domingo, 1 de julio de 2007

O EXÉRCITO DE SALVACIÓN [2.07.2007]

Por aquí xa pasou o exército de salvación. Carballos americáns en Pontecaldelas, outra forma de reforestar, de crear riqueza, de recupera-lo Outono. Foto de Xesús López.

O exército de salvación, (2.07.07)
por Xesús López Fernández

Ó longo do curso académico, os nenos e nenas van recibindo lecciós de ambientalismo, nas que teñen un valor certo a de facelos protagonistas na formación de boscos persoalizados [cada neno/a apadriña unha árbore autóctona] no propio enxidro do centro escolar ou ben coa colaboración dalgunha comunidade de montes, nun espacio por ela cedido pra ese mester de formación ecoloxista [i económica], si é que se dá o caso. Outra das actividades prácticas consiste en facelos participar nas tareas propias dalgunhas granxas que fan pedagoxía das tareas que conleva a crianza de ovellas ou a fabricación de perfumes. A confección de cestos de vimio e o estudio de ecosistemas próximos, forma parte, tamén, dese maxisterio. Sei dun grupo escolar que estos pasados días aprendeu, nunha desas granxas, o proceso que se sigue coa lá das ovellas: a rapa, o lavado, a carda, o fiado na róca, o tinguido e cómo tecela nun tear tradicional. Aínda sendo unha educación primaria, non hai dúbida de que a lección pode poñelos ante un proiecto de futuro e de riqueza certos e verdadeiramente sustentable. Que se nos diga que esos pequenos/as poden conforma-lo exército de salvación ambiental da nosa terra, parece unha tomadura de pelo.

¿Qué poden facer ante situaciós extremas que requiren a presencia célere do Seprona ou da Policía Autonómica, cando Galicia está a sofrir agresiós de carácter urbanístico, ambiental, ou se ve sometida á contaminación sen fin? ¿Qué poden facer eles cando a salvagarda da costa parece máis unha leria que outra cousa, ata o punto de que a Dirección Xeral de Costas do Estado parece non existir? ¿De qué vale que compren algunha que outra finca se non existe a decisión de defrontarse co proceso de aniquilación das nosas rías, xa en fase terminal? ¿É que non hai responsables? Ó mellor, a esos pequenos e pequenas habería que lles explicar que os políticos son os grandes culpables de que non se poña fin ó enzudramento dos ríos e das fontes, ou da que parece unha decisión firme do poder de converti-lo litoral nun perfil contínuo de formigón; explicarlles tamén o aviso de Green Peace, a corrupción urbanística que tenta construir na nosa beiramar e nos próximos anos 800000 novas casas.

Decirlles tamén ós máis cativos e cativas que son as forzas económicas próximas ó poder [ou o Poder mesmo] as que están a posibilita-lo desastre terminal desta terra na que os políticos non queren blinda-la Constitución, convertirse na súa real sentinela; que incluso lles doe que algún grupo tente xudicializar asuntos nos que a propia Administración aparece “tocada”, como se telumbra no tema Reganosa, na cuestión dos depósitos de gas instalados en Mugardos, instalación na que se dá o que os pequenos e pequenas entenderían ben: a nulidade radical. ¿Pero qué pensar destos políticos que nun alarde de pedantería estrean vehículos ecolóxicos ó tempo que autorizan o que as xentes do Caurel [reserva de vida] veñen denunciando, o desgarro daquela bisbarra con vocación de parque natural: a explotación a ceo aberto da canteira da Campa, [que leva 20 anos arrasando e contaminando aquel templo] que agora a Xunta, por razós económicas, autoriza?. ¡Qué vergonza!.

En fin, habería que lles explicar ós nenos moitas “demencias”, tamén os megaproiectos en curso, sen estudio de impacto ambiental. A natureza desaparece porque a van matando e o noso mar contaminado coa colaboración das depuradoras contra-natura, pode ser, a corto, un deserto de vida. Os peixes, de piscifactoría… E os políticos a decirnos que han se-los máis novos os salvadores, pero cando sexan criaturas medradas hanos aparcar, seguro, nos “espacios prá reeducación”, nos lugares do botellón nos que moita mocedade vai perde-lo rumbo e quedarse talvez sen proiecto de vida. As lecciós das granxas van quedar no esquecemento, sometidos desa volta a todo o que “o botellón” conleva. Algún pode ter sorte i entrar na Política pra nos lembrar que han sé-los nenos, os futuros homes, os que salven a terra.

nota.- Artículo remitido ó Diario de Pontevedra e ó Xornal.com

No hay comentarios: