Pontevedra, 28.06.2014
Entrada n. 1763 do blog
Artículo do 23.06.2014 no Diario de Pontevedra
Días de Sicilia,
por Xesús López
Fernández
O día 6 de Xuño chegabamos ó
aeroporto de Catania, cidade castigada polo Etna sete veces na súa historia. A
Catania actual naceu despois da erupción do volcán, ano 1669, e do terremoto do
1693, sendo reconstruída no século XVIII con profusa utilización de basalto
procedente do Etna, visible en fachadas e pavimentos das súas arterias e
prazas. O compositor Vicenzo Bellini, con panteón na catedral, é un dos amores
de Catania, xunto co volcán Etna e a patrona da cidade, Santa Ágatha. Xa
dend´alí nos instalariamos no Galatea Sea Hotel, enclavado na beira do mar, nun
recanto privilexiado fronte á illa do mesmo nome, testigo das nosas liturxias
incardinadas na natureza, á caída do serán. Por dous días ese había se-lo punto
de partida prás nosas visitas a Siracusa e á illa de Ortigia, con memoria de
San Paulo, onde se estableceran os corintios que deixaron alí a súa impronta:
un teatro do século V a.C., unha gran cova, con resonancia espectacular, a
Orella de Dionisio, e un ara aínda presente, na que se celebraba a hecatombe, o
sacrificio de cen bois ó deus Zeus.
A illa de Ortigia está unida a
Siracusa, da que foi núcleo fundacional, por tres pontes. Alí se conservan
restos gregos e, nunha capela da catedral, templo recuperado polos normandos da
condición de mezquita que lle deran os musulmáns (300 mezquitas chegarían a
construiren en Sicilia), unha reliquia de Santa Lucía, que tamén ten outro
templo no mesmo espacio, unha basílica, cunha gran pintura de Caravaggio: o “enterramento”
da santa. E non esquezamos que no lugar naceu o grego Arquimides, o autor da
teoría da flotabilidade dos corpos. Xa de regreso no hotel e despois da
liturxia cotiá, pensabamos na sobida ó Etna, o día 12, ata unha cota de 1800 metros , onde existen
varias bocas extintas do volcán. Realmente foi unha sorpresa especial, coa
posibilidade incluso de sobir nun teleférico, máis perto do cráter do gran
volcán activo, hoxe Patrimonio da Humanidade.
Ese mesmo día seguimos a Taormina,
unha cidade no alto da montaña que en tempos formou parte do gran tour cultural
europeo. Vistas prodixiosas sobre o mar azul cobalto, antre os seus visitantes
ilustres estiveron Goethe e Nietzche; un burgo vivo i encastelado que tamén
tivo teatro grego. Ó día seguinte, 13, partiriamos cara Palermo cruzando terra
cereal e numerosos parques arqueolóxicos como: Piazza Armerina,”Villa Romana
del Casale”, grandiosa concentración de mosaicos, algún de máis de sesenta
metros; Agrigento, o Val dos Templos, onde se conservan visibles tres e
totalmente abatido un máis grande que o Partenón ateniense, que fora fundada
por colonos rodios e cretenses no ano 561 a .C.; Selinunte, un parque arqueolóxico de
270 has., no que aínda permanecen rúas coa súa traza orixinal, e templos, que
foi cidade habitada por 80000 habitantes; e Segeta, outro parque arqueolóxico
de 200 has, no que permanecen airosas as ruínas dun templo,antre outras.
No noso ir cara Palermo teriamos ocasión de nos parar en non poucos sitios, de ben comer sempre, ou de disfrutar
dalgún dos seus viños, especialmente o nero d´Avola. Xa na capital,
instalámonos pra unha visita rápida a Monreale, cunha fastuosa catedral
normanda rica en mosaicos, na que domina o Cristo Pantocrátor, como tamén na
fastuosa Capela palatina. O claustro dos capuchinos é outra demostración da
obra dos normandos, con diversidade de columnas, todas con capiteles románicos,
traballados con distintos motivos. Existe outra catedral normanda e un gran
teatro da ópera, e moitas outras maravillas arquitectónicas. No hotel, o noso
guía nos confirmaba un rumor do día anterior: o Etna estaba desperto e botaba
cinza e lava, máis dun kilómetro se confirmaría. O aeroporto de Catania,
cerrado.
2 comentarios:
Bonito viaje y bien descrito. Muy enriquecedor.
Hola, Iñigo:
Gracias, amigo, por tu comentario. El artículo ha quedado, no obstante, privado de muchas vivencias que, si puedo, tocaré en alguna otra entrada.
Parece como si la labor de Grecias se hubiese agigantado en Sicilia. ¡Y la de los normandos!
Un cordial saludo.
Publicar un comentario