincados, 5.2. A Coiuntura Pesqueira, 5.3. A comercialización da pesca, 5.4. Cargadores de sardiña).Trátase realmente dun libro enciclopédico, case un libro pra soñar. Citemos, simplemente, que cando se introducen as artes colectivas na ría de Pontevedra, no outono do 1484, a documentación existente recolle tamén a ofensiva legal capitaneada polos arzobispos composteláns, cara reservare prá vila e porto de Pontevedra a totalidade da actividade pesqueira, da salazón e comercial que se desenvolva neste caladoiro, feito éste de monopoliza-la actividade toda da ría en beneficio dun único porto que resulta excepcional. 

            Xa digo, tempos pra soñar, porque a Pontevedra d´hoxe en día pouco ten que ver coa que foi, talvez,  principal porto pesqueiro de Galicia a comezos do século XVI. Podemos incluso decir que con cada nova camada política, a cidade é de cada volta menos mar, máis vila de secano. I esa degración avanza por ambas bandas da ría, traducíndose algunhas das actuaciós (desecación, recheos, actividade industrial que habería que deslocalizar, infraestructuras innecesarias ou a demencial construcción dun polígono industrial no porto de Marín) na morte case final da ría, algo máis grave que o acontecido na bahía de Alxeciras, o depósito de grandes bloques de cemento con “agullas” pra acabare co medio de vida dos mariñeiros daquela costa. E aí sí falou Rajoy de atentado ó medio ambiente, como tamén o señor Arias Cañete, o promotor da nova Lei de Costas que tenta desnaturalizare a do 1988, unha magnífica lei que ademáis contemplaba o litoral como un espacio finito.

            ¿Sería moito pedirlle ó Goberno central un plan de rexeneración da ría toda, a recuperación do litoral? ¿Non están acometendo nos EEUU a recuperación dos Everglades, na Florida? Traballo de rexeneración costosísimo, estou convencido de que aquí resultaría todo máis facedeiro, coa particularidade de que a rexeneración en grandes zonas terían que acometela os xa sentenciados polo TS. A Xusticia xa falou e non deberiamos consentir que nengún grupo de presión siga impoñendo o seu Diktatt, o do seu continuo beneficio, como cando din que, a pesar da crisis, o porto de Marín aumentou a súa actividade un cinco por cen no ano 2012; como cando a fábrica de pasta tamén cifra os seus beneficios ou a venta da enerxía obtida a partir dunha pranta de coxeneración prá que, presuntamente, carece de concesión estatal ou de licencia municipal. Falan dos seus beneficios, pero non tocan o tema do lucro cesante, no que entramos a seguido:
           
            Pode haber nervios en relación co auto do TSXG ordeando a execución da sentencia do TS de retira-los recheos portuarios de Marín, 300000 mt2, unha forma de desnaturaliza-lo medio natural e de arruina-lo capital social con el relacionado. Curiosamente, a alcaldesa de Marín defende os recheos, os empresarios e portavoces da Autoridade Portuaria din que o importante é salva-los postos de traballo que se poidan ter xerado a costa desa actuación criminal, de arruina-la riqueza da ría. Menos mal que os Defensores da Praza dos Praceres mantiveron a súa vontade profética ferreña, o exercicio da acción popular pra acadare, á fin,  unhas sentencias esperanzadoras en relación cos recheos e o ferrocarril que debería levar tempo levantado; en relación tamén con empresas non relacionadas co mar prás que os iluminatti da Autoridade Portuaria arranxaron  solar contra natura. Pero, curiosamente, ninguén da trama portuaria (peores que os xibraltareños) tivo presente a perda da economía real da ría, o lucro cesante do que imos procurare algunha definición i exemplo.

            O lucro cesante é unha forma de dano patrimonial que consiste na perda dunha ganancia lexítima ou dunha utilidade económica, que se tería obtido se a agresión, neste caso medioambiental, non se tivese producido. É, polo tanto, o que se ten deixado de gañar e  se tería gañado de non ter acontecido o dano, os danos na ría de Pontevedra, que podemos contabilizar dend´a desecación das xunqueiras, o urbanismo non pensado, o estreitamento da ría, o asentamento de industrias contaminantes,  recheos, unha edar en principio sentenciada,  etc.  Se falamos do precio do marisco, do peixe, dos moluscos, ó mellor poderiámonos achegar a unha aproximación máis didáctica, porque é sabido que políticos e sindicalistas subvencionados, nas comidas de traballo, presuntamente pican alto e o marisco non pode faltar. ¿Pero qué garantía hai hoxe dunha depuración certa das especies que mal resisten e que, no caso de Pontevedra, poden ser portadoras de dioxinas ou  mercurio, ou mesmo hai tempo que desapareceron? 

            É que hai cousas ás que lle perdémo-la perspectiva co paso do tempo. Pero uns traballos do xa citado Juan Juega Puig, publicados no Faro de Vigo, válennos pra comprendere a que foi a nosa realidade, a fartura do noso mar. Así, o 31.12.2012 publicaba un traballo titulado “Una delicatessen: ostras en escabeche”, das que a familia real era, no século XVII, unha das demandantes deste exquisito prato saído das Rías Baixas. ¡Si aquí había ostras incluso por riba da ponte de Burgo! Os bancos de Ponte de Santo Paio e Redondela, pola extracción masiva, foron sometidos a control, non fose que non se puidera atende-la demanda real. O artículo é longo, e o home tratou outros temas en traballos posteriores como “Las cuaresmas y vigilias, tiempo de sardinas”, que vai da abondancia de sardiñas da nosa ría, falta hoxe tanto das setembriñas, propias pra arencare, como das de inverno, etc. Outro estudio vai das artes de pesca que precederon á mecanización, ilustrado cunha fotografía de comezos do século XX, na que se aprecia a descarga de numerosas banastas cheas de croques ou ameixas, un dos lucros cesantes desta hora,  no peirao de Carrascal. E poderiamos seguir cos cercos, entalladas ou camboas, artes prá captura de peixes.

            A retirada dos recheos portuarios sentenciados é posible, case fácil, valéndonos da avenida de Marín hai pouco mellorada por Ana Pastor en servicio da Autoridade Portaria. Por ela poderíanse retira-los os recheos, mesmo os de Ence, con destino, talvez, á “reposición” de tantísimo monte desnaturalizado por sobreabuso de canteiras. Maxino caravanas de camiós de gran tonelaxe.  A riqueza apuntada polo amigo Juega, o lucro cesante desta ría, sería recuperable, pensando tamén na rexeneración das xunqueiras. Se os mariscos e moluscos acadan un sobreprecio nos restoráns de elite, as Rías Baixas, coidadas, poderían sere a gran factoría, ó tempo de marcaren o rumbo cara unha nova economía, coa Natureza como gran productora. A ver se co tema de Xibraltar o Goberno da nación vólvese máis sensible e dá orde de executa-las sentencias firmes existentes, porque o aquí acontecido parece máis grave que o acontecido en Xibraltar.  

6.11.2013.Addenda ó traballo publicado: Como remate final da retirada dos recheos poderiase recoller, como unha alfombra, a propia autovía de Marín, en definitiva un recheo máis no demanio, ocupación deshonesta do mar.


martes, 29 de octubre de 2013

O Profesor Bermejo e o Equilibrio Esgazado

O profesor Don Francisco Bermejo Martínez exerceu o maxisterio na súa cátedra da Universidade de Santiago dend´o curso 1951/2 ata a súa xubilación. Os últimos anos da súa vida dedicounos ó estudio da contaminación de Galicia e á Ecoloxía. A el vai dedicado este artículo que coido non ha se-lo único. 

Pontevedra, 29.10.2013
Entrada n. 1714 do blog
Artículo semanal previsto pró 28.10.2013. 

 O Profesor Bermejo e o Equilibrio Esgazado,
por Xesús López Fernández

            No ano 1994 editouse “El Equilibrio Roto”, do profesor Francisco Bermejo Martínez, no que se recollían unha serie de artículos da súa autoría, un deles co título, precisamente, que agora se daba á publicación de El Correo Gallego, promovida polo Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela. Non é parte menor no libro o prólogo que fai Xerardo Estévez Fernández, o daquela alcalde e presidente do Consorcio da Cidade de Santiago, que comeza por se referir ás cidades como realidade viva e presente á par que espacios prá memoria, porque a conciencia cidadá, en gran medida, constrúese co pouso que moitas lembranzas, compartidas por un gran número de persoas, van creando; conciencia social evidenciada nunha certa manifestación espiritual de urbanidade que nos fai sentírmonos psicolóxicamente partícipes dun mesmo espacio e sentimento de identificación.

            Alá polos noventa conocín ó profesor e sei do seu compromiso coa Ecoloxía, algo que Xerardo Estévez confirma cando fala da súa preocupación polo presente das cousas e de cómo o seu interese concentrouse nunha cuestión tan trascendental como a problemática medioambiental, ata o punto de que as súas opiniós e peocupaciós eran, en gran medida, unha aposta polo futuro. A recadádiva dos artículos recollidos na edición que comentamos, a súa lectura, faise recomendable especialmente prós políticos con mandiño que falan de pseudoecoloxía; permitiríalles entrar de novo en contacto cun pensamento vivo, cunha preocupación presente nas asociaciós que, pola vía da acción popular, non dubidan en denunciaren situaciós extremas acaídas polo abandono dos gobernantes dos seus deberes como vixiantes da natureza; como se os partidos todos perderan a virxinidade en materia ambiental. Non apostan pola rexeneración que tentaba promove-lo prof. Bermejo.

            O Decano da Facultade de Químicas da USC, Juan Manuel Antelo Cortizas, fai tamén, na presentación do libro, un estudio do currículum do prof. Bermejo, do que chega sinala-la súa “valentía” por ser pouco habitual no mundo científico a utilización dos medios de información pública pra expresare dun xeito inmediato a opinión sobre temas ambientales conflictivos. E así, varios dos artículos do profesor son os únicos públicados sobre algún dos temas analizados, pois no mundo académico rara vez se vai máis alá da exposición de declaraciós de principios en sentido amplio. I é frecuente refusa-la publicación de artículos de opinión sobre catástrofes marítimas onde poida haber presencia de productos químicos contaminantes, ou sobre problemas de desgarro ecolóxico derivados da instalación de industrias sucias. O traballo informativo, divulgador, levado a cabo polo profesor Bermejo; a súa autorizada opinión bateu sempre contra os intereses dos clústers que nalgún momento  acometeron un labor soterrado pra aillar ó científico que denunciaba situaciós intolerables.

            Pontevedra é un dos espacios onde se dan situaciós límite que o prof. Bermejo conocía ben. Hoxe parece non haber volta na recuperación ambiental da ría, de cada volta máis traicionada. Os temas Ence-Elnosa, a edar d´Os Praceres, os deshonestos recheos portuarios e novas invasiós do cauce do Lérez, o ferrocarril a Marín, a propia autovía ó servicio da Autoridade Portuaria, nalgús casos sentenciados polo TS, son asuntos nos que os políticos simulan non ter poder de decisión no seu permanente xogo coa mentira…. Hoxe, cando se anuncian novos e inadmisibles pactos prá entrega da ría, do que foi ría, ós clústers, carecemos do aval de homes que, como o prof. Bermejo, avisaron do mal con total independencia. Hai que volver sobre o seu testimonio e sobre o acoso do que foi víctima, ata o punto de que tentaron invalidalo pola súa denuncia do peligro representado pola nube tóxica nacida do Casón na madrugada do 10 ó 11 de Decembro do 1987. O vento, na ocasión do Este, foi providencial prá vila de Fisterra, según o profesor denunciou daquela, claramente.       

domingo, 1 de septiembre de 2013

GALICIA, DE NOVO O LUME

O lume de Ribeira, no Barbanza, comezou a partir de cinco focos, a ambos lados da autoestrada. Foron localizados artefactos incendiarios.    
 Lume en Nogueira de Ramuín, onde a crueldade cebouse no cañón do Sil.  
 Lume en Oia, un dos que máis hectáreas arrasou. 
Galicia chora despois do incendio devastador das Fragas do Eume, o 1.04.2012, co protagonismo principal da árbore gasolina, do eucalipto. Algún directivo prometeu daquela a erradicación desa árbore da zona. Promesas. Nada máis, que o lume pode ser provocado mesmo pra potencia-la presencia do eucalipto, como se sabe acontece, o que resulta rentable pra certos bastardos intereses. 

Pontevedra, 2.09.2013
Entrada n. 1705 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra

Galicia, de novo o lume,
por Xesús López Fernández

            O mes de Agosto cerrou cunha serie de grandes incendios na nosa terra: o lume visítanos de novo e reitera o seu brutal e conocido protagonismo. Son moitos os lumes que arrancan dende diversos focos e coa axuda de artefactos incendiarios, dispostos moitos montes de Galicia como grandes piras, bouzas acrecidas polo abandono existente que fan doado o traballo dos presuntos traballadores inducidos da mafia incendiaria. Nesta hora parece que sí hai unha protesta xeneralizada, un clamor das comunidades de montes que ata o dagora non mostraran unha actitude clara pró cambio da forestación da nosa terra, prá posta en valor dos nosos montes, ós que tamén hai que lle procurare outros usos no eido da gandería extensiva. Galicia sería outro país; podería ser incluso a reserva proteínica de Europa, mais pra eso habería que cambiar de política, findar dunha vez coas subvenciós do abandono das terras de labor á par que coa potenciación dunha reforestación irracional.

            Estamos fartos de oir discursos políticos á baixa en relación coa peste incendiaria, que parece minimizan coa noticia de que, de momento, van 1500 incendios, “se ben nos esperan meses complicados”. ¿Pero é que necesitamos tanto tempo pra reaccionare e acabar co lume forestal pra sempre, cando é sabido o claro protagonismo das árbores pirofíticas coas que se fixo unha prantación masiva na nosa terra? Se os bombeiros californiáns lle chaman ó eucaliptu a “árbore gasolina”, por algo ha ser. Hoxe seguramente  han lamentare o feito de ter prantado no seu chan nada menos que 42 especies desa árbore australiáa. Aquí, en Galicia, fomos tamén víctimas da prantación masiva de piñeiros radiata e, sobre todo, de eucaliptus,  cos que ocuparon os montes galegos, privados así pra outros usos. Como que esas prantaciós foron a presunta causa do maior éxodo emigratorio da nosa terra.

            ¿Pero é que non pode haber un discurso máis intelixente prá posta en valor dos nosos montes como fontes de riqueza e de traballo, de salvación de aldeas, de fixación de poboación? O eucaliptu expándese co lume e despois de cortado téñense contabilizado máis de vinte mil renovos de cepa por hectárea incendiada. Se no 1989 se contabilizaron máis de 15000 incendios (incluso no mes de Outono ardían os nosos montes ou se recollían nos montes de Carnota numerosos artefactos incendiarios), no ano 2006, preñádo-los montes de biomasa, enormes bouzadas, o efecto do lume foi quizaves máis arrasador, que algún deles debeu ter vinte kilómetros de longo, como que hai montes aínda non recuperados, daquela asustados e co chan totalmente mineralizado. E os incendios destos últimos días (o de Oia-O Rosal-Tomiño, o de Barbanza-Ribeira, os de Lousame, Boiro, Nogueira de Ramuín, Cualedro, Navia de Suarna, etc.), denotan un protagonismo incendiario activo.

            Sábeme a pouco a presentación de 2500 sinaturas dunha chamada “Asamblea galega contra o lume” no rexistro xeral da Xunta, en apoio dunha nova política forestal que evite os incendios. A asamblea está formada por máis dunha ducia de colectivos ecoloxistas e sindicatos que teñen como obxetivo denunciare  que o lume nos montes galegos “non é unha cuestión puntual”, senón que corresponde a unha política forestal que non cumpre os seus obxetivos, según explicou Miguel Anxo Abraira, da plataforma na Defensa das Fragas do Eume: “Abonda con decir que nos últimos 25 anos ardeu máis da totalidade do territorio galego, como mínimo unha vez”. Non se resolven as cousas con ter aviós ou helicópteros, que ó mellor non serían necesarios con outra política forestal distinta da que conleva a simple producción de madeira barata pra moer ou queimar; que tamén conviría a promoción da multifuncionalidade do monte e coidado das súas funciós ecosistémicas (biodiversidade) e sociales; tamén “a limitación (eu diría eliminación) das especies pirofíticas ou alóctonas e promovere unha silvicultura preventiva e sustentable”.

viernes, 30 de agosto de 2013

O FISCAL ENTRA NO TEMA DOS RECHEOS DE XIBRALTAR

Alegrémo-lo post con estas viñetas. E ten razón Caín, en La Razón, coa definición que fai dos políticos que sobreviven ós seus logros. É decir. ós seus fracasos ou mala sementeira. Corrupción, en suma, estimable tamén na cuestión de Xibraltar.   

Esteban, en La Razón, con outro chiste maxistral, aínda que pensado pró holocausto que están a programaren pra Siria, pero que tamén vale pró caso de Xibraltar. ¡Vaia que se están no telediario! Pero vanse conocendo as miserias da súa gobernanza. 
Bonita fotomontaxe. Xibraltar, descolonizado gracias á Lexión. Restaurada a marca España.

Pontevedra, 30.08.2013
Entrada n. 1704 do blog
Traballo xa inserido en Pontevedra Viva o 20.08.2013

O FISCAL ENTRA NO TEMA DOS RECHEOS DE XIBRALTAR,
por Xesús López Fernández

domingo, 25 de agosto de 2013

XIBRALTAR, TEMA ENCANALLADO

Montoro, en La Razón. A senrazón de Xibraltar pode mesmo estar censada en Sotogrande. Non sería mala cousa depositar bloques con "agullas" na entrada dalgunhas das residencias. Digamos aquí tamén que, mentres Rajoy acababa co seu tempo de vacaciós facendo un paseo-marcha con cen dos seus polas sendas de Ponte Arnelas, cada cinco minutos dese tempo entraba en Xibraltar un camión con rocalla camuflada, pra agrandaren a superficie da colonia. Cando se goberna non hai tempo pra pasear. E lembremos o caso máis grave dos recheos da ría de Pontevedra, un recordatorio constante neste blog.

Pontevedra, 26.08.2013
Entrada n. 1703
Artículo semanal, no Diario de Pontevedra 


Xibraltar, tema encanallado,
por Xesús López Fernández

            Dende que o señor Picardo, que ven sendo o alcalde e non outra cousa da colonia de Xibraltar, tivo a idea de depositar setenta bloques de formigón, con agullas, nas augas da bahía de Alxeciras, o home consigueu diversas cousas, fundamentalmente compromete-la economía das xentes que viven da pesca, profesión esforzada,  naquelas augas sobre as que Xibraltar non ten xurisdicción. Pero a colonia inglesa vive depredadoramente a costa de España, como se o noso país fose realmente a colonia. Resultado, que os residentes na Rocha son, no gran mundo, os terceiros individuos en renta per cápita, anque moitos deles vivan en Sotogrande, onde teño visto amarrados moitísimos iates, todos con folio xibraltareño.  ¿Qué significa éso? Ademáis da deslocalización fiscal que eso poida conlevar, pode que sexa tamén nese enclave de luxo onde disfruten dos peixes e moluscos que os pescadores obteñen na bahía alxecireña.

            Contra a recomendación da ONU Xibraltar sigue sendo colonia e non se aduviña o momento no que España poida recupera-la soberanía daquela praza prá que o señor Picardo parece ter un plan de crecemento, expansionista cara o Levante. Daí os recheos que, con area do sistema dunar tarifeño, e con rocalla, estea a ocupar, polo este, un mar que non lle pertence. ¿Pero pra ónde estaba mirando o Goberno español? Interquinencias prás xentes, inspecciós, na fronteira coa colonia inglesa. ¿Pero cómo se explica que cada cinco minutos estivera entrando un camión de gran porte pra acrecenta-los recheos, alonga-los espigós nos que están a delimitare o que xa lle chaman “Eastern Bay” ou “Catalan Bay”, tamén “Sandy Bay”, espacio de gran valor ecolóxico? 

            Dentro das vergonzas que van aflorando, como que a denuncia do tránsito de area e pedras dend´o concello de Tarifa foi obra dunha agrupación ecoloxista, Verdemar-Ecoloxistas en Acción, asunto no que vai entrare o Fiscal Xeral do Estado; que un ministro do actual Goberno está presente no accionariado dunha das empresas de “bunkering”, das gasolineiras flotantes, un peligro, que surten ós barcos en ruta; que o Goberno non interrumpeu o tránsito de area e pedras ata o 24.08; antr´esas vergonzas, digo, sí hai reacciós positivas por parte da sociedade española: a movilización da flota alxecireña; a actuación de dous buceadores profesionales, Álvaro Cuadras e Vicente Javier Jiménez, que se solagaron acompañados dun equipo de televisión pra fotografiaren e filma-los famosos bloques, onde deixaron unha bandeira española, símbolo da súa “conquista”. Chamoume a atención ver cómo un deles afundía a man na area do fondo e sacaba nela, pareceume, abundancia de coquinas e ameixas, seguramente as que máis tarde degustan os ricos de Sotogrande/Xibraltar.

            Hai unha certa preocupación antr´os mariñeiros alxecireños, mermada a súa pesca nun 70%. Pero non están sóos. Os mariñeiros d´A Coruña xa contactaron coeles e brindáronlle a posibilidade de presentárense no mar de Alxeciras con 400 barcos. Ése é o tipo de reacción que se está a producire contra as actuaciós piratas de Xibraltar. Unha reacción da marca España que reside nos cidadáns antes que no propio Goberno ó que lle levan colado non poucos goles dende que Moratinos, o que fora ministro “excelso” de Exteriores con ZP, se fotografiou en Xibraltar. Un dos “éxitos” da súa diplomacia foi o de establecer unha mesa a tres –España, Gran Bretaña e Xibraltar— pra tratare os asuntos da colonia. Unha vergonza, algo que debe ser tratado exclusivamente antre os dous países soberáns. E a soberanía española, cando Xibraltar xa non ten valor como base, é algo que España debe reclamar insistentemente, ó mellor intermediada por don Juan Carlos coa súa parente a reina de Inglaterra. Picardo debe retira-los bloques e os recheos. E o Goberno español actuar e que se vexa, que neste como noutros asuntos parece leva tempo ausente.   

viernes, 23 de agosto de 2013

DAS PROMESAS DA CAMPAÑA [27.02.2004]

Éste é un vello chiste de Caín, en La Razón. Pode se-la foto finish de moitos políticos, nun ataque de sinceridade. Ó mellor, o do chiste pode estar xa tumbado na idea da praia de Sandy Bay, no Levante xibraltareño, onde se vai acumulando area procedente de Valdevaqueros, en Tarifa, pirateo continuo dende hai tempo. A viñeta pouco ten que ver co artículo que vou inserir, xa do 27.02.2004, ó que seguramente hoxe, polo menos na súa primeira parte, teríalle dado outro enfoque. Pero, ben pensado, a orondez do persoaxe parece a común de moitos que hoxe curran na Politica, pró mal do país.

Pontevedra, 23.08.2013
Entrada n. 1702
Publicado no Diario de Pontevedra o 27.02.2004

 Das promesas da campaña [27.02.2004],
Por Xesús López Fernández

            Entramos na fase final cara ó 14.M. Os partidos van defender todos as súas razós, a prometeren máis e máis. Máis economía uns, máis educación outros, máis España os que creen te-lo patrimonio da pureza, do patriotismo que negan ós que entenden que pode haber diversas formas de ser español, que hai realmente diversas Españas. E o discurso debería estar referido ás formas posibles de artella-la convivencia antre galegos, cataláns, vascos, casteláns, etc. Porque o discurso patrioteiro pode caer na querencia de esmagar, de alienar, de anula-la riqueza política e cultural do Estado que a propia Constitución defende. Pero xa sabemos que a Carta Magna está pró que está e que non se quer afondare en moitos dos seus puntos que a día d´hoxe permanecen como asignatura pendente. ¿Por qué non unha España federal, piden algús? ¿Por qué non, se no marco constitucional cabe potenciar máis o autogoberno das comunidades autónomas? Pero contra o discurso dos defensores da diversidade está o dos grandes partidos, coa excepción do PSOE catalán, que ten persoalidade xurídica propia como ben acaba de avisar Pasqual Maragall.  [Hai aquí algo de asignatura pendente por parte do PSOE, e do PP tamén, naturalmente]

            Na arrancada do último tramo siguen os protagonismos de Carod-Rovira e de ETA. Un dos feitos que marcaron o “chupinazo” foi precisamente a manifestación contra a organización vasca convocada en Barcelona. Cinco mil asistentes. O PP, o gran ausente. Ó final, todos queren te-la razón, uns por estaren alí; outros precisamente polo contrario, por non se tratar dunha manifestación contra os terroristas, contra os terroristas de ETA, senon pra lexitima-las negociaciós de Perpiñán. De tódo-los xeitos e aínda estando na manifestación xentes chegadas doutros puntos de España, 5.000 persoas alí agrupadas demostran que incluso na sociedade cataláa o acto non tivo moitas adhesiós anque teñan o aval de que ETA non vai matar en Cataluña, de momento. Mete-lo terrorismo na campaña pode ser unha forma de encanallala, de favorece-los grandes discursos dos que sen acertar coa economía, co urbanismo, co medio ambiente ou a política fiscal,  poden conseguir votos pola citada vía sen prometeren esas cousas que farían posible a neutralización do propio terrorismo.

            Porque cando se nos está a falar da construcción de máis e máis casas, de máis burbulla inmobiliaria, non se está a deseñar un futuro sustentable. ¿Qué importa que moitos mozos e mozas vexan xa dibuxado o seu piso se por razós da hipoteca a longo prazo, ou simplemente porque o matrimonio fracasa, ou porque se quedan sen traballo, o apartamento vai acabar volvendo ós seus verdadeiros propietarios, Bancos, Caixas, Financieiras?. No presente de caos que estamos a vivir poden os políticos falar de mellora-la educación, do pleno emprego, da salvagarda do patrimonio, de prima-lo aforro, de baixa-los impostos. Poden todos prometer e aproveita-la escasa marxe de credibilidade que lles queda nunha sociedade que vai cansa e carece da capacidade da resposta que faría falta pra constituíren plataformas cidadáas dispostas a afronta-lo reto electoral, a construíren auténticas alternativas. Porque se non existe unha clara transparencia na forma de gobernar nen tampouco unha oposición digna de tal nome, ¿a qué ven agora en campaña facer promesas que non se van comprir?. Coido que somos un gran número de cidadáns os que non vemos a través da néboa electoral un porto de refuxio, que aquí vaia funciona-la Administración,  que se vaia poñer en marcha unha política de disciplina urbanística real, pra todos; que se vaia esmera-lo coidado do medio ambiente e a sancionar sen piedade os delitos producidos;  que se vaia abolir o Imposto Sucesorio...

            Xa me teño referido a este tema, de gran importancia, porque se non se elimina; ¿pra qué vale terse feito cun certo patrimonio?.¿Pra que a Facenda Galega considere uns valores elevadísimos e os herdeiros se atopen máis indefensos que palestinos ou irakís no medio da guerra que lles colaron, con que poden mesmo non dispór de medios pra acomete-lo pago do dito imposto?. Conozo casos dramáticos e non se entende a calma do goberno cando Enrique Múgica Herzog o defineu como anticonstitucional, algo no que se insiste dende diversos foros. É este un dos temas ausentes na campaña, como tamén o da Ecoloxía, que nun país como o noso, onde o conselleiro de Medio Ambiente acaba de propoñer un pacto ambientalista, non se entende o autismo da Xunta, que parece  non sabe da distinción existente antre os distintos tipos de protección ambiental aplicables a un área natural, a unha zona protexida, a un medio sensible, onde un cisne/ciño enfermou por ter inxerido mercurio. Culpable, a Administración, por non coida-lo medio.   ¿Pero quén se vai lembrar de cousas así no seu discurso?

sábado, 17 de agosto de 2013

XIBRALTAR E A RÍA DE PONTEVEDRA

Foto do Peñón, no ano 2010. Pola zona da esquerda da foto, Xibraltar tenta "facer" unha superficie sobre augas españolas, prá creación dun complexo de luxo: turismo, ocio, amarre de barcos, etc.. O Goberno español di que Xibraltar xa está vendendo ese futuro espacio a razón de 4000 euros por metro cuadrado. ¿Pero, coño, Rajoy, que agora fala de medio ambiente, terá un conocemento real de cómo se fixeron e pra quen os recheos do Porto de Marín, sentenciados? Podemos supoñer que algún dos seus amigos debe estar moi imposto, enterado da trama aquí existente prá que agardamos que algún día se abra a vía penal. Os piratas de Xibraltar, como os de Pontevedra, non poden quedar impunes. Aínda que sexan amigos dos amigos de Rajoy.

Pontevedra, 18.08.2013
Entrada n. 1699 do blog
Artículo publicado en Pontevedra Viva, 10.08.2013

XIBRALTAR E A RÍA DE PONTEVEDRA,
por Xesús López Fernández