Nota. Dibuxo informático de Xesús López. Recreación do que pode estar acontecendo no fondo da ría de Pontevedra, enxurrada depositada polo emisario, o saneamento primeiro de Cuíña, agora de Lores.
Pontevedra, 30 de Xuño do 2007
Un amigo, Francisco Díaz Sánchez, presidente de SALVEMOS PONTEVEDRA, remíteme o que el define como "relato corto: UNHA PERLA EN LOURIZÁN". Quedou atrás o Estudio da Contaminación da ría de Pontevedra, o ESCORP, que na súa primeira fase recollía o dato frío de que a fábrica de cloro estaba a verter máis de 13g de mercurio por cada tonelada de cloro fabricada; na segunda fase manifestabase que lonxe de corrrexi-los vertidos, estos acreceran e, na última medición, a cifra estimada sobardaba os 17g por tonelada fabricada. Francisco Díaz Sánchez fai un relato no que se recolle unha situación fóra de límite, a situación na que case estamos e que, seguro, non vai remedia-lo futuro PXOM..
UNHA PERLA EN LOURIZÁN,
por FRANCISCO DÍAZ SÁNCHEZ
MANOLA coñecía a historia da súa estirpe. As mulleres, mariscadoras todas, morreran do cancro, segundo dicían, por mariscar sen adoptaren as medidas de protección imprescindibles. Pero Manola sentía a chamada dos ancestros e non quería morrer sen saber o que era mariscar, fozar co raño no lamazal e apañar bivalvos. Soñaba cociñar para os fillos unha mariscada como as que describira don Álvaro Cunqueiro. E foi ao mar. No vestiario da consellería revestiuse co traxe de neopreno oficial, afianzouse as luvas e mailo carapucho impenetrables. Titubeou, pero sobrepúxose. Pasou o primeiro control, o segundo e mailo terceiro. Xa era tarde para máis dúbidas, a escada mecánica conduciuna inexorablemente á beiramar. Así comezou a súa andaina mariña a través do pestilente lamazal. Un lodo viscoso atenazáballe os nocellos e ás veces as coxas. Cadraban o solpor e a baixamar. O poñente arrincaba reflexos dourados ao alcatrán, e os vellos somieres, as lavadoras, as motocicletas, e os esquelotos diversos de automóbiles, chalanas, barcos e bateas amosábanse como magníficas esculturas con pátinas metálicas iridescentes.
Manola era unha moza forte e sá, levaba as botas enlarafuzadas pero sorteaba canta barreira ou lixo incualificable se lle cruzaba na esterqueira mariña. Ousada e imprudente andou sen rumbo na baixamar até dar cun clariño no leito mariño. Manola rañou febril, inda que con pouca fe, mais estaba de sorte, porque o angazo tróuxolle o bivalvo, sen dúbida mutante, de ostra xigante. A rapaza reloucou de ledicia ao velo e, de contado, retornou cabo dos fillos . Xa en terra, é dicir, en formigón armado, desfíxose do traxe, da carapucha e do molusco que portaba na faldriqueira. Presta pasou a descontaminación, os chorros e controis dos funcionarios da Consellería de Protección dos Cidadáns Fronte á Natureza, e frenética reclamou das autoridades a ostra capturada. ¡Non desesperes, Manola!, pensaba. E non desesperou, porque de contado entregáronlle embalada ao bacío, coa Garantía de Calidade; Apta para o Consumo Humano, código de barras e sabe deus cantas cousas máis.
Nai e fillos ao redor da mesa, cada un en cadansúa cadeira daban gracias a Deus polo exquisito xantar. Pero, ¡oh, sorpresa!. A ostra gardaba no seu corazón unha fermosa perla, redonda, grosa e brillante. Ninguén daba creto ao que estaban a ollaren . Pero xurdiu a cobiza no seo familiar. Todos a unha abalanzáronse sobre a xoia. Todos creron tela presa na man, sentían o seu tacto frío. Máis, todos palideceron fronte á realidade. A perla escorríaselles entre os pregues dos dedos. O mercurio descompoñíase en minúsculas perliñas que fuxían dividíndose noutras, máis cativas e fuxidías na súa viaxe de volta a través da rede de sumidoiros municipal.
Pontevedra, 28 de xuño de 2007.

No hay comentarios:
Publicar un comentario