domingo, 30 de septiembre de 2012

Viaxe a Grecia, 1

Parece unha paisaxe andina. É unha vista dend´as ruínas de Delfos, por onde, según o noso guía, tivo morada Zeus. Delfos foi considerado, nalgún tempo, o centro do mundo. Os atletas vencedores, que competían espidos no seu estadio (uns 180 mt. de longo), eran premiados cunha coroa de loureiro, por contra dos que participaban nos xogos olímpicos. Neste caso, a coroa que recibían era de olivo.    

Río Gangas, en Filipos, onde celebramos unha eucaristía e renovámo-lo bautismo.  

Filipos. Restos dunha igrexa de pranta basilical.


 O noso hotel en Tesalónica.
Unha obra inútil en Tesalónica. A idea ven sendo a dos mosquerós de Pontevedra. Un comecartos nun país precisado de rescate. Ó fondo, o mar Exeo.

Pontevedra, 30.09.2012
Entrada n. 1564 do blog
Artículo semanal

Viaxe a Grecia, 1,
por Xesús López Fernández

            Esta viaxe ven sendo complementaria doutra realizada o pasado ano a Turquía, á procura do camiño recorrido por San Pablo pra abri-la porta da fe ós xentiles, o que define ben a fonda impresión  dos cristiáns que en Antioquía escoitaban os relatos de Pablo e Bernabé: era o mundo pagán enteiro o que se abría ó Evanxelio, aínda que os cristiáns de Palestina, pola cuestión da circuncisión, non asumían ese sentimento, daí que fose principalmente na Anatolia onde se asentou con máis forza o cristianismo primitivo. O fervor evanxelista estaba vivo en Pablo e os seus amigos e un día no que  Lucas se encontrou con él falaron de novos proiectos. Estaban en Troade, non lonxe do mar de Mármara, e Lucas  apuntou a idea de roturar pró cristianismo novas terras, outras xentes, e apuntou Macedonia,  que estaba a dous días por mar. E foi aquela mesma noite cando Pablo tivo un soño: Un varón macedonio púxoselle dediante pra lle pedir: “Pasa a Macedonia e axúdanos”.

            A viaxe foi axiña concretada e  catro homes zarparon de Troade pra desembarcaren en Neápolis (Kavala). Os misioneiros chegarían a pe, en dúas horas, a Filipos. O cristianismo entraba en Europa. E o pasado 9.09.2012, pola noite, chegamos un grupo de amigos a Tesalónica, a cidade macedónica fundada en memoria da irmanastra de Alexandro/Leixandro o Magno, esposa de Casandro, pra facer memoria, fundamentalmente, de Pablo e os seus amigos. Tesalónica (Salónica ou Thessaloniki), capital da Macedonia Central, é hoxe unha cidade industrial e porto importante do mar Exeo. Ten máis dun millón  de habitantes, e a súa universidade ten incluso unha facultade máis que a de Atenas. Están presentes moitos restos do seu pasado: da muralla, o edificio da rotonda, a torre Branca, o foro, etc. Esta urbe vai se-la nosa base de saída os dous primeiros días da viaxe. E así, o 10.09, despois dunha visión panorámica da cidade, partimos cara Anfípolis, fundada polos atenienses no século VI A.C., que soubo do paso de San Pablo a Tesalónica, e cara Filipos. 

            Chegamos a Filipos, ás ruínas do que queda da cidade fundada por Filipo II, onde Pablo se instalou algún tempo. Alí eran pouco numerosos os xudeos, que non tiñan sinagoga e reuníanse os sábados nun oratorio ó aire libre, no río Gangas ou Gangite, a menos de dous kilómetros da cidade. E Pablo comezaría, como era a súa norma, achegándose primeiramente ós xudeos. Os traballos, en Filipos, despois dun primeiro momento de desacougo, non se lle deron mal. Dirixeuse ó oratorio i é nese momento cando a súa prédica prende en “certa muller,  Lidia, purpuraria, da cidade de Tiatira, que escoitaba atenta porque o Señor abrira o seu corazón pra entende-las cousas que Pablo decía”. O relato está nos Feitos dos Apóstolos. I esta Lidia, e coela a súa familia, bautizaríase no Gangas. A primeira europea convertida. O 10.09 estivemos nese lugar, cousa que o noso grupo aproveitou para renova-lo bautismo.

            Seguiriamos despois visitando as ruínas de Filipos, cidade que no seu tempo debeu estar ben dotada de servicios. E alí están as ruínas do cárcere no que permaneceron Pablo e Silas, sometidos a prisión despois dun procedemento irregular. Pero un terremoto facilitou a apertura da porta e que os cepos que os presos tiñan nos pes se soltaran. O carceleiro, asustado, temía por el, pero os misioneiros non fuxiron e logo serían postos en libertade, por seren cidadáns románs i entende-los maxistrados que a detención fora totalmente irregular. Ricciotti apunta tamén que Lidia, muller influínte, debeu mediar na liberación dos apóstolos. O carceleiro sería tamén cristianizado por Pablo…. Despois de ter feito memoria destas cousas seguimos camiño de Kavala, a antigua Neápolis, un porto mariñeiro dos que comezan a perder encanto. O nome garda relación coas postas de cabalos na Via Egnatia. E regresamos a Tesalónica, aínda con tempo de visita-lo templo paleocristián de San Demetrio, o patrón da cidade, que hoxe ten cinco naves e loce enorme e restaurado. (continuará)

5 comentarios:

candela dijo...

Otra vez me dejas con los dientes largos.

Fotos aderezadas con una amena descripción de todos esos lugaes, como siempre.

Saludos Xesús.

o blog de xesús lópez dijo...

Gracias, Candela:
La verdad es que ha sido un viaje maravilloso.
Ya iré contando e introduciendo fotografías.

Un saludo afectuoso.

Sabela Arias dijo...

Grazas por compartir esta viaxe, un saúdo bloguero.

Sabela Arias dijo...

Grazas por compartir esta viaxe, un saúdo bloguero.

o blog de xesús lópez dijo...

Hola, Sabela:
Foi realmente un privilexio ter participado nesta viaxe. Un saúdo. Gracias.