sábado, 28 de junio de 2014

Días de Sicilia

O Etna entrou en erupción sobre o 14 ou 15.06, dous días despois de visitare algunha das súas bocas apagadas.

Pontevedra, 28.06.2014
Entrada n. 1763 do blog
Artículo do 23.06.2014 no Diario de Pontevedra

Días de Sicilia,
por Xesús López Fernández
            
O día 6 de Xuño chegabamos ó aeroporto de Catania, cidade castigada polo Etna sete veces na súa historia. A Catania actual naceu despois da erupción do volcán, ano 1669, e do terremoto do 1693, sendo reconstruída no século XVIII con profusa utilización de basalto procedente do Etna, visible en fachadas e pavimentos das súas arterias e prazas. O compositor Vicenzo Bellini, con panteón na catedral, é un dos amores de Catania, xunto co volcán Etna e a patrona da cidade, Santa Ágatha. Xa dend´alí nos instalariamos no Galatea Sea Hotel, enclavado na beira do mar, nun recanto privilexiado fronte á illa do mesmo nome, testigo das nosas liturxias incardinadas na natureza, á caída do serán. Por dous días ese había se-lo punto de partida prás nosas visitas a Siracusa e á illa de Ortigia, con memoria de San Paulo, onde se estableceran os corintios que deixaron alí a súa impronta: un teatro do século V a.C., unha gran cova, con resonancia espectacular, a Orella de Dionisio, e un ara aínda presente, na que se celebraba a hecatombe, o sacrificio de cen bois ó deus Zeus.  

            A illa de Ortigia está unida a Siracusa, da que foi núcleo fundacional, por tres pontes. Alí se conservan restos gregos e, nunha capela da catedral, templo recuperado polos normandos da condición de mezquita que lle deran os musulmáns (300 mezquitas chegarían a construiren en Sicilia), unha reliquia de Santa Lucía, que tamén ten outro templo no mesmo espacio, unha basílica, cunha gran pintura de Caravaggio: o “enterramento” da santa. E non esquezamos que no lugar naceu o grego Arquimides, o autor da teoría da flotabilidade dos corpos. Xa de regreso no hotel e despois da liturxia cotiá, pensabamos na sobida ó Etna, o día 12, ata unha cota de 1800 metros, onde existen varias bocas extintas do volcán. Realmente foi unha sorpresa especial, coa posibilidade incluso de sobir nun teleférico, máis perto do cráter do gran volcán activo, hoxe Patrimonio da Humanidade.

            Ese mesmo día seguimos a Taormina, unha cidade no alto da montaña que en tempos formou parte do gran tour cultural europeo. Vistas prodixiosas sobre o mar azul cobalto, antre os seus visitantes ilustres estiveron Goethe e Nietzche; un burgo vivo i encastelado que tamén tivo teatro grego. Ó día seguinte, 13, partiriamos cara Palermo cruzando terra cereal e numerosos parques arqueolóxicos como: Piazza Armerina,”Villa Romana del Casale”, grandiosa concentración de mosaicos, algún de máis de sesenta metros; Agrigento, o Val dos Templos, onde se conservan visibles tres e totalmente abatido un máis grande que o Partenón ateniense, que fora fundada por colonos rodios e cretenses no ano 561 a.C.; Selinunte, un parque arqueolóxico de 270 has., no que aínda permanecen rúas coa súa traza orixinal, e templos, que foi cidade habitada por 80000 habitantes; e Segeta, outro parque arqueolóxico de 200 has, no que permanecen airosas as ruínas dun templo,antre outras.

            No noso ir cara Palermo teriamos ocasión de nos parar en non poucos sitios, de ben comer sempre, ou de disfrutar dalgún dos seus viños, especialmente o nero d´Avola. Xa na capital, instalámonos pra unha visita rápida a Monreale, cunha fastuosa catedral normanda rica en mosaicos, na que domina o Cristo Pantocrátor, como tamén na fastuosa Capela palatina. O claustro dos capuchinos é outra demostración da obra dos normandos, con diversidade de columnas, todas con capiteles románicos, traballados con distintos motivos. Existe outra catedral normanda e un gran teatro da ópera, e moitas outras maravillas arquitectónicas. No hotel, o noso guía nos confirmaba un rumor do día anterior: o Etna estaba desperto e botaba cinza e lava, máis dun kilómetro se confirmaría. O aeroporto de Catania, cerrado.  

2 comentarios:

Martín Zaldumbide dijo...

Bonito viaje y bien descrito. Muy enriquecedor.

o blog de xesús lópez dijo...

Hola, Iñigo:

Gracias, amigo, por tu comentario. El artículo ha quedado, no obstante, privado de muchas vivencias que, si puedo, tocaré en alguna otra entrada.
Parece como si la labor de Grecias se hubiese agigantado en Sicilia. ¡Y la de los normandos!

Un cordial saludo.