Mostrando entradas con la etiqueta don merlín. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta don merlín. Mostrar todas las entradas

jueves, 25 de octubre de 2007

Cunqueiro: O retorno de Elimas [23.06.2000]

Dibuxo sobre lucernas ou vagalumes, xa reiterado. Na noite, o home-lobo non precisa dos lucicús, e ós outros homes de nada lles valen pra avisárenlle do animal. Deixémolo en leenda ou en simple protagonista de contos como o de Cunqueiro.

Pontevedra, 25.10.2007

Este é un traballo inspirado nunha historia de Cunqueiro, do Merlín e Familia: a de Elimas, o algaribo que fornecía ó mago de libros de maxia, mesmo de pólvora. Creín por un tempo que o perdera da miña base de datos, pero recupereino dunha copia de seguridade e hoxe o inclúo pra refrescar algo o blog. Téñase presente que é do ano 2000.

Cunqueiro: O RETORNO (POUCO PROBABLE) DE ELIMAS [23.06.2000]
por Xesús López Fernández

Elimas é un persoaxe do mundo máxico de Cunqueiro, un dos que visitan a don Merlín na súa pousada de Miranda. I Elimas é o algaribo que fornece de libros segredos e da arte --románs e doutra orixe-- ó mago; que fan posible que o home manteña a súa ciencia ó día. Elimas é tamén contador de historias e leva con el un catálogo de sete moi preparadas, o que lle permite mellorar un pouco a súa economía, obter algús cartos das persoas coas que se encontra nas diversas paradas que fai no seu longo camiñar, porque vivir tan soio de ”viaxar libros, vasos de ambre e anteollos bos e baratos”, faise moi difícil; ten un que se acomodar no segmento dos chamados probes aínda sendo traballador honrado, coidadoso coa mercancía que transporta en seira, forrada de cretona ou de veludo –un respeto--, a súa burra leonesa. Conoce moito mundo de Oriente a Occidente; a China e tamén a Habana, onde semella estar medio namorado. Pero tenlle moita fe a don Merlín.

Débolle a Elimas a risa franca pola súa historia da bañeira e o demo, Satán convertido en bañeira de cristal porque quería saber cómo era o corpo espido das abadesas de certo convento; ou o conto do lobo que se aforcou na carballeira de Dueñas, en realidade un home-lobo que tivera unha existencia anterior como tendeiro honrado no Manzanal. Pero as historias é mellor leelas no orixinal, que si eu fago agora mención delas é porque o asunto da violencia e dos homes-lobos coido ten plena actualidade no noso entorno e constantemente nos chega o malcheiro da súa presencia, a súa marca territorial en moitas rúas e largos da capital. Evidentemente, falta un don Belianís cazador ou un político diposto a poñer orde na noite na que, ademáis de marca-lo terreo, os homes-lobos impoñen a súa música, o seu ular contínuo. E a policía, como si estivera asustada, rara vez acode. Consecuentemente, o remuíño de violencia que vai a máis: peleas, navallazos, mortes.


Unha destas noites soñei con Elimas. O home, que tivera existencias anteriores, tiña agora nova vida e nova relixión. O algaribo parecía estar condenado a renacer en Asia Menor e a unha materialización xudea e outra musulmá, sucedía que agora era cristián. Entendía el que esto era un pouco como un maior grado de perfección, que dende os albores da Humanidade o home tanteara primeiramente na mitificación das cousas e dos misterios, en exercicios de ritos máxicos antes de descobri-las relixiós, a resposta á súa permanente pescuda dunha explicación da existencia. I Elimas díxome que a liberación do home estaba antes na relixión que no marxismo, hoxe en vía morta, sen outro “paraíso” que Cuba, que el ben sabe que a Habana dagora non é xa a cidade onde medio se namorara na súa vida inmediata anterior. Pero Elimas non renuncia ós mitos e colaborou na cachada da noite de San Xohán, pra que o Sol non se apague, eso que este ano adiantouse o solsticio, pero a tradición é a tradición, afirmou con rotundidade. E, cómo non, preparámo-la auga prá mañanciña coas herbas precisas: tomiño, romeu, malva, menta, fiuncho....

Elimas sigue de ambulante. Agora viaxa nunha Harley Davidson. En realidade ten varias en distintos aeroportos, porque combina co avión nun continuo ir e vir: Liechtenstein, Berna, as Caimáns son decote os seus destinos. A súa equipaxe compleméntase cun PC e un teléfono portátiles pra adiantar datos, dispoñer transferencias, acordar xuros, sempre en clave. Seguro que agora, dígolle, non precisas contar historias, Non, pero aínda se me ocorren e boto de menos aqueles tempos. Anda solto moito home-lobo e mira, Satán está sempre no entorno do poder. Se unha vez se convirteu en bañeira de cristal pode moi ben agora converterse en BOE ou, simplemente, en sillón, e sabe cándo a un presidente dun consello de administración ou a un edil se lle cerra o cú, cando non lle entra unha palla por alí. ¡E cómo disfruta o demo!.... Elimas, que promete volver, pon en marcha a moto e parte hacia Lavacolla...A arrancada interrompe, reventa o meu soño....

jueves, 28 de junio de 2007

EN TORNO A TEODORA


Monumento a Cunqueiro, en Mondoñedo. A escultura está orientada cara á catedral. Foto de Xesús López, 21.4.2007.


Conforme prometín, aí vai un dos traballos inspirados na obra de Cunqueiro, nun dos seus persoaxes, Teodora, unha sirea grega que estivera casa cun noble portugués e que alá fora, a Miranda, convertida a casa de Don Merlín nun referente ó que acodían xentes do ancho mundo, xa pra buscar remedio, xa pra vender libros, xa prá solución de problemas prós que Don Merlín tiña a solución precisa ou o consello sabio.

Un día, en Portugal, na finca de Mateus, pareceume encontrar ecos de presencias pasadas, como que Teodora puido ter estado alí. Sigue o traballo, de data 28.6.2004:

En torno a Teodora,
por Xesús López Fernández
¿E qué terá sido de Teodora, a sirea grega que Cunqueiro sitúa no mundo de don Merlín, en terras de Miranda? A sirea achegárase alí en procura de loito definitivo, loito perpetuo, porque tomara a firme decisión de se retirar do mundo tra-la morte do seu home, un vizconde portugués. E chegara á casa de don Merlín coa idea de non perder tempo porque xa por San Lucas quería entrar nun convento asolagado que hai en Lucerna, cortada a cabeleira e coa cola enloitada . Pero o mago e doña Ginebra matinaran nun loito esmorecente. Decía doña Ginebra que calquera día Teodora podería darse por arrepentida, que mesmo en Lucerna cataba novo namorado. E don Merlín, moi cáustico, estaba neso, porque non é doado que as sireas perdan o puteo, aínda que figuren de conversas, decía el. E contou a historia doutra que lle pedira un xarope resolutivo pra se enveliñar, porque xa non podía vivir sen o seu amante, un tiple segundo que fora da Capela Romá. E cando lle mandou recado denegatorio xa ela estaba amancebada cun axudante de Mariña, en Honfleur, un home que lle puxera unha cetárea. Aínda así, a muller cambiaría varias veces de macho e tentaría ligar co propio Merlín cando o home se achegou ó areal de Calais a tomar un pediluvio.

Interesarse agora por Teodora pode non ter sentido, porque en definitiva son fabulaciós de Cunqueiro, pero é que se nos metemos na literatura que existe en torno a Camelot, a todo o mundo artúrico, estaríamos igualmente nun mundo que foi construído dende certas leendas, tomando como base quizaves a un persoaxe celtorromán que sí existeu e os británicos sitúan cara o século V, un home que loitaba contra os invasores saxóns. E pouco a pouco, vagariño, hoxe sinálanse sete posibles localizaciós de Camelot, unha delas en South Cadbury Hill, en Somerset, que parece un castro dos nosos, coa terra ben labrada, campos verdes e cómaros, deslindes que poden oculta-los restos do castelo do rei Arturo. E no de Tintagel, en Cornualles, a leenda sitúa o adulterio de Uther Pendragon con Ygerna, da que nacería Arturo. E co paso do tempo aparecen esculturas i enterramentos. Ou a propia mesa redonda de Arturo e os seus cabaleiros, representada por unha táboa existente no castelo de Winchester, do século XIII. Todo parece que se foi forxando na tradición oral dos poetas e contistas galeses.

Paréceme lícito pensar que o mundo de Cunqueiro, as fábulas por el creadas, poidan ter tamén o seu aquel de real, como a historia de Teodora, da que coido ter dado con antecedentes nalgún que outro lugar; especialmente doutado prá súa reaparición o pazo, a finca toda que en Vila Real, no Alto Douro, ten a casa Mateus. Alá estiven en novembro do 2002. Existen diversos ambientes acuíferos. Un deles, en parte baixa, é especialmente discreto e puido ser cetárea de Teodora. E hai lugares con sombra, como a dunha baixada do terreo; sombra coidada que por fóra e na distancia asemella ser un gran verme que estivese a sobi-la costa. Realmente é como un gran sebe abovedado, unha serie de cupresus lusitanica decote cortados polo exterior que ocultan un túnel, unha escadeira umbrosa con espacios pensados pra sentárense con acougo, coa sirea grega, adornada a conversa coa súa voz musical. O pazo conserva as cabaleirizas i espacios pra amarraren ós cabalos dos hóspedes. E dalí puido parti-la comitiva que visitou a Merlín. Faríanlle unha ceremonia de respeto a certa árbore, un exemplar de camethiparis lawsoniana datada no 1874, antes de comeza-la viaxe de dúas xornadas.

Don Merlín explicou ben a Teodora o do tinte, negro de Nápoles, que llo deixou rematadiño cunha bordiña de ouro lucido no borde das escamas. Pero de verdade que na finca de Mateus pensei en Teodora, como tamén nun restorán que hai por alí e que chaman María do Carmo, especialistas en prepara-lo “bacalhao á Zé do Pipo”, un prato exquisito que se caracteriza porque o peixe vai ó forno, a gratinar, cocido en leite i envolto en puré, manteiga de vaca e cebola cocida.Riquísimo. I estaba tanto na idea de Teodora que pouco me faltou pra lles perguntar por ela, se tiñan constancia da súa presencia. Penso que pode volver. ¿Por qué non?. É certo que ela era máis de peixe crú, pero agora en que dende a poltrona da Política falan cada vez máis do medio ambiente, ocórreseme que se o chamado Parque das Illas Atlánticas vai adiante, se conseguimos incrementa-la súa área, Teodora, a sirea grega, podería ser unha boa xestora. Mentres que a nosa costa segue con marcas do negro do chapapote, o loito preto da cola da nosa protagonista terá xa desaparecido aínda que manteña os seus votos no convento asolagado de Lucerna. Pero pódeselle enviar recado, decir que lle preparariamos aquí un conventiño con despacho, en Tambo ou en Ons, a proba de chapapote. Con secretaria ou secretario. Se a sirea fose parente dalgún conselleiro era cousa feita.