martes, 3 de noviembre de 2009

En tempo de elecciós [1.05.2003]

Praza da Verdura, xa desalmada, brutalismo urbanístico en estado puro, convertida nun dos espacios da nova economía. Na fotografía, trabancas dunha exposición feiral portuguesa aínda disimulan o aspecto actual do espacio que quixeron convertiren en Praza Roxa; os domingos tócalle rastro, onde é fácil atopar obxetos roubados. Os demáis días, a economía está centrada no terraceo das taperías con moscas, xa me entenden. A miseria trae estas cousas.
-
Este que sigue é un traballo do ano 2003, dos moitos que teño que ir recuperando pra confialos á memoria deste blog. O lector saberá situarse no tempo que corresponde ó artículo.
-
.Entrada n. 1061 do blog
-
En tempo de elecciós, [1.05.2003]
Por Xesús López Fernández
-
As declaraciós que dende agora se produzan, os actos organizados por uns e outros partidos e plataformas neste tempo que nos queda ata o 25.5 teñen ou terán un claro ou non tan claro obxetivo: gaña-las elecciós, facerse coa alcaldía si é posible. Noticias, fotografías, actuacións urbanísticas, obras discutidas ou protestadas, van pesar no balance final deste período que todos debemos facer pra poder emitir un voto responsable. E no colectivo cidadán é comenente non renunciar a un espírito crítico, non vaia ser que nos vendan de novo a burra como se fose o cabalo branco de Santiago. Por exemplo, cando esto escribo [1.5] está anunciada a inauguración do novo paseo de Gutiérrez Mellado. ¿Por qué non lembrar que nese espacio eliminaron 70 prazas de aparcamento en superficie? ¿E por qué non lembrar igualmente o nome democrático daquela avenida, O Chanchullo? Porque ésa foi de sempre a denominación popular, de base cidadá.

Agradezo o dito por Tere Casal en relación co abandono dos xardíns de San Francisco, seguramente coa idea de configuraren alí o gran espacio fascistoide, digo porque a praza da Verdura quedou pequena, idea coa que creo debe coincidi-lo candidato dos Verdes á alcaldía, que nun debate recén tamén citou a desfeita do sitio, privado dos bancos e catalpas, convertido nun espacio “prós seus encontros e degustaciós”, dixo. Vidal insisteu en que as árbores estaban sans, agás unha delas. Conservo fotografías da actuación arboricida, vergonzosa, pra converteren o espacio nunha praza de deseño hortera, “patio carcelario, patio cuarteleiro” que dixo o poeta. Alén do poster do plan Urban no que se mostraba unha fotografía da vella praza, o certo é que hoxe temos alí un lugar continuamente reventado, no que aínda o pasado domingo 27.4 celebrouse unha actuación de violencia decibélica, rock-NuncaMáis con discursos, autorizada polo concello. (Lembremos que o T. Supremo confirmou o 2.2.2003 unha sentencia da Audiencia de Palencia pola que se impón unha pena de dous anos e tres meses de cárcere ó titular dun restorán-sáa de festas daquela capital).

Se Mosquera foi entón criticado polo Centro de Lourizán, porque a catalpa enferma tiña tratamento, o home volveuse sensible co carballo de Santa Margarita e pasou aviso a Medio Ambiente, que devolveu a denuncia porque a súa conservación é cousa do concello, ofrecendo ó mesmo colaboración. Pero convén lembra-lo despotismo co que o concelleiro actuou cando a corta das catalpas, a desestimación feita daquela da protesta cidadáa, comprendida polos asinantes denunciantes daquela actuación urbanística, a mesma que acaba de cuestionar Vidal Fraga. O certo é que os veciños do entorno perderon calidade de vida a consecuencia da reconfiguración levada a cabo, sen esquece-la actitude da Delegación de Cultura, que se supón comparte agora culpas na musealización da cimentación da muralla na rúa Sierra. ¿Por qué non se lle dá o mesmo tratamento que á Porta das Trabancas? ¿Por qué non se completou a actuación na rúa da Ponte, cando apareceron alí algúns dos arcos da ponte medieval? ¿Cómo Patrimonio non vixiou o impacto da fixación do monumento de Quesada na rotonda construída por Fomento no Burgo?

Teño valorado positivamente a construcción do parking na praza de abastos. Hoxe, sen embargo, coido que a dita actuación queda empequenecida pola peatonalización salvaxe disposta na zona. Non se calibrou o dano que se estaba a facer, pola falta evidente de “talentos democráticos” máis alá da burda colaboración dalgún que outro “axente social”. E non sei se o tempo estará maduro pra que os cidadáns pensemos en lle dá-la volta á forma de gobernaren os partidos, dende a arrogancia. A reunión de oito candidaturas independentes o pasado 29.4, no Hotel Rías Baixas, pode marcar un inicio de colaboración, unha forma nova de sentir e participar na política, de construir un futuro como o que xa é presente no concello de Oleiros. O seu alcalde, García Seoane, representante da Alternativa Veciñal que alí goberna, contou cousas interesantes: nove bibliotecas, trece ou catorce pabellóns polideportivos, a recuperación de espacios, un parque de cen mil metros cadrados na parroquia de Maianca, que ten uns 800 habitantes. E que alá estiveran xentes da RAI e da universidade de Bolonia, porque Oleiros é todo un referente urbanístico e social, pero xa haberá tempo de falar máis polo miúdo de todo esto. García Seoane conta con gañar folgadamente o próximo 25. Coido que están a faceren escola de cómo actuar pra que non se repita a frustración de descobrir que quen se presenta ás eleccións como demócrata pode levar dentro de sí un elemento disposto a acabar coa convivencia e cun modelo de cidade --comercial-- recibido da Historia.

No hay comentarios: