O coche circula pola Main Street de Disneyland, o parque temático de París.
Este cabalo ten forza pra arrastrere un tranvía con varios pasaxeiros, unha solución pra esta Pontevedra que vive fóra da realidade e parece camiñar cara a súa desaparición...,
Como se aprecia nesta outra foto, esta pode se-la solución pra que Pontevedra teña servicio público.
O tranvía sigue camiño pra dare a volta nun espacio presidido por un palco, e seguir así a súa demostración de que aínda se pode circular a menos de 30 km por hora.
Entrada n. 1707 do blog
NA CIDADE, TODOS A TRINTA,
por Xesús López Fernández
Parece que o noso Burgermeister Herr Fernández Lores regresou moi ledo de München, en Bayer, despois de ter leído alí a súa epístola do modelo de cidade; do modelo que non existe, porque aquí non se traballou na dinamización da cidade, senón coa idea capada de creare un parque temático no que priman as tascas e taperías con terrazas que non son terrazas e van pouco a pouco ennegrecendo o chan da cidade, nos espacios que antes eran dominio público. Se o coche está practicamente prohibido, ¿qué parvaxolada é ésa de decir que a democracia depende da peatonalización, que somos os adiantados e que, en Pontevedra, non se pode circular a máis de 30km. hora?. A partir daí, é de doudos falar de lección de democracia cando o que se imprantou na cidade foi unha involución crecente que vai camiño de se conformar como ruína total: moitos negocios arruinados e xentes que vivían na zona vella víronse obrigadas a mercare nova vivenda con garaxe pra poderen ser puntuales á hora de acodir a un traballo fora da "capital" que está a morrere.
Por certo, se queren saber cómo se conforma un parque temático teñen un claro exemplo en DisneylandPark, París, do que aquí se mostran tres fotografías. Riadas de xentes acoden alí tódo-los días. O tren de alta velocidade ten estación do lado de Disneyland.París; incluso o tren inglés que cruza o Canal da Mancha aporta moitos visitantes que traen a súa chavalada pra metelos nese mundo fantástico, de ensoñación, aínda que prós pais sexa, sobre todo, unha gran caixa rexistradora/esquilmadora.
O exemplo do cabalo que arrastra un tranvía é demostrativo de que aínda podemos mellora-lo modelo do "todos a trinta" no circuíto urbán pontevedrés. Penso volver sobre o tema, pero tamén estou a maxinar cómo o noso alcalde, travestido noutra ocasión en Monsieur Fernández Lores, pode levar a súa epístola a París, ónde non reparei nun sóo lombo que atranque a circulación que, polas numerosas avenidas e bulevares é bidireccional e, ¡ai!, existen posiblemente máis farolas do tipo das fernandinas que desapareceron da Ferrería que en toda España. Daquela Monsieur F. Lores tería que levare un equipo de motoserristas pra acabare coas farolas que ó noso alcalde non lle gustan ou (íao ter moi difícil) convencere os parisiéns de que a circulación bidireccional é unha ceporrada. Por certo, en París hai máis de 10000 hoteles. Ó mellor Lores pensa que non teñen modelo de cidade.