Mostrando entradas con la etiqueta Xerusalén. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xerusalén. Mostrar todas las entradas

lunes, 14 de septiembre de 2009

En Terra Santa, 9 (última)

Panorámica do Deserto de Xudá
Vista parcial do sicómoro de Xericó, como a árbore á que se sobira Zaqueo
As furnas de Qumran nas que apareceron as escrituras dos esenios.
Un cíbercafé, no zoco de Xerusalén.
-
Pontevedra, 14.09.2009
-
Entrada n. 1053 do blog.
-
Artículo semanal. Posiblemente hei introducir máis fotos en entradas posteriores.
-
En Terra Santa, 9,
por Xesús López Fernández
-
(fin) 14.07.2009. Última xornada intensiva en Terra Santa. Se cabe, madrugamos máis que outros días porque o noso guía nos tiña reservada unha propina especial: a sobida a un monte pra que tiveramos unha visión amplia da dureza do deserto de Xudá. Curiosamente, nada máis para-lo autobús pra nos poñer a sobir aquel terreo tan costaneiro, apareceron tres nenos beduínos. Pedían chocolate. Difícil naquel momento e menos a 45º. Fomos ascendendo ata o cumio. E alí, novamente, dous beduínos vendedores de bisuteria; outro, ofrecía os servicios dun camello, un euro. E despois de ter disfrutado da panorámica comezámo-la baixada. Por outro lado do monte sobía unha moto, a do recaudador que ía recolle-lo importe do vendido polos ambulantes.

Seguimos cara Xericó. Quedaba á dereita o monte da Cuarentena, onde nun convento ortodoxo grego, os monxes siguen facendo oración. En Xericó existen ruínas de non menos de catro distintas Xericós. A moderna está baixo administración palestina. Hai poucos cristiáns. Os franciscáns, de tódo-los xeitos, manteñen alí unha parroquia, na que celebramos unha eucaristía. Tamén teñen un centro escolar. Xericó é un oasis, formado a partir da fonte de Eliseo, discípulo do profeta Elías. Na encrucillada onde está a fonte existe tamén un exemplar de sicómoro, a árbore á que se sobira Zaqueo, home baixiño á par que xefe de publicáns, pra poder ver a Xesús cando o Señor entraba na cidade. É conocida a pasaxe evanxélica na que Xesús o chama “¡Zaqueo, baixa, que hoxe quero pousar na túa casa!”. Na nova Xericó existe un centro comercial de certa importancia, especialmente centrado en productos de perfumería e xabróns elaborados a partir dos lodos do Mar Morto, que ese día estaba moi concurrido. Xericó parece axustarse á definición dada por Yahvé a Moisés, no monte Nebo, en Xordania, prometéndolle as mesmas terras que lle tiña prometido a Abraham e a Xacob, nas que manan leite e mel. Por certo, os figos de Xericó parecen, efectivamente, de mel.

Cruzamos un gran palmeiral, interminable, camiño da Qumran dos esenios, cos que se ten relacionado a Xohán o Bautista. O sitio onde apareceran os célebres manuscritos permanece aparentemente intacto. A arqueoloxía fixo alí, como en Xericó, un traballo importante. Enredamos un rato pra deseguido achegarnos á auga. Algús ían preparados. Tal como recomendaba o programa da peregrinación, cabía a posibilidade de se dar un baño terapéutico naquel mar que está a case 400 metros por baixo do nivel do Mediterráneo, o de máis salinidade da terra. Son terapéuticos os baños na medida na que os lodos do fondo parecen ter propiedades curativas. Recomendan incluso unha aplicación ó corpo enteiro, cabeza incluída. Unha ducha permite sair da negritude temporal causada pola bulla.

E regresamos a Xerusalén. Tarde libre pra nos perder na cidade vella. Entramos pola porta de Damasco, ante a que existe un gran mercado de fruta e hortalizas, especialmente activo naquel momento. Seguimos pola arteria principal do zoco, que comeza por ser un continuo de tendas palestinas pra enlazar, finalmente, con tendas xudeas. Nunca se sabe cál é o precio final dun artículo, que aínda que estea marcado a 150 euros pódeno vender finalmente a 50. Pero había comerciantes máis sensatos. Moitísima xente, o lugar resultaba un tanto caótico. Cando pasamos de novo, de volta, pola porta de Damasco, tiñamos a sensación de ter aproveitado unha ocasión única ó participar na peregrinación organizada polo arzobispado. E regresamos ó hotel, pra prepara-la viaxe do 15.07, de TelAviv a Santiago. Novo día de madrugar pra nos dirixir ó aeroporto internacional de Ben Gurion, moderno e o máis seguro de Israel. Paseamos polos diversos espacios e instalaciós. Catro controles antes de embarcar. Ás 5 da tarde estabamos en Santiago.


sábado, 5 de septiembre de 2009

EN TERRA SANTA, 8

Eucaristía do 13.07, na capela de Santa Magdalena, no Santo Sepulcro, prós grupos C e D.
Templo armenio de Santiago, perto do Santo Sepulcro.
Templo de Santiago, dos armenios, en Xerusalén.
Vista dende Emaús.
Retablo igrrexa de Emaús
Outra vista do retablo da igrexa de Emaús
Cedros do Líbano e templo, en Emaús.
Vista parcial dos restos arqueolóxicos do Emaús bíblico. O solar da casa de Cleofás está integrado na pranta do templo, á man esquerda según se entra.
-Pontevedra, 6.09.2009
-
Entrada n. 1050 do blog.
-
Artículo semanal
-
En Terra Santa, 8,
por Xesús López Fernández
-(continuacion). No último relato fixen mención a unha eucaristía na capela da Magdalena, cerre dos “deberes” da mañá do 13.07. Seguimos un pouco polo entorno, sí, visitando diversos templos e criptas e a facer fotografías. Demorei especialmente noutra igrexa armenia con moitísimo colorido, adicada a Santiago como a súa basílica-catedral. Xerusalén, o entorno todo do Santo Sepulcro estaba ese día moi concurrido, visibles tamén outras presencias cristiás: coptos, maronitas, gregos, sirios, armenios. Dentro da igrexa latina deberemos citar, polo seu valor testimonial, ós hebreos católicos, conversos do xudaísmo, que nestos momentos son uns 500 esparexidos polo país. Seguimos coa nosa retirada cara ó hotel, camiñando por diversas ruelas, facendo incluso unha primeira pasada polo zoco, tema que deixabamos prá noite ou prá tarde do día seguinte, o último da nosa viaxe.

Chegamos ó hotel ás dúas da tarde, pra xa ás tres continuar coa nosa axenda: Monumento ó Holocausto, mausoleo de Samuel i Emaús. As hemerotecas gardan memoria do discurso de Benedicto XVI no monumento á Shoah, no pasado mes de Maio, dous meses antes da nosa visita. E cito as seguintes frases do seu discurso: “Do mesmo xeito, [a Igrexa] posiciónase ó lado de cantos son perseguidos a causa da súa raza, da color, da condición de vida ou da relixión; os seus sofrimentos son os seus e tamén é súa a esperanza de xusticia. Como bispo de Roma e sucesor do apóstolo Pedro subraio, como os meus predecesores, o compromiso da Igrexa pra rezar e actuar pra asegurare que o odio non ha reinar nunca máis no corazón dos homes”, pra meditar alí, no impresionante monumento que visitámo-lo 13.07. Coido que a frase non está tirada de contexto e que fala da dolor con sentido non excluínte; que no discurso caben outras atrocidades contabilizadas ó longo da historia universal das que foron e son víctimas diversos países, etnias, cidades, conventos, seminarios, etc.
Parámonos un momento no mausoleo de Samuel, onde existen restos de arquitectura cruzada e dunha cidade bíblica. Pero o noso destino era Emaús, conocido o lugar como El Qubeibeh. A tradición franciscáa mantén que ése é o Emaús evanxélico, dacordo coa distancia de Xerusalén indicada nos Evanxelios, 60 estadios, que se traducen por uns 11 kilómetros. Ademáis que os restos de casas e dun templo alí descobertos non son anácronicos do Emaús evanxelico. Alí manteñen un convento os franciscáns e o parque arqueolóxico. Outro conventiño de monxas francesas mantén un centro prá atención de nenos enfermos irrecuperables, necesitados tamén da nosa solidariedade. A igrexa de Emaús ten un retablo que mostra a conocida escea de Xesús cos discípulos, no momento de parti-lo pan, que é cando eles descobren a súa identidade despois de teren camiñando onda el e incluso de que o Mestre lles fose aclarando as súas dúbidas, porque eles facían o camiño debatindo, confusos pola evolución dos feitos. Quixeran ver a un Xesús triunfante; e non entendían a súa resurrección, talvez porque os xudios creen na resurrección da fin dos tempos.

Pero Xesús foilles aclarando, á par de lles chamare insensatos, o verdadeiro sentido das Escrituras, do dito por Moisés e os Profetas. O discurso de Xesús vai acendendo os seus corazós, pero xa no seu destino e facendo o Mestre ademán de seguir, róganlle “¡Quédate Señor connosco, que a tarde vai caíndo…!”. Xesús queda e cea coeles. Na partición do pan conóceno. Ésa é a instantánea que recolle o fermosísimo retablo. Despois, Xesús desaparece e os discípulos, Cleofás e Simeón, regresan inmediatamente a Xerusalén i encóntranse cos Once e os que con eles están e que afirman: “¡É verdade, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón!”. Eles, pola súa banda, contan o seu relato, que o Señor os abordara no camiño e de cómo o reconoceran na partición do pan…. Deixamos Emaús, remanso de paz cun pequeno bosco de cedros do Líbano, pra regresare a Xerusalén. (concluirá)

sábado, 29 de agosto de 2009

EN TERRA SANTA, 7

Accedimos pola porta Sur. Control.
Vista parcial do Muro das Lamentaciós, o 13.07.2009
Mezquita de al-Aqsa.
Ó fondo, a mezquita de Omar ou Domo da Rocha.
Mezquita de Omar i edículos do entorno.
A igrexa de Santa Ana.
Convento do Ecce Homo, das irmás da Nosa Señora de Sión.
Facendo o vía crucis. Estación 6.
Facendo o vía crucis. Estación 5, a do Cireneo. Vía crucis e zoco interfírense.
Patriarcado da igrexa oriental copta ortodoxa, na estación 9.
Entrada na Basílica.
Interior da Basílica.
Basílica. Vista interior xeral.
Xesús é cravado na cruz.
A crucifixión, representada na Basílica.
Outra vista interior da Basílica.
O lugar dend´o que, según a tradición, a Virxe contemplou a crucifixión do seu Fillo.
Esta foto corresponde a unha igrexa armenia situada no entorno da Basílica, en honor a Santiago. A mesma igrexa armenia.
igrexa armenia.
Unha imaxe de Santiago.
-
Pontevedra, 29.08.2009
-
Entrada n. 1044 do blog
-
Artículo semanal
-
En Terra Santa, 7,
por Xesús López Fernández
-
(continuación) Aínda o 12.7, despois da cea, achegámonos á nova Xerusalén, pra ver algo dos asentamentos urbáns máis recéns, que deixo fóra deste relato. O día 13, pola mañá, era o previsto pra unha visita ordeada da Xerusalén que xira en torno ó xuicio, morte e resurrección de Xesús. I entramos pola porta que dá máis ó Sur, próxima ó Muro das Lamentaciós. Despois do reglamentario control pasamos por unha rampa ó largo das mezquitas, pola fronte da de al-Aqsa, caracterizada por sete grandes pórticos, de gran cabida e que na época cruzada foi utilizada como pazo dos reis latinos. Tamén sería sede dos Cabaleiros Templarios. A outra mezquita, a de Omar, aparece espectacular coa súa cúpula dourada. Nela faise a sentinela do penedío resgardado no seu interior, do que emprendeu viaxe cara a eternidade Mahoma, montado nun cabalo branco alado, según afirman os musulmáns. No espacio, coidadísimo, existen outros edículos e construcciós diversas: fontes, arcos e arcadas, con amplias vistas sobre as ruínas dos vellos templos e da Piscina Probática.
Pasamos á igrexa de Santa Ana, templo cruzado construído en honor de Santa Ana, a nai da Virxe. A tradición di que alí viviron San Xoaquín e Santa Ana, os país de María. Na cripta do santuario sitúase o nacemento da Virxe. E dende un lateral da igrexa aprécianse as ruínas da piscina de Betesda, onde Xesús fixo unha demostración do seu poderío curando a un home que levaba 38 anos paralítico: “¡Levántate, toma a túa padiola e vaite..!”. Así curaba Xesús. Nas excavaciós efectuadas recentemente polos Padres Brancos quedou comprobado que a piscina medía 120 metros de longo, por 70 de ancho e oito de fondo. O templo tivo tamén un pasado como escola coránica. E, da man do noso guía, fomos pasando ós lugares onde se supón foi xusgado Xesús ante Pilato, e flaxelado, no entorno da chamada Fortaleza Antonia, totalmente destruída por Tito no ano 70. Na zona Oeste foi localizado un enorme enlousado, o litóstrotos ó que fai referencia o evanxelista Xohán.

Hoxe existen alí unha escola musulmáa e un mosteiro franciscán e o convento das Irmás de Sión, fundación dun xudeo converso, o Padre Afonso Ratisbone, prá colaboración na conversión doutros xudeos. E do seu lado o arco do Ecce Homo. Dende logo, nada ten que ve-lo aspecto que hoxe mostran os santos lugares coa drescripción evanxélica. O vía crucis que fixemos ese día transcurreu ó longo dun espacio urbanizado, a Vía Dolorosa, que arranca dende o patio de la Madrasah no que se sitúa a condenación de Xesús. Ornada a vía por diversas capeliñas, cruzada tamén de zoco árabe (ou alarbio), presenta a sorpresa de que no lugar da estación n. 9, a da terceira caída, na capela de Santa Elena, ten residencia o patriarcado copto ortodoxo, o convento de San Antonio, dende o ano 325 despois de Cristo, que está situado, en parte elevada, detrás do ábside da Basílica do Santo Sepulcro, Calvario e Resurrección. As cinco últimas estaciós están xa integradas no que hoxe é a Basílica: 10. Xesús, despoxado das vestiduras; 11, Cravado na Cruz; 12, Morre na Cruz; 13, É baixado da cruz e posto nos brazos da súa Nai; 14; É sepultado.
A crucifixión de Xesús tivo lugar fóra das murallas, perto da cidade según San Xohán. “Había un horto e un sepulcro novo onde nadie tiña sido sepultado…, no que puxeron a Xesús.” (San Xohán, 19, 41-42). Pero no ano 44 o Gólgota e o sepulcro quedaron dentro das novas murallas, construídas por Herodes Antipas. Localizáda-las vellas murallas, tra-los santos lugares, quedaba confirmada a letra do Evanxelio. E alí, na Basílica, están claramente indicados os lugares das últimas estaciós do vía crucis. A pedra da unción, na que según a tradición foi embalsamado Xesús, é un dos referentes a visitar, ademais do sepulcro. E tamén está sinalado o lugar dende o que María presenciou a crucifixión do seu Fillo. Cerrámo-la primeira parte da xornada cunha eucaristía na capela da Magdalena, dos Padres Franciscáns. (continuará)


sábado, 15 de agosto de 2009

EN TERRA SANTA, 5

Lugar no que se sitúa o nacemento de Xesús, en Belén.
Fonte no campo dos pastores, nas aforas de Belén.
Lugar do berce de Xesús
Fresco na Basílica da Natividade. A Sagrada Familia.
A entrada á Basílica da Natividade, en Belén.
Interior da basílica. A bóveda é do século XIV. Monumento á Menorah. Ó fondo, o Parlamento.

Fragmento da maqueta que representa á Xerusalén dos tempos de Xesús.
A menorah.
Vista xeral da gran maqueta da Xerusalén de Xesús.
Na patria do Bautista, nas aforas do seu santuario.
No templo da Visitación ou do Magnificat.
Vista dende o alto de Ein Karem.
Fresco na basílica da Visitación.
Na parede do fondo se conta, en distintas linguas, a xénesis do Bautista.
Monumento á Visitación de María a Isabel, pra axudala nos últimos momentos do embarazo.
O shuk, o mercado do barrio cristián de Xerusalén.
O cardo máximo, vía romáa Norte-Sur da que se fala no traballo.
Na catedral armenia de Santiago o Maior, Xerusalén.
Na igrexa da Tumba de María, dos ortodoxos.
Cúpula do Dominus Flevit.
No Dominus Flevit.
Panorámica de Xerusalén. Á dereita da muralla vese a Porta Dourada, pola que entrou Xesús en Xerusalén. (Clicade na foto pra vela en tamaño maior)
-
Pontevedra, 15.08.2009
-
Artículo semanal pró 17.08.2009
-
Entrada n 1031 do blog
-
En Terra Santa, 5,
por Xesús López Fernández,
-
(continuación) As murallas de Xerusalén miden catro kilómetros. E teñen oito portas, sete en uso. A chamada porta Dourada, pola que Xesús entrou sobre a asna o Domingo de Ramos e pola que os xudeos din vai entra-lo seu Mesías, leva séculos tapiada. Incluso os musulmáns construíron un cimiterio naquel espacio. Afirman que un Sumo Sacerdote non pode pisa-lo camposanto. Pero son moitos os xudeos que están a mercaren a precio de ouro tumbas dese cimiterio. Incluso algús residentes nos Estados Unidos confían en que van ter nese lugar un esculcadoiro preferente pra cando se produza a entrada do seu Mesías ó son dos cornos. Un entorno causa de liortas como o da Mezquita al-Aqsa, cuia parede oeste, polo exterior, é nada máis e nada menos que o Muro das Lamentaciós, un dos escenarios “quentes” do conflicto árabe-israelí. A arqueoloxía non cesa na pescuda e redefinición de espacios. Demasiada historia por inventariar nunha cidade relativamente pequena.

A división da urbe nos catro barrios existentes ven dos tempos nos que Roma trazou dúas vías: unha Norte-Sur, o Cardo Máximo, hoxe en parte restaurado; outra Este-Oeste. Os catro cuarteles resultantes definen os barrios: NO, o cristián, coa presencia da Basílica do Santo Sepulcro, Calvario e Resurrección; SO, o armenio, polo que entraramos o 11 de Xullo prá nosa visita á súa catedral de Santiago o Maior; NE, o barrio musulmán, o máis grande, no que están situadas as dúas mezquitas sobre o solar do que fora o templo de Salomón; SE, o barrio xudeo, co seu lugar sagrado, o Muro das Lamentaciós. Unha cidade tantas veces agredida, (arrasado o templo de Salomón; arrasado tamén o de Herodes poucos anos despois da profecía de Xesús), poucas afinidades ha gardar coa cidade que conoceu o Mesías, e na que foi xuzgado, sentenciado i executado nun xuicio rápido incomprensible.

O 12 de Xullo saímos cedo cara ó Sudoeste, a Ein Karem, a “Fonte da Viña”, a terra de Xohán o Bautista. Xohán ven de Yohohanan, que significa “Yahvé foi favorable” en hebreo, según leo na obra de Daniel Rops. Sabido é que a mellor guía de Terra Santa son os Evanxelios. Pero algo hai no chamado “quinto Evanxelio” (a cita dos palmeiros coa Terra Santa) que nos achega ós protagonistas da Historia Sagrada, que podemos maxinalos en Cafarnaúm ou Nazareth, no monte Tabor ou no deserto de Xudea. Ou en Ein Karem, onde Zacarías, que era ancián, pedíralle un sinal a Gabriel, o arcánxel que lle comunicara que os seus rezos foran oídos e había ter un fillo, grande dediante do Señor, de nome Xohán. Pola súa edade e pola de Isabel non lle parecía posible o afirmado por Gabriel. E o sinal arcanxélico foille imposto. Quedou mudo ata que naceu o Bautista. E cando debatían sobre o nome do recén nacido, Zacarías pideu unha tableta na que escribeu: “O seu nome é Xohán”. Destrabóuselle a lingua e comezou a falare. E alí estabamos pra visita-la igrexa do Bautista e o Santuario da Visitación ou do Magnificat, que conmemora a visita de María á súa prima Isabel. A tradición di que a fonte naceu do encontro das dúas primas.

Seguimos camiño con paradas ante o Parlamento e ante unha gran Menorah de bronce, candelabro de sete brazos. Tamén visitámo-lo museo do libro, onde existe unha exposición sobre Qumran e os seus manuscritos, e unha enorme maqueta que pretende recrea-la Xerusalén vella dos tempos de Xesús, a cidade dos sacerdotes na que por momentos traballaron nas obras de Herodes dez mil ou dezaoito mil obreiros, incluso sacerdotes que conocían o oficio de canteiro. Regresamos axiña pra xantare e sair de novo cara Belén, pra visitare unha aldea cristiá, Bet Satura, habitada por xentes moi homildes. Estivemos tamén na basílica da Natividade, levantada sobre a gruta ou furna do nacemento de Xesús. Organizar cultos no santuario resulta difícil, porque armenios, ortodoxos e católicos teñen que se turnar. Ademáis que a chave da basílica téna unha familia musulmáa, a perpetuidade. (continuará)