Mostrando entradas con la etiqueta Galilea. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galilea. Mostrar todas las entradas

sábado, 25 de julio de 2009

EN TERRA SANTA, 2

Entorno idílico da igrexa construída no monte das Boaventuranzas. (Clicade sempre nas fotos)
Templo.
Outra vista do templo.
Interior do templo, altar.
Templo da multiplicación dos pans e peixes.
O cartel explica a constancia da tradición que sitúa no lugar a dita multiplicación por medio de mosaicos de gran valor, de influencia exipcia.
Aspecto interior do templo.
Restos arqueolóxicos. O da esquerda é un muíño perfectamente conservado.
Tabgha, igrexa do primado de Pedro, mensa Cristi.
Aquí foille encomendado a Pedro o primado da Igrexa.
O movemento neocatecumenal de Kiko Argüelles estaba presente no lugar o 9.7, á procura das raíces máis profundas da fe.
A xente vai ávida cara ó mar de Galilea, a se molla-los pes.
A xente do grupo disfruta co contacto do lago.
Mensa Cristi, e "mesa" da primacía de Pedro.
Entramos a Cafarnaúm, a cidade de Xesús.
Outro muíño perfectamente conservado.
Restos de Cafarnaúm.
Nos restos da sinagoga do século IV, atendendo as explicaciós do guía.
Máis da sinagoga.
Perspectiva das excavaciós e campo arqueolóxico de Cafarnaúm.
Casa de Pedro. Vista parcial. Sobre ela, a igrrexa do seu memorial.
Momento da eucaristía concelebrada na igrexa octogonal do memorial. Un dos barcos parte pra cruza-lo mar de Galilea.
Vista do mar, dende a nosa embarcación.
Unha moto náutica fai unha exhibición mentres estabamos parados no medio do mar de Galilea.
Don Julián vai na nosa embarcación.
A xente apréstase pra saíre do barco.
Baixando do barco.
Entrando ó restorán do kibbutz.
Aspecto dun exterior do kibbutz, moi coidado.
Templo do monte Tabor, o da Transfiguración.
Aspecto do interior.
Vista dende o monte Tabor. O dominio da terra pode ser cousa dos kibbutzim.
Outro aspecto exterior do templo, que custodian os franciscáns.
A xente retírase cara os taxis. Son as cinco e van cerra-lo recinto.
Último acto da tarde. Renovación do bautismo, no Xordán.
Pontevedra, 25.07.2009
-
Entrada n. 1020 do blog
-
Artículo semanal, continuación de "En Terra Santa, 1"
-
En Terra Santa, 2,
por Xesús López Fernández
-
(continuación)…O día 9 de Xullo foi, pois, o da travesía do mar de Galilea, en dous barcos. Deixabamos atrás o Monte das Boaventuranzas e a Tabgha, [multiplicación de pans e peixes]; e deixabámo-las ruínas de Cafarnaúm, que a arqueoloxía redescobreu a partir das primeiras calicatas do ano 1838. Casas, cisternas, muíños, restos da sinagoga do século IV, a casa de Pedro, hoxe amparada polo templo memorial no que celebrarámo-la eucaristía. Certamente, Cafarnaúm debeu ser importante na antigüedade, e alí retirouse Xesús despois da detención de Xohán. Xesús, que acodía á sinagoga, obrou nela o miragre da expulsión do demo dun poseso. Pero sigamos coa travesía por un lago parecido ás nosas rías, menos contaminado. Paramos pra un tempo de meditación sobre aquel mar polo que Xesús camiñou. Os guías centraron a nosa atención co seu discurso histórico-bíblico. Pasado ese momento cantouse, incluso, a Rianxeira: “A Virxe de Guadalupe…, descalciña pola area…”. Unha moto náutica cruzaba veloz o lago mentres seguiamos cara un kibbutz-restorán da parte sur, un kibbutz con peirao propio.

Esto dos kibbutz, dos kibbutzim, é un ensaio que parece estar en regresión. O terreo é propiedade do Estado, que intentou vertebra-lo país por medio dos kibbutzim, coloniza-las terras, facelas productivas. E así naceron non poucos verxeles, co apoio dos modernos sistemas de rego. Pero o Goberno descobreu que non son necesariamente competitivos, que incluso poden ter fortes perdas, razón pola que está procedendo á privatización dalgús deles, pra máis incentivar ós colonos. Pero no eido do turismo están a encontraren algús kibbutzim unha certa vía de riqueza. E así, ese 9.7, quén o diría, xantamos no comedor dun kibbutz con capacidade pra máis de 300 persoas. Algús están tan especializados que ofrecen, antre outros servicios, unha demostración de pesca, de cómo se bota a rede e se recolle chea de peixes, unha especie chamada sampedro, que figuraba no noso menú, ese día. O kibbutz de Yardenit, xa no Xordán, o lugar onde se estima foi bautizado Xesús, ofrece unha certa gama de souvenirs. E brinda túnicas albas prós bautizos ou renovaciós por inmersión.

Depois de ter xantado, o autobús levounos a unha parada de taxis, taxis colectivos pra, por unha pista serpenteante, sobir ó monte Tabor, o da Transfiguración. Debemos ter en conta que nos Evanxelios fálase simplemente dun monte alto de Galilea (Mc.9,2; Mt.17,1) que na segunda carta de S. Pedro, cando se lembra de novo a Transfiguración, cítase como monte santo (2Pt.1,6-18). Pero xa a comunidade cristiáa de Palestina tiña identificada a montaña e precisado que se trataba do Tabor, que sofreu non poucos arrasos e movementos de poboación. Realmente, o monte fora considerado sagrado dende a máis remota antigüedade. A presencia franciscáa alí fixo posible o estudio sistemático das ruínas existentes e, pouco a pouco, comezouse a construir, despois de identifica-los restos dos edificios sagrados polo iniciador da arqueoloxía palestina, Melchor de Vogüe, no 1854. Os restos atopados na propiedade franciscáa pertencen a unha construcción que foi catalogada como cripta dunha igrexa cruzada de tres naves.

No 1921 púxose man ós traballos de restauración e limpeza. No 1924 sería rematada a basílica consagrada polo Papa Pío XI, representado na ceremonia polo Cardeal Oreste Giorgi, da Orde franciscáa. Alí acodimos, ó templo que eles custodian, con horario moi estricto. Cerran ás 5 do serán. Aínda nos dou tempo de nos achegar ó Xordán, que nace no monte Hermón, pra renova-lo Bautismo no río sagrado e consagrado por Xesús. A tarde non daba máis de sí. Tocaba regresar a Tiberíades pra no día seguinte seguir a Xerusalén. O mar de Galilea sigue vivo prá pesca, como no tempo dos Evanxelios. E tamén é base pró suministro de auga potable a case todo Israel, un auga riquísima. Dou fe. (Continuará)

domingo, 19 de julio de 2009

EN TERRA SANTA, 1

Cafarnaúm. A basílica memorial construída sobre as ruínas e como protección da casa de Pedro. Cafarnaúm, a cidade de Xesús.
-
Pontevedra, 19.07.2009
-
Entrada n. 1013 do blog
-
Artículo semanal, primeira parte dunha serie de tres ou catro.
-
En Terra Santa, 1,
por Xesús López Fernández
-
Acabo de chegar da Terra Santa, dunha peregrinación organizada polo Arzobispado de Santiago de Compostela antre os días 7 e 15 do mes que está a correr, na que participamos case duascentas persoas, en catro grupos. Vóo directo Santiago-Tel Aviv pra, xa no primeiro día, pernoctare en Tiberíades, sobre o seu lago ou mar de Galilea onde, como indica xa no título dun dos seus libros o padre Francisco J. Castro Miramontes, todo dou comezo, “Todo comenzó en Galilea”. E alí estabamos xa, na beira do mar que na alborada do seguinte día aparecería como un prato, mar de sereidade. Estabamos ante os lugares que conservan memoria das pegadas e vida de Xesús. Nalgún punto da ribeira do lago, que din ten forma de harpa, o Señor fixo o chamamento a Simón [Pedro] e ó seu irmán Andrés, pescadores de oficio: “Vinde conmigo, fareivos pescadores de homes”. I eles deixaron as súas redes e o seguiron. Máis adiante chamaría ós fillos do Zebedeo, a Santiago e Xohán, que tamén o seguiron [Mateo, 4,18-23]. Todo comezou así, en Galilea.

O día 8 sería o dos primeiros encontros: Nazaret [Basílica e Cova da Anunciación, Fonte da Virxe, Igrexa de San Xosé e Poboado Evanxélico]. Eucaristía na basílica, presidida por don Julián Barrio, sempre cercano a todos nós. O guía do noso grupo, o padre Jesús Gutiérrez, agostiño, iríanos aclarando enciclopédicamente moitos aspectos da Historia Sagrada, especialmente da arqueoloxía dos lugares santos, e moitas outras cuestiós. Fixo cita frecuente ós escritos da monxa Egeria, peregrina ós santos lugares no ano 383, que deixou testimonios aínda hoxe relevantes, como o de que alí veu “unha grande i espléndida cova, na que viveu María e foi construído un altar”, talvez a máis grande das furnas consagradas na cripta da actual Basílica da Anunciación, na que celebrámo-la eucarístía, obra en cemento vivo según deseño de Giovannni Muzio, milanés. Contén obras de artistas de todo o mundo e, pra orgullo dos pontevedreses, mostra unha capela á dereita do presbiterio, destinada á conservación do Santísimo Sacramento, decorada por Rafael Úbeda.

Seguiríamos pola tarde cara ó Monte Carmelo, que garda memoria dos profetas Elías i Eliseo, con visita ó templo Stella Maris, construído sobre a cova do profeta, no que os nosos eremitas viron encarnado o seu ideal de vida. Seguimos cara Haifa, o porto máis importante do país, pra continuar a Caná de Galilea, onde Xesús realizou o primeiro signo pra demostrare que Deus estaba nel. Con María e os seus discípulos participaba nun banquete de esponsales, posiblemente dalgún familiar. E a conversión da auga en viño naquel momento puntual pode representa-la aposta que Xesús fai pola vida e pola familia. Alí existe un fermoso templo construído sobre as ruínas do Caná histórico. Antre os restos arqueolóxicos conservados hai unha gran tinalla de pedra, semellante seguramente ás da conversión da auga en viño. I é costume dos matrimonios renova-los seus votos de fidelidade nese lugar bendito por Xesús. Fronte ó santuario, nunha tenda, vendían, como viño de Caná, un xeneroso, un viño doce. A tarde ía caendo e puxémonos en ruta, de novo, cara Tiberiades.

Día 9, igualmente caluroso, con visitas ó Monte das Boaventuranzas, o do Sermón da Montaña, situado na parte septentrional do mar de Galilea. O espacio é hoxe un verxel en torno á igrexa alí existente. Visita tamén á Thabgha, onde se conserva a pedra sobre a que Xesús colocou o pan da multiplicación. Un mosaico cristián primitivo mostra os cinco pans e os dous peixes. Egeria afirma que no templo do século IV existía a pedra sobre a que Xesús colocou o pan. A arqueoloxía foi esclarecedora en relación co dito, como tamén na localización da antigua Cafarnaúm, onde pode haber un gran campo por estudiar. Alí vivía Pedro, e sobre a súa casa levantouse unha basílica octogonal, na que igualmente celebramos unha eucaristía, antes de nos dirixir ó embarcadeiro pra cruza-lo mar de Galilea. (Continuará)