jueves, 31 de mayo de 2012

O Cebreiro

 Templo prerrománico de O Cebreiro, o máis antiguo do Camiño francés, o primeiro en ser restaurado, a principio dos sesenta.  
O templo é célebre por se ter producido nel un miragre eucarístico: a conversión do pan en carne e do viño en sangue, do que se conservan as probas no relicario que se mostra na serie de fotos que siguen. Din que cando se produceu o miragre, a imaxe da Virxe inclinouse, pra mellor ver. 
 Como nunha nova e harmónica Babel, porque ó Cebreiro chegan xentes de todo o mundo,  incluso chinos e coreáns, alemáns ou alarbios, teñen á súa disposición un exemplar da Biblia.
 Altar presidido pola cruz no que o 20.05 celebramos unha eucaristía.  Oficiou o padre Paco Castro, superior do convento dos PP. Franciscáns de Santiago.
 O Cebreiro foi unha citania e inda conserva algunha das súas casas típicas,
 de sección circular, como as que aparecen en moitos castros galegos.
Don Elías Valiña Sampedro, un párroco providencial pró Cebreiro, gran dinamizador e restaurador do Camiño Francés. El comezou a campaña de marca-lo Camiño por medio dunha flecha amarela. Esa flecha é unha guía segura pra cantos se embarquen na aventura de recorre-lo Camiño, en tempos marcado pola Vía Láctea.
Relicario do miragre. No escudo galego figura o sacramento da Eucaristía. A catedral de Lugo mantén o privilexio da exposición permanente do Santísimo.

Pontevedra, 30.05.2012
Entrada n. 1525 do blog

    O Cebreiro,
por Xesús López Fernández

Pouco teño que decir sobre algo tan conocido como a historia do miragre eucarístico do Cebreiro, de cando un sacerdote non comprendía a fidelidade de Juan Santín, o home que tódo-los días acodía á santa misa. Precisamente un día de mal tempo, o crego quedou sorprendido ó ver que o home acodía ó santuario, a rezar, total...... por un pouco de pan. Pero no momento da consagración, o sacerdote non tivo outro remedio que creer. A Divina Providencia escolle eses camiños pra nos asombrar, o que no seu momento fixo que Europa volvese a súa mirada ó Cebreiro, como berce do Santo Grial..

O Camiño de Santiago está en fase de revitalización. Esta etapa d´O Cebreiro é unha das máis duras e desta parroquia foi cura Don Elías Valiña Sampedro.  O enlace que sigue refírese ós seus traballos:

Don Elías Valiña Sampedro, revitalizador do Camiño.

domingo, 27 de mayo de 2012

Unha aproximación ó Camiño


Vista dend´o campanario ou sinoiro norte da catedral de Pamplona.
Cartuja de Miraflores. Pinacoteca.
O camiño do vento e o das estrelas crúzanse no Alto do Perdón, en Navarra.

 
Baixada de Ibañeta a Roncesvalles, na arrancada do Camiño.
Santiago peregrino. Cartuja Miraflores.
Sillería. Cartuja Miraflores.
No claustro da catedral de Pamplona.
Contrasol en Burgos, beira do río.
Pontevedra, 28.05.2012
Entrada n. 1524
Artículo semanal.

Unha aproximación ó Camiño,
por Xesús López Fernández

            O pasado 14.05 partimos cara Roncesvalles, en autobús, con pousada primeira en Burgos, patrimonio histórico da Humanidade, e con visita á Cartuja de Miraflores, unha xoia do arte gótico pertencente ó baixo medioevo, accesibles actualmente pró visitante moitas das súas obras de arte. Seguimos cara Pamplona, con parada no Alto do Perdón, a uns 3,5km de Puente la Reina, onde se xuntan os camiños que entran por Roncesvalles e Somport. No Alto do Perdón, coroado de virandelos, existe un monumento ós peregrinos, concebido o lugar como unha encrucillada da senda que describen os que van a Compostela e mai-lo vento que move as aspas dos virandelos. A paisaxe estaba esos días pletórica, xa por prantaciós feitas con intelixencia, xa por estaren os campos, a pastos ou a cereal, densamente verdes. Os cultivos de colza, no País Vasco i en Navarra, aportaban un intenso dourado, unha nota de ledicia no espacio que estabamos a recorrer. 

            Segunda parada, Pamplona, con visita pormenorizada á catedral, ó museo catedralicio, sacristías e claustro; tamén á torre norte-campana María. Contamos naquela hora cun guía providencial, o propio deán da catedral. Seguiriamos despois paseando pola cidade, fundamentalmente polas rúas do casco histórico, ata a retirada ó hotel, do que partiriamos ó seguinte dia cara ó Alto de Ibañeta. Xa nese lugar, do que baixamos camiñando a Roncesvalles, unha pedra garda memoria de Roldán, da súa morte no ano 778, como tamén un monumento. Técense alí leendas diversas, especialmente sobre a influencia de Carlomagno na consolidación do Camiño de Santiago. E xa no século XI, tanto os peregrinos que se dirixen a Santiago como os cabaleiros extranxeiros que acoden á Península, encontran numerosas pegadas do paso de Carlomagno polo Sur de Francia e Norte de España. Comézase a ver no emperador a un salvador i evanxelizador coas armas contra o musulmán.

            Dend´a nosa arrancada de Rocesvalles (colexiata, albergue, museo, silo/osario común), a presencia dos peregrinos faise contínua, crece, cada camiñante a facere o seu camiño particular, a pescudare no seu corazón, Comentan no autobús que poucos días atrás chegaran a Santiago máis de mil peregrinos, que mesmo algo se pode estar a movere en Europa á procura das súas raíces cristiás. A riqueza cultural do camiño faise indescriptible: ermidas, conventos, catedrales. Gótico ou románico marcan cada novo día: Roncesvalles, Zubiri, Pamplona, Puente la Reina, Estella, Logroño, san Millán de la Cogolla (berce do idioma castelao), Nájera, Santo Domingo de la Calzada (o santo constructor, patrón dos enxeñeiros de camiños), san Juan de Ortega, en Castroxeriz; a catedral de Burgos; san Martín, en Frómista; san Tirso, en Sahagún; a catedral de León, Astorga, Rabanal del Camino, Ponferrada, onde se ergue o castelo dos Templarios; Vilafranca do Bierzo… O noso recorrido entra en Galicia: a colexiata do Cebreiro, no Caurel; Vilar de Donas, Portomarín, Melide, Santiago. No último tramo do Camiño, xa dende Vilar de Donas, a nosa paisaxe aparece traicionada.

            Díse que algún lugar abandonado volve estar habitado, que se recupera económicamenete gracias á influencia do Camiño, no que abondan os albergues; que incluso hai xentes que, despois de comprida a súa promesa de chegar a Santiago, encontran un sentido prá súa vida traballando como hospitaleiros ó servicio dos novos camiñantes, pra cura-las súas feridas. Nos restos do que foi convento de San Antón, que visitamos  estaba vivo un albergue e un pequeno hospital, retomando talvez a entrega ós peregrinos da vella orde antoniá. Frai Paco Castro ten un  libro que recolle a súa experiencia do Camiño, de cando o fixo en trinta etapas, un libro rico en exemplos, como os de Carlos e Fermín: Carlos camiñaba con dificultade por unha tendinitis e mesmo lle aconsellaran os médicos  que regresara en autobús a Toledo, pero non quixo, tiña que chegar a Santiago. Pero é que o home, que camiñaba á par dun amigo, pousando un cóbado no brazo do outro camiñante pra percibi-las dificultades, ¡estaba cego!. Non-obstante, no seu magnetófono, facía cada xornada o seu resume: “Hoxe hemos visto….”. E Fermín,  un home ledo que aparecía e desaparecía, de vocación franciscá, tomara a decisión de dormire ó raso, nunha casa abandonada, nunha igrexa arruinada; de non ocupar praza nos albergues. Renunciaba en favor doutros peregrinos. Ésa parece ser unha das metas de moitos dos que fan o Camiño: estar ó servicio dos demáis.  Non poucos coinciden en que é o románico o que máis os marca; que non sería mala cousa prós poderosos embarcarse nesta aventura pra, dese xeito, non envilece-la política i estare ó servicio dos demáis, darlle protagonismo ó seu corazón. O país iría mellor.            




sábado, 12 de mayo de 2012

A burla da Lei de Costas

 Unha vista da fábrica de morte. A presencia de mercurio e dioxinas na ría veu compromete-la riqueza natural, ata o punto de que os franceses, como xa teño dito, non queren mexilón da ría de Pontevedra nen dos sectores de punto Meloxo e O Grove, na ría d´Arousa. É seguro que están avisados, ¿por quén?. O problema é hoxe de tal magnitude que as conserveiras da ría envasan como galegos mexilóns importados de Chile. Etc.
 Vista dantesca dend´a cruz dos Caídos de Pontevedra, cara á ría. A cidade que fora berce de mariños ilustres, hoxe perdeu prácticamente o mar.  
Alberto Núñez Feijóo e Arias Cañete, "gurús" ambientalistas que están a frearen a execución de sentencias do TS e mai-la aplicación da Lei de Costas. O seu discurso, permanente contradicción.

Pontevedra, 12.05.2012
Entrada n. 1523
Artículo semanal, do 14.02.2012

A burla da Lei de Costas,
por XesúsLópez Fernández

            Estamos vivindo un tempo informativamente caótico en relación co tema Ence. Discursos e contradiscursos. Políticos de distinta etnia, á hora de falare do asunto, traen un recado falaz,  aparentemente afouto ou ardido, a prol do comprimento da Lei de Costas, pero cando os discursos crecen caen nun mar de contradicciós, nese mesmo mar que hai un días asolagaba a avenida de Marín, en Lourizán. Eso é xa, en principio, a consecuencia de teren alterado o fondo intermareal da ría. Pero a cousa queda como algo anecdótico no canto de valer pró reconocemento dos pecados ecoloxistas que aquí se levan cometido, na traición permanente dos diversos partidos. ¿Pra cándo un estudio do lucro cesante que pra esta ría e prás xentes que vivían do mar veu representare a instalación en Lourizán de Ence i Elnosa? A lei de Costas parecía marcare un umbral de esperanza, un instrumento prá corrección de tanto disparate como se leva consumado. Pero, nada, como se a L. de Costas non existise.

            Os señores Arias Cañete, Núñez Feijóo, Hernández, as xentes do BNG, tamén o PSOE, falaron estos días do tema, pero nada teñen que vender. O seu discurso de que a concesión de Ence vence no 2018 é doudo e hai tempo que non vale. Non teñen nada máis que volve-la vista á sentencia do 19.05.2011 que condena á Administración a incoare o expedienete de caducidade de Ence, S.A., e tamén á adoución de tóda-las medidas legalmente comtempladas prá paralización das actividades e suspensión do uso i explotación das instalaciós  que o Grupo Empresarial Ence, S.A., ven realizando no terreo demanial de Lourizán. ¿Por qué o M.A.R.M. do señor Arias Cañete non se move e colabora na execución da sentencia?  ¿Por qué o PP non tomou a decisión de restaura-lo ministerio de Medio Ambiente, do que nalgún momento foi creador? O partido non se pode deixar levare de certas querencias que solicitan incluso un novo Plan Portuario pra doutaren ás empresas dunha maior seguridade xurídica. ¿Cómo? ¿É que se poden come-lo mar e aínda recibir premio? ¿Por qué non se executan as sentencias e sancionan ós presuntos delincuentes?

            Temos que pensare, en relación co que aquí acontece, como se esto fose unha especie de pozo negro de miseria ambiental xeneralizada, e os políticos, os poceiros que terían de actuaren prá rexeneración do ecosistema e urxiren o comprimento das sentencias do TS, miran pra outro lado. Vergonzosamente. A proba está en que en poucos días caíron en alastradora contradicción, cada mandiño co seu recado salvífico disimulando e, pra faceren boa a lei, finxen non se enterare e miran pra outra parte… Antre outras cousas e pra nadar e garda-la roupa Núñez Feijóo afirmou, despois de ter dito que habería que reconsidera-la posible prórroga de Ence despois do 18, ¡qué susto!; afirmou que é o seu goberno o primeiro en lle poñer data non prorrogable á pasteira. Pero esquecen, tanto el como Arias Cañete que, según a sentencia devandita da Audiencia Nacional, procede a cancelación desa aludida concesión; é decir, que Ence está xa fóra de tempo.

            Recuperado pró dominio público marítimo terrestre o espacio que tivo en concesión José Malvar Construcciones; tamén o que ocupaba Holcim sen concesión e que xa non ten actividade, quedan agora algús pasos a dar prá liberación das Marismas de Lourizán, pra acabare coa presencia no lugar da pasteira do Grupo Empresarial Ence, S.A., de Elnosa e da Edar d´Os Praceres, asentada nun área non segregada do terreo concesional da antigua Ence, S.A. Confiemos en que en pouco tempo se produza unha nova sentencia liberadora e se abran as conciencias dos políticos, que deben traballare ó servicio da Lei. Pontevedra e Marín levan sofrido moito, convertidas en áreas de saúde deprimidas ó longo de anos, algo que xa definía o goberno franquista no 1973 ó tempo de descarta-la recalificación das marismas como terreo industrial. Pra evitaren problemas prá saúde e convivencia humás decantabase por un traslado de Ence i Elnosa.  ¡Non máis burlas á Lei de Costas!.