Mostrando entradas con la etiqueta Santo Sepulcro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Santo Sepulcro. Mostrar todas las entradas

sábado, 29 de agosto de 2009

EN TERRA SANTA, 7

Accedimos pola porta Sur. Control.
Vista parcial do Muro das Lamentaciós, o 13.07.2009
Mezquita de al-Aqsa.
Ó fondo, a mezquita de Omar ou Domo da Rocha.
Mezquita de Omar i edículos do entorno.
A igrexa de Santa Ana.
Convento do Ecce Homo, das irmás da Nosa Señora de Sión.
Facendo o vía crucis. Estación 6.
Facendo o vía crucis. Estación 5, a do Cireneo. Vía crucis e zoco interfírense.
Patriarcado da igrexa oriental copta ortodoxa, na estación 9.
Entrada na Basílica.
Interior da Basílica.
Basílica. Vista interior xeral.
Xesús é cravado na cruz.
A crucifixión, representada na Basílica.
Outra vista interior da Basílica.
O lugar dend´o que, según a tradición, a Virxe contemplou a crucifixión do seu Fillo.
Esta foto corresponde a unha igrexa armenia situada no entorno da Basílica, en honor a Santiago. A mesma igrexa armenia.
igrexa armenia.
Unha imaxe de Santiago.
-
Pontevedra, 29.08.2009
-
Entrada n. 1044 do blog
-
Artículo semanal
-
En Terra Santa, 7,
por Xesús López Fernández
-
(continuación) Aínda o 12.7, despois da cea, achegámonos á nova Xerusalén, pra ver algo dos asentamentos urbáns máis recéns, que deixo fóra deste relato. O día 13, pola mañá, era o previsto pra unha visita ordeada da Xerusalén que xira en torno ó xuicio, morte e resurrección de Xesús. I entramos pola porta que dá máis ó Sur, próxima ó Muro das Lamentaciós. Despois do reglamentario control pasamos por unha rampa ó largo das mezquitas, pola fronte da de al-Aqsa, caracterizada por sete grandes pórticos, de gran cabida e que na época cruzada foi utilizada como pazo dos reis latinos. Tamén sería sede dos Cabaleiros Templarios. A outra mezquita, a de Omar, aparece espectacular coa súa cúpula dourada. Nela faise a sentinela do penedío resgardado no seu interior, do que emprendeu viaxe cara a eternidade Mahoma, montado nun cabalo branco alado, según afirman os musulmáns. No espacio, coidadísimo, existen outros edículos e construcciós diversas: fontes, arcos e arcadas, con amplias vistas sobre as ruínas dos vellos templos e da Piscina Probática.
Pasamos á igrexa de Santa Ana, templo cruzado construído en honor de Santa Ana, a nai da Virxe. A tradición di que alí viviron San Xoaquín e Santa Ana, os país de María. Na cripta do santuario sitúase o nacemento da Virxe. E dende un lateral da igrexa aprécianse as ruínas da piscina de Betesda, onde Xesús fixo unha demostración do seu poderío curando a un home que levaba 38 anos paralítico: “¡Levántate, toma a túa padiola e vaite..!”. Así curaba Xesús. Nas excavaciós efectuadas recentemente polos Padres Brancos quedou comprobado que a piscina medía 120 metros de longo, por 70 de ancho e oito de fondo. O templo tivo tamén un pasado como escola coránica. E, da man do noso guía, fomos pasando ós lugares onde se supón foi xusgado Xesús ante Pilato, e flaxelado, no entorno da chamada Fortaleza Antonia, totalmente destruída por Tito no ano 70. Na zona Oeste foi localizado un enorme enlousado, o litóstrotos ó que fai referencia o evanxelista Xohán.

Hoxe existen alí unha escola musulmáa e un mosteiro franciscán e o convento das Irmás de Sión, fundación dun xudeo converso, o Padre Afonso Ratisbone, prá colaboración na conversión doutros xudeos. E do seu lado o arco do Ecce Homo. Dende logo, nada ten que ve-lo aspecto que hoxe mostran os santos lugares coa drescripción evanxélica. O vía crucis que fixemos ese día transcurreu ó longo dun espacio urbanizado, a Vía Dolorosa, que arranca dende o patio de la Madrasah no que se sitúa a condenación de Xesús. Ornada a vía por diversas capeliñas, cruzada tamén de zoco árabe (ou alarbio), presenta a sorpresa de que no lugar da estación n. 9, a da terceira caída, na capela de Santa Elena, ten residencia o patriarcado copto ortodoxo, o convento de San Antonio, dende o ano 325 despois de Cristo, que está situado, en parte elevada, detrás do ábside da Basílica do Santo Sepulcro, Calvario e Resurrección. As cinco últimas estaciós están xa integradas no que hoxe é a Basílica: 10. Xesús, despoxado das vestiduras; 11, Cravado na Cruz; 12, Morre na Cruz; 13, É baixado da cruz e posto nos brazos da súa Nai; 14; É sepultado.
A crucifixión de Xesús tivo lugar fóra das murallas, perto da cidade según San Xohán. “Había un horto e un sepulcro novo onde nadie tiña sido sepultado…, no que puxeron a Xesús.” (San Xohán, 19, 41-42). Pero no ano 44 o Gólgota e o sepulcro quedaron dentro das novas murallas, construídas por Herodes Antipas. Localizáda-las vellas murallas, tra-los santos lugares, quedaba confirmada a letra do Evanxelio. E alí, na Basílica, están claramente indicados os lugares das últimas estaciós do vía crucis. A pedra da unción, na que según a tradición foi embalsamado Xesús, é un dos referentes a visitar, ademais do sepulcro. E tamén está sinalado o lugar dende o que María presenciou a crucifixión do seu Fillo. Cerrámo-la primeira parte da xornada cunha eucaristía na capela da Magdalena, dos Padres Franciscáns. (continuará)