sábado, 31 de octubre de 2009

A sustentabilidade ambiental

"Mencer no sotobosco". Dibuxo abstracto de Xesús López. Podemos pensar nun bosco primario ou nunha vella fraga das que xa case non quedan no noso país, de cada volta menos país.
-
Ponevedra, 31.10.2009
-
Entrada n. 1060 do blog
-
Artículo semanal pró 2.11.2009
-
A sustentabilidade ambiental,
por Xesús López Fernández
-
A sustentabilidade ambiental está, de cada volta máis, no discurso político-económico. Diversas leis foron xa promulgadas no noso país, especialmente en relación co mantenemento e amelloramento da base económica do medio rural, ó aumento da poboación e á recuperación do patrimonio natural e cultural, como expón algún dos textos accesibles. Sen embargo, o concepto de sustentabilidade parece non estar aínda debidamente comprendido e que ven resultar contraposto á idea de crecemento, de progreso; que debe estar basado antes en valores constantes: de producción, poboación e, sobre todo, en que o medio ambiente, a natureza, manteña vivas as súas capacidades e, sobre todo, nun respeto sagrado pola auga. Sen embargo, esas constantes están alteradas e, como consecuencia, a Terra está ferida como unha especie de Titanic que se afunde. Xa non queda tempo, parece, pra que todos poidamos sobir a un bote salvavidas. As cidades creceron máis do debido; os ríos foron convertidos, con toda impudicia, en cloacas, como se tiveran nacido pra esa función e non pra lle dar vida á paisaxe e posibilitar unha economía real.

Estes días atrás se daba a noticia, reiterada cada pouco, de que siguen a morre-las nosas aldeas, case sen xente algunhas delas; que incluso un de cada cinco homes de 65 anos vive sóo, nesa soedade aldeáa que representa a morte dun mundo que sí inventara a sustentabilidade no marco da economía de subsistencia. Diversos factores determinantes da emigración masiva das nosas xentes foron acabando cun país que non se recupera, que perdeu non poucos dos seus signos de identidade: agro, gandería, biodiversidade e vexetación clímax nunha especie de colonización salvaxe. E a agresión ó litoral en beneficio dunha acuicultura falaz. Polo menos un test recén ás nosas rías mostraba, nalgún caso, unha situación case terminal, xa sen capacide pra lle dar soporte á acuicultura tradicional. I é que non parece haxa vontade de rexeneración, así dito, porque a asunción do ambientalismo como política gubernamental ten que ser cousa de xa, de non perder máis tempo. E de non facer máis trampas. Non se pode ir á política sen ser ecoloxista cabal.

A agricultura progresou quedamente, ó longo de miles de anos. Hoxe permanecen aínda algunhas comunidades indíxenas, na Amazonia ou na Indonesia, que viven dunha agricultura primaria ou dos froitos dos seus boscos, os seus templos, pero que son obxeto dunha presión crecente por parte dos clústers que, nalgús casos, acabaron xa coa biodiversidade orixinal e a sustentabilidade deses pobos. O mundo empresarial vai seguir defendendo os seus intereses particulares anque eso poida significa-la fin do planeta, unha Terra deshabitada. E si queremos librar unha loita eficaz pola sustentabilidade, precisaremos dunha claridade de ideas certa, saber qué mundo nos espera. Polo pronto, a economía do despilfarro, coa fin próxima dos combustibles fósiles, con de cada vez menos boscos dos que obter madeira de forma sostible e menos terras de labor; cunha economía que nos leva de cabeza á contaminación e fin dos recursos, ¿cómo cubrirémo-las nosas necesidades?

O devandito non é nada máis que un boceto, un achegamento a algús dos problemas que nos afogan. Pode haber perspectivas máis esperanzadoras, pero eso vai ser soamente se os gobernos se poñen a traballaren nunha nova dinámica de respeto medioambiental, lonxe da corrupción e influencia dos clústers que se creen donos do planeta. Pero xa non hai tempo e hai que condicionar ós gobernos pra que elaboren novos plans enerxéticos, novos sistemas de tributación, industria e actividades económicas que promovan o desprazamento cara unha sociedade sustentable i, en definitiva, máis satisfactoria. Unha boa medida podería sé-la de retira-los incentivos a empresas que fomentan a desfeita dos recursos da natureza. Son necesarias medidas que eviten a ruína dos sistemas que dan soporte á vida.

No hay comentarios: