Mostrando entradas con la etiqueta carballos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta carballos. Mostrar todas las entradas

domingo, 25 de noviembre de 2012

O carballo, árbore divina

 Ésta é unha mostra parcial dunha pequena carballeira particular, unha terra en fase de rexeneración, porque os carballos van creando a terra vexetal fértil no canto do que fai o arrasador eucalipto, eliminado neste monte. Traballo costou, pero os carballos xa aparecen como semimaduros....  
 ...i enriquecen de color a outonada da paisaxe, colorido que atrae paxaros. Qué non sería Galicia con outro sentido da reforestación que non o imposto polos políticos ó servicio das pasteiras. Incluso Castelao --non hai que mitificar a nadie-- presentía un futuro espléndido prá nosa terra coa irracional repoboación forestal posta en marcha e mortas as nosas rías pola acción das pasteiras, como acontece coa de Pontevedra, que el, que se puido creer profeta, non chegou ver convertida en desgracia total. (Non sabía o que decía, nesto como noutras cousas, e realmente foi tamén, en certo sentido, un deconstructor do idioma)
Que as follas de carballo sirvan a modo de bendición da casa.

Pontevedra, 25.11.2012
Entrada n. 1577 do blog
Artículo semanal


O carballo, árbore divina,  
por Xesús López Fernández

            Pódese decir que na Europa aria existeu ó longo dos séculos un culto certo ó carballo. Incluso en Galicia, según indica no seu diccionario Eladio Rodríguez, a carballeira ten pró labrego un sentido reverencial porque dela se sortía, obtiña moito do material preciso prós seus labores. Na nosa lingoa existen moitas palabras pra designare as variedades desta árbore e as súas agrupaciós. E volvendo ó sentido reverencial citado, as xentes sinten un certo orgullo cando no seu lugar ou aldea existe algún carballo de gran porte. ¿Cómo sería o carballo ou reboira que aparece no escudo de Montederramo, Ourense? Témolo citado hai anos nun traballo titulado “Do nome da Ribeira Sacra”, porque o convento de San Xohán de Montederramo foi fundado por mandato de dona Tereixa de Portugal no lugar conocido como Rovoira Sacrata, denominación recollida no documento fundacional.

            Seguindo a James Frazer lembremos que tanto gregos como italos asociaran esta árbore co seu deus máximo, Zeus ou Xúpiter, divinidade do ceo, da chuvia e do trebón. E nun dos santuarios de máis sona da vella Grecia, o de Dodona, Zeus era venerado no seu carballo oracular. Tense dito que as treboadas eran máis frecuentes en Dodona que no resto de Europa, razón que convertiría o lugar en morada digna do deus, cuia voz oíase tanto no susurro das follas do carballo como no tronicio que sigue ó lóstrego, algo talvez imitado co fragor dos gongos no entorno do santuario. Zeus estaba representado polo “deus-carballo”, i Hera pola “deusa-carballo”. E créese que en Beocia celebraban con gran esplendor o seu matrimonio sacro… Como Zeus era, pois, deus do carballo, da chuvia e do trebón, o sacerdote do seu culto, practicaba un conxuro prá chuvia por medio dunha ponla de carballo que solagaba nunha fonte sagrada. En Olimpia  e outras partes Zeus foi adorado como “Tonante” ou “Treboante” i en Atenas había un altar de sacrificios pró ”Fulgurante Zeus” no muro da cidade, ademáis de marcare os sitios fulgurados polo raio. Os reis gregos, decíanse decendentes de Zeus. Personificabano como facían os reis italos con Xúpiter, a súa contrafigura.

            Na Italia antigua  tódo-los carballos foron consagrados a Xúpiter e, no Capitolio de Roma, o deus foi adorado non só como deidade do carballo, senón da chuvia e do trebón. E o deus funcionaba cando en tempos de seca se dirixían a el en rogativa as matronas nobles, que acostumaban a sobire cos pes nús, o pelo solto, a mente pura, a longa costa do Capitolio pregando a Xúpiter pra que chovera. Inmediatamente chovía a cántaros. O autor que nó-lo conta dí que actualmente xa non somos relixiosos e así nos vai. E cando pasamos da Europa meriodional á Europa central, o gran deus do carballo e do trebón está tamén cos bárbaros arios que viven nas inmensas selvas primitivas. E antre os celtas da Galia, os druídas non estimaban nada tan sagrado como o visgo e o carballo sobre o que vivía, escollían carballeiras pra escenario do seu rito solemne e non executaban nengunha das súas ceremonias sen follas de carballo.”Os celtas –di un escritor grego— adoran a Zeus e a imaxe céltica do deus é un gran carballo, culto que os celtas que se estableceron en Asia no século III antes da nosa era levaron alá; que incluso o Senado gálata reuníase nun lugar con nome céltico puro, Drynemetum, “bosco do carballo sagrado” ou “templo do carballo”.
              
            Abreviando diremos que, según conta Grimm, o xefe das árbores santas era, antr´os xermáns, o carballo, tamén dedicado ó deus do trebón, Donar ou Thunar, o equivalente ó Thor norso, e que incluso foi talado un carballo sagrado en Geismar, Hesse, por Bonifacio, bispo de Maguncia, no século VII, porque o tal carballo tiña por nome, antr´os pagáns, o de carballo de Xúpiter, que no antiguo alemán sería “o carballo de Donar/Thunar”. “Thursday”, día de Thunar; “Xoves”, día de Jovis, parecen confirmar esa idea de que estamos ante un magma cultural/relixioso común. E aínda habería máis casos asimilables, como o dos lituáns, cun deus chamado Perkunas, outro clon de Zeus/Xúpiter/Thunar. O carballo sagrado tivo un claro protagonismo naquelas paganías; tamén  en Galicia, especialmente na Rovoira Sacrata do documento fundacional de Montederramo, aínda que o traduciran como Ribeira Sacra.

martes, 25 de noviembre de 2008

MONTE VIVO

O que sí foi monte vivo, o Campillo de Santa María, arestora arrasado polo talibanismo urbanístico do goberno local. Que non falen tanto de "monte vivo". (Clicade en tóda-las fotos pra velas ampliadas).
Os carballos recuperan protagonismo neste monte que foi "deserto verde", no que xa non queda un eucalipto. Veñen os xílgaros ante o estoupido de color. Non houbo subvenciós.
Os liquidámbares qu´o goberno local non quería prantare, reservada a praza prá experimentación "sociolóxica" dos estalinistas. A protesta cidadáa ten agora este premio, que non rectifica o destrozo da praza da Verdura, só o disimula.
Outono 2008, en Campolongo, Pontevedra.
Pontevedra, 25.11.2008
Entrada n. 719 do blog 

MONTE VIVO, 
por Xesús López Fernández

Despois do verán do 2006, daquel periodo infernal de "lume total", nótanse aínda as cicatrices en case tódo-los montes queimados.
Faltou unha mensaxe clara, mesmo sen ideas por parte dalgún partido enganchado ó clúster clorocelulósico e que vería con bos ollos a reposición da masa contínua de "deserto verde", da eucaliptización total coa que algús dos seus prohomes soñaron, algo que lles pode pasar factura electoral nas próximas autonómicas.

Nese tema, e pola doudice asumida no seu organigrama, o BNG, co seu larapeteo do "monte vivo", pódelle estar a gaña-la partida ó PP, que xa non controla o rural por culpa dos do birrete ou ben porque Quintana leva agora a voz cantante nas concentraciós de vellos e vellas. Qu´o BNG fale agora tanto de "monte vivo" pode non pasar de estratexia electoral, pero é que tiña que ser unha demanda social de toda a nosa terra. I eso, ó mellor, non-o entende Rajoy, que dí remar na dirección correcta.

Pero a noticia que hoxe dá La Voz de Galicia, según este enlace, deixa un pouso de resentimento, porque esa iniciativa pola defensa dun monte vivo é algo de caixón. Algunha comunidade de montes xa se tiña pronunciado nese sentido, pero a día d´hoxe non se aprecia que nelas prendera a idea da posta en valor dos montes (riqueza en madeira, en froitos, en colorido outonal, soporte dunha gandería certa, de avenza ou armentío), como se fosen simples vividoras das subvenciós que poden tamén valer pra lles cambia-la alma, etc. [La Voz de Galicia, 25.11.2008]

domingo, 1 de julio de 2007

O EXÉRCITO DE SALVACIÓN [2.07.2007]

Por aquí xa pasou o exército de salvación. Carballos americáns en Pontecaldelas, outra forma de reforestar, de crear riqueza, de recupera-lo Outono. Foto de Xesús López.

O exército de salvación, (2.07.07)
por Xesús López Fernández

Ó longo do curso académico, os nenos e nenas van recibindo lecciós de ambientalismo, nas que teñen un valor certo a de facelos protagonistas na formación de boscos persoalizados [cada neno/a apadriña unha árbore autóctona] no propio enxidro do centro escolar ou ben coa colaboración dalgunha comunidade de montes, nun espacio por ela cedido pra ese mester de formación ecoloxista [i económica], si é que se dá o caso. Outra das actividades prácticas consiste en facelos participar nas tareas propias dalgunhas granxas que fan pedagoxía das tareas que conleva a crianza de ovellas ou a fabricación de perfumes. A confección de cestos de vimio e o estudio de ecosistemas próximos, forma parte, tamén, dese maxisterio. Sei dun grupo escolar que estos pasados días aprendeu, nunha desas granxas, o proceso que se sigue coa lá das ovellas: a rapa, o lavado, a carda, o fiado na róca, o tinguido e cómo tecela nun tear tradicional. Aínda sendo unha educación primaria, non hai dúbida de que a lección pode poñelos ante un proiecto de futuro e de riqueza certos e verdadeiramente sustentable. Que se nos diga que esos pequenos/as poden conforma-lo exército de salvación ambiental da nosa terra, parece unha tomadura de pelo.

¿Qué poden facer ante situaciós extremas que requiren a presencia célere do Seprona ou da Policía Autonómica, cando Galicia está a sofrir agresiós de carácter urbanístico, ambiental, ou se ve sometida á contaminación sen fin? ¿Qué poden facer eles cando a salvagarda da costa parece máis unha leria que outra cousa, ata o punto de que a Dirección Xeral de Costas do Estado parece non existir? ¿De qué vale que compren algunha que outra finca se non existe a decisión de defrontarse co proceso de aniquilación das nosas rías, xa en fase terminal? ¿É que non hai responsables? Ó mellor, a esos pequenos e pequenas habería que lles explicar que os políticos son os grandes culpables de que non se poña fin ó enzudramento dos ríos e das fontes, ou da que parece unha decisión firme do poder de converti-lo litoral nun perfil contínuo de formigón; explicarlles tamén o aviso de Green Peace, a corrupción urbanística que tenta construir na nosa beiramar e nos próximos anos 800000 novas casas.

Decirlles tamén ós máis cativos e cativas que son as forzas económicas próximas ó poder [ou o Poder mesmo] as que están a posibilita-lo desastre terminal desta terra na que os políticos non queren blinda-la Constitución, convertirse na súa real sentinela; que incluso lles doe que algún grupo tente xudicializar asuntos nos que a propia Administración aparece “tocada”, como se telumbra no tema Reganosa, na cuestión dos depósitos de gas instalados en Mugardos, instalación na que se dá o que os pequenos e pequenas entenderían ben: a nulidade radical. ¿Pero qué pensar destos políticos que nun alarde de pedantería estrean vehículos ecolóxicos ó tempo que autorizan o que as xentes do Caurel [reserva de vida] veñen denunciando, o desgarro daquela bisbarra con vocación de parque natural: a explotación a ceo aberto da canteira da Campa, [que leva 20 anos arrasando e contaminando aquel templo] que agora a Xunta, por razós económicas, autoriza?. ¡Qué vergonza!.

En fin, habería que lles explicar ós nenos moitas “demencias”, tamén os megaproiectos en curso, sen estudio de impacto ambiental. A natureza desaparece porque a van matando e o noso mar contaminado coa colaboración das depuradoras contra-natura, pode ser, a corto, un deserto de vida. Os peixes, de piscifactoría… E os políticos a decirnos que han se-los máis novos os salvadores, pero cando sexan criaturas medradas hanos aparcar, seguro, nos “espacios prá reeducación”, nos lugares do botellón nos que moita mocedade vai perde-lo rumbo e quedarse talvez sen proiecto de vida. As lecciós das granxas van quedar no esquecemento, sometidos desa volta a todo o que “o botellón” conleva. Algún pode ter sorte i entrar na Política pra nos lembrar que han sé-los nenos, os futuros homes, os que salven a terra.

nota.- Artículo remitido ó Diario de Pontevedra e ó Xornal.com