sábado, 24 de octubre de 2009

REXENERACIÓN ECOLÓXICA

Ence, cando presuntamente ten perdida a concesión, sigue matando a ría. Por falta de vontade política.
-
Pontevedra, 24.10.2009
-
Entrada n. 1059
-
Artículo semanal. Volvo despois de máis dun mes de convalecencia.
-
Rexeneración ecolóxica,
por Xesús López Fernández
-
Parece como se o tema do ecoloxismo estivese últimamente na axenda dos diversos partidos. Non sei se de forma franca ou por puro marketing. Nunha cidade como Pontevedra, que acaba de remiti-lo borrador do seu PXOM á Xunta, que ademáis está adherida á Carta de Aalborg en relación coas cidades europeas que escolleron un desenvolvemento sustentable, tería que ser un instrumento de primeira magnitude a chamada Axenda21Local, documento de elaboración democrática, explicado porta a porta á par que debatido con total transparencia con vistas á recuperación do capital natural. E aínda hai poucos días que en La Estrella Digital, nunha serie de cinco artículos sobre cidades sustentables, insistía Ramón Tamames na importancia da citada Axenda, de redactar un documento intelixente prá elaboración do PXOM. Aquí parece que no-la esconderon no canto de explicala polos barrios i expoñela claramente ás asociaciós como un claro instrumento pró debate.

Pontevedra, que foi porto de mar, xa non-o é, parece que abocada a se convertir nunha triste cidade de secano. A ría é de cada volta menos ría, máis canal, máis solar gratis total pra industrias que poderían estare noutras partes, ou nen eso: simple porto seco, depósito de contenedores. Reconócese, sí, que se ten actuado mal no tema do saneamento e nen con novas promesas se vai remedia-lo noso destino, imposible un rexeneracionismo ambiental certo se non vai precedido dunha rexeneración política real que se propoña como norte ideal o da reposición da legalidade. Que estes pasados días se teña producido un certo debate en relación coa pretendida construcción da nova ponte d´As Correntes, que non dispón de permiso de Costas, parece positivo; que ademáis propoña o PP a construcción do macronudo de Mollavao máis pró interior, pra non consolida-la ocupación da avenida de Marín, resulta esperanzador e representaría un paso máis na liberación do espacio definido como dominio público marítimo terrestre de Lourizán-Mollavao. Porque xa non está claro quén ten concesión en vigor.

Si que non é legal a edar d´Os Praceres, nen o emisario; tamén que, liberado de concesiós o terreo de Mollavao por sentencia firme do TSXG, o ministerio de Medio Ambiente ten orde, dende o pasado 14.09.2009, da execución da sentencia e de adouta-las medidas necesarias prá recuperación do espacio como dominio público marítimo terrestre. Outros espacios poden estare en lista de espera. E parece oportuno citar aquí un oficio de Cristina Narbona, sendo ministra de Medio Ambiente, no sentido de que non procedía a declaración de innecesariedade que chegou tentar Ence: que o espacio todo era dominio pùblico marítimo terrestre e como tal inembargable, inalienable, imprescriptible e insusceptible de desafectación. Investiga-la situación das concesiós é o deber dos partidos. E demanda-la reposición da legalidade, a rexeneración das marismas de Lourizán e a zona de Mollavao como espacios pró uso público. Cunha Axenda21Local todo sería máis doado.

Na retesía política destes días falouse novamente de Ence, que xa debería ter data de caducidade na ría de Pontevedra, que dabondo leva sofrido. Cumpreuse o dito polo ministerio da Vivenda no ano 1973, ó desbota-lo PXOM pontevedrés do 1970 e nega-la recalificación como industrial das marismas de Lourizán. No seu comunicado ó Concello afirmaba que o enclave das fábricas de celulosa e cloro foran un erro do que soamente se poderían derivar problemas prá saúde e convivencia humáas, como así foi, e que habería que pensar no traslado das mesmas. É máis: tamén recomendaba ó Concello que xestionase outro trazado prá autopista, en evitación do brutalismo urbanístico da ponte da Puntada e o seu impacto, brutalismo que outros querían reiterar agora co macronudo de Mollavao, prá consolidación da avenida de Marín e do solar de Lourizán, pra perpetua-lo horror.

No hay comentarios: