Mostrando entradas con la etiqueta marisqueo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta marisqueo. Mostrar todas las entradas

sábado, 30 de junio de 2007

FRANCISCO DÍAZ SÁNCHEZ

Nota. Dibuxo informático de Xesús López. Recreación do que pode estar acontecendo no fondo da ría de Pontevedra, enxurrada depositada polo emisario, o saneamento primeiro de Cuíña, agora de Lores.

Pontevedra, 30 de Xuño do 2007


Un amigo, Francisco Díaz Sánchez, presidente de SALVEMOS PONTEVEDRA, remíteme o que el define como "relato corto: UNHA PERLA EN LOURIZÁN". Quedou atrás o Estudio da Contaminación da ría de Pontevedra, o ESCORP, que na súa primeira fase recollía o dato frío de que a fábrica de cloro estaba a verter máis de 13g de mercurio por cada tonelada de cloro fabricada; na segunda fase manifestabase que lonxe de corrrexi-los vertidos, estos acreceran e, na última medición, a cifra estimada sobardaba os 17g por tonelada fabricada. Francisco Díaz Sánchez fai un relato no que se recolle unha situación fóra de límite, a situación na que case estamos e que, seguro, non vai remedia-lo futuro PXOM..

UNHA PERLA EN LOURIZÁN,
por FRANCISCO DÍAZ SÁNCHEZ

MANOLA coñecía a historia da súa estirpe. As mulleres, mariscadoras todas, morreran do cancro, segundo dicían, por mariscar sen adoptaren as medidas de protección imprescindibles. Pero Manola sentía a chamada dos ancestros e non quería morrer sen saber o que era mariscar, fozar co raño no lamazal e apañar bivalvos. Soñaba cociñar para os fillos unha mariscada como as que describira don Álvaro Cunqueiro. E foi ao mar. No vestiario da consellería revestiuse co traxe de neopreno oficial, afianzouse as luvas e mailo carapucho impenetrables. Titubeou, pero sobrepúxose. Pasou o primeiro control, o segundo e mailo terceiro. Xa era tarde para máis dúbidas, a escada mecánica conduciuna inexorablemente á beiramar. Así comezou a súa andaina mariña a través do pestilente lamazal. Un lodo viscoso atenazáballe os nocellos e ás veces as coxas. Cadraban o solpor e a baixamar. O poñente arrincaba reflexos dourados ao alcatrán, e os vellos somieres, as lavadoras, as motocicletas, e os esquelotos diversos de automóbiles, chalanas, barcos e bateas amosábanse como magníficas esculturas con pátinas metálicas iridescentes.

Manola era unha moza forte e sá, levaba as botas enlarafuzadas pero sorteaba
canta barreira ou lixo incualificable se lle cruzaba na esterqueira mariña. Ousada e imprudente andou sen rumbo na baixamar até dar cun clariño no leito mariño. Manola rañou febril, inda que con pouca fe, mais estaba de sorte, porque o angazo tróuxolle o bivalvo, sen dúbida mutante, de ostra xigante. A rapaza reloucou de ledicia ao velo e, de contado, retornou cabo dos fillos . Xa en terra, é dicir, en formigón armado, desfíxose do traxe, da carapucha e do molusco que portaba na faldriqueira. Presta pasou a descontaminación, os chorros e controis dos funcionarios da Consellería de Protección dos Cidadáns Fronte á Natureza, e frenética reclamou das autoridades a ostra capturada. ¡Non desesperes, Manola!, pensaba. E non desesperou, porque de contado entregáronlle embalada ao bacío, coa Garantía de Calidade; Apta para o Consumo Humano, código de barras e sabe deus cantas cousas máis.

Nai e fillos ao redor da mesa, cada un en cadansúa cadeira daban gracias a Deus polo exquisito xantar. Pero, ¡oh, sorpresa!. A ostra gardaba no seu corazón unha fermosa perla, redonda, grosa e brillante. Ninguén daba creto ao que estaban a ollaren . Pero xurdiu a cobiza no seo familiar. Todos a unha abalanzáronse sobre a xoia. Todos creron tela presa na man, sentían o seu tacto frío. Máis, todos palideceron fronte á realidade. A perla escorríaselles entre os pregues dos dedos. O mercurio descompoñíase en minúsculas perliñas que fuxían dividíndose noutras, máis cativas e fuxidías na súa viaxe de volta a través da rede de sumidoiros municipal.

Pontevedra, 28 de xuño de 2007.