Mostrando entradas con la etiqueta Xunqueira do Lérez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xunqueira do Lérez. Mostrar todas las entradas

domingo, 7 de abril de 2013

E agora falan de dragado

 As instalaciós do Club Naval, mal concebidas. O río xa non é un caudal certo, máis ben un esgoto ó que van dare escorrentías contaminantes. As augas, a pesare da campaña do purolérez.com, de cada volta máis negras. Esta contaminación tamén afecta á marca España, algo que non quixo comprobare a comisión de eurodiputados que nos visitou hai pouco pra ve-la saúde das rías, de todas menos a de Pontevedra, onde algo sabemos de fondos europeos mal aplicados. (foto de La Voz de Galicia)
Paisaxe arrasada, o sistema de meandros da xunqueira do Lérez, hoxe desecada despois de intentare convertila en vertedeiro. Se non hai vontade pra recupera-lo espacio, as sardiñas non volven á ría de Pontevedra. Un auditorio con mala acústica está hoxe instalado no borde desta vella depuradora biolóxica, como tamén un absurdo campus universitario e institutos, castigados pola humedade que aí permanece. Da paisaxe da fotografía había disfruta-lo P. Sarmiento dend´o seu convento de San Benito (Bieito non, horror, por medievalismo trasnoitado), aínda sen os peares da ponte do ferrocarril, nen os eucaliptos que xa comezaban a afearen o espacio.  

Pontevedra, 7.04.2013
Entrada n. 1640 do blog
Artículo semanal a publicar no Diario de Pontevedra o 8.04.2013


E agora falan de dragado,
por Xesús López Fernández

            Calquer pontevedrés que teña interese en saber cómo era o fondo da ría pode averigualo acodindo a algún dos blogs que van recollendo fotografías de tempos pasados, nas que se aprecian imaxes dunha natureza case virxinal do  fondo intermareal da nosa ría. Pero parece que non se fixeron as cousas en debida forma e que poderiamos definire a actuación sobre o entorno do río-ría como de contínua agresión. Un, que lembra unha ría aínda navegable ata o vello balneario de Monteporreiro, pode ser testigo de cómo se foi acabando co sistema de meandros que o Lérez dibuxaba na súa desembocadura. Unha política torpe, antiecoloxista, primou nas diversas actuaciós aquí levadas a cabo, por desconocemento certo. E cando é ben sabido que as xunqueiras e marismas son relicarios de vida, necesarias prá saúde dos mares, contempla-las fotografías posibles móstranos unha realidade moi distinta: a xunqueira d´Alba, espacio aberto, aínda non cercado pola rúa Domingo Fontán, recibía, como as outras xunqueiras, cada nova e vivificante marea.

            Cando comezan coas obras de urbanización do que foi solar de Tafisa non se aprecia nengún esforzo por recupera-la pequena xunqueira alí existente, duns 11000 mt2. Non podemos maxinar que se poida poñer en marcha o arelado proceso de rexeneración do litoral, degradado como vertedeiro de vasuras, con estas ocupaciós deshonestas consolidadas por medio de infraestructuras invasoras: pontes mal deseñadas ou estradas ancheadas a costa da propia ría, cando se podía ter soñado con recuperare algunha das pequenas praias existentes ó pé de Santa María, antr´os peiraos que alí existían i eran base de amarre de traiñas e dornas: tempo de sardiñas e outros peixes; tempo de ostras e outros moluscos. Lucro cesante como hai pouco apuntabamos.

            Un lembra unha serie de praias a ambos lados da ría, pero parece que Pontevedra xa renunciou ó mar e que hoxe non se diferencia de certas cidades de secano cruzadas por algún río, se acaso máis protagonista que o noso Lérez. Pero aquí, na teima de bota-lo mar fóra de nós, fomos encorsetando o río-ría e algús políticos, que se creen deseñadores dunha nova natureza pró noso entorno, están realmente a acabare con ela. E agora, cando xa o sistema río-ría carece de canal central porque o mar, que facía de tiro,  non preña as xunqueiras, prohibida alí a súa presencia, a súa capacidade rexeneradora no sistema de depuradoras biolóxicas do que estabamos dotados, non é posible. O problema do calado da ría-río veuse acentuando máis e máis, que un lembra os tempos nos que eran os areeiros os que, ó abeiro da baixamar, ían enchendo as súas gabarras de area prá construcción. Coido que tamén existía unha dotación pró dragado permanente da ría e que a construcción das escolleiras, pensada prá fixación do canal central, non valeu como salvadora do sistema.

            Estamos nunha situación límite. Os barcos do Club Naval quedan varados na baixamar. I éso preocupa. Non tanto o problema dos mariscadores e mariscadoras, un sector que hai pouco contabilizaba uns 1500 empregos directos. Lourizán é hoxe un gran tremedal no que aínda se recolle ameixa contaminada, especialmente degradado cando se usou a dinamita pra mellora-lo calado prós barcos que arriban ó seudoporto de Marín, ós recheos sentenciados. De tódo-los xeitos, os creadores da “nova natureza” van dragare o río, algo que antes facían as mareas pra definire o canal. Din ademáis que o dragado pode agardare uns 18 meses e que a Xunta vai somete-lo proiecto do río a estudio de impacto ambiental. ¿Pero cómo non se fixo estudio de impacto cando se foron consumando tantas agresiós, que si o ferrocarril, os recheos do porto, a edar ilegal, a avenida, a autopista, a ponte dos Tirantes ou a nova d´As Correntes, a ponte da Puntada, a rotonda da punta de Mollavao, o estreitamento do río, a desecación das xunqueiras? ¿De qué vai servi-lo dragado? De nada.

miércoles, 27 de febrero de 2008

ALARMA MEDIOAMBIENTAL [3.02.2001]

A xunqueira de Lérez. Foto histórica, na que se aprecian os peares da ponte do ferrocarril antes de estare a obra rematada. Empeñáronse en convertir en campus universario o espacio da xunqueira, no canto de reservalo como depuradora biolóxica do sistema río ría, como relicario de vida.
O Brado, de Edvard Münch, ven ser un icono útil pra explica-lo que está a pasar en Lourizán, porque non están a pensaren en rexenera-las marismas, senón na reconversión en solar daquel espacio, como xa se lles escapou en certa ocasión. Coa pasarela que comezou Ana Pastor por Lourizán e que o Bloque quer continuar ata As Corbaceiras, os persoaxes do fondo do cadro, presuntos recalificadores, poden ser identificables. Podémoslle poñer nomes e, case seguro, acertar.
O mercurio non desaparece da auga. Na ría de Pontevedra ten unha presencia constadada dende os estudios do Escorp. Na primeira fase, 13g por tonelada de cloro fabricada; na segunda fase, os vertidos foran a máis e pasaban dos 17gs. por tn. de cloro fabricada na factoría Elnosa. Cánto informe non se terá desbotado, ocultado, pra así manteren ás xentes desinformadas!
O Gulag medioambiental sigue apoderándose da ría de Pontevedra. ¿Cánto tempo lle pode quedar ó resto da xunqueira d´Alba aínda viva, que foi unha das grandes depuradoras biolóxicas desta ría, xunto coas outras xunqueiras?

Pontevedra, 27.02.2001

Entrada n. 445 do blog. Outro traballo do 2001 este agora pendurado no blog. O traballo non precisa de explicación. Podemos sí deducir que as cousas non cambiaron moito dende a súa redacción. A asignatura do medio ambiente sigue ausente nos discursos políticos, máis alá dalgunhs frase sen sentido, algunha especie de globo. Case sempre mentiras. Agora parece que están pensando case todos en Lourizán como solar. ¿Por qué será?


ALARMA MEDIOAMBIENTAL [3.02.2001],
por Xesús López Fernández


Continúa o escándalo das vacas tolas, das fariñas cárnicas, da súa posible distribución a nivel global, incluso antre os paises do terceiro mundo. Total que o home, na súa actitude irresponsable, parece estar a orquesta-la desaparición non soamente da vaca. Tamén está en cuestión, no noso país, o touro de lidia. A posible aparición dun sóo exemplar con EEB nunha gandería importante –coa normativa europea na man— podería supo-la súa case total desaparición. Non están as cousas claras ou algo se nos está a ocultar. E mentres o mal está xa en Menorca, o goberno alemán anuncia o sacrificio de 400.000 vacas nos próximos meses. ¿Por qué este sacrificio masivo? ¿É que o mal é tan contaxioso? A este paso, perdida a razón e a ética, parecería normal a eliminación de familias con algún enfermo de Kreutzfeldt-Jakob, aplicando a lóxica dos que tentarían, dese xeito, salva-la nosa especie.

É evidente a culpa do home no caos que se está a apoderar das nosas vidas. O aviso de Miguel Delibes de Castro en La naturaleza en peligro, debería servir pra que se cambiara de política, porque están a desaparecer antre 1.000 e 10.000 veces as especies que o planeta podería repoñer. Afirma o autor que os dinosaurios puideron demorar na súa desaparición un millón de anos e que a vida dos homes é demasiado breve pra perciberen os cambios, pero sí nos decatamos de que hai unha aceleración no proceso da desfeita. Que non saibamos cómo nos pode afecta-lo que está a acontecer non impide ver que a nosa supervivencia está en xogo. Delibes fai un chamado á conservación da biodiversidade porque as comunidades máis probes, os monocultivos, son as máis proclives á invasión de plagas, como aquí acontece co eucalipto, infectado polo gonípteros scutellatus, de non fácil eliminación. 

E sobre o cultivo intensivo do eucalipto que esquilma tanto monte comunal galego, en Lourizán acaban de descobri-la pólvora, algo sabido dende hai moito tempo. Debe limitarse a superficie cultivada e renunciar a cortas masivas. O informe de Lourizán debería ser estudiado e complementado coa presencia doutras especies máis nobres e a reorientación do vacuno cara unha gandería extensiva. Non sei si eso vai ser posible porque, mentres que o de Tafisa pode finalmente decantarse nun traslado a outro lugar, dende a SEPI anuncian a internacionalización e diversificación de ENCE. Flick/Feldmühle tería a opción de reconduci-las súas inversió s a esta terra, a súa asignatura pendente, nun principio destinataria –ano 89— da fábrica de pasta kraft que o grupo tiña que cerrar no lago Constanza por imposición da Unión Europea. Con Tafisa comezou o “gulag” pontevedrés; con Celulosas foi xa a loucura. ¿Por qué non unha solución como a de Tafisa, traslado e nova fábrica sen vertido? 

Como a contaminación sempre se fai global e afecta á saúde do planeta, á vida mesma, quero traer aquí a memoria dun persoaxe aludido na obra Patagonia Express, de Luis Sepúlveda. Refírome a Klaus Kucimavic, o home que descobreu o burato do ozono, Premio Nobel Alternativo de Física, nunca recollido. O home, esloveno, loitara cos ustachas croatas, do lado dos nazis. Rematada a guerra, buscou vida na Arxentina. Profesor de Física na Universidade de Bos Aires, desapareceu dalí a raiz da caza de Adolf Eichmann por axentes xudeos i escondeuse en Río Mayo, na Patagonia. Adoutara unha nova identidade, Carlitos Carpintero. Inventaba cousas e facía pequenos traballos. Querido por todos, a súa preocupación final foi que deixaba un refrixerador sen reparar. Saído do coma que precedeu á súa morte dous minutos antes de se lle apaga-la vida, dixo, Qué cagada, turco, qué cagada, no te arreglé la nevera. E morreu. O bo do home confirmara a Sepúlveda a existencia do burato do ozono. Os casos de cegueira irían en aumento, pero non quixo saber do premio, Diga a esos boludos que antes de dar premios detengan la polución atmosférica, era a súa frase, algo que dende o “gulag” pontevedrés tamén pedimos, estafados como fomos.