Ondas galgantes no litoral coruñés.
En Viavélez, Asturias, o mar mostrouse así de bravo. Ardentío espectacular. O mar sabe face-la peineta.(fotografía de Astur. Hugo Montes Fdez.)
Non somos nada ante un mar así...Pontevedra, 10.03.2014
Entrada n. 1746 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra
O mar sí ten memoria,
por Xesús López
Fernández
Parece que xa estamos na primavera e que ésta ven
preñada de flores, algo que hai días resultaba impensable sometidos como
estabamos ó pesimismo das cicloxénesis estourantes, remedo de tsunamis
encadeados que causaron importantes danos ó longo da costa de Galicia,
Asturias, Cantabria, País Vasco, como se o mar quixera tomarlle a medida á
franxa litoral, o terreo demanial decote máis agredido pola presencia humáa,
polo urbanismo mal pensado. Así as grandes ondas de ata dez ou doce metros, o
ardentío galgante, non sóo se atopou coas sirtes e farallós, cos acantilados,
senón tamén coa obra do home: paseos marítimos, diques de abrigo, casas feitas
sobre da area. O mar debeuse atopar extrañado, dono de rúas i estradas, véndose
obrigado a reventare balaustradas, paseos, mesmo estructuras portuarias… Sería
un pouco longo facer agora inventario de desastres. E aquí entra un pouco o
xogo da memoria, parece que máis longa a do mar que a do home.
Entremos un pouco na cuestión do dominio público
marítimo terrestre que en todo momento debe conserva-las características de
inalienable, inembargable, imprescriptible e tamén insusceptible de
desafección, que o home, pola vía do urbanismo falaz, de tentare reconverti-la
franxa litoral en solar, estivo a desnaturalizare, movido pola súa indecente
cobiza. Pero a Lei de Costas define no seu artículo 3: “Son bens de dominio
público marítimo-terrestre estatal, en virtude do disposto no artículo 132.2 da
Constitución: 1. A
ribeira do mar e das rías, que inclúe: a) A zona marítimo-terrestre ou espacio
abranguido antre a línea de baixamar
escorada ou a máxima viva equinoccial, e o límite ata onde acaden as ondas nos
maiores temporales conocidos, dacordo cos criterios técnicos que se estabelezan
regulamentariamente, ou cando o sobarde, o da línea da pleamar máxima viva
equinoccial. Esta zona exténdese tamén polas marxes dos ríos ata o sitio onde
se faga sensible o efecto das mareas. Considéranse incluídas no demanio as
marismas, albuferas, marxales, esteiros i, en xeral, as partes dos terreos
baixos que se asolagan co fluxo e refluxo das mareas, das ondas, ou da
filtración da auga do mar. […]
O tema non se acaba co devandito. Pero acaso chegou o
momento, coa demostración de memoria anovada polo mar coas pasadas borrascas,
cun certo ecoar de “Dies irae, dies irae”, de punto final da nosa civilización,
de retomare de novo o deslinde do terreo demanial, que o pode face-la
Administración de oficio, ou ben poden ser particulares os que demanden as
oportunas rectificaciós. O mar acaba de avisarnos de que algo está mal feito,
imprevisto, que mesmo nalgús casos son frecuentes as alertas dadas: n´A Coruña,
ademáis de se cargare de novo a balaustrada do paseo marítimo, nalgún momento
paseo do propio mar, entrou nas instalaciós do acuario da Torre de Hércules. Na
Guarda, en Baiona, Muxía, Malpica, Miño, Burela, Rinlo, o mar, sempre
protagonista, foi desta volta un auténtico tirán.
En toda a costa cantábrica, foron reiterádo-los
golpes dados polo mar, ata o punto de que nalgús casos, tentando deixar á marxe
as perdas e quebrantos producidos, chegouse facer unha certa apoloxía do mal
tempo, como en Cudillero, Asturias, onde o gran dique de abrigo quedou fracturado,
como desfeito resultou o Museo do Calamar Xigante, en Luarca; pero é que hai unha fermosura real no
espectáculo protagonizado polo mar embravecido. En Santander, unha catástrofe,
a auga rebasou a praia do Sardinero pra se metere en garaxes e negocios
mercantís. No País Vasco, ondas xigantescas, cuantiosos danos en San Sebastián
ou en Bermeo, que vai recibi-la mitade dos 14 millós de perdas estimadas. O
mar, en movemento, acaba de avisarnos do que sabe facer pra retoma-lo seu
dominio, que ten memoria. Deberemos relembra-la súa demostración e axudalo na
medida do posible, abandonando a tentación de lle pór de novo cancelas,
actitude xangal que nos sitúa a todos nunha conta atrás certa. O mar nos
demanda máis intelixencia. E memoria.



