Mostrando entradas con la etiqueta Sicilia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Sicilia. Mostrar todas las entradas

jueves, 14 de agosto de 2014

Claustro dos Capuchinos, Monreale

















 Son todas fotografías do claustro dos Capuchinos, en Monreale, perto de Palermo, onde tamén existen enterramentos momificados.

Pontevedra, 15.08.2014
Entradan.1775 doblog


Claustro dos Capuchinos, Monreale,
por Xesús López Fernández

Limito esta entrada á presentación das fotografías, en parte como forma de llas trasmitire ós amigos  no canto de facere remesas individualizas de arquivos demasiado pesados. Procurarei facer outro tanto coas fotos da Capela Palatina de Palermo. A verdade é que vou deixando pasar moito tempo e que éste tiña que ser xa un tema liquidado, pero non. Sicilia sigue na miña lembranza. Tería, si acaso, que acompañare esta mostra d´hoxe dunha maior información, porque nos capiteles está gran parte da historia da salvación; de cómo o poder normando e os artistas árabes ou alarbios puideron cristalizare as obras de arte que hoxe ornan non poucas cidades de Sicilia, especialmente a capital, Palermo. 

Un saúdo especial prós compañeiros daquela viaxe, 10/16 de Xuño, cando o Etna entrou de novo en actividade.

  


domingo, 6 de julio de 2014

Días de Sicilia, 2

 Taormina. Entrada a unha mansión.
 Monreale. Detalle exterior da catedral normanda.
 Capitel no claustro dos capuchinos.
 Capela palatina, Palermo. Cristo Pantocrátor, lexislador, antre Pedro e Pablo. 
Bautizo de Pablo por Ananías. 

Pontevedra, 7.07.2014
Entrada n. 1764 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra.

Días de Sicilia, 2,
por Xesús López Fernánez
           
            O traballo de hai 14 días, Días de Sicilia, precisaría talvez doutros pra lle dar un sentido máis amplio i explicativo, por seren non poucas cousas as que alí foron simplemente inventariadas, nomes de parques arqueolóxicos, cita de cidades cheas de arte e historia sobre as que se pode volver noutra ocasión. I é que Sicilia, a illa máis grande do Mediterráneo,  nos últimos anos tense convertido nun dos máis importantes destinos turísticos de Italia gracias ó seu clima e tamén á existencia de pequenos pobos que brindan ós visitantes unha estancia asequible. As xentes interesadas en conoce-la realidade siciliáa poden atoparen unha grata sorpresa: que Sicilia lles brinda a posibilidade dun recorrido por toda a historia da arte, se ben os numerosos terremotos que a illa ten vivido foron causa da desaparición ou ruína de non poucos monumentos, o que tamén ten provocado que se levantaran outros pra sustituiren ós derrubados. Aínda así existen vestixios fenicios e gregos, como os incomparables Agrigento, Segesta, Selinunte, citados no artículo anterior, sen esquece-los templos e teatros que van xurdindo por un e outro lado.

            A illa ten unha superficie de máis de 25000 km2, o que facilita unha posible e detida visita. Os viaxeiros quedan gratamente impresionados despois da visita a Ortigia-Siracusa, ó Etna, a Taormina, nalgún tempo capital da Sicilia bizantina, na que ó longo dos séculos XIX e XX téñense dado cita non poucas celebridades: poetas, pintores, músicos, filósofos, artistas, homes de estado… Goethe chegaría afirmare que alí os ruiseñores cantan seis meses do ano, sen dúbida pola bondade do clima. A nómina de celebridades faise longa: Brahms, Wagner, Wilde, Churchill, Ingrid Bergman, Greta Garbo, etc. Os interesados poden dar coa posibilidade, por medio de internet, de alugaren apartamentos de luxo prás súas vacaciós. A cidade, de certo, xa pola paisaxe, mesmo pola súa vexetación, invita a tomar alí pousada. I este fenómeno pode tamén gardare relación coa inauguración do Grand Hotel Timeo, xa no XIX, ou do San Domenico, no pasado século. Os residentes, sen embargo, sofren certas incomodidades pola sobreexplotación turística que se ven producindo.

            A nosa viaxe, de certo, non foi de turismo, senón unha máis do ciclo que dende anos nos temos marcado pra nos achegare á impronta marcada polo apóstolo San Pablo, o home que lle dou unha dimensión totalizadora á relixión cristiáa, levándoa máis alá do ámbito cultural xudeo. O Cristianismo, sen Paulo, sería outra cousa. E o apóstolo desembarcou en Sicilia, unha pausa no seu camiño cara Roma, onde no ano xubilar de San Pablo, 2009, arrancabamos coeste periplo que xa nos ten levado a Turquía-Anatolia, ano 2011, e a Grecia, 2012. Desta volta, en Palermo, témonos encontrado con non poucas representaciós do santo, especialmente nos inmensos mosaicos da catedral de Monreale ou na Capela Palatina de Palermo. Esta capela contén numerosísimos mosaicos que representan esceas do Vello e do Novo Testamento: a creación de Adán i Eva, a súa entrada no paraíso, a tentación da serpe.  

            Volvendo a San Pablo, alí está el, nos mosaicos: cando como Saulo vai camiño de Damasco i é derrubado ó chan; cando é acollido por Ananías que noutro mosaico administra o bautismo que recibe o santo, que toma o nome de Paulo; o apóstolo, de branco, catecúmeno; Paulo é axudado a salva-la muralla de Damasco, a fuxire dos que lle persiguen…. Ruggero II, rei normando que  mandou construire a capela con profusión de mosaicos bizantinos, tiña ambiciós imperialistas, a cobiza de chegar a sere novo emperador de Constantinopla, a nova capital do Imperio Román reunificado. Eso non sería posible máis alá do seu reinado sobre gran parte de Italia e do norte africán (Túnez e Tripolitania), de Sicilia e Albania. Hoxe visitan a súa obra centos de milleiros de xentes chegadas de todo o mundo a Sicilia, terra e sociedades amables que saben acolleren ós visitantes e que gardan memoria de Paulo.   

sábado, 28 de junio de 2014

Días de Sicilia

O Etna entrou en erupción sobre o 14 ou 15.06, dous días despois de visitare algunha das súas bocas apagadas.

Pontevedra, 28.06.2014
Entrada n. 1763 do blog
Artículo do 23.06.2014 no Diario de Pontevedra

Días de Sicilia,
por Xesús López Fernández
            
O día 6 de Xuño chegabamos ó aeroporto de Catania, cidade castigada polo Etna sete veces na súa historia. A Catania actual naceu despois da erupción do volcán, ano 1669, e do terremoto do 1693, sendo reconstruída no século XVIII con profusa utilización de basalto procedente do Etna, visible en fachadas e pavimentos das súas arterias e prazas. O compositor Vicenzo Bellini, con panteón na catedral, é un dos amores de Catania, xunto co volcán Etna e a patrona da cidade, Santa Ágatha. Xa dend´alí nos instalariamos no Galatea Sea Hotel, enclavado na beira do mar, nun recanto privilexiado fronte á illa do mesmo nome, testigo das nosas liturxias incardinadas na natureza, á caída do serán. Por dous días ese había se-lo punto de partida prás nosas visitas a Siracusa e á illa de Ortigia, con memoria de San Paulo, onde se estableceran os corintios que deixaron alí a súa impronta: un teatro do século V a.C., unha gran cova, con resonancia espectacular, a Orella de Dionisio, e un ara aínda presente, na que se celebraba a hecatombe, o sacrificio de cen bois ó deus Zeus.  

            A illa de Ortigia está unida a Siracusa, da que foi núcleo fundacional, por tres pontes. Alí se conservan restos gregos e, nunha capela da catedral, templo recuperado polos normandos da condición de mezquita que lle deran os musulmáns (300 mezquitas chegarían a construiren en Sicilia), unha reliquia de Santa Lucía, que tamén ten outro templo no mesmo espacio, unha basílica, cunha gran pintura de Caravaggio: o “enterramento” da santa. E non esquezamos que no lugar naceu o grego Arquimides, o autor da teoría da flotabilidade dos corpos. Xa de regreso no hotel e despois da liturxia cotiá, pensabamos na sobida ó Etna, o día 12, ata unha cota de 1800 metros, onde existen varias bocas extintas do volcán. Realmente foi unha sorpresa especial, coa posibilidade incluso de sobir nun teleférico, máis perto do cráter do gran volcán activo, hoxe Patrimonio da Humanidade.

            Ese mesmo día seguimos a Taormina, unha cidade no alto da montaña que en tempos formou parte do gran tour cultural europeo. Vistas prodixiosas sobre o mar azul cobalto, antre os seus visitantes ilustres estiveron Goethe e Nietzche; un burgo vivo i encastelado que tamén tivo teatro grego. Ó día seguinte, 13, partiriamos cara Palermo cruzando terra cereal e numerosos parques arqueolóxicos como: Piazza Armerina,”Villa Romana del Casale”, grandiosa concentración de mosaicos, algún de máis de sesenta metros; Agrigento, o Val dos Templos, onde se conservan visibles tres e totalmente abatido un máis grande que o Partenón ateniense, que fora fundada por colonos rodios e cretenses no ano 561 a.C.; Selinunte, un parque arqueolóxico de 270 has., no que aínda permanecen rúas coa súa traza orixinal, e templos, que foi cidade habitada por 80000 habitantes; e Segeta, outro parque arqueolóxico de 200 has, no que permanecen airosas as ruínas dun templo,antre outras.

            No noso ir cara Palermo teriamos ocasión de nos parar en non poucos sitios, de ben comer sempre, ou de disfrutar dalgún dos seus viños, especialmente o nero d´Avola. Xa na capital, instalámonos pra unha visita rápida a Monreale, cunha fastuosa catedral normanda rica en mosaicos, na que domina o Cristo Pantocrátor, como tamén na fastuosa Capela palatina. O claustro dos capuchinos é outra demostración da obra dos normandos, con diversidade de columnas, todas con capiteles románicos, traballados con distintos motivos. Existe outra catedral normanda e un gran teatro da ópera, e moitas outras maravillas arquitectónicas. No hotel, o noso guía nos confirmaba un rumor do día anterior: o Etna estaba desperto e botaba cinza e lava, máis dun kilómetro se confirmaría. O aeroporto de Catania, cerrado.