Pontevedra, 4.12.2011
Entrada n. 1477artículo semanal
Encontro coa Capadocia, 3,
Por Xesús López Fernández
Por Xesús López Fernández
Mais lembremos que foi a nosa unha viaxe na ruta de San Pablo; que é procedente, polo tanto, formula-la cuestión de si San Pablo estivo realmente nesta rexión da Anatolia na que, ó longo do tempo a chuvia, a neve, o vento foran traballando os espacios penedíos que hoxe vemos como tocados pola maxia, encontro e fusión de pobos e culturas: asirios, hititas, frixios, mongoles, persas, sirios… Afírmase que non está probada a presencia de Pablo como evanxelizador da Capadocia, pero suponse que sí e que, nos momentos de maior persecución e abatimento dos cristiáns, o apóstolo acodía alí a lles dar ánimo. Despois de todo, A Capadocia, aínda que especie de gran laberinto, parece paso obrigado antre Antioquia de Psidia (hoxe Yalvaç), Konya e a outra Antioquia (hoxe Antakya), xa na costa e moi perto de Siria, perto incluso de Tarso, a cidade natal do apóstolo. Nesta Antioquia foi onde Pablo predicou o primeiro sermón cristián nunha sinagoga.
As dúas Antioquías, dous referentes pauliños a visitar, teñen de particular que as montañas que rodean á primeira foron por meses o acobillo de Pablo e Bernabé, que tentaban accedere á sinagoga e comeza-la súa predicación antre os xentís. Foi daquela cando san Pablo falou do destino divino de Israel e do Mesías. A súa mensaxe calou nos xentís, pero foi motivo de escándalo e, consecuentemente, expulsárono da cidade. Anos despois, sobre da sinagoga levantarían unha basílica a san Pablo, da que hoxe quedan unhas pedras. Na Antioquia da costa, que foi de Siria, é visita obrigada un lugar, a gruta de san Pedro, onde éste, Pablo e Bernabé reuníanse coas primeiras comunidades de cristiáns. Excavada na rocha, sen case ornamentación nen iconografía, o templo é lugar respetado polos habitantes da cidade, tanto cristians como musulmáns. Hai tamén outro pequeno templo, atendido polos PP. Capuchinos, onde é posible a celebración de culto porque nesta zona, de tradición cristiá, o cristianismo non se ten que vivir de foma clandestina. Incluso non lonxe, en Iskenderendun, está a sede episcopal da Igrexa católica en Anatolia.
A Capadocia quedaba no pensamento de todos como lugar máxico cando o avión voaba a Estambul, como visita a reiterar se posible fose. O lugar debe ser visitado cada ano por uns tres millós de peregrinos/turistas. Demasiada presión, talvez, sobre unha comarca case sagrada. Convén leva-la viaxe estudiada, con respeto. Nos frescos de Göreme está representada gran parte da historia da nosa salvación. As cidades soterrañas, nalgún caso doutadas de basílica, marcan a capacidade do home, tamén da Igrexa, pra resistire contra as forzas do Mal.




